No lugar de Vilasuso (concello de Narón) existen varias Penas Molegas ocultas na paisaxe e nas fichas do parcelario. Preferimos soster que o nome actual de Pena Molexa que se lle ven dando á máis coñecida, situada no lugar de Fornoucos, non é máis que unha ultracorrección da pronuncia con gheada, Molegha. Nada ten que ver o nome, pois, coa moega das aves ou a glándula timo do gando bovino, xa que a outra Pena Molegha que acabamos de atopar no caminiño que sae un pouco máis adiante dos invernadoiros do mapa, ten forma de menhir ou pedrafita, non de disco.
Pensamos que Molegha é derivado do latín molem, "de gran volume", con conservación atípica do -l- simple intervocálico. Respecto ós singularísimos topónimos Fornoucos e Cova da Fornouca, que nomean a ubicación da Pena Molegha máis coñecida, son derivados de forno, probablemente na súa acepción atlántica de cámara megalítica (véxase o caso do dolmen irlandés de Fornoks). Neste senso, habería polo menos un dolmen moi preto do enclave, sinalado no Visor PBA (capa de patrimonio) da Xunta de Galicia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario