miércoles, 19 de agosto de 2020

Cervicol: un castro en negativo. Castros en As Pontes

"et venit per illa serra de Cervicollo dividens inter Lamacengos [Labacengos] et Ortigaria finiturque in litore maris"

Cervicol (Somede - As Pontes), tal e como se menciona no Liber Fidei de Braga (ano 572) ó citar os límites do condado de Montenegro, ten pinta de ser un composto baixolatino de cervicem e collum, nun símil topográfico que alude á parte máis elevada dun monte como se se tratara da parte posterior do pescozo dun cuadrúpedo, a cruz. Ou sexa que, en principio, poderiamos descartar que o orónimo sexa un zootopónimo derivado de cervo.

Ademais, en Cervicol atopamos unha extraña construcción terrena, o que podería ser unha especie de castro invertido ou en negativo, cunha croa / cunca / cova hemiesférica excavada por baixo do nivel do chan, mentras que o parapeito queda a rentes do chan: lógrase de modo natural sen necesidade de aumentar a súa altura mediante a formación de terrapléns, como é o máis habitual na construcción dos recintos de voluminosos aneis de terra da Idade do Ferro.



Desde o noso punto de vista estamos ante unha técnica construtiva de camuflaxe, xa que as defensas non destacan do entorno; son unha parte natural do mesmo. Cecais, o sistema, ou a idea, xurde tambén da necesidade de minimizar o impacto ecolóxico na paisaxe, posto que a zona que ocuparía o anel das murallas perimetrais de terra dos castros máis correntes é, deste outro xeito, completamente aproveitable para os usos agrogandeiros propios da Idade do Ferro. A continuidade formal entre o parcelario do monte e o que rodea o Castro de Cervicol é perceptible na fotografía aérea do Vóo Americán de 1956-57 na esquina superior esquerda.

Castro, mina, cráter (dun meteorito)?


Grazas a Xosé María Ferro Formoso, de As Pontes, temos a seguridade de que no lugar de Cervicol houbo un castro exactamente na parcela que ocupa a singular cunca hemiesférica e o anel de terra a rentes do chan que acabamos de describir. O investigador local ven de atopar o nome de Castro na parcela 14; pasounos desapercibido por non estar na capa da información catastral, senon agochado nas fichas do parcelario, ás que se accede pinchando sobre o correspondente código numérico na fiestra que se abre cando pinchamos sobre cada unha das parcelas. Así, por exemplo, imos atopando que a 22 leva o nome de Capilla (pola capeliña da Virxe das Neves), e a 19 o de Hermida.



Nome da parcela onde se atopa o Castro de Cervicol, según información fornecida por Xosé María Ferro Formoso. Fonte: Visor PBA da Xunta de Galicia.

Neste contexto, xa irrevocablemente castrexo grazas á contribución de Xosé María, a existencia da capeliña de Nosa Señora das Neves cobra merecida relevancia. Seguramente a súa fundación débese á continuidade simbólica do lugar, referente para a poboación desde, cando menos, a Idade do Ferro; feito ben coñecido e que se ven chamando "cristianización de lugares de culto pagáns".

O Castro do Barral


Tamén nas Pontes de García Rodríguez, doutro lado do Camiño Real a Ortigueira, e fronte por fronte do Castro de Cervicol, atopamos un castro no lugar do Barral. Sitúase nun outeiro, e a súa tipoloxía é de pequenos bancais ou aterrazamentos en estrutura anular; fáltalle unha porción polo oeste, debido ós traballos agrícolas. A toponimia do seu entorno, Barral e Barreiro, se vencella co tema posiblemente preindoeuropeo *BARR-, "defensa", tratado na entrada As Barreiras - Vimianzo. A súa localización permite ir reconstruíndo a paisaxe do Ferro nas Pontes, que parece vertebrada, como a dos túmulos neolíticos, polo antigo eixe de comunicacións do Camiño dos Arrieiros estudado por don Federico Maciñeira e Pardo de Lama.

Castros - Sucadio



Localizamos outro castro en As Pontes ó noroeste de Sucadio, indicado polo nome da parcela 482 sita na Serra de Cabanas. Non hai tal baleiro de recintos da Idade do Ferro no territorio das Montañas Setentrionais; acontece que non está ben prospectado.

Castros das Casas Ermas - Aparral


O antigo Camiño Real de Betanzos a Viveiro pasaba baixo os Castros das Casas Ermas ou de Palvelo, no Aparral, segundo a información recollida na minuta cartográfica do IGN.

O microtopónimo Castros de Palvelo aparece na información das fichas das parcelas ó leste da parcela chamada Castros, que na fotografía do Vóo Americán de 1956-57 semella unha croa.

O contexto megalítico (mámoa da Cruz do Forno) e viario suxire unha datación moi antiga para os Castros de Palvelo, xa moi esvaídos.


No hay comentarios: