No conto tipo "Na procura do lume", non indexado así no índice ATU (senón na categoría xeral dos contos marabillosos baixo a rúbrica "The Quest"), mais cunha relevancia e dispersión a nivel mundial que permite a comparación de varias realizacións, podemos atopar tres entidades ou seres no rol de posesores e doantes do lume. Aquí seguimos o método estrutural de análise do conto marabilloso deseñado polo folklorista ruso Vladimir Propp, e traballaremos sobre as entidades que poden aparecer exercendo o rol de doante.
1. Nos contos Gê (Brasil) sobre a orixe do lume, citados por Lévy-Strauss na súa obra Le Cru et le Cuit (1964), o posesor do lume é un animal, o xaguar, ou máis concretamente, a muller do xaguar. Entre os seus veciños os Ofaiés a posesora do lume é a nai do xaguar.
2. No conto irlandés que vimos de atopar na base de datos do folklore da Irlanda (School´s Collection - duchas.ie) e que titulamos provisionalmente "Na procura da semente do lume", o posesor do lume é unha vella que se presenta acompañada dun gato; habita nunha cabana (tig) no medio dun bosque no que se interna a nena como parte da súa aventura. O conto non leva título, e comeza "Bhí bean ann fadó agus bhí triúr inghean aici" ( = había unha vez unha muller que tiña tres fillas), foi relatado nos anos 30 do pasado século por Micheál Ó Séaghdha, de 66 anos de idade, residente en Cathair an Treantaigh (Kerry). É relevante o termo para se referir ó lume, síol na teine = semente do lume (brasa), pois o que se procuraba non era tanto a técnica de facelo como as brasas (semente). Incluso na Odisea atopamos referencias á procura do lume neste senso de ir por brasas, o que dá idea de que a técnica de facelo non estaba ó alcance de calquera ou era case que descoñecida (Odisea V, 488-490, versión rítmica de José Manuel Pabón):
como un hombre en remota heredad, sin vecinos en torno
escondiendo un tizón en los negros rescoldos, reserva
la simiente del fuego y excusa el pedirlo a otra parte
3. No mito de Prometeo (Grecia clásica) os posesores do lume, roubado polo titán Prometeo, son os deuses. As brasas son roubadas e transportadas conservándoas no interior dunha cana. Na interpretación tardía do mito por parte de Diodoro Sículo (século I a.C.) en realidade Prometeo non tería roubado o lume ós deuses senón que tería descuberto unha técnica de facelo.
Artiluxio no que o torpe do clan neanderthal transportaba as brasas, momentos antes de afundirse con elas nun pantano. Filme Na procura do lume (Jean-Jacques Annaud, 1981).
Normalmente nos estudos que se ocupan das relacións entre os contos marabillosos, a épica e os mitos indícase que os contos son versións máis recentes e desacralizadas dos mitos. Eliade asegura que nos contos produciuse un enmascaramento dos motivos e os personaxes dos mitos, que aparecen "degradados" nos contos: "se nos contos os deuses non interveñen xa cos seus nomes propios, os seus perfís distínguense aínda nas figuras dos protectores, os adversarios e os compañeiros do heroe; están disfrazados ou, se se prefire, "degradados", mais continúan cumprindo a súa función" (
Mito y realidad: Apéndice I. Los mitos y los cuentos de hadas, 1962).
Na nosa opinión a devandita evolución do mito ó conto por degradación non é máis que unha posibilidade que, amais, contradin os datos do conto tipo "Na procura do lume" nas realizacións que vimos de expor sucintamente. Vladimir Propp notara que a personaxe da maga ou doante, que é a muller co gato que atopamos na versión irlandesa do conto, fora antes un animal: "a análise da maga como señora do reino do bosque e dos seus animais amosa que a súa apariencia animal constitúe a súa forma máis antiga". Citando a Sternberg, Propp indicara que a representación do culto ós animais mediante a figura antropomorfa do dono ou dona é un motivo secundario, derivado do culto primitivo ó animal (Las raíces históricas del cuento: III El bosque misterioso. La señora del bosque, 1946).
Non imos ter en conta o feito de que os mitos gregos parecen máis antigos; os mitos gregos só tiveron a oportunidade de seren recollidos por escrito moito antes que os nosos contos marabillosos ou os contos míticos dos nativos americanos, o que produce este efecto de disincronía. Así pois, nos dous primeiros casos cúmprese a hipótese de Propp e Sternberg da esenza animal da maga ou señora do bosque, que primeiro manifesta o seu carácter animal como un xaguar (contos Gê do Brasil), e logo aparece representada antropomorficamente como nai do animal ou dona do bosque, mais acompañada do mesmo animal que tiña sido, un felino probablemente atigrado (gato). É verosimil que o xaguar / gato estivese vencellado ó fogo pola cor laranxa e preta do seu pelaxe. Nesta liña evolutiva certa e comprobada, que vai do animal ó dono ou dona dos animais, e do conto mítico ou etiolóxico ó mito clásico, intúese xa ó final da mesma, na figura do dono ou dona dos animais, a do deus / deusa. Non é que os deuses aparezan "degradados" nos contos, senón que os animais dos contos, moito máis antigos, aparecen posteriormente "aumentados" como deuses nos mitos, transicionando na figura de dono / dona dos animais.
No hay comentarios:
Publicar un comentario