miércoles, 29 de octubre de 2025

Lendas irlandesas do canto do paxariño e a relatividade do tempo (ATU 471A)

Vimos de ler a interesantísima e marabillosa conexión irlandesa que o autor do blog Beira Atlántica ten atopado para a lenda de San Ero de Armenteira: "Ero, Virila e Mochuda: o soño do paxaro" (10 de setembro de 2025). No seu estupendo traballo remítesenos á base de datos do folklore de Irlanda, a School Collection (dúchas.ie), que recompila as redacións escolares dos nenos de principios do século pasado, para que vexamos dúas versións da lenda de San Mochuda, tan semellante á de San Ero.

Miniatura da Cantiga CIII, "O monxe e a paxariña", do Códice Rico das Cantigas de Santa María de Alfonso X (século XIII).

Axiña fomos, como tolas, nos somerxer no buscador para ler unha morea delas, facendo distintas procuras de material. E comprobamos que a lenda non só aparece no condado de Kerry ligada a Mochuda ou Mo Cuda, senón a outros persoeiros, e que se espalla por toda Irlanda (cecais só pola Irlanda católica?).

A lenda "The song of the bird" (1938), recollida de Martin Gannon de 87 anos de idade, transcorre na abadía de Cong (condado de Mayo). Un monxe, do que non coñecemos o seu nome, escoita no xardín un paxariño cantando nunha roseira e vai seguíndoo a medida que este se despraza da roseira a unha tumba, e logo dunha árbore a outra..., así pásanselle 100 anos sen que se dea de conta. Nesta versión os maiores do lugar dicían que o paxariño era un anxo.

A lenda "St Mochuda and the fort in our field" (escola de Knockaderry - condado de Kerry) conta como Mochuda era o xoven servo dun xefe pagán que vivía nun forte xunto do río Maine. Ó escoitar os cantos dos monxes que ían polo río dende o mosteiro de Kiltallagh ó de Ardcrone, quedou prendido dos himnos de loubanza ó Señor e seguiu os homes, pasando a noite escoitándoos no mosteiro. O seu amo, preguntándose onde andaba o xoven, logo ordenou traelo ante el: cando soubo de Mochuda que quería continuar cos monxes, deixouno ir con eles. Trátase dunha variante moi interesante, pois aínda que non se dea a cuestión da relatividade temporal, hai unha desaparición do protagonista, motivada por seguir os cánticos sagrados dos monxes, que aquí se comportan como o paxariño do conto tipo. É de salientar o feito de habitar o xoven Mochuda nun hillfort e a súa conversión ó cristianismo, o que podería remontar a orixe da historia ós tempos pagáns.

Noutra historia, "How the blessed abbot of Ennis Fallen walked for two hundred years about the little island", contada por Mrs. Lynch de 82 anos de idade (Knockeenduff - Kerry), a acción sitúase no mosteiro de Innisfallen, polo que semella que o abade podería ser o mesmo San Mochuda, aínda que non se nos dá a coñecer o seu nome. O protagonista segue o canto do paxariño dando voltas pola illa durante douscentos anos. Nesta historia cobra relevancia a deambulación nun mesmo lugar como actividade que desencadea a compresión do tempo (do espazo-tempo einsteniano).

A historia de St Cuddy de Killmacuddy, contada por Christopher Daly de 50 anos de idade (Cadamstown - Offaly), lémbranos á de Mochuda, pois a pronuncia deste último nome e o que vai no topónimo Kill-macuddy son idénticas: comprobamos que se trata do mesmo santo, que primeiramente fora abade de Rahan (Offaly). O caso é que Macuddy ou San Cuddy foi na procura dun paxariño que escoitou cantar nun bosque veciño ó mosteiro. Non pasaran nin dúas horas cando volta cos seus para atopar só ruínas, xa que en realidade deste lado transcorreran 100 anos.

No conto "A legend of Jerpoint Abbey" (Kilkenny) un monxe anónimo escoita o canto do paxariño nun acivro do xardín do mosteiro, e cando remata o canto volta ó mosteiro, que xa está en ruínas... Ó se atopar con xentes descoñecidas para el, dase de conta de que pasaran catrocentos anos. Esas xentes explícanlle que a súa experiencia é proba da brevidade do paso do tempo e da longa duración da eternidade, é proba tamén da rapidez coa que transcorre o tempo no Ceo (onde estivo o monxe) e do vagaroso que vai, pola contra, no Inferno. Nesta lenda temos a descrición máis detallada do concepto do tempo como magnitude e da súa relatividade ligada ó espazo.

Na dindshenchas de Rehan, contada por Denis Finn (Ballymore - Westmeath), explícase por que este lugar foi nomeado así. Non foi por outro motivo que pola historia xa sabida do monxe que escoita o canto dun paxariño e transcorren corenta, ou cincuenta ou sesenta anos..., pois iso é o que significa rehan en irlandés, "paxaro cantor".

A gran cantidade de versións espalladas por Irlanda, sen ter en conta as que están na School Collection aínda sen transcribir ou as que están en gaélico, que non investigamos, apoia a idea de Lutz Rörich de que a orixe desta lenda é celta, e que pasou ó continente dende Irlanda no século XII (Mairi Kaasik: "A mortal visits the Other World: The relativity of time in Estonian fairy tales", 2013).

No hay comentarios: