viernes, 22 de noviembre de 2024

As gaitas que soaron na Batalla de Elviña (Battle of Corunna)

 

No lugar de Balranald (North Uist - Illas Hébridas), e moi preto de Corunna, lugar que leva este nome por ter participado na Batalla de Elviña (1809) os bisavós do bardo escocés Dòmhnall Ruadh Chorùna, existía ata non fai moito, e é probable que aínda exista, outro tesouriño relacionado coa mesma batalla.

Pois é que o señor Donald Ewen MacDonald, gaiteiro, conservaba no ano 1973 as gaitas que o seu bisavó, o capitán Alexander Ronald MacDonald, tamén de Balranald, levara na Battle of Corunna. As gaitas, aínda que precisaban foles novos soaban estupendamente. A madeira era preciosa con partes de marfil moi antigo, unha delas tiña no punteiro unha pequena laña. Foron tocadas ben na Battle of Corunna ou na Retreat from Corunna, pois das dúas formas se escoita na entrevista co bisneto do capitán, dispoñible na web de Tobar an Dualchais/Kist o Riches, na gravación de Eric R. Creegen titulada "Pipes belonging to Balranald's great-grandfather" (SA1973.38.B2). Confío en que aínda existan estes tesouros, gardados por algún herdeiro do bisneto do capitán Alexander Ronald MacDonald.

Donald Ewen MacDonald cunha das súas gaitas nunha fotografía de Eric R. Cregeen capturada da conferencia da Dra. Margaret Bennett: The Legacy of Eric R. Cregeen: A Treasury of Manx and Scottish Traditions (2019).

No hay comentarios: