Toponimia prerromana, hidronimia paleoeuropea, etnografía, megalitismo e arte rupestre. Se chegaches aquí por Google e non te levou á entrada que procurabas, volta a repetir a búsqueda dende Bing! ou usa o buscador interno do blog. Grazas!
miércoles, 28 de mayo de 2025
Dispersión xeográfica do topónimo Suevos e variantes
miércoles, 21 de mayo de 2025
A Ruta da Prata ó seu paso por Casas de Millán
Segundo Antonio M. Castaño Fernández (Los nombres de Extremadura, 2004) o topónimo Millán viría do nome propio de orixe romano Aemilianus, en caso xenitivo de posesión (Aemiliani > Millán), por ser a vila propiedade dun cidadán romano chamado Emiliano. Os restos romanos do concello das Casas avalan esta etimoloxía: a ara romana encastrada na ermida de Tebas, a excepcional "columna visigótica" que é máis ben tardorromana, como xa temos exposto no blog ("Ara cristiano romana de Casas de Millán", Arqueotoponimia, 2012), e os restos romanos achados na finca da Matilla aproximadamente nos anos 50-60 do pasado século, ou cecais antes, e que hoxe están en paradoiro descoñecido, sen que se poida saber exactamente que pezas se atoparan (información fornecida por meu pai Domingo González García cando eu era ben cativa e case que non prestaba atención a estes detalles).
Ara romana das Casas de Millán (ermida de Tebas).
Moi preto do pobo, é ben coñecido que discorría a calzada romana da Vía da Prata, cuxo firme e amplitude aínda poden contemplarse preto da casa rural "Los Canchales" (Pedroso de Acín). O trazado da calzada aproximadamente ía por onde a estrada nacional 630 no tramo Cañaveral - Puerto de los Castaños. O que resulta moi novidoso é a posibilidade que imos expoñer do desdobramento da calzada en Cañaveral.
Nos "Cuadernos Interiores" do IGN vese que un pouco máis arriba dos Paradores da Estación de Cañaveral saía un outro ramal da calzada cara ó leste, que semella achegarse ó pobo das Casas pola finca da Matilla (actual instalación fotovoltaica de Zelestra), e que logo, polo camiño vello das Casas a Grimaldo, que parte da igrexa, se incorporaría de novo á calzada principal. É dicir, este desvío bordearía a serra de Santa Marina polo sur, e explicaría o enclave de Cáceres Viejo no cumio do monte de Santa Marina como posto romano de control e observación desta variante. Cabe tamén a posibilidade de levar esta variante por Mirabel, ben polo vello camiño das Casas a La Moheda, ben polo Puerto de Mirabel. Na nosa opinión, a ubicación estratéxica neste paso do castelo de Mirabel, que aínda que edificado no século XV, asentábase sobre outra construción previa, asegura a importancia desta vía de tránsito.
domingo, 11 de mayo de 2025
Coto dos Castros - O Burgo (Muras)
miércoles, 7 de mayo de 2025
Camiño vello da Coruña a Santiago polas mámoas da Zapateira
Nos deslindes do IGN entre os concellos de Culleredo e A Coruña (1924) atopamos o mapa co trazado do Camiño Vello que ía da Coruña a Santiago de Compostela, cuxo percorrido no tramo inicial trala saída da cidade tiña pouco ou nada que ver co chamado Camiño Inglés da Coruña a Santiago: transcorría por diante do Castro de Elviña ata a necrópole tumular das mámoas da Zapateira (Campo de Arcas), e logo supoñemos que collía cara Sigrás (Cambre) por Santo Estevo de Tarrío (Culleredo), cecais polo camiño do Polvorín ou pola pista da "Travesía do Monte das Arcas", que parte da urbanización deste nome.
O camiño descríbese cando se ubica o mollón oitavo do deslinde municipal, situado "cuarenta metros al O. del camino que va del lugar de Castro de Elviña al monte y lugar de la Zapateira, antiguo camino que conducía de La Coruña a Santiago, conocido hoy por el Camino de Monte de Arcas". É o que resaltamos no mapa do IGN en cor verde. Tamén alúdese a el cando se describen os mollóns 9º ("al E. del mojón y a una distancia de 50 metros, pasa el camino descrito en el mojón anterior") e 10º ("por el E. del mojón y bordeando la referida finca, pasa el camino que viene de Vilaboa y Culleredo a las parroquias de Morás y Ledoño, que es el mismo camino descrito en los anteriores".
Luis Monteagudo mencionara este camiño moi de pasada no seu estudo "Necrópolis de mámoas de A Zapateira" (Anuario Brigantino 1991) indicando que era un camiño que "atravesaba de N. a S., desde las canteras del S. de la aldea de Castro de Elviña, hasta las dos mámoas al NE. de la de Orro" o camiño funerario que percorría a dorsal da Zapateira en direción leste - oeste. Mais o profesor non deixa constancia, por ignorar o dato, de que fose o vello camiño da Coruña a Santiago.
Considerámolo unha vía de comunicación moi relevante para a historia da cidade, pois amosaría a relación entre o porto romano de Brigantium mailo Castro de Elviña. O seu trazado, característico dos vellos camiños reais, que adoitaban situarse nas dorsais ou divisorias de augas, nas que tamén se ubicaban os campos tumulares, é garantía da antigüidade desta vía tránsito natural chamada Camiño do Monte das Arcas.
viernes, 2 de mayo de 2025
A personaxe da maga de Vladimir Propp na Odisea
No recente traballo de Seoane Rodríguez ("El sustrato de los cuentos populares en las aventuras de Odiseo", Álabe, 2023) non se recolle nada do que imos expoñer, polo que entendemos que é algo completamente novo.
Ulises na casiña de chocolate de Circe
No conto marabilloso do tipo "Hansel e Gretel" (ATU 327A) prodúcese o topos do encontro dos nenos coa personaxe da maga, que tiña estudado o folklorista ruso Vladimir Propp (As raíces históricas do conto, 1946). Como é ben coñecido, nesta parte do encontro coa maga os contos desenvólvense sempre deste xeito: os nenos abandonados camiñan a escuras polo bosque, suben a unha árbore e ven unha luciña que resulta ser a casa onde vive a vella bruxa ou a ogresa; esta encérraos na súa cabana e vai alimentándoos para engorde, coa intención de comelos... A casiña / cabana da bruxa, polo motivo da abundancia de comida para engorde dos nenos, acaba por se representar como unha casiña toda ela feita de saborosos manxares, que se coñece popularmente como "a casiña de chocolate": ten o tellado feito de tortas e as ventás de azucre.
Imos ver como o episodio da estadía de Ulises e os seus compañeiros no palacio de Circe, co descenso ó Hades intercalado (Odisea X-XII), se corresponde co conto marabilloso ATU 327A "A Casiña de Chocolate". A Odisea estrutúrase como un cosido de contos marabillosos tradicionais realizado por unha costureira de mitos, o rapsoda Homero (cfr. "Rapsodas: costureiras de mitos", Arqueotoponimia, 2025), e amais a súa trama é a dun conto marabilloso, polo que nela non podía fallar o encontro dos nenos coa bruxa do bosque, que sucede sempre na parte central do relato.
Como precaución, teremos en conta que os motivos cambiaron co paso do tempo. Así por exemplo, o clásico motivo da luciña no medio do bosque que vían Hansel e Gretel, fai 2.800 anos materializábase doutro xeito: Ulises non subiu a ningunha árbore para atopar indicios dun fogar habitado por humáns, nin viu unha luz, senón o fume dun fogar, mais o palacio da maga xa aparecía situado nun mesto bosque de aciñeiras, como mandan os canons (Odisea X, 146-150 - cito sempre pola versión rítmica de José Manuel Pabón, da editorial Gredos):
Características da maga segundo Vladimir Propp
A maga que nos chegou nos contos marabillosos, segundo Propp, é unha personaxe complexa cuxa orixe radica nunha sociedade prehistórica inmersa nun estadío cultural totémico rexido polo matriarcado (ou pola maga). A súa figura pode rastrexarse etnográficamente nos rituais de iniciación dos xovens, cerimoniais de paso á idade adulta preceptivos e esenciais no funcionamento das sociedades de cazadores organizadas en clans tribais.
A maga dos contos é caracterizada por Propp, trala análise de varios relatos marabillosos, como potnia theron ou señora (dona) dos animais e guardiana do reino da morte. Esta última característica explica satisfactoriamente a súa presenza fundamental tanto nos contos marabillosos como nos ritos de paso dos que proceden os contos. Nos ritos de paso á idade adulta os xovens iniciados semellan morrer e voltar á vida renovados, operándose neles unha transformación: ben mediante a representación simulada do "cociñado" do iniciado, segundo varias técnicas culinarias, ou ben, directamente, polo engulido en crú do xoven, que é logo regurxitado enteiriño baixo o seu novo aspecto. Nas sociedades tribais coñecidas etnográficamente Propp indica que "nas fases máis primitivas do rito da iniciación atopámonos con que os iniciados queimábanse, asábanse ou fervíanse", e recolle varios casos, como por exemplo: "entre os australianos simulábase o asado dun home nunha estufa de terra, mentras outros dous ían regando o asado e imitaban o estalar da carne sometida á acción do lume". A maga segundo Propp está estreitamente vencellada ó engulido e/ou cociñado simulado do xoven iniciado que acontecía nos ritos de paso, puidendo ser ela mesma quen realizase esta acción, como adoita acontecer nos contos marabillosos.
No que atinxe ó engulido do iniciado, non observamos que a oposición cru / cociñado (natureza / cultura) formulada por Lévi-Strauss como base dalgúns mitos (v. Le Cru et le Cuit, 1964) sexa operativa na exexese dos contos marabillosos en xeral, non sendo relevante neles outra cousa que a transformación operada no iniciado ó ser "inxerido", do xeito que sexa, e polo tanto procesado e transformado (v. Propp, op. cit. "A estufa da maga").
Comparativa entre o conto tipo ATU 327A e o episodio de Circe na Odisea
1. O avatar de potnia theron ou dona dos animais da maga Circe maniféstase nada máis achegarse ó seu palacio os compañeiros de Ulises, pois atopan nos arredores perigosos depredadores amansados polo poder máxico da ama (Odisea X, 210-216):
2. Como a maga dos contos, a ogresa Circe vai devorar os compañeiros de Ulises, ós que previamente transforma en porcos dándolles coa súa variña máxica. De xeito explícito non se fala de que os queira engulir, mais o feito de transformalos en animais criados para o consumo humano, e cebalos con landras, é ben transparente (Odisea X, 238-243):
3. A comida non falla na mansión da maga Circe, cómese dabondo, é a casa onde se come, tal e como acontece no conto ATU 327A. Mais Ulises, como ás veces adoita suceder nos contos marabillosos deste tipo, ó principio négase a comer. Esta prevención que ocasionalmente vemos no conto é explicada por Propp como un tabú alimentario vencellado á comida dos mortos, pois é que a maga é a guardiana do Alén (Odisea X, 370-374 e 467-468):
4. Do mesmo xeito que a vella bruxa dos contos marabillosos custodia a entrada ó reino dos mortos, Circe é guardiana do Alén. É nesta parte da Odisea (X, 489-492) na que a maga obriga a Ulises a visitar o Hades e logo fornece as indicacións rituais que permiten a viaxe do heroe ó inframundo e o contacto cos mortos, que nos contos e nos ritos é parte da pasaxe ou transo que se produce na iniciación á idade adulta.
Aquí Homero, o rapsoda / costureira de mitos, caiu nunha incongruencia narrativa, pois un home como Ulises, con preto de cincuenta anos, con esposa e un fillo de vinte anos, malamente pode ser o protagonista deste conto no que se narra, segundo sabemos agora, o rito de paso da iniciación á vida adulta. A incongruencia ven producida polo feito de Homero ter elixido a un home maduro como fío condutor de tódolos contos recompilados na Odisea; e sendo moi necesario non prescindir deste (o ATU 327A), pois conforma o núcleo iniciático do nostos, a inverosimilitude neste punto da narración foi inevitable. Non obstante, para ser máis xustos co autor, segundo me indica a mitógrafa María Alonso Echanove é máis probable que os contos integrados na Odisea se considerasen daquela como relatos de aventuras de mariños, e que o seu significado orixinal se tivese esquecido.
Conclusións
Identificamos un novo conto marabilloso no patchwork da Odisea, o conto ATU327A: "Hansel e Gretel" ou "A Casiña de Chocolate". Considerámolo esencial para a interpretación da epopeia como viaxe iniciática (rito de transo), e peza clave que reforza a idea de que a obra na súa totalidade está construída cosendo unha selección de tradicións orais previas que tiñan en común ser relatos de rituais de iniciación, os que máis tarde se agruparon baixo a clasificación xeral ATU dos "contos marabillosos".
En concreto a estadía no palacio de Circe, é dicir, o conto ATU 327A, insírese na Odisea ocupando o centro físico da obra (libros X-XII de XXIV) e, á súa vez, funciona como disparador ou punto de inflexión nas aventuras do heroe, como é preceptivo neste tipo de contos marabillosos, pois no lugar habitado pola maga é onde este sempre obtén o don (ferramentas, medios auxiliares, coñecementos, etc.) que lle permite emprender a volta da viaxe iniciática. Neste aspecto Homero foi moi consciente do sentido do conto, da súa relevancia e da necesidade de que este ocupara a situación central no conxunto da obra.
Destacamos a habilidade coa que Vladimir Propp concretou as dúas características principais da vella bruxa dos contos estudando os correlatos etnográficos: a identificación da maga cunha potnia theron ou dona dos animais vese corroborada clarísimamente na personaxe de Circe na versión do conto tradicional que Homero coñeceu fai 2.800 anos, e tamén a análise do noso foklorista foi moi axeitada no que atinxe ó rol de guardiana do reino dos mortos, que tamén queda patente no episodio de Circe da Odisea.
A analoxía que Propp establecera entre os ritos de iniciación á idade adulta e as viaxes iniciáticas ó mundo dos mortos, estudando por exemplo as descricicións etnográficas dos transos dos xamáns, confírmase no conto (reflexión do rito) ó observar que a estadía no palacio de Circe (antiquísima variante do conto ATU 327A) contén expresamente a viaxe ó Hades de Ulises (a nekyia) para obter os augurios dos espíritus dos antepasados e os amigos falecidos. O episodio da nekyia fora considerado, pola súa rareza, un engadido posterior ou interpolación (Jorge Juan Linares Sánchez, "El tema del viaje al mundo de los muertos en la Odisea", tese de doutoramento, 2017), mais dende a perspectiva de Propp xustifícase completamente a nekyia de Ulises, parte esencial do rito de transo.
A vella bruxa dos contos foi, pois, algo máis que unha simple deusa; na Odisea aínda retiña os riscos que definiron a antiga divindade paleolítica, a Señora dos Animais, vencellada ó reino dos mortos e ós rituais de iniciación dos xovens á vida adulta. Podería propoñerse tamén como obxecto de indagación a posible participación da deusa animal - señora dos animais no rito de iniciación sexual dos xovens, pois observamos que na Odisea Ulises convértese no seu amante. Este risco perdeuse nos contos marabillosos, a non ser na figura mitolóxica da Moura galega.