lunes, 20 de diciembre de 2021

Xaniño pelica de ovella e o chifre máxico: xamanismo paleoeuropeo no arco atlántico

Imos analizar o conto Xaniño despido, pelica de ovella, fornecido por Lois Carré Alvarellos (Contos populares da Galiza, Porto, 1968) e que pertence ó tipo ATU 592 ("The dance among thorns" = "A danza entre espiños"). Fora recollido polo autor en Barbeito - Santaia de Cañás (Carral).

Lamentablemente o tipo 592 cítase sempre en estudos vencellados ó antisemitismo, pois nunha das versións máis coñecidas é un xudeu a personaxe que se ve impelida a bailar sen parar ó son do instrumento musical máxico, dándose a circunstancia de estar rodeado de espiños, có que a danza interminable convértese nun suplicio doble. A nosa versión maila súa xemelga irlandesa que imos comentar en paralelo, non pertencen a esta liña evolutiva do conto base; nelas trátase simplemente do motivo do instrumento musical capaz de facer que as persoas e os animais bailen sen parar mentres escoitan o seu son. 

Na versión galega o noso Xaniño vai en coiros, como noutras ocasións, ata que a súa ovelliña morre esmagada por unha árbore... Entón pasa a vestir a pelica da súa compañeira (1). Vai á Corte desta guisa tan impropia, para tentar casar coa atristada filla do rei, se é que logra facer que ría, e leva con él uns obxectos máxicos que lle foron entregados por persoas ás que axuda durante a viaxe: unha moca e un chifre. A moca é capaz de vencer sempre os inimigos, e o chifre ten a capacidade de facer bailar sen parar a quen o escoite. Na Corte, Xaniño fai rir á filla do rei collendo un cabaleiro e alzándoo no ar como se fose un boneco, e logo ten que empregar a moca có resto dos cabaleiros que saen a defender o seu compañeiro. O rei, que non quere darlle a filla en matrimonio, quítalle a moca mentres durme e ordea aforcalo: "atárono con moitas cordas, e amañaron de o enforcar; cando acordou, tíñano para encolgar da ponla dun carballo; soio a principesa ollábao con un aquel de tristura, e foi a ela a quen lle pediu tirarlle o chifre do peto e poñerllo na boca: Virxe querida!, que maneira de brincar todos, homes e bestas, cás e todo: brincaban atolecidos, e tanto bailaron, tanto bailaron, que xa non podían mais os corpos".

Xaniño atado con moitas cordas vai ser aforcado dunha póla, mais có son do chifre

fai que todos comecen a bailar, ata as vaquiñas. (C) Andregoto Galíndez, 2021.

Na versión irlandesa que eliximos dentre todas as que aparecen na base de datos da National Folklore Collection (The magic harp, 1937, fornecida por Mrs Mc Intyre, de Mayo) o protagonista chámase Seán, que ven sendo o mesmo nome que o Xan galego. Tamén quere ir á Corte para coñecer a filla do rei, mais non ten roupa apropiada; cada vez que vai á feira a vender unha vaca para mercar un traxe atopa un home que lla cambia, na primeira ocasión por unha harpa, na segunda, por unha cachaporra (bata buide). Logo de chegar á Corte ten que se defender do guarda usando o bate, e finalmente consegue que a filla do rei sorría cando toca a harpa e todos comezan a bailar.

Segundo a teoría de Propp, trataríase do típico conto marabilloso no que se agocha un relato prehistórico iniciático dun xoven ata chegar á fase final do matrimonio. Nel aparecen os axudantes que lle entregan os obxectos máxicos, entre os que destaca o instrumento musical cuxo son obriga a bailar ós homes e ás bestas.

É precisamente o mitema da capacidade da música de obrigar ou persuadir a persoas e animais a comportarse dun determinado xeito, de ser obedecida, o que será obxecto da nosa atención. Pois sucede que a música nas sociedades gandeiras primixenias é unha técnica esencial no control do gando.

Na obra de Carole Pegg (Mongolian Music, Dance, & Oral Narrative: Performing Diverse Identities, 2001 - cun CD) trátase das técnicas musicais empregadas na Mongolia para manexar o gando, conducilo, tranquilizalo, etc., inclusive para que dea máis leite, ou non rexeite ás novas crías e as aleite. A música nestas sociedades é unha súper linguaxe capaz de establecer comunicación cós animais, os fenómenos naturais e os deuses. Entre as diferentes modalidades: silbidos, canto de gorxa (höömii) pola súa capacidade de alcanzar grandes distanzas de ata 3 kilómetros, cancións... É chamativo que cando un camelo non quere alimentar á súa cría, tócaselle unha canción especial acompañada do violín; din que foi composta por un vello que viviu no tempo no que se coñecía a lingua dos animais. Violín e flauta tócanse tamén para acalmar os cabalos e camelos inquedos.

Resulta evidente que a música, esa súper linguaxe do chifre de Xaniño, ten a mesma capacidade de persuasión sobre os animais (homes e bestas) que a estudada por Pegg nas sociedades gandeiras primixenias, polo que a época na que o relato se formou tería como base unha sociedade gandeira onde se controlaba o gando, cecais aínda non totalmente domesticado, con técnicas musicais baseadas ou xurdidas do xamanismo (comunicación cós espiritus animais mediante a música). Isto, unido á vestimenta prehistórica ou vencellada ó xamanismo (de pel) do noso protagonista, e á súa arma (unha cachaporra), sitúa a iniciación do xoven nun momento moi recuado, onde previsiblemente teríanse instruído estes no control das grandes mandas de hervíboros coas técnicas anteditas, para finalizar a súa formación como adultos có matrimonio. Todo elo quédanos moi lonxe, mais sobreviven retazos fosilizados nestes contos populares marabillosos que poden remontarse milleiros de anos atrás.

Os topónimos Chamadoiro ou Chamadoira


Nesta liña de investigación sobre etnomusicoloxía aplicada a gandeiría, pensamos que o topónimo Chamadoiro (varios en Galicia segundo a base de datos de Toponimia de Galicia) ou Chamadoira (Cerdedo) podería ter identificado lugares dende os que se chamaba ó gando: outeiros que permitirían a proxección da voz longas distancias, como sucede noutras modalides de canto dirixido a retornar ó gando á ameixoada, por exemplo nos Alpes (có yodel, coñecido por formar parte da banda sonora da serie de debuxos Heidi) ou en Suecia (a modalidade do kulning). A importancia da proxección da voz longas distanzas e a súa resoancia ou eco, en relación có manexo do gando (neste caso, as bestas de carga), témola documentada no canto do arrieiro grabado por Alan Lomax: "u cantar du arrieiro ei un cantar moi baixiño, cantanlu en Ribadavia, resona nu Carballiño, mula!". O que non deixa de ser unha esaxeración, pois están distantes 20 km, mais dá conta da importancia da proxección dos sons cando se lles canta ós animais.

(1) Os xamáns e xamás altaicas levan roupa cerimonial feita por eles con pel de ovella ou cervo, de acordo con soños específicos (Ardi Kia: Central Asian Cultures, Arts, and Architecture, 2018, px. 33).

No hay comentarios: