viernes, 28 de enero de 2022

Divisoria de augas ou camiño natural Landro - Ouro. As turbeiras do Xistral

Moi preto de Erbellás (Ourol) a promotora Desarrollos del Malache (Zaragoza) prentende construír a balsa superior dunha central hidroeléctrica reversible, agora mesmo en tramitación por parte do Estado: "Anteproyecto de central hidroeléctrica reversible Xistral: Términos Municipales de O Valadouro, Ourol, Alfoz, Cervo y Xove (Provincia de Lugo)". Mais o feito de que se califique enganosamente de reversible, non quere dicir que se vaia reverter en dez ou vinte anos; reversible refírese só ó ciclo da auga coa que funcionaría.

En fin, o que tería que ser unha paisaxe, o Xistral, dotada da máxima protección polo seu valor ecolóxico - zona de turbeiras que son reservorios naturais de carbono - vai presuntamente destruírse.

Luis Gómez-Orellana, Boris Hinojo Sánchez, Marco Rubinos Román, Pablo Ramil-Rego, Javier Ferreiro da Costa e Carmen Cillero Castro indican no seu estudo adicado ás turbeiras do Xistral que "la existencia del hábitat de interés comunitario Turberas altas degradadas que todavía pueden regenerarse de manera natural (Nat-2000 7120), motiva que sea necesario recuperar ese espacio como reservorio. En todo caso, resulta paradójico que para lograr el fomento de energías renovables que no producen emisiones directas de CO2 a la atmósfera, encaminadas al cumplimiento de los objetivos de lucha contra el calentamiento global, se destruyan ecosistemas que funcionan como reservorios de carbono y que constituyen el mayor reservorio a largo plazo del Noroeste de la Península Ibérica" ("El sistema de turberas de la sierra de O Xistral como reservorio de carbono, valoración, estado de conservación y amenazas", Bol. R. Soc. Esp. Hist. Nat. Sec. Geol., 108, 2014).

O equipo autor do proxecto da central hidroeléctrica reversible, os asturiáns Taxus, di que a balsa superior obxecto desta entrada no blog vai nun "terreno sin uso económico, salvo una mínima parte agrícola y forestal, formado por bosque y matorral principalmente". Iso non é así, basta entrar no Visor do Catálogo das Paisaxes de Galicia e cargar a capa Unidades da Paisaxe - Cuberta, para ver que o espazo que pretende ocupar a balsa superior da central, ó leste de Erbellás, no Chan de Vilacampa, está marcado como turbeira. Non pode, polo tanto, autorizarse a instalación nun terreo sensible e dotado de protección legal ó ser un hábitat vital e de intererese comunitario do tipo Turbeiras altas degradadas que aínda poden rexenerarse de maneira natural (Nat-2000 7120).


Zona de turbeiras do Xistral segundo o estudo citado de Gómez-Orellana et. al.

Polo tanto, aínda que o Xistral non estea protexido coa súa integración efectiva na Rede Natura, de facto estao pola directiva citada que se desenvolve no "MARCO DE ACCIÓN PRIORITARIA (MAP) PARA NATURA 2000 en GALICIA con arreglo al artículo 8 de la Directiva 92/43/CEE del Consejo relativa a la conservación de los hábitats naturales y de la fauna y flora silvestres (la Directiva sobre los hábitats) para el marco financiero plurianual para el período 2021-2027" da Consellería de Medioambiente da Xunta de Galicia. O proxecto así formulado nesa ubicación non é viable legalmente.

Por se fose pouco, ó feito de ser un terreo de turbeira, engádese que a pretendida ubicación da balsa (marcada neste mapa cun ariño verde fosforito) vai nunha paisaxe caracterizada por ser unha divisoria de augas entre as bacías hidrográficas dos ríos Landro e Ouro, un camiño natural, tamén dotado de protección.

Estas vías naturais de tránsito conformadas pola topografía fluvial das nascentes, que regulan os acuíferos, van sempre acompañadas das pegadas dos nosos devanceiros. Teñen, porén, altísimo valor etnográfico e histórico. A divisoria aparece inzada, como sempre, de castros (estreliñas vermellas), necrópoles tumulares, petróglifos ou estelas megalíticas (estreliñas verdes). Pasamos a enumeralos segundo van sinalados no mapa dende o Pau do Lamoso ata o Pau da Vella, seguindo o catálogo de bens inventariados por Patrimonio da Xunta de Galicia:

  • Mámoa das Pedragosas
  • Petróglifos e mámoas de Chao de Sinás
  • Mámoas de Chao da Arca, da Modia e do Coto do Carballo - na periferia de Curbel, arqueotopónimo que podería ter como referente un antigo curro ou asentamento prehistórico que se debuxa perfectamente no mapa do Voo Americán de 1956-57.
  • Os Castros de Vilacampa - estreliña vermella sobre o proxecto da balsa superior.
  • Mámoas do Chao de Moil
  • O Pau da Vella (estela antropomorfa neolítica - fotografía incluída no mapa)
Recinto oblongo do Curbel xunto das mámoas de Chao da Arca.

O paradoxo que comentabamos arriba, da enésima pretensión de expolio irreversible, ecolóxico, histórico e etnográfico, que vai arrasar có noso territorio enmascarado tralo sacrificio en prol das enerxías renovables, ten que ter un límite na sensatez.

Pretendida ubicación da balsa superior nunha captura do Visor de Aproveitamentos Forestais da Xunta de Galicia; amósanse as zonas de exclusión riscadas con liñas laranxas clasificadas como "Parques, reservas e monumentos naturais, ZEPA, áreas prioritarias de especies ameazadas e hábitats sensibles".

No hay comentarios: