Debuxo de Guillermo Schulz dos Picos de Europa dende Nueva (Llanes) co perfil do "Naranjo de Bulnes" (1858) - Atlas Geológico y Topográfico de Asturias.
Segundo Ramón Sordo Sotres, Naranxu Bulnes era o nome que os habitantes do oeste de Llanes usaban para se referir ó famoso Picu Urriellu. Semella, entón, que o nome Naranjo que aparece na cartografía de Guillermo Schulz por primeira vez (1855 - 1858) non é, como se pensaba, un topónimo inventado polo inxenieiro alemán, ou unha alteración dun orixinal *Naranco, de orixe prerromana, senón que se trata da castelanización do nome Naranxu que Schulz tería escoitado en Llanes. Sordo Sotres indica nesta mesma entrada da súa obra, Toponimia de Asturias, Cantabria y León (2005), que o nome Naranxu alude á cor laranxa do pico, e di que "los pastores de este pueblo cabraliego [Bulnes] denominan La Mermeya al impresionante extraplomo naranja -color apreciado también a gran distancia- que adorna la cara oeste de la pica que nos ocupa". O investigador fornece outros exemplos do uso do topónimo Naranjo / Naranxu para designar lugares nos que hai algunha formación rochosa de cor laranxa: El Naranjo (prado entre Llánez y Susvilla - Cantabria), praia de El Naranxu (cantís de cor laranxa en Po - Llanes).
Na oronimia do entorno dos Picos de Europa na primeira edición do MTN50 recóllense varios nomes relativos á gama das cores que van do vermello ó laranxa dos picos: "Torre Bermeja" (La Mermeya), "Los Horcados Rojos", "Las Coteras Rojas" e mailo propio "Naranjo de Bulnes". O achádego de Sordo Sotres deste outro nome, tradicional en Llanes, para o pico (Naranxu vs. Urriellu) encádrase satisfactoriamente na motivación dos orónimos do seu entorno, baseados nas cores das rochas das caras das torres, ou nas cores que reflicten ó incidir o sol nelas.
Segundo pensamos, Naranxu tería xurdido como adxectivo de creación popular forzando a moción de xénero (-u / -a) para concordar aquí cun substantivo implícito masculino (picu), tal e como se comportan os outros adxectivos que sinalan a cor, como bermellu / -a, ou roxu / -a (Horcados Rojos - Coteras Rojas). É dicir, Naranxu na frase El Naranxu Bulnes non é o substantivo que designa a árbore, senón o adxectivo que significa "de cor laranxa": El (Picu) Naranxu de Bulnes > El Naranxu Bulnes, como se dicimos La (Collada) Naranxa > La Naranxa. Un caso próximo con esta mesma elisión nuclear témolo no nome da Mermeya, que ven dunha frase La (Torre) Bermeya. Mentras que nin o galego ou o castelán teñen moción para o xénero do adxectivo laranxa / naranja (pantalón laranxa, camisa laranxa), nesta zona de Asturias o adxectivo naranxa si tivo moción de xénero, aínda que só fose a nivel popular. Convén suliñar a cuestión suscitada da moción de xénero do adxectivo naranxu / naranxa, "de cor laranxa", para evitar pensar no substantivo, na árbore laranxeira, naranxu en asturiano. A confusión ten orixinado a curiosa historia humorística que lle contaron a Aurelio de Llano en 1928 sobre a existencia dun naranxu en Bulnes que "durante seis meses al año da naranjas que pesan más de cuarenta quintales cada una" (Bellezas de Asturias de Oriente a Occidente).
A primeira vez que se dá conta da vista dende o mar, dende a costa de Llanes, dos Urrieles e as Peñas de Europa non é no debuxo de Schulz de 1858, senón nun texto sobre o concello de Cabrales que no 1771 elaborou Francisco Antonio Fernández para o Dicionario Xeográfico de Tomás López. Nel se indica que estes picos servían para orientarse dende o mar: "en especial todo el cordón [de serras] de la parte de Medio[día] y Norte son unas peñas inaccesibles, y en los puntos [marcados con] VV hay una peña a manera de punta o castillo tan sumamente alta que desde la mar, que está por medio el concejo de Llanes, se gobiernan por ella, y llaman Urrieles". A esta descrición acompáñana dous planos, un deles reflicte a toponimia da peña "Urrieles" preto de "Bulnes". Este orónimo dos Urrieles mailo nome oficial do pico Urriellu ou Picurriellu proveñen da raíz hidronímica paleoeuropea *ur, "agua", ó ser nacedoiros de mananciais.
Marcas VV que indican a situación dos "Urrieles", preto de Vegas del Toro (24), Campos de Pandébano (30) e Sotres (23). Dicionario Xeográfico de Tomás López, provincia de Asturias, fol. 56.
"Urrieles" xunto a "Bulnes" no Dicionario Xeográfico de Tomás López, provincia de Asturias, fol. 57.
No hay comentarios:
Publicar un comentario