BRAGUNDE
Segundo o filólogo alemán Joseph Maria Piel este topónimo é un nome propio en caso xenitivo de posesión, que indicaría que o lugar pertenceu a un tal Verecundus (masculino) ou a unha muller chamada Verecunda, nome cristián baseado no latín verecundia, "vergoña". ("Sobre a origem de uma trindade toponimica galega: Bergunde, Bergondo, Bragunde", Grial 82, 1983). Este tipo de nomes propios usábanse para propiciar a modestia ou outras virtudes cristiás nos seus portadores.
Inclinámonos pola posibilidade de que o lugar de Bragunde tivese pertencido a unha muller cristiá da Idade Media chamada Verecunda, pois é que na documentación medieval galega só atopamos o antropónimo como nome de muller:
"Ebragundia" (ano 954 - Corpus Xelmírez).
"Ipsa larea que fuit de avia mea Bragundia" (1097 - Braga) = a leira que foi da miña avoa Bragundia.
FONTE GAREA
Segundo Paulo Martínez Lema, "A Garea, que lle dá nome a unha aldea da
freguesía de Agrón (Ames), comparece na documentación de DTT baixo a forma
Dagarii (1205), o que nos permite interpretalo como o resultado dun sintagma
*(UĪLLA) DACAREDĪ, do antropónimo xermánico DAGAREDŬS / DACAREDŬS" (A toponimia da comarca de Bergantiños, Fisterra, Soneira e Xallas na documentación do Tumbo de Toxos Outos (séculos XII-XIV), tese de doutoramento, 2010).
Na nosa opinión, a existencia na parroquia de Lendo (A Laracha) dunha Fonte Garea esixe ter en conta a súa explicación como posible hidrónimo. Neste caso o topónimo Garea semella provir da mesma base prerromana que deu orixe a Guareña (Badajoz) ou a Ojo Guareña (complexo kárstico de Burgos).
Hubschmid (Palabras pirenaicas de origen prerromano", 1954 - ed. de Llorente Maldonado) explicara por exemplo que garouno nos Pirineos designaba os cursos de auga, e que era forma sinónima de la Garonne; en montañés guareña significaba "pradería na que abundan os regos ou fontes"; e en salmantino, "ribeira, rego, charca, prado no que abundan os regos"; en Zamora existe o hidrónimo Guareña < vallem de
Garonna; e en toda Francia Garonne.
Pola súa parte, Menéndez Pidal tamén tratara do hidrónimo Guareña nunhas "Notas de toponimia" publicadas primeiramente no 1927 e logo na súa obra Toponimia prerrománica hispana (1952). Neste traballo destaca a análise que fixera das formas, que presupón formas antigas con vogal aberta que logo diptongou: o río Guareña que nace na provincia de Salamanca e percorre a de Zamora era designado na documentación medieval como "Garona" (ano 1116) ou "Garonna" (ano 1156). Así pois, ó ser o galego unha lingua na que non se produce a diptongación das vogais abertas faríase necesario explicar Garea como procedente dunha variante suposta *Gare(n)a non documentada, que alternaría coa forma Garona.
Unha outra posibilidade nola suxire o dicionario de Marcial Valladares, que rexistra a forma garejar "rezumar, traspirar una vasija por sus poros cualquier líquido". O verbo semella acaído para explicar o hidrónimo Fonte Garea, pois presupón un substantivo *garea vencellado ós líquidos, de onde se derivaría o verbo garejar, que amosa epéntese de iode antihiática. Seguindo esta posibilidade, o máis probable é que Garea e garejar sexan derivados do latín aquam ou do indoeuropeo akwa con aférese da vogal inicial e redución do grupo kw > k > g. O topónimo Garea designaría, pois, uns terreos que rezuman auga, percorridos por regos, irrigados para pasteiros, ou ben un manancial.
Fonte Garea, segundo o Catastro de Ensenada, era un dos marcos que dividía Laracha de Carballo. A liña de demarcación continuaba polo recinto fortificado da Torre Vella.
Castro da Torre Vella, entre as parroquias de Noicela (Carballo) e Lendo (A Laracha). Xunto del obsérvase outro recinto máis pequeno, o Castro do Coto, segundo nos informa a arqueóloga Puri Soto.
LARÍN
O Larín de Lendo, como o topónimo Larín de Láncara e mesmo o Larín de Arteixo, que atopamos documentado como "Elarim" no ano 969 ("Sanctum Stefanum de Elarim"), provén do nome propio Elarinus, en caso xenitivo de posesión (Elarini), o que indicaría a pertenza das vilas a un propietario deste nome.
Existen mencións ó Larín de Láncara que tamén proban esta etimoloxía: "territorio Sarrie subtus muro de Mahamuth, propre villa regis que vocitant Elarin" (Samos, ano 962), ou "per terminum de Sarria et inde per termino de Elarin et per termino de sancto Vincentio de Lancara" (Samos, ano 1059).
Elarinus segundo Ana Isabel Boullón é un derivado do nome propio latino Hilarius / Elarius, de orixe grega, vencellado á alegría e á risa. Convén distinguilo do nome persoal Lalinus, probable orixe do topónimo Lalín de Pontevedra.
O Seminario de Onomástica no seu vídeo sobre o nome de lugar pontevedrés de Lalín (a cargo de Gonzalo Navaza) indica que o Larín de Arteixo se documenta como Lalín nos textos medievais, polo que viría de Lalinus, do mesmo xeito, afirma o investigador, que o Larín de Láncara. Mais dita consideración non está a ter en conta que as ocorrencias máis antigas destes dous topónimos Larín amosan a forma "Elarini", de Elarius.
Larín no Catastro de Ensenada (Libro Real de Leigos) figuraba como núcleo duplo, desdobrado nos lugares de Larín Novo e Larín Vello.
LENDO
O nome da parroquia rexístrase como "Leedo" nun documento outorgado por Alfonso IX no ano 1228 (fonte: CODOLGA). A presenza do son nasal leva a restituír un til de nasalización non grafado *Leẽdo, o que apunta a un étimo como o latín lenitum, "doce, suave, temperado, calmo", ou ben a planetum, "chao, chaira", con perda céltica do p- inicial seguida de líquida, tal e como ocorreu no topónimo Ledesma (Boqueixón), procedente do prerromano Pletisama, "a grande chaira".
No primeiro caso, a motivación do nome viría dada por ocupar a parroquia un terreo protexido dos ventos mariños polo contraforte do monte Lendo; no segundo, faría referencia á cualidade de ser a maior parte do terreo parroquial, unha chaira, salvo o mencionado contraforte do monte, que a protexe polo norte.
Pía bautismal románica do século XII de San Xiao de Lendo. (C) Arquivo Galiciana.
No traballo de Carlos Pereira Martínez sobre a encomenda templaria que existiu en Lendo, indícase que era lugar de paso obrigado entre A Coruña e Malpica, e que no Catastro de Ensenada aparecen os microtopónimos Calzada de Baixo e Calzada de Riba ("Dúas encomendas templarias galegas descoñecidas: Lendo (A Laracha) e San Sadurniño", Anuario Brigantino, 2000). Segundo o investigador, podería tratarse dunha antiga vía de comunicación de orixe romana que transcorría pola parroquia.
Calzada de Abajo e Calzada de Arriba no Libro Real de Leigos de Lendo
(px. 189 do visor - Arquivo Galiciana).
*LEXAS - LEGAS
No Libro Real de Leigos de Lendo (Catastro de Ensenada) a forma que continuamente aparece é Legas (px. 129, 130, 167, etc.) así como no Libro Real de Eclesiásticos (px. 34). Por elo sostemos que o topónimo Lexas é unha forma ultracorrecta. Nalgún momento entendeuse que a pronuncia de Legas con gheada (Leghas) era un castelanismo, e restituíuse o son que se confundiu coa jota do castelá polo equivalente galego, xe.
Legas podería provir do latín laicas, "relativas ós leigos", designando unha terras que non eran do Igrexario. Na documentación medieval e ata finais do século XVIII adoitábase facer esta distinción entre as terras de "ecclesiario" e de "leigario", as que eran da Igrexa e as que non eran propiedade do clero. A particularidade da forma Legas, se é que procede do latín laicas, é que presenta unha redución do diptongo, pois a forma esperable sería Leigas.
Legas no Libro Real de Leigos de Lendo. (C) Arquivo Galiciana, px. 129.
SAMIRÁNS
Samiráns é un xentilicio, de onde se tira que necesariamente a aldea tivo que se denominar primeiro Salamiri, nome que adoita evoluír a Saamil (varios lugares en Galicia), a Samil (moitísimos máis lugares de Galicia) ou ben a Samir (Soandres - A Laracha). No caso da vila chamada Salamiri de Lendo, tivo mellor fortuna como topónimo o seu xentilicio Salamiranes, "os habitantes dun lugar chamado Salamiri", que finalmente rematou por dar nome ó lugar. A forma actual é a esperable trala perda do -l- intervocálico, preceptiva na evolución do galego medieval.
Salamirus foi un nome propio medieval de orixe xermana moi corrente, rexistrado nos documentos dende o ano 831. Trátase dun composto de dúas bases, SALA, "hall, corte", máis MEREIS, "célebre, famosa, grande". Como se pode percibir, o certo é que o seu significado encaixa moito mellor como nome común de orixe xermana co significado de "grande hall ou corte; importante edificio pacego".
Cremos que a meirande parte dos lugares chamados Saamil / Samil / Samir de Galicia, como os Saa e Sa (provintes tamén do xermano SALA), foron nomes impostos polos colonos suevos ós establecementos rurais que fundaron, e que primeiramente o nome foi usado como nome común co significado de granxa ou pazo, non como antropónimo. Isto explicaría que as máis antigas mencións sexan referencias a vilas deste nome ("villa Salamiri" - ano 747), non a persoas denominadas Salamirus.
Un exame do entorno de Samiráns podería sacarnos de dúbidas sobre se o topónimo provén en última instancia do nome propio do posesor da vila (un tal Salamirus) ou se foi unha frase xermana SALA + MEREIS = residencia principal, pazo, corte. Ó oeste de Samiráns no lugar da Torre ben podería terse ubicado o edificio principal, o hall. Na parcela catastral 120 (entre A Torre e Samiráns) o microtopónimo Cervecería, un caso único en Galicia de perduración dunha forma provinte do latín servicialia, indicaría que se practicou a servidume, isto é, que houbo servos (colonos) ó servizo dun señor feudal.
Microtopónimo Cervecería no Libro Real de Leigos de Lendo (px. 165 do visor - Arquivo Galiciana).
*XOIOS - GOIOS
Como ocorrera no caso de *Lexas - Legas, Xoios pode ser outro caso de ultracorreción da gheada da pronuncia Ghoios, restituíndose o son que se confundiu coa jota do castelá polo equivalente galego, xe. A dobre solución empregada no Libro Real de Leigos do Catastro de Ensenada (parroquia de Lendo, px. 203), "Joios" e "Foios", indica que a pronuncia do topónimo facíase cun son fricativo velar que o escribán dubidaba como transcribir: en xeral empregou a jota do castelán, pero tamén, polo menos nesta ocasión, o f. Esta segunda elección gráfica resulta moi interesante, pois dá conta de que no ámbito do castelán a pronuncia do f xa era aspirada (cun h aspirado, son semellante ó da nosa gheada ou ó da jota castelán), de aí que o escribán castelán recoñecera na pronuncia de Ghoios, erróneamente, un h aspirado, pronuncia vulgar do f, por iso o transcribe como Foios. Este problema engadido do f como transcrición da gheada, que detectamos por vez primeira nos textos catastrais do XIX redactados por escribas casteláns, vai ser necesario telo en conta para normalizar topónimos pouco coñecidos.
O nome que restituímos é, pois, Goios, que para Ana Boullón é un antropotopónimo (nome de posesor ou fundador da vila) provinte do nome latino Gaudius (Antroponimia medieval galega, 2014).
En comunicación persoal, o filólogo Xabier Canosa indícame que goio ten tamén os significados de "oco, concavidade do terreo", e que podería ser variante de pronunciación de coio, "canto rodado"". Efectivamente, como se pode comprobar no Dicionario de Dicionarios da Lingua Galega, o seu sentido abrangue as acepcións anteditas máis as de "cova", "sepultura", "lagoa", "poza". Polo que, de acordo cos principios da toponomástica, debemos inclinarnos primeiro por estes valores descriptivos da orografía, antes que recorrer á hipótese antroponímica de Boullón.
"Joios" e "Foios" no Libro Real de Leigos de Lendo, px. 203 - Arquivo Galiciana.