Moito se ten esbardallado sobre a primeira palabra da literatura occidental, a μῆνιν (mēnin) coa que comeza a Iliada homérica. Non hai consenso absoluto sobre o significado exacto de mēnin, pero este sempre se considerou por parte da crítica (filólogos e historiadores), xa dende a antigüidade, un estado de ánimo que caracterizaba ó protagonista, Aquiles, e que oscilaba entre a cólera ou ira, a manía como estado mental merecedor dun estudo psiquiátrico, ou a depresión / melancolía.
Un exemplo de reflexión trillada e conclusión dramática sobre a cólera (de Aquiles) como primeira palabra que inaugura a literatura en Occidente pode ser a que nos deixa Irene Vallejo, que sen dúbida repite outras previas de cariz semellante: "la primera palabra de la literatura occidental es "cólera" (en griego, ménin). Así empieza el hexámetro inicial de la Ilíada, sumergiéndonos de golpe, sin contemplaciones, en el ruido y la furia" (El infinito en un junco, 2019). Polo que parece, a literatura occidental iniciouse poñendo de relevo o furor do guerreiro cun termo agresivo e cargado de testosterona, dada a relevancia da primeira palabra dos cantos épicos, que viñan tendo a función que cumpren os títulos nos libros actuais. Esa carraxe, esa rabia, estaría presente en todo o poema, que ía estruturado, pois, en torno ó furor de Aquiles que xa se anunciara dende o seu comezo.
E, se ben o poema da Iliada na súa totalidade céntrase na narración da guerra de Troia, describindo varios episodios bélicos protagonizados polos heroes testosterónicos e schwarzeneggerianos da antiga civilización patriarcal grega, a súa primeira palabra μῆνιν (mēnin) podería non ter nada que ver con esta temática da furia do guerreiro. É o que imos tratar a continuación.
A MEMORIA NA LITERATURA ORAL
Non esquezamos que a Iliada e a Odisea non son propiamente literatura para quen se ateña á definición academicista, pois son composicións pertencentes ó xénero da epopeia, que xurdiron na oralidade antes da invención da escritura. Como é ben sabido, Homero non sabía ler nin escribir, e hoxe sería considerado un analfabeto. Neste mundo preliterario a transmisión xeracional ininterrumpida das historias, lendas e feitos do pasado baseábase exclusivamente na memoria, na capacidade de retención do que se escoitaba, utilizando técnicas de memorización e recuperación dos datos memorizados baseadas no ritmo imprimido ós sons, nas xesticulacións que acompañaban o recitado e no transo ou concentración (semellante ó transo dos xamáns).
No mundo grego existían auténticos especialistas, os aedos, que se exercitaban dende pequenos na memorización de longuísimas composicións, dun xeito moi semellante ó que sucede aínda hoxe na transmisión oral do ciclo épico do Manas do Kirguistán. O famoso manaschi ou aedo Sayakbay Karalaev foi capaz de reter ata 600.000 versos do Manas. Na opinión do especialista Robin Lane Fox, o recitado da Iliada ou da Odisea tería sido moi semellante ó do Manas (entrevista a Robin Lane Fox: Homero no sabía leer ni escribir - La March, 2025).
No hay comentarios:
Publicar un comentario