martes, 4 de enero de 2022

Ramo da sementeira e recitado para a bendición dos campos

Ramo da sementeira, segundo descrición de Lisón Tolosana.
(C) Andregoto Galíndez, 2022.

Para felicitar o Aninovo ós lectores do blog, un ramiño máis da nosa colección. É o ramo do fin da sementeira que fora descrito por Carmelo Lisón Tolosana ("Modulaciones rituales. La aldea gallega", Revista española de la opinión pública, 1971) cando recolleu as tradicións vencelladas ás labores do campo no Adro (San Martiño de Rodís - Cerceda).

Unha póla de loureiro adornada con castañas vai chantada no último carro que leva o toxo e o estrume fumegante á eira onde se sementou o millo o 11 de novembro, polo San Martiño. Ó chegar o carro á eira, un xoven da parroquia puña o ramo no sulco diante da moza que máis lle gustaba. Na nosa opinión trátase dun ritual de fertilidade dos campos e persoas. Os rituais, seguindo a Lisón, continuaban á tarde despois de xantar cun xoguiño que tentaremos non considerar violento dende a perspectiva de xénero actual, pois é que era unha tradición que as partes aceptaban e non se facía dano algún a ninguén: os homes levaban ás mulleres á corte e elas resistíanse a ir, agarrándose a calquera cousa con forza; ás veces era un home o que era conducido á corte por varias mulleres. É sen dúbida parte do mesmo ritual de fertilidade, simulando agora un episodio semellante cecais ó mito do rapto das Sabinas.

A bendición dos campos

Moi preto, en Carral, o noso informante o señor Pepe do Curro (de 96 anos de idade) fálanos dun outro ramo, o ramo de olivo bendicido o Domingo de Ramos. Gardábase o ramo de olivo, e logo facíanse cachiños del e levábanse ós sembrados (patacas, maínzo, trigho, liño) para bendicir as colleitas mollando a ramiña en auga bendita como se fose un hisopo, e dicindo mentres se asperxían os campos:

Marcha, corta,

marcha, corta,

marcha todo comichón,

que aí ven a auga bendita,

mailo ramo da paixón! (1)

Logo deixábase a ramiña chantada na terra.

(1) Transcrición da grabación fornecida polo seu neto, Manuel Ruibal.


No hay comentarios: