O sustantivo sánscrito rátha, "carro", ten unha variante nominal rathá, "a rodas", e máis un outro derivado rathya, "camiño carreteiro; carreira", o que non deixa lugar a dúbidas da relación semántica que se estableceu moi pronto nalgunhas linguas indoeuropeas entre o vehículo, o mecanismo que fai que circule, e a vía pola que viaxa. Estes termos están vencellados etimolóxicamente ó antigo persa rada, "carro", ó latín rota, "roda", ó irlandés antigo roth, "roda", e o antigo alto alemán rad, "roda", e proverían do proto-indoeuropeo *ret(h)-, "correr" (Pokorny). Semella, según se ten dito, que o inglés road, "estrada", non tería que ver con este conxunto de termos (eu dubídoo), e tampouco evidentemente o nome inglés da roda, wheel.
Existen interesantes traballos como o do profesor Alinei sobre a historia da roda dende un punto de vista filolóxico, con sorprendentes conclusións: The Celtic origin of Lat. rota and its implications for the prehistory of Europe. Nós imos sinalar unha idea semellante á de Alinei, máis prescindindo do carro, e facendo fincapé en que o feito de conservarse nunha lingua as dúas acepcións de roda e camiño para o mesmo termo ou derivados del, podería ser determinante para establecer a orixe da roda en Europa.
En galego sucede que rodeira ou rodeiro designan tanto a pegada das rodas do carro, como o camiño ou carril / carreira por onde circulan os carros: rodeira / rodeiro = "camino carretero" (Constantino García, Glosario de Voces Galegas de Hoxe, 1985). No novo libro do colectivo Patrimonio dos Ancares menciónase unha Rodeira dos Galegos que ía dende Veiga de Valcarce ata Noceda (Pedras con Lenda, 2021, px. 83), que ten que ser a que ven sinalada no mapa do Itinerario do Distrito Militar de Galicia de 1884 como simple camiño de ferradura.
Así pois, Rodeiro é un odónimo. Porén suxerimos que a parroquia de Rodeiro (Oza-Cesures) leva este nome por estar atravesada polo Camiño Real sinalado por mámoas, rodeira natural que percorre a divisoria de augas da bacía do Mendo. Nel atopánse varios topónimos máis que confirman a natureza persistente do camiño ó longo do tempo: Camiño de Rodeiro, Revolta de Rodeiro, Calzadas, As Travesas, A Pasaxe.
No hay comentarios:
Publicar un comentario