domingo, 18 de octubre de 2020

A Golpa (Cariño)

A Golpa neste caso non ten que ver, como é afirmado sen deterse a comprobar a adecuación do topónimo á orografía, coa raposa (latín vulpem > golpe). Nomea unha zona escarpada de difícil acceso que conflúe nunha garganta visible na fotografía aérea do Vóo Americán de 1956-57, xunto co conxunto de cerrados circulares dos que xa tiñamos falado (seguindo a tipoloxía de Abel Bouhier).

Entón, cumpre tirar en parte da interpretación de Martín Sevilla, que estuda os orónimos asturiáns gulipa e gulipu ("Las voces gulipa, gulipu, en el Occidente asturiano", en Corona Spicea: in memoriam de Cristóbal Rodríguez Alonso, 1999). Gulipu, segundo o devandito autor, na zona de Somiedo é un "lugar de difícil acceso; sendero entre rocas de paso difícil y peligroso; precipio", así mesmo, gulipa, "valle estrecho y pendiente". Para nós, o asturián gulipa viría da base onomatopeica *gulp, "tragar, gorxa, grolo", cun i epentético de soporte do ele en posición final de sílaba, o que tería provocado un desprazamento acentual: galego Golpa / asturián gulipa. Non obstante, Martín Sevilla funda a súa análise na comparación có holandés medio clippe e o antigo saxón e baixo alemán klif, "altura escarpada", que tambén resulta apropiada, remitindo a súa presenza no noroeste ó estabelecemento dos colonos suevos na Alta Idade Media.

No Dicionário Estraviz recóllese unha das acepcións de golpe como "pequena porção de líquido que se bebe de uma só vez. Golo", no sentido de tragar (trago, grolo) que vimos de examinar. Esta e algunhas outras acepcións do Estraviz (v.gr. "acontecimento inesperado, funesto e desgraçado") non poden vir do latín colaphus, "bofetón", senón da base proposta *gulp-, que desenvolve por deriva semántica unha gran cantidade de acepcións: gorxa > paso estreito > dificultade.

Suxerimos polo tanto revisar coidadosamente a toponimia relacionada, tipo Golpe(s), Golpelleira, etc. para discernir se son zootopónimos (latín vulpem) ou orónimos (onomatopea *gulp).

A localización na Golpa de Cariño dos conxuntos de cerrados circulares de aspecto laberíntico podería conectar co sentido da base proposta *gulp, "paso estreito e difícil", cecáis aludindo ós curros que se artellan semellando formar unha trampa para as bestas ou o gando.

No hay comentarios: