sábado, 31 de octubre de 2020

O Ceao / O Xián / O Ceán

 

Alto do Ceán ou do Xián en San Cremenzo de Pazos (Zas). (C) Visor PBA da Xunta de Galicia - capa do Vóo Americán de 1956-57.

A chave da etimoloxía que imos propoñer baséase na orografía do terreo; adaptámola á elevación que recibe o nome. Descartamos entón que os topónimos Ceao / Ceán / Xián / Xiao sexan derivados do latín planum, "chao", en alusión as penichairas de montaña, con variadas solucións da africada palatal provinte do grupo pl- inicial. Segundo pensamos, serían derivados patrimoniais dun termo indoeuropeo *SIL-, "colina, túmulo", do que sae o inglés hill, con aspiración do s- inicial. Deducímolo do nome Selbarrowe Hill (século XVI, actual Silbury Hill), que podería conter de forma tautolóxica as dúas formas da base proposta, sen e con aspiración do s- inicial respectivamente: Sel / Sil - Hill.

Silbury Hill - Montaña do Túmulo Montaña.

No noso territorio cabe nesta proposta a pseusolatinización como Iulianus > Xián e a reinterpretación como chan < latín planum. Así a medoña de Xan Rei no Alto do Xestoso cecáis sexa unha "montaña do rei".

Non satisface o étimo *SIL-? Aínda temos algún máis: a toponimia deste tipo podería ter derivado, mediante sufixación, do céltico *OKELO, "altura, elevación".

Hallstatt, o cloruro sódico e os seles (sáas)

 


Xunto ó Castro da Redonda (O Enxeito - Friol) desprégase o que foi unha antiga sala para o gando. A toponimia das fichas catastrais do parcelario amosa unha oscilación no xénero do sustantivo (Monte da Sel / Monte do Sal), así como a alternancia no vocalismo Sel / Sal. O topónimo Monte do Sal lémbranos ó de Costa do Sal (Coirós) do que xa tratamos nunha entrada anterior, vencellando o nome de lugar coa práctica de botarlle sal ó gando en determinados lugares como complemento da súa nutrición, xa dende a prehistoria.

O nome que recibe a que se pensa que foi a cultura céltica por excelencia, a que reflicten os achádegos de Hallstatt, ven cecáis da palabra do indoeuropeo do oeste que designaba o cloruro sódico, cunha aspiración do s- inicial: sal > hal (Hallstat = o lugar do sal, estación do sal). Segundo pensamos agora, esta mesma base rematou por dar nome tambén ás salas > sáas (seles) onde se recollía o gando para tomar o nutriente esencial para o seu crecemento e pasar a noite. Deiquí xurdirían despois o hall do inglés, ou o salón do español, con significados moito máis modernos.

O sal das minas de Hallstatt extraíase dende a prehistoria como complemento nutricional das explotacións gandeiras do seu entorno. Polo tanto hai unha relación moi estreita entre o sal e a gandeiría. É por elo que propoñemos a deriva semántica do termo, da súa acepción primeira de mineral (Na Cl) ata chegar á de lugar onde se garda e se distribúe o cloruro sódico entre o gando, que tería formado un primitivo asentamento pastoril.

Vilasal (Tordoia) cun novo castriño marxinal no borde da vella sá (sel gandeiro). Chama a atención o microtopónimo dunha das fichas catastrais, Resío do Castro.

Seguindo a Gamkrelidze, a palabra para o sal chegou ás linguas fino-úgricas cecáis dende o tocario (tocario B: salyiye) ou "otherwise from western Indo-European, cf. OLat. sale 'salt'"; xa que non é unha palabra común das linguas indoiranias, onde só se atopa como reliquia en sánscrito, sal-ilá, "mar".

Antiga fotografía dos dous vasos campaniformes (bell-beaker) de Vilavella - As Pontes de García de García Rodríguez, unidos polo seu descubridor, Santiago de la Iglesia, como se foran parte dun só exemplar.

Segundo Elisa Guerra Doce et al. ("Bell beaker pottery as a symbolic marker of property rights: the case of salt production center of Molino Sanchón II, Zamora, Spain", 2015) a cerámica campaniforme aparece ligada non só á metalurxia, senón a centros productores de sal. Doutra banda, a análise do vaso campaniforme de Vilavella realizado por Carmelo Fernández Ibáñez deu positivo no test de cloruros, cousa que sorprendeu moito ó técnico, aínda que tentou explicalo por cristalización do sal ambiental sobre a superficie cerámica (a pesares de aparecer os fragmentos dos cacharros na base do túmulo), como sucede sobre a pedra exposta ó ar libre.

Un dos túmulos de Vilavella (As Pontes), segundo Santiago de la Iglesia.

A palabra sá non sería, entón, de orixe xermánica, senón céltica (Celtic from the West), xurdida  no ámbito da cultura gandeira celto-atlántica da produción e comercio do sal, caracterizada polos enterramentos tumulares, a cerámica campaniforme e os peches gandeiros e habitacionais que levaron o nome do mineral (sáas ou seles, chalets, etc.). Os castrexos, ó que parece, virían despois dominar a sá, non dende o seu centro, senón dende a periferia, nunha posición separada e cunhas construcións defensivas e de coacción sobre os seus (1) que semella indicar o xurdimento de dúas castas: os da sá / os do castro; aldeáns / urbanitas; proletarios / señores. É por elo que as notas definitorias dos mouros habitantes dos castros no folkore galego, vistos polo paisano, son a riqueza, a avaricia, a malignidade e a crueldade características dos déspotes. No folklore da Basse Navarre acontece o mesmo cos mairiak: "les Mairiak sont des hommes durs et avaricieux. Ces deux derniers adjectifs reviennent fréquemment dans les réponses. Partout les Mairiak, répétons-le, sont tenus pour riches, avares et égoïstes" (Reicher e Lafon, "Des personnages mal connus du folklore basque: les Mairiak", Revue de l'histoire des religions, 1940).

(1) Neste senso pronúncianse Delgado Borrajo e Grande Rodríguez sobre as defensas dos castros e o militarismo crecente desta sociedade: "militarismo creciente como medio de protección pero sobre todo, de coacción al resto de la comunidad que lleva a cabo el trabajo productivo" ("La Gallaecia antigua: diversidad, paisaje rural, estructura social y poblamiento", Herakleion 2, 2009, pxs. 61-92).

lunes, 26 de octubre de 2020

Percibindo os nosos ancestros nuha paisaxe sacra. O hórreo como tumba e templo.

Texto: Dolores González de la Peña
Fotografías: Anxo Martínez-de Alegría

O ollar non acostumado, nidio e limpo de preconceitos dos estranxeiros que visitan ó noso país é capaz de ver a paisaxe de Galicia inzada de hórreos como o que realmente é: unha paisaxe monumental sacralizada. “Sonche capeliñas, non si?”. Nós, con certa suficiencia, respostámoslles: “son graneiros para curar o maínzo”. E quedamos satisfeitos. Castelao tambén contaba a mesma anécdota que lle acontecera cos turistas; foi el quen forneceu a primeira explicación etnográfica sobre o aspecto dos hórreos, que semellan pequenos templos ás veces agrupados, coas cruces nos seus testeiros. Dicía o mestre que a feitura relixiosa dos hórreos viña do respeto que os galegos sentiamos polo pan. Bicabámolo se tiñamos que tiralo, pois o pan non é outra cousa que o Corpo do Noso Señor. É por iso que os hórreos terían forma de relicarios ou uchas sagras, xa que gardan o pan de todo o ano. Pola nosa conta engadimos que sen dúbida foron tambén tumbas, ó agocharen un Corpo Santo.

O enigmático uso funerario do hórreo através dos tempos e da xeografía, en varias culturas lonxanas afastadas do cristianismo, ven sinalando unha hipótese ben máis fascinante: non sería o hórreo o que ten feitura relixiosa, pola contra son as tumbas, os templos e as igrexas as que adoptan feitura de graneiros. Antes de acadar a súa categoría singular, as tumbas e os templos foron primeiro hórreos elevados sobre esteos para evitar a humidade do chan. Neste artigo imos ver como é que o hórreo (despensa-graneiro) chegou a ter unha función funeraria que deu paso á súa conversión en relicario (contedor sagro) e logo templo.

Hórreo de San Paio de Navia (Vigo) cun rosetón de ventilación sobre a porta, calado cunha flor hexapétala. O prototipo acadará maior esplendor nos rosetóns das igrexas. Fotografía: Anxo Martínez-de Alegría.

Cumpre, entón, fornecer unha pequena mostra da práctica funeraria antiga da deposición das reliquias dos defuntos en hórreos ou urnas funerarias en forma de graneiros. No territorio ocupado pola antiga Gallaecia este costume practicouse, aínda que nos pareza increíble, ata mediados do século pasado nos Ancares leoneses. Antes de ser enterrado, o corpo do defunto era gardado cinco días no hórreo, cun podón de mango curto sobre o peito, segundo refire o etnólogo Clodio González. Poderiamos preguntarnos se a deposición no hórreo viña da necesidade meramente práctica de preservar o corpo ata o momento do enterro. Mais o detalle da ferramenta sobre o peito do defunto suxire que se trata dun ritual funerario moi lonxano, xa incompresible.

Miña sogra morreu onte, enterreina no palleiro,
deixeille un brazo fóra pra que tocase o pandeiro

Na Idade do Bronce en Centroeuropa, na zona da Pomerania, tiñan o costume de depositar as cinzas dos defuntos en urnas cinerarias en forma de hórreo. Hórreos idénticos ós nosos, que lles serviron a Jorge Dias e á súa equipa para soster a idea de que os hórreos galegos e os espigueiros portugueses foran de orixe sueva. Mais os horrea prerrománs que están a atoparse nos castros galaicos (Outeiro do Castro, entre Baños de Molgas e Xunqueira de Ambía), ou as testemuñas dos historiadores románs, Varrón e Plinio, que documentaron abraiados o feito de que na Hispania Citerior se construían graneiros de madeira sobre soportes que permitían a ventilación dende abaixo, non serven para alicerzar a tese da orixe sueva do hórreo no noroeste peninsular. O hórreo galego ven de moito antes. E onde nos referimos ó galego, pode entenderse o do noroeste en xeral.

Hórreo en Abelleira (Muros). Fotografía: Anxo Martínez-de Alegría.

Outro exemplo do uso funerario dos graneiros son as coñecidas como urnas ou estelas oikomorfas de La Bureba (Burgos), de época romá aínda que seguindo tradicións funerarias autóctonas anteriores á romanización. Máis que forma de casiña, para nós teñen forma de hórreo elevado sobre piares, cunha decoración como a que aínda levan os hórreos asturiáns máis antigos, a base de símboloxía solar protectora: hexapétalas, radiais, hexasqueis, etc. 

Urna oikomorfa de Poza de la Sal segundo a base de datos Hispania Epigraphica, exemplar 31412.

A imaxe da urna funeraria en forma de hórreo de Poza de la Sal serve para achegármonos polo miúdo á estructura arquitectónica do templo grego e comprobar que se calca sobre a dun hórreo: os paneis laterais dos hórreos prefiguran as metopas decoradas dos templos; os esteos dos hórreos avanzan o que serán os fustes das columnas nos templos; os tornarratos desenvolveranse nos capiteis das distintas ordes; e a propia cámara do hórreo petrificarase como frontón dos templos. O arquitecto Luis Moya xa establecera un paralelismo formal, aínda que non funcional, entre os hórreos galegos a dúas augas e as tumbas licias, as urnas cinceiro etruscas e a arquitectura do templo clásico grego. Mais dende o noso punto de vista non se trataría só do uso da mesma técnica construtiva nos hórreos, nas urnas funerarias e nos templos, senón que na antigüidade os tres non se diferenciaban, foron unha mesma construción: unha cámara sagrada elevada sobre piares. Sagrada polo seu contido. Doutra banda, o estudo filolóxico apórtanos información insospeitada: do termo cella xurden tanto celeiro (graneiro) como cella (o sancta sanctorum dos templos, o sagrario).

Exclusivas da Gallaecia tardoantiga son as tampas sepulcrais chamadas laudas de estola, como a de Modesa ou Modesta atopada en Rebordáns. Reciben este nome porque a forma en aspa coa que van decoradas lembra a estola dos diáconos. Coidamos que o motivo da chamada estola podería tentar reflictir a forma do teito a catro augas dun hórreo. Vese na feitura de hórreo arcaico do belísimo sepulcro do Conde Santo de Vilanova de Lourenzá.

Sepulcro do Conde Santo en Vilanova de Lourenza. Fotografía: Dolores González de la Peña.

O teito a catro augas (con perfís en forma de estola) vai cuberto coa tella de lousa dos hórreos galaicos lucenses disposta como escama de peixe. Leva nos laterais a trama vexetal dos hórreos, como cinguida no medio pola faixa; e nos frontais, os penais como dúas columniñas. A arca exhíbese na actualidade como un hórreo, sobre uns pés de feitura máis recente, aínda que probablemente seguindo unha tradición moi antiga. É de salientar que a decoración protectora de flores hexapétalas dobres e sinxelas que luce no teito e nos frontais é a mesma que levan os antigos hórreos asturiáns ou o hórreo fotografado por nós en San Paio de Navia (Vigo). O interese da peza vese incrementado polo feito de que se trata dunha arca marmorica, é dicir, un hórreo de alabastro, que chegou navegando polo océano segundo a tradición lendaria conservada na vila de Lourenzá. Repítese aquí, logo, o vello motivo folclórico que conta a chegada ás nosas costas do corpo do patrón Santiago Apóstolo.

Asemade, a comparación etnográfica apórtanos datos moi interesantes e esclarecedores sobre o simbolismo do hórreo como tumba e, logo, templo. En África para os nativos kapsiki de Camerún e Nixeria ter un hórreo reflictía habitar o mundo, ser unha persona real, con fogar, labradíos e bens. Como en Galicia, onde se adoita grabar a data da súa construcción e o nome do clan familiar no testeiro, o hórreo dos kapsiki viña a ser un alter ego do seu propietario. A identidade ía aínda máis aló pois as tumbas que estes excavaban lembraban na súa forma a graneiros (Van Beek e Avontuur). Os kapsiki chegan a dicir que “un chefe nunca deixa o seu fogar senón que é inhumado baixo o seu graneiro”. A súa máxima acércanos á sacralidade do hórreo como símbolo territorial dun clan, fundado polos ancestros da familia. O hórreo é, pois, alicerce sobre o cal se estabelece a ancestralidade, un edificio místico-relixioso: graneiro, tumba dos antergos, templo da comunidade. O antepasado fundador, case que divinizado na arca familiar, protexe coa súa presenza a comunidade e os seus bens máis prezados.

Hórreo en Aldán. Fotografía: Anxo Martínez-de Alegría.

Sobre a apaixoante cuestión da orixe dos hórreos téñense pronunciado moitos investigadores. Ademáis da hipótese da orixe sueva, temos a da orixe palafítica, con moita máis sona, que propuxera o polaco Frankowski. Este estudoso foi o primeiro que adicou unha monografía ós hórreos do noroeste da Península Ibérica (1918), cuxa orixe remontaba ás técnicas construtivas das vivendas das aldeas lacustres da prehistoria europea, sostidas sobre paus. Pola súa parte, na tese de doutoramento do francés Abel Bouhier (1979), adicada ó estudo do complexo agrario galego, concluíase que a área de distribución dos hórreos en Galicia superpoñíase á área de distribución das cámaras funerarias megalíticas. De novo a filoloxía ven aportar outro dato que liga ámbolos dous, pois o nome de arcas en galego aplicouse tanto ós dolmens como ós celeiros. Máis aló da semellanza formal entre uns e outros, nós aventuramos unha identidade funcional entre as cámaras dos megálitos e os horrea tras o repaso transcultural fornecido a prol do motivo dos graneiros como contedores funerarios (e logo templos) na antigüidade e na actualidade, con vestixios deste costume que chegan ata os nosos días nos Ancares leoneses. Cecais por esta razón Jovellanos no seu primeiro testamento deixou por escrito a súa vontade, xa non tan extravagante, de ser enterrado nun solhorru, baixo un hórreo. É seguramente o carácter místico e trascendental do hórreo o que pode explicar o feito sorprendente de que a igrexa onde oficiou por primeira vez San Patricio en Irlanda foi... un graneiro!

lunes, 19 de octubre de 2020

O espazo castreño: entre chousas


 Novo castriño en Curtis, no límite con Aranga. Sitúase ó oeste de A Gulpilleira e sobre o gran sel octogonal de Maques.

O Castro do Prado Chousa (A Gulpilleira - Curtis) non ocupa o centro do gran sel octogonal de Maques, senón que é periférico con respecto a él. Se a fundación do sel foi coétanea ou anterior á do castro, a situación periférica deste amosa que o asentamento do Ferro non estaba adicado específicamente ó coidado do gando, xa que segundo estamos a ver (seguindo a obra de Rementeria e Quintana, Los seles de Busturialdea-Urdaibai. Paisaje, cultura y etnografía, 2010), é no centro do sel (coidamos que é o vello pazo ou palatiom indoeuropeo) onde se sitúan as vivendas dos pastores e gandeiros, que logo dan paso ós caseríos propios do hábitat espallado vasco atlántico, tambén característico de Galicia: "en los seles encontramos el origen del hábitat disperso vasco atlántico, en la medida en que la agricultura se va desarrollando como actividad principal y la vocación pastoril de estos espacios se transforma con el asentamiento de comunidades humanas sedentarias reunidas en torno al caserío, que se sitúa en el interior de los seles".

Queda, pois, a tarefa de explicar a situación periférica dos castros do Ferro, a ocupación do espazo libre entre chousas gandeiras (o kortabitarte vasco) que algunha vez temos atopado como topónimo no noso territorio baixo a forma Chusmeal (cecáis Chusmeau / Chusmeao), "espazo no medio de dúas chousas". É este espazo de fóra, o que artella a paisaxe castrexa do Ferro, ó mesmo tempo que a existencia destes arcaicos seles gandeiros, como no País Vasco, modula e incide directamente no modelo de dispersión poboacional propia dos asentamentos de Galicia.


Sel octogonal básico. Plano del Burgoa Baserriko Basokorta, por Roslyn Frank, Universidade de Iowa ("Otro acercamiento al diseño de los seles vascos: sus vínculos con el sistema de medición septenario", ponencia no Symposium Biribilak Mendietan. Seles, Kortak, Saroiak: El Monte en Círculos, Euskal Herriko Museoa, Gernika, Bizkaia, 28 de setembro de 2019).


domingo, 18 de octubre de 2020

A Golpa (Cariño)

A Golpa neste caso non ten que ver, como é afirmado sen deterse a comprobar a adecuación do topónimo á orografía, coa raposa (latín vulpem > golpe). Nomea unha zona escarpada de difícil acceso que conflúe nunha garganta visible na fotografía aérea do Vóo Americán de 1956-57, xunto co conxunto de cerrados circulares dos que xa tiñamos falado (seguindo a tipoloxía de Abel Bouhier).

Entón, cumpre tirar en parte da interpretación de Martín Sevilla, que estuda os orónimos asturiáns gulipa e gulipu ("Las voces gulipa, gulipu, en el Occidente asturiano", en Corona Spicea: in memoriam de Cristóbal Rodríguez Alonso, 1999). Gulipu, segundo o devandito autor, na zona de Somiedo é un "lugar de difícil acceso; sendero entre rocas de paso difícil y peligroso; precipio", así mesmo, gulipa, "valle estrecho y pendiente". Para nós, o asturián gulipa viría da base onomatopeica *gulp, "tragar, gorxa, grolo", cun i epentético de soporte do ele en posición final de sílaba, o que tería provocado un desprazamento acentual: galego Golpa / asturián gulipa. Non obstante, Martín Sevilla funda a súa análise na comparación có holandés medio clippe e o antigo saxón e baixo alemán klif, "altura escarpada", que tambén resulta apropiada, remitindo a súa presenza no noroeste ó estabelecemento dos colonos suevos na Alta Idade Media.

No Dicionário Estraviz recóllese unha das acepcións de golpe como "pequena porção de líquido que se bebe de uma só vez. Golo", no sentido de tragar (trago, grolo) que vimos de examinar. Esta e algunhas outras acepcións do Estraviz (v.gr. "acontecimento inesperado, funesto e desgraçado") non poden vir do latín colaphus, "bofetón", senón da base proposta *gulp-, que desenvolve por deriva semántica unha gran cantidade de acepcións: gorxa > paso estreito > dificultade.

Suxerimos polo tanto revisar coidadosamente a toponimia relacionada, tipo Golpe(s), Golpelleira, etc. para discernir se son zootopónimos (latín vulpem) ou orónimos (onomatopea *gulp).

A localización na Golpa de Cariño dos conxuntos de cerrados circulares de aspecto laberíntico podería conectar co sentido da base proposta *gulp, "paso estreito e difícil", cecáis aludindo ós curros que se artellan semellando formar unha trampa para as bestas ou o gando.

lunes, 12 de octubre de 2020

Fornoucos e Pena Molegha

Vilasuso (Narón).

No lugar de Vilasuso (concello de Narón) existen varias Penas Molegas ocultas na paisaxe e nas fichas do parcelario. Preferimos soster que o nome actual de Pena Molexa que se lle ven dando á máis coñecida, situada no lugar de Fornoucos, non é máis que unha ultracorrección da pronuncia con gheada, Molegha. Nada ten que ver o nome, pois, coa moega das aves ou a glándula timo do gando bovino, xa que a outra Pena Molegha que acabamos de atopar no caminiño que sae un pouco máis adiante dos invernadoiros do mapa, ten forma de menhir ou pedrafita, non de disco. 

Cecáis sexa a que, na mañá de San Xoán, volta a recobrar a súa forma humana (un rei e o seu exército) e percorre a contorna vixiando o territorio (fonte da lenda: A. Pena Graña, Narón, un concello con historia de seu, volume I, 1991).
(C) Dolores González de la Peña, 2021.


A Pena Molexa / Molegha de Fornoucos (Vilasuso - Narón).
(C) Dolores González de la Peña, 2020.

Achegándonos a Fornoucos en Vilasuso. Vista xeral da Pena Molegha.
(C) Dolores González de la Peña, 2020.

Pensamos que Molegha é derivado do latín molem, "de gran volume", con conservación atípica do -l- simple intervocálico. Respecto ós singularísimos topónimos Fornoucos e Cova da Fornouca, que nomean a ubicación da Pena Molegha máis coñecida, son derivados de forno, probablemente na súa acepción atlántica de cámara megalítica (véxase o caso do dolmen irlandés de Fornoks). Neste senso, habería polo menos un dolmen moi preto do enclave, sinalado no Visor PBA (capa de patrimonio) da Xunta de Galicia.

viernes, 9 de octubre de 2020

Fontes electrónicas na investigación onomástica / Electronic resources for onomastic research

Thank you so much to Dr. Evgeny Shokhenmayer and Dr. Irina Martynenko, Russian linguists, for having included my blog in their useful bibliographical indexes.

E. Shokhenmayer: "Resources, media, networks and future of onomastic studies", 2019.

I.A. Martynenko: "Electronic resources as tools for toponymic research", TSPU Bulletin, 2020.

I remain them truly faithful.

A Rusia in Santa María de Melide (A Coruña - Galicia), near the round barrow (kurgan) of A Madorra.

Maradona

A recente descoberta por parte das asociacións Mariña Patrimonio e Irmandade Santo Estevo dun novo xacemento da Idade do Ferro precedido dun impoñente foxo no lugar da Maradona, nun espolón entre o Masma e o Rego Puxigo (San Xusto de Cabarcos), ó sur de Celeiro de Mariñaos, e que podería conter os restos do que parece unha sauna castrexa, lévanos a falar deste curioso arqueotopónimo, e non de fútbol...

Nós témolo atopado como nome duns túmulos no concello de Cerdido coa forma deturpada Maria Dona (A Barqueira Vella). Ten resonancias co topónimo histórico galego Castellum Meidunium e co sustantivo medoña, "túmulo funerario".

O topónimo céltico bitemático Maridunum ou Moridunum penso que ven do antigo europeo e o seu significado sería o de "gran túmulo ou colina artificial", cun primeiro formante que ten o seu cognado no inglés more, "great", tal e como sinalaba Pulman (The Book of the Axe, 1865, px. 62), sendo o segundo o ben coñecido dunum, "elevación de terra". Os seus descendentes atópanse no ámbito galés, hoxe baixo a forma Caer Myrddim, onde se cre naceu o druida Merlín. Curchin (1) tambén cita o galego Morodon (topónimo histórico mencionado polo Anónimo de Rávena no século VII) como equivalente de Moridunum (Gran Bretaña), aínda que considera ós primeiros formantes como procedentes do céltico *mor(i)-, "mar", o que non é aplicable ós nosos Maradona ou Maria Dona, de aí que aportemos como suxestión o devandito étimo paleoeuropeo  *MOR-, "grande". 

Microtopónimo Maria Dona baixo A Barqueira Vella (Cerdido); o nome aparece nas fichas do parcelario, ás que se accede se se ten activa a capa catastral. Podería indicar a presenza dun gran túmulo na contorna. (C) Visor PBA da Xunta de Galicia, Capa do Vóo Americán de 1956-57.

(1) "Linguistic strata in ancient Cantabria: the evidence of toponyms", Hispania Antigua, nº 31, 2007.


miércoles, 7 de octubre de 2020

Teixeverga

 

Teixeverga do Cano (Moeche), Agro do Ceo e Castro Sete (Cerdido). (C) Visor PBA da Xunta de Galicia, Capa do Vóo Americán de 1956-57.

Presentamos o primeiro topónimo bitemático composto co céltico -briga que atopamos no noso país, cunha pronunciación, por certo, paroxítona. A súa situación liminar próxima ó sel circular do Agro do Ceo, que ten a medida canónica dun sel maior ou invernizo (500 metros de diámetro) e é dependente do Castro Sete (Cerdido), parece indicar que o nome de Teixeverga aplicouse ós lindes do conxunto territorial dunha briga. Así mesmo, o desenvolvemento do agro parcelado neste caso parte da existencia previa dun sel gandeiro que acabou sendo reutilizado, como a míudo adoita ocurrir en Bizkaia (Los seles de Busturialdea - Urdaibai. Paisaje, cultura y etnografía, Rementería Arruza e Quintana Peña, 2010). Velaí, neste recuncho da paisaxe das Montañas Setentrionais, unha posible orixe do sistema de agras espallado por case toda Galicia.