viernes, 12 de febrero de 2021

Anse-aux-Meadows (Terranova): pequena historia dunha fraude histórica

Poboado supostamente vikingo de Anse-aux-Meadows (Terranova).
(C) Imaxe capturada da visita virtual dispoñible en Google Street View.

O explorador francés Joliet, a finais do século XVII, tras tomar as coordenadas có astrolabio dende o seu navío en Belle Islle (un tanto raras para as nosas referencias actuais: 52º 9' latitude norte e 330º 30' de lonxitude con respeto a Québec, que está a 314º de lonxitude e 46º de latitude) desembarca nunha pequena enseada entre tres montañas e atopa unha vivenda de esquimais. A enseada está fronte a Anse-aux-Meadows, na costa leste de Labrador.

A vivenda esquimal segundo a descrición de Joliet

"Nós atopámola como os indios nos dixeran. Ten unha cámara e unha antecámara. [A estrutura do teito] está formada por varias pezas de madeira redondas de 8 a 12 pés de longo, apoiadas sobre unha viga suxeita por postes. Estes madeiros están xuntos uns contra outros e por debaixo teñen a turba, e un pé de terra por cobertura. Unha porta na antecámara, ó medio, e dúas grandes fiestras mirando ó ceo, que lles sirven de cheminea no bo tempo, e aparentemente de porta, ademáis da pequena porta de tres pés de alto por onde se entra dende a antecámara. Segundo parece, unha familia de máis de vinte persoas e moitos cans terían pasado aquí moitos invernos: anacos de graxa de lobos mariños [...], ósos e cabezas de raposos, lebres, martas, osos, caribús, gaivotas e corvos por todas partes do aloxamento, e na enseada, grandes e pequenos escoplos de carpinteiro. Restos das bordas das embarcacións bizcaínas [...], vimos preto da casa varios anacos de madeira, tellas e carbóns de forxa, con catro ou cinco toneis onde había aceite para queimar. Tamén atopamos un anaco de tecido cosido con agulla [...]. Todas estas cousas fan crer que eles teñen comerciado con algúns europeos" ("Lettre de Joliet sur les Esquimaux", BNF, manuscrito coa signatura NAF 9284, follas 135r-136r).

Como se ve no detalle de Joliet, o que describe como vivenda esquimal semi-subterránea, formada sobre un plinto de bloques de turba e con cuberta de madeira e capa de terra sobreposta, claraboias, etc. cadra totalmente có tipo das vivendas da Anse-aux-Meadows que se veñen considerando vikingas, así como coas vivendas islandesas da mesma tipoloxía. Polo que acabo de atopar e traducir para vós, non serían vivendas vikingas, senón esquimais.

Diante, vivenda esquimal de turba con claraboias na misión de Hebron en Labrador, 1901.

Nas narracións de Joliet repítese a mesma información: ó saír de Mecatina os indios dinlle "que varios esquimais invernaran naquel lugar e fixeran tres casas de madeira cubertas de terra, unha das cales estaba aínda enteira. Eles non fan lume no interior; teñen un lugar a propósito para isto fóra. Eles fan provisións no outono, de lobo mariño e caza para o inverno [...]. Os nosos indios de Mingan atoparan catro casas a primaveira pasada e desfixéronas" (folla 131v-131r). 

Tanto nos datos que lle aportan os indios, ós cales diferencia moi ben dos esquimais, como nos seus encontros cos esquimais, volve unha e outra vez sobre estas vivendas de inverno: "os seus leitos están elevados un pé sobre o chan de terra, garnecidos con peles de caribú, lobo mariño, oso e outras, para se cubrir á noite; as súas cabanas [...] están feitas en redondo, no verán, e cubertas de lobo mariño [...]; máis no inverno eles fan casas como as que xa teño descrito antes. O embarcadoiro non é menos agradable: teñen tres embarcacións bizcaíñas e unha [...]; as catro ben aparelladas con mastil, velas [...] e un cofre sobre unha [...] que ten escrito en grandes caracteres IHS.Maria.Joseph [= Xesús, María e Xosé]" ("Carte du Canada en sept feuilles par Joliet (1693)", BNF, manuscrito coa signatura NAF 9275, folla 195v).

Poboado esquimal ("Esquimaux") na costa leste de Labrador, fronte a Belle Isle, segundo un dos mapas de Joliet (1693); coa mesma tipoloxía de vivendas que o suposto poboado vikingo de Anse-aux-Meadows.

As descricións de Joliet das vivendas esquimais de turba que atopa polo estreito de Belle Isle, así como a distribución funcional dos asentamentos (vivenda, asteleiros, forxa, depósitos de aceite para queimar), coincide totalmente coas características do poboado de Anse-aux-Meadows, que segundo o estudo de Birgitta Wallace ("The Norse in Newfoundland: L'Anse aux Meadows and Vinland") non presenta ningunha das características funcionais propias dos asentamentos dos Norse en Groenlandia, como poden ser evidencias da práctica agrícola e gandeira (cercados para gando, campos de cultivo), pois é que os esquimais non eran nin son gandeiros ou agricultores senón cazadores-recolectores: "Specific archaeological testing showed no sign of enclosures or shelters for livestock of any kind, or of disturbances in the flora caused by grazing and cultivation. Nor were remains of domestic animals found". Pola contra, Anse-aux-Meadows presenta novidades importantes que non se coñecían nos poboados dos Norse, como a situación inmediata á costa e a instalación do asteleiro para reparación de embarcacións, necesarias para a caza das baleas que practicaban os pobos árticos de América.

O poboado de Anse-aux-Meadows en Terranova, porén, é un poboado de inverno esquimal do século XI, que evidencia, pola presenza de determinados obxectos (v. B. Wallace) e a práctica metalúrxica, contactos con europeos nórdicos ou irlandeses establecidos en Groenlandia e Islandia. Non se trata polo tanto do primeiro asentamento europeo en América. 

Medusas e pistolas vs. bacallaos e pilotos


Carta de Pellegrin amosando o estreito de Belle-Isle. (C) BNF.

Xa que andamos por Terranova non imos deixar de lado a cuestión toponímica. Afírmase que o nome de lugar de Anse-aux-Meadows podería ser deturpación inglesa do francés méduses. Nada máis lonxe da realidade que amosa a carta de Pellegrin, onde vemos que o nome ven como B. des Maures, o cal supoñemos que xa é unha deturpación de Morues (Bacallaos), motivada pola transmisión manuscrita da toponimia das cartas, ás veces ilexible. Á bahía veciña, hoxe denominada Baie des Pistolets, sucedeulle o mesmo: foi antigamente a Baie des Pilotes. Confórmase entón a toponimia da costa norte de Terranova ós nomes das pesquerías e secadoiros que xurden dos peixes capturados e ós nomes que nos transmiten a historia das antigas exploracións náuticas coas referencias da costa que orientaban ós mariños.

1 comentario:

Profesor Rahmanicus dijo...

Magnífico hallazgo tu blog y éste trabajo sobre el Complejo Turístico de Anse-aux-Meadowsque andaba buscando que me ha maravillado pues sin ningún otro medio que mi experiencia y racionamiento llegue a las mismas conclusiones que aquí se detallan magistrales con antecedentes, explicaciones y evidencias.
Felicitaciones y muy agradecido por su trabajo de divulgación.