domingo, 9 de mayo de 2021

As Tradicións do Apóstolo Santiago en Galicia (Brocos)


Tríptico de Modesto Brocos sobre As Tradicións do Apóstolo Santiago en Galicia (1897). (C) Museo da Catedral de Santiago de Compostela.

Con esta obra inaugura o pintor compostelán Modesto Brocos, por encargo da Igrexa, a pintura simbólica en Galicia, 25 anos antes de que o ferrolán Díaz Baliño formase o seu tríptico do Cabaleiro do Sant Grial (1922) para a "Terceira Exposición de Arte Galega" que tivo lugar na Coruña, o cal fora adquirido logo pola Igrexa compostelá, concretamente polo coengo Manuel Caeiro (El Noroeste, 30/9/1923).

  1. A esquerda, a prédica nos penedos dun culto pagán en Santiaguiño do Monte (Padrón).
  2. No centro, a inventio do sepulcro no bosque de Libredón: a arca marmorica, fortemente inspirada na do Conde Santo de Vilanova de Lourenzá; a perspectiva da luz cenital azulada descendendo cara a tumba, e na que se adiviñan varias estrelas, foi fonte de inspiración para Díaz Baliño nas súas composición místico-relixiosas.
  3. A dereita, a chegada da barca có Corpo Santo (cun encadre entre a proa e o trinquete que logo aparecerá tamén nalgunha obra de Díaz Baliño), o carriño dos bois disposto para a traslatio, e o padrón-ara que fixo de bocoi para o amarre da barca.
  4. Tipoloxía de letras anticuadas e douradas o pé dos paneis, logo utilizada por Díaz Baliño.


O Cabaleiro do Sant Grial, de Camilo Díaz Baliño (1919-22). (C) Iria-Friné Rivera para Historia de Galicia ("Galicia, retratando un país de fadas", 11/08/20).

Triptico de Brigantia, de Camilo Díaz Baliño (1919-22). (C) Iria-Friné Rivera para Historia de Galicia ("O Ara Gael de Camilo Díaz Baliño. Cando o mundo celta se fixo arte", 29/09/2017).

Estas dúas obras foron estudadas pola investigadora Iria-Friné Rivera en diversos artigos, suliñando que Díaz Baliño e a súa obra son as principais referencias para achegarse ó comenzo do celtismo artístico en Galicia. 

Nós queremos engadir que este celtismo inaugural estivo fortemente supeditado a un proxecto ideolóxico cristián; o motivo do Santo Grial atopado supostamente en Galicia (aproveitando a lenda do Cebreiro), sobreponse a unha paisaxe na que aparecen integradas as referencias básicas do celtismo finisecular (druidas, dólmenes, a Torre de Hércules - Breogán) có obxecto de achegar a idea fundamental de que a cristianización de Galicia se produxo moi cedo, cando aínda eramos celtas enxebres: celtas si, pero celtas cristiáns, como na Irlanda. Tras esta nova lenda parecen estar Risco e Cabanillas: véxase por exemplo o relato aparecido no nº 14 (25/07/1925) da revista da inmigración galega en Buenos Aires, Céltiga ("A estrela do Apóstolo", texto de Risco, ilustracións de Castelao), na que o Grial é levado da Ceca para A Meca ata acabar no Cebreiro.

O feito de que estas obras teñan unha presentación nun formato relixioso tradicional (tríptico), que a Igrexa as encargara ou as mercara, e que na concepción das tres se formulen mitos haxiográficos nacionais como o vello da chegada do Apóstolo Santiago a Galicia, e o novo do traslado do Santo Grial a Galicia, fainos pensar que non só o de Brocos foi un encargo da Igrexa; os traballos de Díaz Baliño seguramente tamén, ou polo menos estiveron orientados por ela, xa que os primeiros nacionalistas galegos foron conservadores (no que atinxe á "raza", ás tradicións e á relixión). Neste senso podemos fornecer como exemplo a carta de 1934 que lle dirixe o Padre Nilo Varela á Díaz Baliño onde lle pide con moito melindre que lle pinte un San Xosé que non sexa xoven, máis  ben entrado en anos e fermoso, xa que é o que quería o Papa Pio XI.

Pero a cousa da fabricación de propaganda en formato mítico xa ven de moito antes, e craramente a Igrexa foi a artífice dela.

O Soño de Carlomagno no Códice Calixtino de Salamanca. (C) Dolores González de la Peña, 2020 (tirada na exposición Galicia, un relato no mundo).

O novo mito haxiográfico do Grial non tivo afortunadamente a repercusión do vello mito que deseñara a Igrexa en torno á chegada do Apóstolo Santiago a Galicia, conservado no Códice Calixtino. Cecais xa era moi tarde para confiar na credulidade do pobo? Na vella lenda pódense investigar as técnicas de construción dun mito, da súa fabricación como símbolo identitario. Por exemplo, decidiron meter ó Carlomagno pois "determinados propagandistas jacobeos buscaron, cuando menos desde el siglo XII, la relación entre dicho descubrimiento y el gran unificador de la Europa cristiana para ampliar y prestigiar la peregrinación a Santiago desde todo el continente" (Xacopedia: Carlomagno).

Estas obras de ficción (artísticas e literarias) teñen unha indubidable cualidade estética, máis tendo unha manchea de tradicións e elementos culturais fiables de alto valor etnográfico que son parte da nosa identidade como pobo, na miña opinión o recurso á manipulación do noso folclore có obxectivo de crear un produto identitario espurio que promova o orgullo do noso non é o camiño, posto que é falso; aínda que sexa o que se faga por aí. Lemos nun estudo de Joaquim Ventura ("Vicente Risco y la "Moi nobre orde galega do Sancto Graal": ¿Divertimento esotérico o proyecto de sociedad secreta?", 2000) que Risco ó redor de 1922 creou catro lendas de tema artúrico ex novo, xa que anteriormente non houbo na nosa tradición folklórica lendas artúricas propias, de xénese galaica. Segundo expresaba Risco nunha carta dirixida a Losada Diéguez e atopada por Ventura: "comprometín ó Cabanillas para que me fixera un poema sobre cada unha destas [...] co obxecto de adoptarmos esas lendas e faguer coelas definitivamentes o noso ciclo épico relixioso".

No hay comentarios: