Dende os penascais do Monte do Castelo Grande, no Ghalo / *Xalo, unha pode sentir como non lle responden as pernas, como se quixera arrancar a voar, da vértixe que produce o impresionante desnivel dende o cumio ata o val. Estamos no límite do Comisso de Faro, unha división territorial medieval que abarcaba os actuais concellos de Culleredo, A Coruña e Arteixo (San Tirso de Oseiro). Evidentemente o comisso levaba este nome polo faro romano da Torre de Hércules; o Burgo de Faro tamén (actual O Burgo - Culleredo).
Para o historiador López Sangil existiu ademais un castelo chamado Pinna de Faro e máis tarde Castelo de Santiago, que el diferenciaba moi ben da Torre de Hércules, inclinándose por situalo nos lugares de Castelo de Arriba e de Abaixo, preto de Donepedre (Culleredo). Aínda que a súa hipótese é cuestionada (Lixó Gómez, O xurdimento dos castelos na Galiza Medieval (tese de doutoramento), 2020) nós pensamos que este cumio de Castelo Grande, unha atalaia natural, foi este Castelo de Faro. Primeiro porque a pequena parroquia onde se sitúa se chama Santiago de Castelo, o que indica que houbo evidentemente un castelo nela; a advocación a Santiago é a mesma que leva o nome tardío do castelo ou pinna de Faro (Castelo de Santiago). Logo porque baixo él, xusto na vertical, sitúase o petróglifo que atoparan Manuel Ruibal e David Chas e que non sabiamos que representaba ("Petróglifo de termo nas brañas de Torreiro (Celas - Meirama)"); mais agora si.
En relación coa existencia do castelo de López Sangil nesta parroquia de Culleredo, moi probablemente no lugar de Castelo Grande, o petróglifo ábrese entón a novas interpretacións. O castelo, según o estudio de López Sangil ("La antigua demarcación de Faro, el castillo de Faro y la fundación de Crunia", Porteo, 2009) fora cambiando de propietarios dende que o rei Bermudo II no 951 o doara á igrexa de Santiago: no 1110 aínda pertencía á igrexa compostelá; no 1121 é okupado por don Bermudo Pérez de Traba (fillo do Conde de Traba); no 1122 don Diego Xelmírez cun numeroso exército sitia a fortaleza e tras duras negociacións a propiedade pasa ás máns de Munio Peláez, parente dos Traba, coa condición de lla entregar ó bispo cando a reclamase. No 1126 o rei Alfonso VII prégalle ó prelado compostelán que lle cambie o castelo por unhas terras en Tabeirós. No 1130 de novo voltamos atopar ós Traba como tenentes do castelo, do que fan doación ó cabildo compostelán.
Vemos polo tanto que o castelo (Castelo Grande) tiña un importantísimo valor estratéxico na Idade Media, pola súa condición de atalaia natural dende a que se podían controlar ós accesos polo sur ó Comisso de Faro. Tanto foi así que o mesmísimo bispo Xelmírez chegou a sitialo, ó mando dun exército, para recuperar a fortaleza. Suxerimos, entón, que o petróglifo ten que ver coas duras negociacións do ano 1122 entre o bispo e os Traba. Ven ser un documento en pedra que sela o pacto de propiedade coa característica marca chamada signum manuum (Pacheco Sampedro: "El signum manuum en el cartulario del Monasterio de San Juan de Caaveiro", Signo, 1997).
O signo da man formou parte dunha cerimonia de validación dos acordos nas transmisións dos bens: normalmente agarrábase coa man un puñado de terra ou un elemento vexetal simbolizando o territorio. Na documentación medieval galega adoita representarse a man sostendo un pergamiño, unha rama ou unha cruz; a man ás veces é o remate dun longo brazo (represéntase a extremidade completa). Todo elo vai enmarcado nun recadro. Segundo atopamos no estudo de Sáez e Medina ("Los otros signos", Cuadernos de Estudios Gallegos, 2004) ás mans, ás veces o brazo completo, poden soster, se se trata dos bispos, un báculo como símbolo do dominio.
No hay comentarios:
Publicar un comentario