lunes, 13 de septiembre de 2021

Caladiño: o recinto-torre de Caladunum en Muro de Búbal

A construcción prehistórica denominada hoxe A Cerca ou Muro de Búbal (Oímbra - Ourense) pertence a unha tipoloxía que non é nada común en Galicia, mais si no Alentejo e na Extremadura española: é a dos recintos-torre de muros ciclópeos, que teñen estudado por exemplo Rui Mataloto ("Fortíns e recintos-torre do Alto Alentejo: antecâmara da "romanizaçao" dos campos", Revista Portuguesa de Arqueologia, 2002) ou Ernesto Salas Tovar ("El elemento indígena en los recintos-torre de la comarca de La Serena (Badajoz). Una revisión historiográfica", Espacio, Tiempo y Forma, 2011).

Temos que suliñar que na literatura científica promove moita polémica coñecer a cronoloxía, a funcionalidade (soporte da progresiva romanización do territorio?) e saber en definitiva quen construíu esta tipoloxía de recintos fortificados.

Recinto-torre de A Cerca ou Muro de Búbal. (C) Visor PBA da Xunta de Galicia.

Seguindo a definición dos autores citados, estamos ante unha construcción do tipo recinto-torre. As dúas torres defensivas dan acceso ó recinto polo oeste. O peche atópase illado por un muro ciclópeo e os desniveis naturais que descenden ata os ríos Búbal e Azoreira. Na contorna chama a atención o microtopónimo Caladiño, que volta aparecer no caso doutro recinto-torre, o de Caladinho no concello de Redondo (Alandroal - Portugal).

Para nós o feito non pode ser unha mera coincidencia, xa que na toponimia histórica temos conservado o nome dun terceiro recinto fortificado, o de Caladunum, que viría caer aproximadamente na zona do Outeiro de Búbal, preto de Portugal. Suxerimos porén que o nome céltico de Caladunum, grazas á alternancia que se pode deducir de formas como Londoño / Londinium, evoluíu cara a Caladiño, forzado cecáis pola etimoloxía popular que suxería unha interpretación dun *Caladinium como diminutivo.

Respecto á etimoloxía do topónimo histórico Caladunum, vense considerando un composto có céltico -dunum, "recinto fortificado", termo que se adscribe a unha camada céltica posterior á que creou a toponimia en -briga (v. De Bernardo Stempel: "Centro y áreas laterales: la formación del celtibérico sobre el fondo del celta peninsular hispano, Paleohispánica, 2002).

O vencello dos célticos da Beturia cos galegos xa fora enunciado por Estrabón, e Olivares Pedreño propón que a emigración prodúxose no contexto das guerras lusitanas contra Roma xa que "el Noroeste era el único lugar seguro de la Península Ibérica al que habrían podido desplazarse grupos de población que se hubieran opuesto militarmente a los romanos" ("La migración de los célticos y túrdulos de la Beturia hacia el Noroeste de Hispania", Cuadernos de Estudios Gallegos, 2013). Cecais por isto atopamos o recinto de Caladiño no Outeiro de Búbal, cunha tipoloxía construtiva propia dos célticos da Beturia.

No hay comentarios: