Oitocentos e un marcos, exactamente, son os que sinalan a fronteira entre España e Portugal segundo a "Acta general de demarcación de la frontera entre los dos países", dada en Lisboa no ano 1906. Na demarción utilízanse fitos naturais ou artificiais (feitos polo home nas máis variadas épocas), dende antigas mámoas a mollóns novos, como o marco número 23 que coroa o túmulo megalítico da Mota Grande.
Marco 23 no alto da Mota Grande cunha P grabada do lado portugués. (C) Andregoto Galíndez, 2009.
Na nosa visita do 2009 á fronteira que vai dende A Portela de Pau ata a Mota Grande, subindo dende o lugar de Rodeiro (Castro Laboreiro - Portugal) para ver a necrópole megalítica raiana da Mota Grande, chamárannos moitísimo a atención uns aliñamentos de pedras fincadas que os investigadores do colectivo Roman Army veñen de identificar cos cabalos de Frisia dun recinto que consideran o campamento romano máis antigo que se conserva na Gallaecia (século II a.C.), e o de maior tamaño: o campamento de Lomba do Mouro ("As datacións sitúan o recinto de Lomba do Mouro como o campamento romano máis grande e máis antigo de Galicia e norte de Portugal", Roman Army.eu, xuño de 2021).
Aliñamento de pedras fincadas achegándonos á Mota Grande. (C) Iago Martínez Madera, 2009.
Aliñamento de pedras fincadas preto da Mota Grande. (C) Iago Martínez Madera, 2009.
Ó ser o recinto dun tamaño descomunal, sáese dos canons dos campamentos romanos de campaña, das ratios destes. Ademáis, temos que ter en conta o feito interesantísimo de que o perímetro do recinto encerra tódolos túmulos dunha necrópole megalítica, salvo o maior deles, que queda fóra.
Ante a falta de achádegos que amosen a permanencia nel dunha lexión romana (moedas, cravos de sandalias, etc.), nós pensamos (ou polo menos non descartamos) que a función do recinto podería ter sido a que suxiren Ashwin y Bates para algúns peches de finais do Ferro en Inglaterra: "that the enclosures are "another exemplar of a tradition in the ritual and funerary re-use of earlier prehistoric monuments" and it is understandable that both the late Iron Age and Roman inhabitants would have chosen to use the site in this way, since it contains the most numerous group of Bronze Age barrows" ("Iron Age and Roman square enclousures near Venta Icenorum", Peterson, 2004).
Polo tanto, a tradición funeraria vinculada ós lugares que ocuparon as necrópoles do Bronce manteríase ata o Ferro promovendo a súa reutilización e cecais o peche defensivo para evitar que o gando pacese no lugar. De feito, a tradición funeraria do espazo da necrópole da Mota Grande mantívose ata hoxe en día, pois no pobo de Rodeiro no 2009 falamos cun señor que nos explicara que no alto atoparíamos as "dantas" onde enterraban os mortos.
En canto ó nome do recinto a partires do topónimo onde se ubica, Lomba do Mouro, temos constancia pola cartografía antiga e pola devandita Acta de establecemento da fronteira entre España e Portugal, de que o sitio recibía o nome de Lama de Ouro, sendo este un topónimo que con moita frecuencia serve para nomear lugares de pasto (pola humidade do terreo propia dos lameiros): "o marco numero 22 está collocado na Lama de Ouro, muito proximo de umas rochas vivas com cruzes antigas [...] No alto de um monte chamado Mota Grande encontra-se o marco número 23, distante 193 metros do marco numero 22". Quere dicir que o lado leste do recinto, que corre entre Lama de Ouro e Mota Grande, serviu tamén de fronteira.
Marcos 20 a 23 en liña: Portela de Pau, cruce có camiño de Xacebáns a Rodeiro, Lama de Ouro e Mota Grande. (C) IGN. Comparador de mapas: capa das Minutas Cartográficas.
Na zona, o aparentemente interesante topónimo da Mansão do Guerreiro, que podería axudar a soster a hipótese do campamento romano, e que figura no mapa MTN Actual do Instituto Xeográfico Nacional, non ten que ver con guerreiro ou lexionario algún. Meijão ou ameijoada é un redil onde se xunta (ameijoar) o gando para pasar a noite; Guerreiro é un hidrónimo, variante por metátese do máis común regueiro.
A nosa proposta vai entón na liña dos causewayed enclosures neolíticos (chousas ou peches discontinuos), dos que o recinto de Lama de Ouro / Lomba do Mouro podería ser o primeiro caso documentado no noroeste da península, e que amosaría a pervivencia sacra dos recintos funerarios / rituais do Bronce ata ós inicios da romanización do noroeste (século II a.C. segundo as datacións fornecidas por Roman Army).
No hay comentarios:
Publicar un comentario