jueves, 29 de abril de 2021

Espazos sagrados: os pomeria castrexos

Neste proxecto realizado có Google Earth (e que só se pode ver có Google Earth, aínda que é prescindible velo) amoso a situación dos marcos de Bezoucos, sempre á veira dos castros, nos cruzamentos das liñas trazadas polos camiños perimetrais que arrodeaban os asentamentos castrexos. É por isto que supoñemos que estes marcos e a súa situación datan da Idade do Ferro; foron os bornes ou términos que sinalaban o contorno dos pomeria castrexos (os límites sagrados, fundacionais, dos espazos de habitación). De aí ven probablemente o seu carácter sacro, que pervive aínda nos cultos litolátricos (cristianizados, ás veces) que se lles profesan, como supersticións pagás de longa duración.

Non se trata, polo tanto, dunha mera utilización dos marcos dos deslindes parroquiais que poderían datar da Idade Media en adiante, xa que, logo, a súa disposición artéllase nos espazos que configuran os pomeria dos castros.

https://earth.google.com/earth/d/1v5s0_uUBitQPJDrmJyc24qMxVmD24IWt?usp=sharing

  1. Marco do Salto (Cabanas) - Castro do Pico do Castro
  2. Marco da capela de San Marcos (Magalofes / Sillobre) - Castro do Coto das Modias
  3. Marco de San Lourenzo (Limodre) - Castro de Prismos
  4. Marco de Lodairo (Caamouco) - Castro da Toupeira ou de San Xoán de Piñeiro
  5. Marco da capela de San Vitorio (Franza) - Castro de San Vitorio


O caso máis craro toponímicamente é o do castro do Coto das Modias, cuxo circuíto pomerial conserva o nome de Camiño da Areosa. Nunha das súas encrucilladas atopamos o microtopónimo San Marcos, que podería indicar o lugar onde estaba o antigo borne, hoxe cristianizado e trasladado á traseira da capela que evidentemente non ten esa advocación polo evanxelista San Marcos.

Segundo Du Cange, unha das acepcións de area é a de pomerium: "Pomerium, Area, locus vacuus et publicus". Ademáis ten outra acepción, estreitamente ligada a estes espazos sacros nos límites, a de cementerio. Na nosa opinión, o topónimo Areosa aquí indicaría a zona colindante có pomerium ou aream do antigo castro, e non gardaría relación cóa calidade areosa das terras (latín arenam).

A testemuña máis antiga da sacralidade e ritualidade ó redor dos bornes fundacionais ven referida na historia etrusca, falando das chamadas petras manales (vencelladas ós manes ou devanceiros). Eran levadas rodando como cilindros polo límite da cidade cando se precisaba chuvia: "id est quas solebant antiqui in modum cilindrorum per limites trahere pro pluuiae commutandam inopiam" (Fulgentius, s. V).

No hay comentarios: