Vales Villamarín sostiña que o marco do monte Medela formou parte da cámara dun megálito prehistórico, da que aínda se conservaban dous esteos cando el fixera a visita á capela de San Xoán do Coto aló polo ano 1972 nun día de romaxe ("El marco del monte Medela", Anuario Brigantino, 1999). Un deles era o que fai de marco parroquial, que aínda se conserva na actualidade, e o outro estaría, segundo a descrición de Vales Villamarín, xunto ó primeiro e a rentes do chan, mais hoxe semella desaparecido.
O autor baseaba a súa proposta de considerar estes elementos restos dunha cámara funeraria megalítica, no propio topónimo Medela, un derivado do latín meta, termo que se refire a moreas de terra ou pedras de forma piramidal coas que se delimitaban os territorios, e tamén na crenza popular de estar soterrado alí mesmo Trenza Muela, un Tronante ou Escoler, lembranza folklórica dunha divindade celeste pagá capaz de dominar o clima (deus do raio e a treboada).
No enclave seguramente houbo máis dunha meta ou mámoa xa que logo no traballo de Vales Villamarín indícase que había outros chantos no adro da capela, e que baixo o chan dun cobertizo anexo ó templo aparecera «unha caixa que contiña unha imaxe de ouro», que podería ter sido parte do enxoval funerario dun dos túmulos (v. por exemplo o caso que contáramos na entrada El santiño de oro de la mámoa de As Negradas - Guitiriz).
Na nosa visita do pasado domingo a San Xoán do Coto, na compañía de Sonia Castro e Manuel Ruibal, puidemos comprobar a consistencia da hipótese de Vales Villamarín: por unha das estreitas fiestras da capela pode verse parte dun friso cunha inscrición que o bo ollo do amigo Ruibal leu como "METIBVS". Na miña opinión o comezo do texto sería "SV METIBVS", é dicir, "baixo as metas", en referencia as medelas ou túmulos funerarios do coto, polas que recibiu o nome de monte Medela.
A mensaxe completa descoñecémola polo momento, e aínda resultando enigmática, a información que fornecen estas dúas palabras é de grande interese:
- a forma plural METIBVS proba a existencia de varios túmulos no coto, tal e como sospeitaba Vales Villamarín
- podería aludir á crenza de estar a tumba do tronante Trenza Muela baixo as medas, no soterraño dos túmulos, como as tumbas fundacionais de heroes e entidades sacras que se coñecen dende a antigüidade e que deron lugar a advocacións cristianas como Notre Dame de Sous-Terre ou Nosa Señora de Soterraña
- ven indicarnos que a capela de San Xoán está construída sobre un túmulo neolítico ou necrópole; aínda que as antas-capela son correntes en Portugal, e polo menos hai unha en Asturias (dolmen-capela da Santa Cruz, en Cangas de Onís), aquí non se coñecía ningún caso claro
No hay comentarios:
Publicar un comentario