A swayanvara, do sánscrito swayan (unha mesma) e vara (elección de esposo) é un dos motivos principais da épica hindú. O rito consistía na elección de marido por parte dunha muller xeralmente de orixe nobre. Ela mesma estabelecía os criterios e as probas ás que terían que someterse os pretendentes convocados, procedentes dos arredores e máis aló. E ela mesma elixía activamente ó home perfecto entre os candidatos. Como sucede na natureza.
Por exemplo, no texto épico do Ramayana, Sītā casa con Rama, que foi o único o suficientemente forte como para levantar o arco de Shiva e colocarlle a corda. A proba desta swayanvara na que había que manexar un enorme e pesado arco impresionou sen dúbida a imaxinación das xentes que escoitaban estas historias. Seguramente tiña sido un motivo tópico e recorrente no folklore e na épica, pois aparece tamén no final da Odisea de Homero (século VIII a.C.). Na Odisea auméntase a dificultade da tarefa ata extremos incribles.
Penélope toma a palabra e diríxese así ós seus pretendentes convocando a súa swayanvara (Odisea XXI, 68-77 - cito pola versión rítmica de José Manuel Pabón, da editorial Gredos):
Escuchad, pretendientes altivos que un día tras de otro
a comer y a beber a esta casa venís, cuyo dueño
falta de ella hace ya tantos años, y no habéis podido
discurrir más razón para hacerlo que el solo deseo
de casaros conmigo y llevarme de esposa. Pues éste
se mostró como el premio en disputa, ¡oh donceles!, yo os voy
a poner por delante el gran arco de Ulises divino:
quien de todos cogiendo en sus manos el arco de Ulises
más de prisa lo curve y traspase las doce señales,
a ése habré de seguir alejándome de esta morada.
Ningún dos homes é capaz de tensar o arco para disparar a frecha que debe atravesar os doces aneis dos machados colocados en liña, salvo, evidentemente, o mesmo Ulises, o que, convidado ó banquete e aínda non recoñecido polos pretendentes, agochado no seu disfraz de mendigo, cando lle toca a vez tensa e dispara o arco sen sequera levantarse da cadeira (Odisea XXI, 404-411 e 416-424):
Tal hablaban los mozos y Ulises, el rico en ardides,
levantando en sus manos el arco lo vio por entero.
Bien así como un hombre perito en la lira y el canto
tiende el nervio que estrena arrollándolo en una clavija
sin esfuerzo, ya atada en sus cabos la tripa ovejuna
retorcida y sutil, con igual suavidad allá Ulises
su gran arco tendió; por su diestra probada la cuerda,
resonó claro y bien como pío que da golondrina.
[...]
Tomó luego la aguda saeta que a mano tenía
descubierta en la mesa; el carcaj encerraba otras muchas
que en su carne iban pronto a probar los argivos. Fijóla
contra el codo del arco, tiró de la cuerda y las muescas
y, del mismo escabel donde estaba sentado, apuntando
bien derecho, la flecha lanzó; no marró en uno solo
de los aros de hachas; el asta con punta de bronce
traspasándolos todos afuera salió [...]
Episodio do tiro con arco, con Armand Assante como Ulises, na película The Odyssey (1997) de A. Konchalowsky.
Este episodio da Odisea pertence á tradición oral, ó tipo de contos marabillosos que abarca dende o H310 ó H359, que trata dos "Suitor tests" (As probas ós pretendentes), segundo a clasificación de Stith Thompson. No poema homérico a proba de habilidade e fortaleza co arco complétase, a continuación, coa proba do asesinato de tódolos pretendentes de Penélope. O asesinato dos rivais ("To kill all earlier suitors") era outra das probas ou tarefas que podían solicitarse dentro desta ampla tipoloxía que vai do H310 ó H359. Se Homero elixiu estas dúas para a swayanvara final foi porque amosaban perfectamente o carácter do heroe patriarcal que estaba a perfilar ante un auditorio que non esperaba menos: forza e precisión sobrehumanas coas armas, valor, violencia, testosterona desatada, sangue, honor, etc. Un final apocalíptico.
As probas ós pretendentes que impoñen as mouras do folklore galego, en xeral probas de valor, capacidade e fidelidade, inscríbense, polo tanto, no rito da swayanvara indoeuropea que nos transmitiron tantos contos e mitos. No folklore galego atópase unha proba peculiar, que non ven indexada como tal entre os “Suitor tests” de Thompson e que se sae do guión de bicar á moura ou botarlle un bolo de pan: a moura pode amosarse na beira dun camiño como tendeira, expoñendo á venda todo tipo de obxectos preciosos ante o xoven, e dándolle a elixir un deles. Se o mozo non a elixe a ela, e pola contra prefire algunha das alfaias, será obxecto dunha maldición e non casará coa tendeiriña. Rescatamos unha destas lendas que fora recollida por Antonio de la Iglesia a finais do século XIX en Santiago de Compostela no seu manuscrito “Folk-Lore gallego: os aparecidos”, titulada “A encantada da Fonte Formiga - Selva Negra”:
“No monte Pedroso, arriba do Xesto, Selva Negra ou Carme do Monte, hai unha fonte encantada que lle chaman a Fonte Formiga. Alí apareceulle moitas veces ós meus pegureiros unha madama formosísema sentada na campiña do manantial cunha tenda de arrastro ante sí, de relumeantes e bonitas cousas: tixeiras, canivetes, navalliñas, alfergas, agullas, agulleiros, cañoteiros, brazaletes, arracadas, pendentes, sortellas, botonaduras...; todo de prata, ouro, marfil e diamantes, enriba duns grans tapices de ouro e sedas, brocados de brilantes e de pelras de enfinito valore.
A tendeira formosísema perguntou millóns de veces ós meniños que era o que máis lles gustaba daquela tenda, para regalárllelo. Todos [...] arregalaban ben os ollos para escoller, e todos salían coa pata de galo decindo, verbi gratia:
—¡A min as tixeiras!
—¡Pois que che quiten os ollos con elas!
E enseguida desaparecía a tenda e maila tendeira como se fora un relámpago.
Os bobalicóns non coñecían que sendo a tendeira máis garrida e preciosa que todo aquel riquísimo telderete, á tendeira debían invocar, e non a ningún dos chismes, por bonitos e caros que fosen os que na tenda tiña apresentados.
Se escollesen a tendeira, quedábana desencantada a aquela dama formosísema, con todas as riquezas que posuía, que eran moitas máis que as presentadas, facendo a esta dichosa, e a un home poderoso e feliz, pois que todo aquel aparauto era solo unha mostra dos tesouros encantados que a Fonte Formiga enzarraba, propiedade da formosísema dama, que non era outra que unha das boas fadas de Galicia que no encanto da fonte se aprisionaba”.
Na temática central de moitísimos contos marabillosos mantéñense as probas que as princesas propoñen ós pretendentes, ás veces convertidas, polo esquecemento da súa función e a propia evolución dos relatos cando son asimilados polo esquema patriarcal posterior, en probas caprichosas cuxa finalidade non se albisca, como no tipo ATU 559 “Making the Princess Laugh”, a non ser que o obxectivo desta sexa, simplemente, facer feliz á muller: “o siñor el rei, tiña unha filla tan atristada, que non había cousa que lle fixera risa, e botou pregón que casaría a filla có home que atinara a lle facer rir” (“Xaniño despido, pelica de ovella” – Carré 1968). Outras veces aparecen como absurdas e imposibles cualidades que deben cumplir os homes, se é que a princesa non quere casar: “choras porque o teu pai quérete casar? Pois non chores. Dille que casarás cô home que teña os dentes igualiños, brancos e de marfín” (“Iria e o cabalo Boligán” – Carré 1968).
A nosa análise indica que as probas ós pretendentes, que conforman o ritual da swayanvara, foron a orixe das aventuras que corrían os heroes na súa viaxe iniciática cara ó matrimonio. Ó principio do mito, como en moitos contos marabillosos que aínda reflicten este costume, as aventuras do home estaban imbricadas no relato feminino iniciático, pois cumprían a función de respostar á petición da muller, á esixencia por parte desta de que o home amosase o seu valor, capacidade e madurez para participar activamente na formación e mantemento da familia (clan). Co tempo e a introdución dun novo esquema androcéntrico, a viaxe do heroe, do candidato ó matrimonio, escindiuse nunha viaxe propia, solitaria, cuxo obxectivo pasou a ser o desenvolvemento persoal sen máis, a maduración para el mesmo e o seu prestixio. Furtouse o contexto matriarcal e matrimonial da viaxe iniciática do heroe.
Esta escisión explícaa moi ben o mitógrafo François Delpech* no estudo que dedica á “Historia da princesa Liberia” da Primeira Crónica Xeral (século XIII). Segundo o investigador fora considerada unha extraña historia da que mesmo Menéndez Pidal ignoraba as fontes. Articúlase como un conto tradicional pertencente ó ciclo folklórico das probas matrimoniais ós pretendentes, ligado, polo tanto, ó tema indoeuropeo da swayanvara. A princesa Liberia, "estrellera" expertísima, é dicir, astrónoma, convoca os seus pretendentes para unha proba matrimonial de carácter fundacional, na que terán que construír unha cidade e as súas murallas, unha ponte que sexa tamén acueducto, e calzadas. Delpech analiza a difusión do tema das probas construtivas como probas nupciais, que chega ata á América colonial española, e destaca que nestes relatos o home ten só un papel operativo, de executor das ordes da muller, que é a que detenta o mando do proxecto civilizador e fundacional. O investigador dase de conta de que a xinecocracia, presente nos antigos modelos míticos indoiranios, cedeu nalgún momento ante o papel protagonista que asumiu o home como heroe civilizador, aparecendo xa nas nosas crónicas medievais suplantando o rol de mando da muller, e a muller, absolutamente ausente ou nun papel secundario e prescindible.
O furto ou suplantación do rol de mando feminino, a supresión do papel da muller como construtora, organizadora e deseñadora dos proxectos fundacionais e civilizadores, albíscase na Odisea de Homero, cuxo final culmina coa swayanvara convocada por Penélope: arrodeada das súas servas e dignamente cuberta polo veo impón a proba do arco ós pretendentes. O rapsoda, a costureira das tradicións que foi Homero, non descoñecía que a proba matrimonial determinada pola muller era imprescindible para tecer e xustificar a viaxe iniciática do seu heroe. Pola fidelidade debida á estrutura tradicional do relato mítico, as aventuras de Ulises tiñan que conducilo ó matrimonio final con Penélope implícito na swayanvara, aínda que fose en segundas nupcias (licenza poética), mais o protagonismo do home ó longo de toda a obra é indubidable. E non esquezamos que xa dende a primeira palabra da Odisea, que cecais sexa a primeira obra da literatura occidental (posto disputado coa Iliada), aparece o termo favorito do patriarcado co que se inaugura tal vez a literatura en Occidente: Ἄνδρα, “varón”.
____________________________________________
* "Mujeres, canales y acueductos: contribución para una mitología hidráulica”, El agua. Mitos, ritos y realidades. Coloquio Internacional. Granada 23-26 de noviembre 1992, José A. González Alcantud e Antonio Malpica Cuello (coords.), Rubí (Barcelona): Anthropos Editorial e Granada: Diputación de Granada. CIE “Ángel Ganivet”, 1995, pp. 61-86.
