A espada do magister militum Pedro Fernández de Castro, primeiro mestre da Orde de Santiago
O signo co que Pedro Fernández confirma o documento de 1173 (tombo de Sobrado) é unha espada que leva baixo a empuñadura, como cuncha protectora da man, unha peza metálica traballada en forma de cuncha de vieira. A firma indica "Petrus Fernandi magister iacobitanorum militum" = Pedro Fernández, mestre da Orde Militar de Santiago. Polo seu nome e o título de magister militum, que ostentaba dende o ano 1171 ("Petrus Fernandi magister militum S. Jacobi" - CODOLGA), sabemos que se trataba do fundador da Orde de Santiago, Pedro Fernández de Castro "Potestade", nado en Benavente e de liñaxe controvertida; hai quen sostén que o seu pai era fillo natural do rei García de Galicia.
Neste caso parécenos moi relevante a temperá utilización do símbolo da vieira, vencellada ó Apóstolo Santiago, como primeira seña de identidade da Orde Militar de Santiago, antes que a cruz de Santiago.
O puñal de antenas atrofiadas do cartulario de Xubia
Nun documento do século XI do cartulario de Xubia (Portal de Arquivos - PARES) a letra I que abre un párrafo debúxase en forma de coitelo (segundo Santiago Montero, en "La colección diplomática de San Martín de Jubia", Boletín de la Universidad de Santiago de Compostela, nº 25, 1935). Na nosa opinión o suposto coitelo sería máis ben un puñal ou espada curta de antenas atrofiadas, ó rematar a empuñadura nesas boliñas, botóns ou espirais compactas, que serían as antenas atrofiadas. A decoración en franxas da empuñadura podería estar a representar o mesmo tipo de decoración nielada, alternando en franxas, que leva a espada de antenas atrofiadas do Raso de Candeleda (Ávila). A folla do debuxo de Xubia ten un ar afalcatado e semella que tería unha nervadura central en resalte, pintada con esa cor máis clara, broncínea.
Espada de antenas atrofiadas do Raso de Candeleda (Ávila). (C) Museo de Ávila.
Neste caso resulta máis difícil xustificar a elección do modelo de arma para facer o debuxo do I inicial dun documento do século XI, pois non responde a ningunha arma da época; os puñais e espadas de antenas levaban un milenio sen se utilizar, sendo propios da Idade do Ferro. A hipótese máis verosímil é que cecais os frades de Xubia fixéranse cun, que algún dos seus colonos puido ter atopado nun dos castros da zona de Narón, e gardaríano como obxecto de grande antigüidade.
Respecto do uso simbólico das armas do pasado, non fai moito presentárase a investigación de Key, Clark, DeSilva e Kangas identificando un bifaz no díptico de Melun, de Jean Fouquet ("Acheulean handaxes in medieval France", Cambridge Archaeological Journal, 2023). Os autores concluían que os machados prehistóricos puideron ter na Francia do século XV un rol simbólico (relixioso, cultural) por se considerar obxectos especiais, cecais de carácter sobrenatural, pedras do raio (ceraunias).
No hay comentarios:
Publicar un comentario