domingo, 17 de noviembre de 2024

"O do Caldeiro" da Compaña: o mito céltico da inmortalidade pola maxia

Para non nos precipitar afirmando taxativamente que A Compaña fora unha reunión de bruxas (aquelarre ou sabbat), antes que unha procesión de ánimas en pena que anuncia unha morte, convén saber se estas dúas tradicións que semellan converxer no mito da Compaña teñen orixes independentes, se unha é a orixe da outra ou se están intrínsecamente ligadas dalgunha forma. Neste sentido, como apuntabamos na entrada precedente adicada ó Voo nocturno, cabería pensar por exemplo en que o mito orixinal da Compaña como reunión de bruxas (seguidoras de Diana) se emburullou coas ánimas dos defuntos en procesión, ben por interpretación popular do espíritu ou corpo astral da bruxa en voo nocturno como se fose un defunto, ou polo vencello que a maxia (bruxería) ten co mundo dos mortos, etc. Se non hai relación xenética entre ámbalas dúas tradicións, habería que prantexar orixes independentes: unha para A Compaña como reunión nocturna de bruxas, e outra para a Visión como comitiva nocturna que anticipa unha morte.

Para elo procedemos a analizar o personaxe chamado "O do Caldeiro", que aparece encabezando a procesión de defuntos da Compaña. Segundo os informantes de Lisón Tolosana, levaría un caldeiro "con auga bendita", e é captado dentre os vivos para esta función; vai xunto doutro que leva unha cruz. Tomamos dúas mostras do estudo de Lisón (La Santa Compaña, 2004), non sen antes sinalar que propiamente no ritual cristiano a auga bieita nunca se leva nun caldeiro, o caldeiro é un utensilio propio da bruxería e do mundo da maxia. Sobre o secreto contido do caldeiro, parécenos moito máis axeitada a interesantísima información que amablemente Dores Lobato nos forneceu; ela ten escoitado nas aldeas do Baixo Ulla que o recipiente contiña sangue callado procedente "dos que morren de "mala maneira" ou do sancre dos malos partos, onde as mulleres morren".

  1. "Meu tío andaba co caldeiro [...]. ¡Acórdome eu! Iba dormido. [...] Por donde foran iles él tiña quir co caldeiro porque o cura leva agua bendita no enterro, e eles collerían agua bendita. Ile para entregarlo ¡oh!, anduvo moito e non era capaz de entregarlo [a outro]. Anduvo moitos anos, él no quería porque tiña que andar de noite".
  2. "Aquí hay uno que dicen que anda en la procesión; falan eso. Tiene 56 años. En el café se lo dijo otro, que andaba co caldeiro. ¡Ay, cómo se puso!, ¡que se iban a las manos! El no quiere que le digan eso. Porque él a certa hora da noite quédase dormido. El otro le dijo: "retírate dahí porque tú como andas co caldeiro tés as cartas embruxadas". Chamamos a atención sobre o feito de que nesta información a expresión "andar alguén co caldeiro" é tomada como insulto, e está vencellada ó mundo das bruxas e a maxia.

Precisamente no estudo de Caro Baroja, Las brujas y su mundo (1966), lemos que na Lei Sálica (século V), nun título adicado á feiticeiría, castigábase o insulto de chamarlle a alguén hereburgium ou herburgium, nestes termos: "se alguén chama a outro hereburgium, isto é, strioportium, é dicir, o que transporta o caldeiro, no que as estrigas [bruxas] cociñan, e non pode probalo, terá que pagar 2.500 denarios, que fan 62 soldos e medio" ("Si quis alterum herburgium clamauerit, hoc est, strioportium, aut qui eneum portare dicitur, ubi strias coccinant, & conuincere non potuerit, IID den. qui faciunt sol. LXII semis"). Vemos como en Galicia conservouse ata non moito o mesmo concepto de insulto de chamarlle a alguén "o do caldeiro", e comprobamos que efectivamente o rol de ser o portador do caldeiro ven da antigüidade pagana, e que estaba ligado ó mundo das feiticeiras. A crenza galega de que o caldeiro da Compaña contiña auga bendita débese sen moita dúbida á cristianización do mito, pois o caldeiro máxico dos cociñadoiros das bruxas contiña ben outras cousas... como imos ver.

Na glosa que se dá no propio texto sálico na explicación de herburgium = strioportium vese unha traducción en quiasmo dos termos glosados: here = portium (do latín portare, "levar") e burgium = strio, en virtude da cal burgium viría ser sinónimo de strio (striga, strix = bruxa), o que fai verosímil entender este burgium como unha forma deturpada de *brugium, "bruxo", tendo en conta que o nivel de barbarismos do latín deste texto é bastante elevado e danse outros erros na redacción, como *strias en lugar de strigas, ou *eneum en lugar de aeneum (latín aeneum, "broncíneo; caldeiro"). Engadimos que cecais her- en herburgium podería ser simplemente o título do antigo fráncico herro, hero, "elevado, alto, noble", termo xermánico que pervive no tratamento Herr, "señor" (v. Knut Jungbohn Clement, Forschungen über das Recht des Salischen Franken, 1879, px. 248). Maurits Gysselin tamén suxire unha etimología *herba-burgja (guardián da bruxa) na que burgja é bruxa, ou ata prostituta (cfr. De Germaanse Woorden in Lex Salica, 1976).

Temos neste texto do século V, por unha parte o que podería ser a máis antiga documentación do termo bruxo, burgium < *brugium, e a identificación do rol de portador do caldeiro dun dos oficiantes que acudía como axudante ós cociñadoiros das feiticeiras. Nesta cronoloxía situámonos nun momento no que a relixión pagana aínda se mantiña como culto arcaico arraigado no pobo, que era necesario extirpar (cfr. San Martiño de Dumio e a súa obra De Correctione Rusticorum).

Debuxo da diadema de ouro, da Idade do Ferro, atopada en Moñes (Piloña - Asturias) na que se representa un portador de caldeiros nunha procesión, cando menos, máxica. (C) Anxo R. Paz.

Dende o século V (Lei Sálica), con estes cultos máxicos de orixe pagana aínda vivos, podemos pois exercer a comparación con escenas que fornecen información semellante tomadas directamente de épocas algo máis recuadas, cando eses cultos estaban ben instaurados. Neste caso parécenos axeitado suxerir que a procesión representada na famosa diadema de Moñes podería vencellarse ó mesmo ritual máxico que, logo de ser demonizado polo cristianismo, se chamou xenéricamente aquelarre ou sabbat, cousa de bruxería. Na diadema de Moñes vese unha comitiva de oficiantes compatible cos da Compaña e o aquelarre / sabbat, entreles o famoso portador dos caldeiros, o que implica a presenza dunha bruxa ou maga, nunha paisaxe mítica fluvial, que cecais indicaría o traslado ó Alén. Outros personaxes poden identificarse con seres mitolóxicos, daemones cornudos ou ornitomorfos, do mesmo xeito que se continuaron a representar nas miniaturas do Códice Rico das Cántigas de Santa María do Rei Alfonso X, O Sabio (século XIII). Os daemones poderían portar fachóns (como na Compaña) e tamén sosteñen torques.

A "Companna do demo malvaz" aparéceselle a un frade con rostros ornitomorfos (bico de paxaro) nunha das miniaturas que ilustra a Cántiga 82 do Códice Rico das Cántigas de Santa María, do Rei Alfonxo X, O Sabio. (C) Mosteiro de San Lorenzo del Escorial.

Podemos establecer esta relación coa procesión funeraria da Compaña das bruxas porque a diadema de Moñes tense interpretado como unha escena na que está presente o mito celta do caldeiro máxico da resurrección (cfr. o Mabinogi de Branwen), coñecido tamén pola súa variante, o manancial máxico da saúde (v. G. Dumezil, Mito y epopeya II: Un héroe, un brujo, un rey, 1971):

"Os Goidil comezaron a prender o lume baixo o Caldeiro da Resurrección. Alí dentro arroxaban os cadáveres ata que o caldeiro estaba cheo. Ó día seguinte os corpos erguíanse convertidos en guerreiros máis temibles ca nunca, coa única limitación de que non podían falar".

"Os guerreiros dos Tuatha Dé Dannan mortos polos seus enimigos Fomorios recobraban a vida, e ó día seguinte estaban máis sans ca nunca. É aquí a razón: Diancecht, os seus dous fillos e a súa filla pronunciaban encantamentos na beira do Manancial da Saúde, botaban alí os feridos, incluso os mortos, e estes saían vivos do manancial. Calquera que fose a gravidade das feridas, curábaas o poder do encantamento que pronunciaran os catro médicos colocados ó redor do manancial". No texto establécese a relación entre o médico - meigo - bruxo (como medicine man) e o seu caldeiro da resurrección / manancial da saúde. Ata é moi posible que o nome de "manacial da saúde" sexa un nome alegórico do caldeiro, non un manancial real.

O mito do caldeiro da resurrección é compartido polo mundo clásico da antigüidade. Podemos mencionar por exemplo o conto da maga Medea que rexuveneceu a Esón, o pai do seu amado Xasón, matándoo e bañándoo nun caldeiro onde previamente botara todo tipo de ingredientes máxicos (Ovidio - Metamorfoses). A mesma Medea rexuveneceu un carneiro ante Pelias e as súas fillas, do mesmo xeito, para invitar as mulleres a matar o seu pai, supostamente co obxectivo de resucitalo a continuación sacándoo rexuvenecido do caldeiro; mais trala morte de Pelias por parte das súas fillas, Medea fuxe sen completar o ritual coa resurrección, xa que só pretendía asasiñar o anciano.

Ilustración do "Medea's miracle". (C) W.M.L. Hutchinson, The Golden Porch. A Book of Greek Fairy Tales, 1914.

Tamén no mito de Triptólemo, relacionado co culto mistérico de Deméter e Perséfone, que como tódolos cultos mistéricos pretendía que os seus devotos acadaran a tranquilidade que dá a crenza, que non certeza, nunha vida mellor no Alén, a deusa nai colocaba tódalas noites ó bebé Triptólemo ó lume para endurecelo e convertilo así en inmortal.

A feiticeira Medea (identificada pola etiqueta "METAIA") rexuvenecendo o seu amado Xasón no caldeiro máxico. (C) Gravado nun vaso do Museo Nazionale Etrusco di Villa Giulia, fotografía de Laura D'Erme, 2020.

Conclusións


A Lei Sálica aporta probas da crenza no século V nun ritual máxico levado a cabo polas strigas ou feiticeiras (bruxas) cun caldeiro no que se cociñaba algo sen determinar e que era transportado por un oficiante especial, "O do Caldeiro". Os exemplos que temos aportado na entrada sobre o Voo nocturno, nos que A Compaña se define como xuntanza de bruxas, maila presenza nestas procesións, que doutra banda amosan o seu carácter funerario, do oficiante* chamado "O do Caldeiro", lévanos a relacionar o ritual da Compaña cos mitos da antigüidade clásica e bárbara do caldeiro da resurrección, coñecido pola posible representación del na diadema de Moñes (Idade do Ferro do noroeste peninsular), os textos do Mabinogi de Branwen e da Segunda Batalla de Maige Tuired, ou o mito clásico das resurreccións no caldeiro da maga Medea.

Deste xeito, no mito da Compaña imbricaríanse harmónicamente a presenza das bruxas (meigas, feiticeiras) no seu voo nocturno para acudir á xuntanza (aquelarre / sabbat) e a procesión de oficiantes que portan o caldeiro máxico, mailos defuntos, dentro do mito céltico do caldeiro da resurrección, ritual escatolóxico executado polas magas (sen atender ó seu sexo, menciónanse como médicos / meigos nos textos celtas), cecais orixinariamente deusas ctónicas e nocturnas (Ataegina - Proserpina, Hécate - Diana).

________________________________________________________________________

* A personaxe encarregada de portar o caldeiro aparece tamén nos Procesos de fe de brujas (AHN, século XVII): "la dicha Marijoan de Marichalar tenía por su quenta y cargo de llevar a los aquelarres y volver de ellos la dicha olla" (px. 793 do visor da web de Pares).

No hay comentarios: