jueves, 13 de enero de 2022

Bidentes

Que o señor Pepe do Curro é un dono do gando, un lord of cattle de raigame, xa estaba moi claro para nós cando nos fornecera a explicación do que era unha revolta. Agora resólvenos indirectamente un outro enigma ó explicarnos o sistema para coñecer a idade das vacas polos dentes: que era, na relixión romana, unha víctima bidente destinada ós sacrificios, e por que os sacerdotes que oficiaban estes se chamaban bidentais?

"As vacas nacen con oito dentes pequeniños abaixo, arriba non teñen dentes. E ós dous anos cáenlles os dous do medio (están de mamotes), logo sáenlles no oco dous dentes definitivos (están de palletas), logo outros dous máis un a cada lado das palletas (están de medio dente)... logo están de seis dentes, e cando tiñan oito dentes estaban cerradas, coa dentadura completa. Despois non había forma de saber a idade das vacas, ó non ser polo desgaste" (1).

O gando bidente no mundo romano, como no noso, era o que estaba de palletas, é dicir que xa lle saíran os dous primeiros dentes definitivos e comezara, polo tanto, a deixar de ser unha cría, un xato, no caso das vacas. Tiña, polo tanto, máis de dous anos.

No século II o urbanita romano Aulo Gelio ó escoitar unha explicación semellante sobre as ovellas bidentes ("que tiñan dous dentes") non daba creto ó non saber que a referencia a eses dous dentes era polos dous primeiros definitivos, meirandes que os de leite. Aulo Gelio imaxinaba unha ovella con só dous dentes e escachaba coa risa (Noites Áticas).

Xuvenca, vaca bidente ou que está de palletas.

(1) Transcrición da grabación fornecida polo seu neto Manuel Ruibal.

No hay comentarios: