viernes, 18 de diciembre de 2020

António Correia de Sá, autor do relevo conmemorativo da Defensa do Parque de Monteleón (12 de maio de 1814)

Placa có relevo de Sargadelos da Defensa do Parque de Monteleón, que tivo lugar o 2 de maio de 1808. (C) Blog 1000 Lugares en Galicia: "Museo de Pontevedra. Colección Sargadelos. Parte 1. Introducción y Primera Etapa (1806-1832)", 2019.

Xusto seis anos despois de que o pobo de Madrid e algúns militares como o Daoiz e o Velarde loitaran contra os franceses en defensa da súa (e da nosa) libertade, na Real Fábrica de Sargadelos fundéronse dous relevos en bronce e, co mesmo molde, catro placas de cerámica cremiña, cream ware, onde pode lerse: "A la inmortal memoria de los capitanes del Real Cuerpo de Artillería Daoiz y Velarde muertos gloriosamente por la libertad de su rey y patria en Madrid el día 2 de mayo de 1808. A expensas de D. José Ibáñez en sus Fábricas de Sargadelos que la dedica el 2 de mayo de 1814 a nuestro Augusto Soberano el Señor D. Fernando VII". Isto foi en 1814, un pouco antes de que Goya terminase Os Fusilamentos do 3 de Maio.

Na composición eu destacaría o gran papel que se lle otorga á muller, que ocupa o espazo central anticipándose 22 anos á composición da obra da Libertade guiando ó pobo, de Delacroix. A muller do centro vai armada cun corto coitelo e participa activamente na loita, levando un golpe de baioneta nas costas. Isto foi así, e non é que fose un invento para empoderar ás femias, que xa estabamos bastante empoderadas daquela. É unha composición crúa: os corpos dos feridos latexan no chan, nunha esquina vese un cadáver emborcado. A loita é corpo a corpo, non á distancia de tiro de fusil.

A obra tivo certa fama na súa época: unha copia adornaba, por exemplo, o despacho do Presidente do Consello de Ministros, e foi reproducida na Ilustración Española y Americana (nº XVI, 30 de abril de 1899).

Reproducción da placa na Ilustración Española y Americana en 1899. (C) BNE.

Quen foi o autor desta composición? É ben raro que non teña atribuida autoría, sendo tan doado a pouco que se investigue. Na época da fundición do molde o director técnico da Fábrica de Sargadelos era o mestre portugués António Correia de Sá, ou Correa de Saa, cuxas iniciais aparecen na esquina da parte de abaixo, á dereita, na reprodución que atopamos na Ilustración Española y Americana. O mestre portugués viña da fábrica de louza de Santo António de Vale de Piedade (Vila Nova de Gaia).


No hay comentarios: