jueves, 31 de julio de 2025

Trezenzonio e os immrama: observacións astronómicas do movemento solsticial

 

Miniatura cunha observación astronómica no códice 18 da Biblioteca de St. Gallen (ano 1000).

Grazas a Vila Botanes sabemos que o monxe Trezenzonio, protagonista da narración Viaxe á Gran Illa de Solstición (s. XI), foi o mesmiño San Xoán Tersón, santo ó que se lle tiña gran devoción en Tui e Portugal (Joel Varela, "Trezenzonio revisitado. Noticias históricas de su culto, estudio, edición y traducción del relato De Solistitionis Insula Magna", Hispania Sacra, 2022), e que ata aparecera mencionado nunha cantiga do xograr Golparro:

Mal faç’eu velida, que ora nom vou
veer meu amigo, pois que me mandou
que foss’eu con el ena sagraçom
fazer oraçon a san Treeçom
d’ir ei coraçom
a San Treeçom.
E non me devedes, mha madr’, a guardar,
ca, se lá non for, morrerei con pesar.

A súa festa era o 24 de xuño, xunto coa de San Xoán Bautista, como podemos ver no Gaiteiro de Lugo. Calendario gallego pro ano santo de 1935, data que vencella ós dous santos (o Bautista e Tersón ou Tresón) co solsticio de verán, e ata suxire que sexan un só santo solsticial: de feito, no século XVI a ermida anexa ó convento de Santo Domingo de Tui tiña a dobre advocación, adicada ós santos San Xoán e San Tersón (cfr. Varela, artículo citado).

Calendario do Gaiteiro de Lugo para 1937 coa data da festa de "Xohan Tresón, ermidao".

A data solsticial da festa de San Xoán Tersón, ou a característica de ser San Tersón unha antiga divindade solar, cristianizada como o seu dobre Xoán o Bautista, non se ten vencellado ata o de agora coa viaxe de Trezenzonio á Illa do Solsticio. Ó noso xuízo sería unha proba máis da equivalencia entre Trezenzonio e San Tersón: amais da semellanza entre os seus nomes, teriamos unha outra analoxía na viaxe que emprenden os dous cara o solsticio de verán, o momento no que o sol morre, pois os días comezan a ser máis curtos.

Seguindo unha idea suxerida por Serafín Moralejo, en realidade a "Illa do Solsticio" que visita Trezenzonio non tería sido orixinalmente unha illa, senón un punto astronómico do percurso solar. No mapa do Beato de Osma, de onde se tería sacado o nome da illa da viaxe de Trezenzonio, lese enmarcado nun cartel "Solitio Magna", o que indicaba o punto onde se producía o solsticio estival ("El mundo y el tiempo en el mapa del Beato de Osma", 1992).

"Solitio Magna" no Beato de Osma.

Letreiros ou indicacións deste tipo, como "hic ortus solis in aequinoctio", "occasus solis in natale Iohannis" (vencellando xa o solsticio con San Xoán) ou "hic ortus est sol" aparecen nos orbes astronómicos medievais e nos mapas como o do Beato de Osma, e é doado para alguén inexperto confundilos con illas.

Orbe astronómico medieval cos solsticios e equinoccios e disco solar central.
(C) Códice Bodmer 188 (ca. 1230).

Orbe medieval cos ortos e ocasos do sol no verán e no inverno. As distintas lonxitudes dos arcos marcan os percorridos solares máis ou menos longos segundo a estación.
(C) Manuscrito F III 15a do mosteiro de Fulda coas táboas astronómicas de San Isidoro (s. VIII-IX).

Semella que no relato de Trezenzonio e na figura de San Tersón se agochan mitos que  xurdiron de antigos coñecementos astronómicos relativos ó ciclo solar anual, que tiña carácter sacro por se concibir o astro como divindade. Na viaxe de Trezenzonio o sol personificado no monxe percorre o seu camiño cara o solsticio estival nunha barca, do mesmo xeito que se representaba na mitoloxía indoeuropea da Idade do Bronce (Valent, Jelinek e Lábaj: "The Death-Sun and the Misidentified Bird-Barge: A Reappraisal of Bronze Age Solar Iconography and Indo-European Mythology", Archeológia 31, 2021).

A interpretación astronómica como percurso solar anual cara o solsticio que estamos a propoñer para os immrama, xénero ó que pertence a viaxe de Trezenzonio, ven suliñada amais neste caso pola funcionalidade de obserbatorio coa que se amosa o faro Brecantium ó que ascende o monxe co obxectivo de utilizar o seu speculum (telescopio primitivo de lente metálica puída) para observar as zonas máis afastadas do océano que arrodeaba a Terra, tal e como era imaxinada na Idade Antiga.

Outra variante desta temática son as lendas dos santos chegados en barcas de pedra ás costas galegas, que nalgún caso, como na de San Xoán da Misarela (A Pobra do Caramiñal), conservan no nome do santo a súa cualidade solar. O Padre Sarmiento refería que "del rio Barbanza, que es mayor que el Folgoso, cuentan mil cosas, v.g.: que había allí un pozo sin fondo, en que se veían encantadores, etc., y que con truenos se cegó del todo. A la orilla del rio se ve una piedra que llaman el Barco, y dicen que en el vino San Juan y otras pataratas semejantes" (Fernando Alonso Romero: "La barca de piedra de San Juan de la Misarela", Cuadernos de Estudios Galegos, 1991). Hoxe a chegada de San Xoán en barca de pedra á Misarela atribúese a San Amaro, outro navegante solsticial na procura do Paraíso.

Doutra banda, a relación da viaxe solar coa morte, que Valente, Jelinek e Lábaj no artigo citado remiten á mitoloxía indoeuropea, pódese rastrexar con comodidade ata os coñecementos astronómicos que nos chegaron da Idade Media: as portas do sol (portas solis) eran as liñas imaxinarias dos trópicos de Cáncer e Capricornio, así chamadas polos físicos (astrónomos e xeógrafos); por elas se cría que transitaban as ánimas do Ceo á Terra, e voltaban ó Ceo dende a Terra (Macrobio: Comentarios ó Soño de Escipión, s. V).

domingo, 20 de julio de 2025

Merza: unha Marca Suevorum na Gallaecia

Resumo de parte da miña comunicación presentada onte no simposio "In extrema parte Gallaeciae. Os suevos da beira atlántica", organizado pola Asociación Cultural Reino de Galiza e desenvolto na sede de Espiral Maior Foro de Carballo.

De esquerda a dereita: eu, Guillermo Baños (Asociación Cultural Reino de Galiza), Xavier Canosa (organización e ponente), Miguel Anxo Fernán Vello (Espiral Maior Foro).

________________________________

O topónimo Merza nomea unha parroquia do concello de Vila de Cruces (A Coruña). A súa primeira mención atópase no Parrochiale Suevum (ano 569) ben como xentilicio, Mercienses, ou como Mercia. Ó norte de Mercia o Parrochiale Suevum, na súa versión primitiva ou orixinal, desprega un territorio baleiro no que non existían máis parroquias suevas dende Iria á sede dos britóns (Mosteiro de Máximo). 

Situación marxinal de Mercia (Mercienses) entre as distintas parroquias do Parrochiale Suevum: Sánchez Pardo, “Organización eclesiástica y social en la Galicia tardoantigua. Una perspectiva geográfico-arqueológica del Parroquial Suevo”, Hispania Sacra, 2014.

Neste territorio baleiro de parroquias suevas do N.O. de Galicia atopamos ademais outras características toponímicas e de índole diversa (p. ex. numismática) que van permitirnos expor a existencia dunha marca sueva na Galicia interior, isto é, un limes ou fronteira territorial entre os galaicos e os suevos, que posteriormente puido ser reutilizado nos conflictos entre suevos e visigodos.

1. Podemos comezar polo propio topónimo Mercia > Merza (Vila de Cruces), que provén do xermano *marka = limes, fronteira. Protoindoeuropeo *mereg, "borde, límite", que orixina o latín margo (marxe), o irlandés antigo mruig (fronteira), o persa e armenio marz (fronteira), o protoxermánico *marko > inglés antigo mearc, franco marka, nórdico antigo mörk.

Mercia > Merza é cognado do topónimo que nomeaba ó Reino de Mercia (en inglés antigo Mierce ou Myrce), reino medieval anglo-saxón lindante (fronteirizo) polo oeste cos britano-romanos ou celtas de Gales.

No control territorial romano no momento final da desintegración do imperio, época das invasións dos pobos xermánicos, tiveron moitísima importancia estratéxica os limes ou fronteiras imperiais, así como as tropas dos limitanei ("homes do limes") que controlaban os distritos fronteirizos. O feito de que o termo marcomanos (literalmente "homes da fronteira") fose un dos nomes que recibían os pobos xermanos dos suevos indicaría na nosa opinión que estes terían sido limitanei ó servizo do imperio romano. Marcomanos (xermánico Marckmänner latinizado) = limitanei (latín).

2. No N.O. de Galicia, no territorio trala marca ou limes de Mercia, non se atopa moeda de acuñación sueva, nin polo tanto visigoda, xa que logo cando os visigodos incorporaron o Reino dos Suevos á súa administración pasan a acuñar moeda nos mesmos lugares nos que previamente os suevos acuñaran a súa, cunha intención clara de reafirmación política ó incluír en moitas ocasións a lenda "VICTOR". As cecas visigodas acuñadas máis ó norte do Reino Suevo son as de Catoira (CATORA), Cuntis (CONTENO) e Merza (MERTIA), ó sur do Ulla, e cecais a de Valga ou Vea (VALLEGIA), amáis da de Lugo ó leste - v. Ruth Pliego: "Gallaecia en tiempos del Reino Visigodo de Toledo: sus emisiones monetarias", 2012.

3. No N.O. de Galicia está prácticamente ausente o topónimo SAA / SA / SAS provinte do suevo SALA, "corte, casa grande, pazo", que designaba os primitivos núcleos de poboación de orixe sueva que formaban a unidade menor de poboamento de base económica agrícola-gandeira que se espallaba polo rural da Gallaecia. A aparente excepción de Zas (Negreira) explicaríase porque non proviría de SALAS, senón do latín salice, "salgueiro", que daría salce > saz, como ulice > uz, logo correxido a Zas por supoñer que Saz era pronuncia seseante (Paulo Martínez Lema: A toponimia das comarcas de Bergantiños, Fisterra, Soneira e Xallas na documentación do tombo de Toxos Outos (s. XII-XIV), tese de doutoramento, 2010).

Distribución do topónimo Saa segundo a base de datos xeolocalizada Toponimia de Galicia.

4. E é nesta zona da provincia da Coruña e na parte contigua do noreste da costa lucense, onde precisamente se ubican cinco dos seis topónimos Suevos / Suegos de Galicia: concellos do Vicedo, Arteixo, Mazaricos, Ames e A Baña. O feito diferencial de utilizar o etnónimo suevos como topónimo indica a presenza de enclaves de poboación foránea nun territorio poboado mormente por poboación autóctona que era moi consciente de pertencer á etnia local fronte ós extranxeiros (os suevos). Estes cinco lugares poderían ter sido enclaves coloniais en lugares estratéxicos (portos e control dos accesos ás vías de comunicación comerciais) que as poboacións locais lles terían concedido ós suevos unha vez pacificada a totalidade da Gallaecia.

Distribución do topónimo Suevos / Suegos: Pol, O Vicedo, Arteixo, Mazaricos, Ames e A Baña.

5. A toponimia CUMBRAOS / CUMBRÁNS, que indica migrantes procedentes de Coimbra, límitase ós concellos de Mazaricos, Vedra, Silleda, Monterroso, Taboada e Lugo; moi preto da marca, ou tras ela. Supoñemos que a destrución de Coimbra (Conimbriga / Colimbria > xentilicio Colimbrianos > Cumbraos / Cumbráns) levada a cabo polos suevos no ano 468 provocou unha migración masiva das xentes da cidade que buscaron refuxio no norte da Gallaecia, a zona máis afastada do núcleo de asentamento primeiro dos pobos dos suevos (a Gallaecia Bracaranse). Segundo o bispo Hidacio de Chaves os habitantes de Coimbra foran dispersados, e a rexión e a cidade, asoladas polos suevos.

CONCLUSIÓNS


O propio topónimo Merza < xermánico *marka (fronteira), mailo feito de que no noroeste de Galicia non apareza ningunha parroquia mencionada no Parrochiale Suevum, nin salas ou sas como forma básica de ocupación do territorio por parte dos suevos, a ausencia de cecas suevas e visigodas, maila presenza dos cinco topónimos Suevos circunscritos a este sector como indicadores da procedencia foránea dos seus habitantes, fan do limes do Ulla - Merza unha marca xermánica, un limes interior no Reino Suevo da Gallaecia, que separaba os suevos do último reduto galaico. Cecais a fronteira estivese protexida funcionalmente polos castella tutiora que retiñan os galaicos, que lles serviron para facer fronte ás primeiras invasións suevas que depredaron "medias partes Gallaeciae" (Hidacio).

No paso do río Ulla, onde Mercia tivo unha ubicación estratéxica pola súa proximidade a Ponte Ledesma, ubícanse varios castelos cunha cronoloxía tardorromana e altomedieval que puideron integrar este limes fortificado e servir de control ós desprazamentos polas principais vías de comunicación: Castro Valente, Pico Sacro, Castro Lupario, Portomeiro... 

Limes romano fortificado de Isauria na Notitia Dignitatum.

martes, 1 de julio de 2025

Os "solidos gallicanos": a misteriosa moeda galega en forma de... vaca

Ramón Menéndez Pidal explicara erróneamente as ocurrencias da expresión medieval "solidos gallicanos" ou "gallicenses" como mencións a moedas de orixe franca (Orígenes del español, punto 93), pois gallicanos soa perigosamente á Galia se non se ten en mente á provincia romana da Gallaecia, futuro reino suevo da Gallaecia e, posteriormente, provincia do reino visigodo de Toledo ata principios do século VIII.

Mención a VIII sólidos "usu Gallecie" = dos que se usan na Gallaecia, nun documento de Sobrado do ano 962 (Cartulario del Monasterio de Santa María de Sobrado, Archivo Histórico Nacional, sinatura CODICES,L.977).

Mención a VII sólidos gallicanos, abr. GALLICAN, nun documento de Sobrado do ano 941 (Cartulario del Monasterio de Santa María de Sobrado, Archivo Histórico Nacional, sinatura CODICES,L.977).

Tódala documentación na que aparece esta moeda galiciense é, por descontado, galaica: os "solidos gallicanos" menciónanse en documentos de Celanova, Lugo, Sobrado, Braga, Guimarães e na diplomática astur, e para máis seguridade no documento de Guimarães (ano 924) especifícase que eses "solidos gallicarios" eran "usui terre nostre", é dicir, eran costume ou uso da nosa terra (Gallaecia), non das outras terras, nas que non aparece mención algunha a estes soldos. Hoxe ningún especialista dubida de que os sólidos galicanos foron unha moeda da Gallaecia, o problema estriba en que durante os séculos IX a XI non se acuñou moeda algunha, e pensar que puido reutilizarse moeda sueva ou visigoda acuñada previamente non é posible, segundo sostén Crusafont i Sabater, pois tense comprobado que as emisións van desaparecendo da circulación aproximadamente ós cincuenta anos da súa saída.

Segundo este investigador, o sólido galicano sería unha moeda ficticia, tamén chamada moeda de conta (Teixeira de Aragão), e cita a proposta de Gil Farrés: "en Asturias casi todas las transacciones se resuelven mediante el trueque de productos, pero según la pauta de la "moneda no metálica" [...]; un producto determinado se tomaba como referencia de valor para justipreciar los otros motivo de la operación [...]. Este sistema de intercambio también imperó en Galicia y norte de Portugal, siendo frecuente el empleo del "sueldo gallego" como unidad de referencia [...]. Es posible que en un principio dicho sueldo como réplica del sólido bizantino, se refiriese a la suma de trientes suevos o visigodos, pero en el siglo X ya sería una unidad imaginaria o bien el equivalente en plata, de acuerdo con el cambio del momento" (Crusafont i Sabater: "Significado y valor del "solido gallecano" (s. X-XI)", en Introducción a la historia monetaria de Galicia (s. II a.C. - XVII d.C.), ed. Cebreiro Ares, 2012).

Continúa Crusafont: "ha quedado claro que en Galicia y el norte de Portugal los naturales realizaban intercambios de productos comparando los valores de los mismos con un referente imaginario de origen monetario [...] Cabe preguntarse cual podía ser el referente físico de valor que mantenía esta unidad de cuenta". Baseándose nun documento de Celanova do ano 1005, no que se vende unha finca pola que se pagó "bove uno, linteos III in solido I, inter cibaria et vino solidos III et modios III, sub uno solidos callicenses V, modios III", despexa a incógnita do valor do boi en 1 soldo pois é que temos o total da suma (5 soldos galicienses e 3 modios) e o prezo dos sumandos: os lenzos 1 soldo, a cebada e o viño 3 soldos e 3 modios. E conclúe así: "el hecho de que no se considere necesario indicar cual es el valor concreto del buey demuestra que este valor se da por conocido. El referente del solido gallecano era el buey y en otros casos la vaca, como se ve en otros documentos del mencionado Tumbo de Celanova [...] La falta de moneda no significó un retorno automático a la economía natural y a los cambios simplemente a trueque, sino que, si bien las transacciones se realizaban con intercambio de especies, todas ellas tenían como referencia un valor monetario".

Nós discrepamos co final do razoamento de Crusafont, con esa negación do retorno á economía natural e de troco. Nun documento de Celanova do ano 1000 localizamos outro destes intercambios nos que se reflicte mellor aínda o feito de que o solido gallicano era unha moeda non metálica de carácter pecuario. Alvito e a súa muller véndenlle ó mosteiro varias vilas e terras "in VIII soldares kalicenses pretium iustum, id est bove uno, vacca I, in cibaria et vino et pannos in solidos VI, vos nobis dedistis et nos accepimus" = en 8 soldos galicienses, é dicir, 1 boi, 1 vaca, e cebada e viño por valor de 6 soldos (6 bois ou vacas).

Esta moeda non metálica de carácter pecuario ou bovino (no Tumbo de Celanova repítese como moeda de cambio a frase "vacca soldare", derivado de solidus) merece moita máis atención que a que lle presta Crusafont. Dende logo que non nos parece que estea baseada nas moedas metálicas romanas, nin nas suevas ou visigodas, nin que se poida falar de moeda imaxinaria ou de conta, senón que remite para atrás, a sociedades que practicaban a venda ou troco a partir da moeda pecuaria (o pecus ou gando fora indicador da riqueza, de onde deriva o termo pecuniario co sentido moderno de diñeiro en metálico). 

Na Irlanda a bó mlicht, a vaca leiteira co seu becerro, fora a unidade básica ou divisa (currency) dos trocos e pagos no sistema monetario non metálico dos irlandeses (Fergus Kelly, Cattle in Ancient Ireland, 2016): a maior parte dos pagos expresábanse en gando ata ben entrado o século XIV, igual que aquí. Unha vez coñecido o sistema, pódese rastrexar en multitude de exemplos, nos que o prezo ou valor expresabámolo en vacas, e facíanse vendas pagando o prezo en gando: 

905 Diplomática astur: "et accepimus de uos in precio una uaca laura"
930 León: "et acepimus de uos pretium obtimum uaca sirca alba"
935 Celanova: "et accepimus de uos precio uaca una colore rubea mostila"
941 Celanova: "et accepi de uos precio aderato uaca soldare colore laurea"
950 Celanova: "precium mulo et mula, boves II, pelle valente duos boves, una vaca, cibaria VIIII modios et XX sestarios de sizera; fiunt sub uno XVIII boves solidares"
1020 Braga: "et accepimus de vos pretium una vaca media cum sua filia"
1356 Sobrado: "de una layra de Fugio et aliam integram de Pinario pro una vaca cum filio et duabus ovibus"

A orixe deste sistema no que o gando é a base monetaria dunha sociedade é moi antiga, na Iliada un trípode de ouro que se ofrecía como premio nos xogos funerarios de Patroclo valorábase en 12 bois (duōdekaboios). A expresión do grego clásico πολυβούτης, "de moitos bois", non significaba outra cousa que "rico" (Gerión, rico en gando). O prezo da noiva calculábase en vacas en Albania ata non moito, e aínda hoxe en Galicia quedou o costume das mozas preguntaren como chacota ós mozos que lles fan as beiras cantas vacas teñen (se non son suficientes para pagar o prezo que vale a moza, o home pode ir marchando...). O gando bovino dos masai e doutros pobos africanos é a base da súa riqueza e a moeda non metálica para os pagos e intercambios. E outra etimoloxía, a do inglés cattle (gando), que remite ó latín capitia, "cabeza de gando, res", é tamén orixe do termo capital, "riqueza".

A orixe da escritura foi primeiramente unha notación da riqueza expresada en vacas.

Semella polo tanto que o solido gallicano, a moeda non metálica ou moeda pecuaria (moeda-vaca) galaica, utilizada en Asturias, Galicia e norte de Portugal ata o século XI (e máis aló se temos en conta a casuística nas que só se expresa o gando como moeda), non herdou dos sistemas metálicos previos (romano, suevo e visigodo) máis que o nome co que se aludía ó seu carácter e valor de moeda de cambio (solidus). Polo demáis funcionaba como a bó mlicht irlandesa, divisa básica bovina dos pobos célticos que non coñecían ou non utilizaban o diñeiro en metálico.