Uns topónimos que nos chaman moito a atención en Soandres (A Laracha) son os de Trexezo ou Trixezo e A Orraca, xunto del.
A forma máis antiga do topónimo que temos localizado, Casares de Trajesso, aparece no Libro que contén as rentas que se pagan a este Real Mosteiro de San Martiño, desta cidade de Santiago, nos prioratos de Moraime, Ozón, Baíñas, Cánduas e Soandres, do ano 1697, folio 191r. (Arquivo Histórico Universitario de Santiago - signatura ES.GA.15078.AHUS/2.3.10.17.1.//728). No mesmo folio tamén aparece o Casal de Orraca, e déixase constancia de que a orixe do foro de Soandres neste lugar remonta cando menos ó ano 1402.
Nos mapas máis antigos o nome do segundo tamén figura como Casal de Orraca, polo que é probable que Orraca fose o nome da dona do casal, nome medieval de orixe xermana que adoita aparecer como Urraca ou Orraca na documentación. Non sería, pois, un hidrónimo (base paleoeuropea *UR-, "auga"), aínda que no lugar existe un nacedoiro ou manantial, nin tampouco un derivado do latín horrea, "celeiro".
Traxezo e Casal de Orraca nas Minutas Cartográficas do IGN.
Polo que respecta a Trexezo ou Trixezo, situado entre O Pazo e A Orraca, á veira dun vello camiño que viña do cruce da Meda ou Chousa da Cruz (marcado cunha estreliña azul), inclinámonos a pensar que é o resultado do latín transitium, "lugar de paso, situado nun traxecto". A evolución de trans a tras é a apropiada para as linguas románicas, logo a sibilante de *Trasezo acabaría por palatalizar ó estar diante dunha vogal co punto de articulación na parte anterior da cavidade bucal: Traxezo. Diversos xogos de armonización vocálica ou provocados pola metafonía, rexistrados nas cartas e documentos que manexamos, garanten a variabilidade do vocalismo átono inicial do topónimo: Traxezo / Trexezo / Trixezo.
A forma transitius rexístrase nos documentos máis antigos de Galicia: "per transitius flumen" = "seguindo o percorrido do río" (ano 871, Lugo).
Estariamos, pois, ante un odónimo, un topónimo viario; hipótese que ven soportada pola situación do lugar nunha vía de tránsito que partiría dende a Chousa da Cruz, onde apareceu unha interesante pedrafita (en estudo, atopada por Masús, da Laracha), e chegaría ó Pazo, punto esencial na configuración do territorio gandeiro galego dende o Neolítico. Non obstante, no deseño do percorrido do camiño non podemos perder de vista que moi preto se atopa o lugar da Brea (do latín vereda) que indica a existencia doutro camiño principal ou vereda antiqua, como adoitaban denominarse as calzadas na documentación medieval, mormente as romanas; con este camiño principal enlazaría o camiño secundario de Trixezo.

Trazado hipotético da calzada romana ou camiño real que viña dende A Mariña cara Bergantiños, ó seu paso por Soandres e Golmar. No esquema inclúense fotografías do miliario romano de Santiago de Vilaño e da ara romana do mosteiro de Soandres, tomada esta última do Catálogo Monumental da Provincia da Coruña, de Rafael Balsa de la Vega (1908-1912).
Máis datos inéditos sobre a vereda antiga que viña polo lugar da Brea atopámolos nun documento de 1632 no que se fala do Camiño Real que comunicaba A Mariña con Bergantiños, e xusto pasaba por Lamas (Golmar): "y luego habiendo visitado el dicho lugar del Casal de Lamas, halló que dicho lugar se demarca dende un marco que está en el Camino Real que va de la Marina para Bergantiños". O marco no camiño real seguramente fose un miliario romano reaproveitado, como o que se custodia hoxe na cercana igrexa de Santiago de Vilaño. O miliario de Vilaño, e maila ara romana que aparecera no mosteiro de Soandres reutilizada baixo o altar, serían indicios para varios autores (Rosa Mª Franco Maside, Antón Malde) do paso da vía romana "Per Loca Marítima" polo concello da Laracha. Segundo a nosa opinión, o Camiño Real da Mariña a Bergantiños do documento de 1632 seguiría a devandita calzada, que transcorría pola aldea de Lamas (Golmar) pasando pola Brea cara o lugar no que logo se fundaría o mosteiro de Soandres; non moi lonxe do castro de Santa Baia, onde se teñen atopado vestixios dun campamento romano estacional. No nome do camiño real, xa que logo, figura a conexión coa Mariña, que sen moita dúbida remite ó feito de que a calzada romana transcorría "Per Loca Marítima", pola Mariña.
Mención ó Camiño Real da Mariña a Bergantiños no libro San Martiño: libro 17 de apeos de varios escribanos (1632-1671), folio 1 v. (Arquivo Histórico Universitario de Santiago, ES.GA.15078.AHUS/2.3.10.11.//571).
2 comentarios:
Os nomes dos lughares son coma os camiños. Así que vai un andando van cambiando. O mesmo que as palabras, a seghun van indo no tempo van mudando. Ghraciñas por achegharnos a origen dos nosos topónimos.
Unha apreta
Ghraciñas a ti, por amosarnos o belísimo patrimonio da Laracha.
Publicar un comentario