domingo, 31 de enero de 2021

Unha poesía visual descoñecida de Valerio do Bierzo

Témoslle especial cariño a Valerio do Bierzo, eremita do século VII. Un home que amou ás mulleres e soubo valoralas poñéndoas como exemplo de superación das súas obrigas socioculturais, que lles impediron en xeral destacar nos campos científicos e da creación. Algunhas foron, grazas ó seu denodado esforzo, capaces de ultrapasar ós homes nas metas do coñecemento e mesmo da aventura; a eles, que viñan libres destes impedimentos de xénero.

Por el coñecimos a Egeria, a peregrina galaica que viaxou a Terra Santa no século IV ou comezos do V. A obra na que recolleu a epístola que lle adicou é a Vitae Patrum (manuscrito MSS/10007 da BNE), copiada por Armentario no século X. Nela pódese observar que Valerio era aficionado a construir poesías visuais, con versos acrósticos nos que expresou a autoría da obra e a quen lla adicaba. Como ten sinalado Díaz e Díaz "algunos copistas reconocen [os acrósticos] poniendo las iniciales de verso, y las finales, en tinta roja". Fóra destes clásicos versos acrotelésticos nada sabiamos doutras formas de poesía visual que poidese ter empregado Valerio, xa que a derradeira folla do libro, que imos estudar agora, é interpretada como un labirinto de letras onde só se expresa o nome do seu posuidor, segundo a ficha da BNE, para quen Armentario tería copiado a obra ("Este Armentario, que hay que entender como el segundo gran copista, al que se debe la mayor parte del códice y singularmente su final, vivía en un monasterio no identificado, bajo la dirección de un abad llamado Trasamundo" - Díaz y Díaz).


A folla está ilustrada cun labirinto ou sopa de letras tipo cadrado SATOR onde podemos recoñecer dúas palabras con sentido, son as palabras latinas ARA e MUNDI, que se len en todas as direcións dos dous recadros que marcamos, e que á súa vez encadran un tau central. O tau é símbolo cristián da ara ou altar onde foi sacrificado Cristo, é dicir, é símbolo da cruz. Sendo entón as palabras que o enmarcan unha definición do simbolismo do tau: "ARA MUNDI" (altar do mundo). Un pequenísimo poema, un haiku paleocristián que pensamos que ten que ser da autoría de Valerio, que pasa entón a convertirse en precursor dos caligramas de Apollinaire, como o poeta latino Venancio Fortunato ("Poesía, dogma y política en la Antigüedad Tardía: el caso de Venancio Fortunato y los Carmina Figurata", Liliana Pégolo, TRABAJOS MONOGRAFICOS - Anales de Historia Antigua, Medieval y Moderna, nº 50, 2016).


Poema visual de Venancio Fortunato (s. VI) adicado á cruz: "mihi refugium", "est quam semper adoro", etc. Códice de San Gallen, 196.
(C) Universidade de Friburgo.

Doutra banda, partindo do tau e seguindo a vertical ou a horizontal ata os bordes, e logo seguindo os bordes en calquera direción, tambén pódese ler o nome "TRASAMUNDI ABTI" (do abade Trasamundo), o que forma un debuxo no centro en forma de cruz +, non por azar.


Ó atribuir a autoría deste poema visual a Valerio, necesariamente derívase como corolario que o tal abade Trasamundo, o propietario do libro orixinal, foi coetáneo de Valerio, e non do copista Armentario como se ven pensando. Armentario faría esta nova copia na que incluiría o labirinto de Valerio.

lunes, 18 de enero de 2021

Partir a Velha - A serração da Velha - O enterro da Sardiña

Xa tiñamos falado da teoría de Kirby (1) que sostiña que as artes escénicas son herdeiras dos rituais e escenificacións propias do chamanismo (Los bigotes del peliqueiro, 2007). Nós considerabamos dentro daquelas vellas escenificacións que chegaron ós nosos días, non só o teatro, senón tambén as mascaradas invernais, o Antroido. Teatro e Carnaval, pois, descenden directamente das primitivas crenzas e rituais dos pobos que practicaron o chamanismo na prehistoria, e un e outro explícanse mutuamente. Estou pensando sobre todo no caso das pequenas obriñas do teatro barroco español coñecidas como moxigangas, que se introducían como entreactos nas pezas principais ou comedias, do mesmo xeito que o Antroido funciona como paréntese da vida. O equilibrio é perfecto nambas estruturas que conciben o mundo como representación cos seus descansiños, mais o show must go on!

A modo de exemplos, podemos atopar nas moxigangas manuscritas da Biblioteca Nacional os seguintes motivos tomados do Antroido (Catalina Buezo ten estudos adicados en profundidade ó asunto):

  • Diaños con chocallos: "Salen dos diablos vestidos de negro rodiadas las cinturas de cencerros y unas coronas de plumas de pavo en la cabeza" (Antón Pandero, Gil Sonajas y Maribero, s. XVIII).

Diablos de Luzón - Guadalajara. (C) A. Galíndez, 2020.

Mamuthones de Mamoiada - Cerdeña. (C) A. Galíndez, 2020.

Joaldunak de Ituren e Zubieta - Navarra. (C) A. Galíndez, 2020.
  • Bailes de osos: "Los osos que en las Asturias / también son vuestros vasallos / con el tono de su tierra / los hay algunos bailando" (La ballena: mojiganga para la fiesta Endimión y la luna, de Juan Vélez, F. Antonio de Monteser, ca. 1620-1668).
Oso de Salcedo (Pobra do Brollón), cun dos seus criados.
(C) A. Galíndez, 2020.
  • Alusións ó vello ciclo anual e á divindade responsable da creación do mundo e do tempo: "Hoy se parte la Vieja / como dicen los muchachos / pues la mitad de cuaresma / es hoy, que para tu intento / así conviene que sea / y así, vamos a la Plaza / y allí verás como encuentras / hartas figuras con que / hacer mojiganga puedas" (Lo que pasa en la Plaza al partir la Vieja, s. XVII).

A Vella do Antruejo de Carrizo de la Ribera - León. (C) A. Galíndez, 2020.

La Vijanera de Silió - Cantabria. (C) A. Galíndez, 2020.
La Vieja de Enero > La Viejanera > La Vijanera.

  • Esceas nas que as mascariñas emborrallan con cinza e fostigan ós presentes: "pasan dos muchachos en coletillos y dando el uno de vejigazos al Regidor, pone el otro al Criado un parche en la cara que se le queda pegado en ella. Regidor: ¡me han dado con una cosa que iba haciendo chifi - chafe" (Día del Corpus en Madrid, Pedro Lanini y Sagredo, s. XVII).
Pantallas de Xinzo de Limia coas vexigas, antecedentes dos globos. (C) A. Galíndez, 2020.

Así pois, dende as moxigangas pódense recuperar elementos do pensamento mítico que subxacen no Antroido, como o concepto de partir a Vella, descoñecido en Galicia, máis non en Portugal. Alí chamábase a serração da Velha (2) e celebrábase na metade da Coresma; nós enterramos a sardiña o Mércores de Cinza, a que, segundo pensamos, ven sendo a mesma Vella (en Portugal aínda se idéntifica esta Velha nalgúns lugares cun peixe: cfr. "O enterro do bacalhau").

A Vella (Dona Coresma) nunha obra de Pieter Brueghel (1559), representada esquelética pola dieta pescetariana e brandindo unha pa de forno con dúas sardiñas no enfrontamente contra Don Carnal.

A deusa do tempo foi depredada polo cristianismo como Dona Coresma, representada polo peixe, alimento propio destas datas; máis o rito cíclico da súa morte segue a se celebrar. Como di Taboada Chivite, lembra o rito romano da expulsión da cidade de Anna Perenna (A Vella romana) o 15 de marzo, simbolizando o ano transcurrido (Etnografía Galega: Cultura Espritual, 1972, px. 60). Annaannum, "periodo de tempo cíclico".

Como dicíamos arriba, Catalina Buezo ten varios estudos moi detidos ó respecto das mascaradas da rúa e a súa vinculación có xénero teatral da moxiganga. Na nosa opinión, as conclusións ás que chega sobre a figura recurrente do mago ou feiticeiro que aparece constantemente nestas pezas, tería que desenvolverse ata remitila ós seus antecesores, os chamáns. Pois para a investigadora, os astrólogos e feiticeiros son meramente personaxes que permiten dotar de verosimilitude, ó practicaren a maxia, á aparición diabólica das extrañísimas figuras do Antroido dentro da moxiganga ("Magia natural, artificiosa y diabólica en la mojiganga dramática del siglo XVII. Edición de la pieza inédita El agua de la vida", 2011).

(1) ET Kirby, "Shamanistic Origins of Popular Entertainments", The Drama Review, 1974, vol. 18, nº 1, pg. 5-15.

(2) Teófilo Braga, O povo portuguez nos seus costumes, crenças e tradições. II (As festas do calendário popular), 1885, px. 269 e ss.

domingo, 10 de enero de 2021

Egeria e Platón

Descubro na Vida de Santa Febronia* (Acta Sanctorum, bilingüe grego - latín), virxe martirizada en Asiria en tempos de Diocleciano a principios do século IV, que tivo un importantísimo encontro cunha muller extranxeira (peregrina) de elevada clase social, de nome Hieria (Geria no texto grego). Os datos relativos a esta, así como o seu nome, gardan unha semellanza total có pouquiño que sabemos da vida da diaconisa galega Egeria, a muller que se achegou a Terra Santa para deixarnos por escrito as impresións da súa viaxe nunha obra dun estilo que podemos encadrar no xénero dos modernos libros de viaxes, aínda sendo do século IV. Na antiga biblioteca de Celanova conservábase o libro, o Igerarium Geriae, co mesmo nome que rescatamos agora.

É o caso que a tal Geria, calificada de peregrina e extranxeira na súa patria, volta cos seus a Asiria (aquí pódese advertir que a viaxe a Terra Santa dende Gallaecia é interpretada como un retorno á patria, nunha das reviravoltas que dan as pouco claras vidas dos santos), tras enviuvar do seu home ós sete meses de casar. Na vida de Santa Frebonia, Geria pertence á clase senatorial; é chamada Geria ou Hieria Senatrix (syncletica, en grego) por ser filla ou viúva dun senador.

En Nísibis entra en contacto con Febronia e a súa tía, a diaconisa Briena, que tiñan unha comunidade de sorores (adelphon no texto grego) que seguía a regula Platonidis: as ensinanzas e lecturas do filósofo Platón**, relativas á inmortalidade da alma (o librum Platonis que lían coido que tiña que ser o Fedón). A mesma Febronia era experta na disciplina ascética, no sentido epistemolóxico e cognitivo que domina na obra de Platón.

Unha noite Geria preséntase ante Febronia en hábito de monxa peregrina (peregrina monacha), bícanse e Febronia comeza a explicarlle as divinas escrituras, polo que Geria abandoará o seu paganismo e idolatría. Entón sucédense o martirio de Santa Febronia e logo o bautismo de Geria e a súa solicitude a Briena de quedar na comunidade de sorores ocupando o lugar de Febronia.

Briena nas versións das Actas Siriacas recibe os títulos de diaconisa, Rabtha (mestra) e Martha (señora), sendo este último apelativo o que atopamos na Peregrinatio de Egeria como nome da súa amiga, a diaconisa Marthana. Os paralelismos son asombrosos.

O único discordante é que o encontro de Geria e Febronia sucede uns 80 anos antes da cronoloxía relativa que se ten fixada para a viaxe de Egeria a partir dos datos históricos que se aportan no seu diario, a cal cecáis haberá que revisar. Podería terse en conta a posibilidade de que na construción literaria da historia haxiográfica da mártir Febronia se introduxese a visita de Egeria a Nísibis como se tivera ocurrido antes do martirio e morte da xoven; a coincidencia ficticia de ambas realzaría a figura da mártir. A intención de Egeria de achegarse a Nísibis entraría dentro dos obxectivos da súa peregrinaxe, visitar os martiria máis famosos. E finalmente parece que deu chegado a Nísibis, se seguimos a Vida de Febronia neste punto, onde se desprendeu da súa túnica e xoias para cubrir con elas a tumba da mártir.

Na miña opinión, o máis relevante de este engadido é a escola de filósofas gnósticas neo-platónicas, non monxas no sentido actual, que se formou ó redor das doctrinas de Platón, da que Egeria tería formado parte: logo a influencia no seu pensamento non foi de Prisciliano, como se ten dito, senón do físico Platón. Foron estas mulleres das primeiras académicas, filósofas, matemáticas, científicas que consagraron a súa vida ó estudo; moitas morreron a mans dos intolerantes primeiros cristiáns: "Malditos sexan os que cren nas matemáticas e na astronomía" promulgaron no I Concilio de Toledo.

Imos convertir a Egeria nunha Hipatia de Alexandría? Todo se andará, e non é unha pregunta retórica xa que no vello mito fundacional de Gallaecia, a lenda astral neo-platónica de Septemsiderus da que xa temos tratado (Hijos de las estrellas), o protagonista preséntase como marido dunha tal Iheria ("maritus Iherie" = Egeria): a parella perfecta, Setestrelo e a filósofa neo-platónica.

Hipatia explicando o movemento elíptico da Terra. (C) Ágora, de Alejandro Amenábar, 2009.

* Pola Mestra Thomaide, nun manuscrito da Biblioteca do Vaticano.

** Algunhas das traducións do grego falan dunha fundadora da comunidade chamada ¡Platonia! Para Alexander Alexakis o que está claro é que esta comunidade estaba influenciada polo neo-platonismo ("A meeting of Hypatia of Alexandria with St. Febronia of Nisibis...", Byzantine Religious Culture, 2012).

Bocelo

A pesares de que o sustantivo bocelo existe en galego có significado de "paso estreito, boqueira" (sendo según se pensa un derivado do latín buccam), o topónimo Bocelo non remitirá sempre ó devandito sustantivo, pois podería atoparse fosilizada nel unha evolución na que conflueu có primeiro unha forma provinte do diminutivo latino vaducellum < vadum, "vao dun río".

Na base de datos do CODOLGA atopamos as formas precisas para asentar a proposta, que suporía a normal redución do grupo vocálico a'o, formado trala caída da consoante sonora -d- intervocálica:

"per bao barragantino et per mamola de Vadozello et per ipsas arcas inter Eclesiola et Sartevagos" (Moraime, ano 1095)

"ab Ulia et inde per illum arrogium uocitatum Uaozelum. et inde ad illum cautum de Lauandaria" (Santiago, ano 1143)


Así pois, do diminutivo vaducello (pequeno vao) > Bocelo, e o diminutivo redundante Boceliños, que recuperamos do rexistro Catastral no lugar de Bocelo, baixo o antigo castro das Torres de Mens (Malpica de Bergantiños), nun interfluvio formado polo río de Cores, o rego de Asalo e o da Chanca.

sábado, 9 de enero de 2021

Ráth (gaélico) - Estrada (galego)

Do latín stratum, participio do verbo sternere, "extender no chan", xurden os sentidos de "estrado, leito" e "estrato xeológico ou arqueolóxico, bancal de terra sobreposto ó chan".

No galego o participio parece que se especializou exclusivamente como modificador do sustantivo latino viam (viam stratam = camiño empedrado, pavimentado, lixeiramente elevado), de onde tería xurdido o topónimo A Estrada, como explica Cabeza Quiles na súa obra Toponimia da Estrada (RAG, 2018). Unha revisión das ocurrencias do termo strata na documentación antiga de Galicia non autoriza a supoñer un uso distinto fóra do ámbito viario. Todos son deste tipo e non deixan marxe a outras interpretacións: "inde per ipso Arroio Froilani cum suo Uillare integro usque in Strata Publica que proueitur ad Portum Palumbarii" (Lugo, ano 841).

Na toponimia goidélica da Irlanda o étimo que propoñemos, stratum, podería ter sido a orixe do nome patrimonial có que se nomean os ring forts de terra da illa, ráth, de etimoloxía moi controvertida. A nosa explicación fornece unha motivación semántica do uso de stratum para denominar os ring forts a partires do seu sistema de construción por acumulación de capas de terra ou estrados (aterrazamentos e bancais en aneis), como a gran maioría dos castros galegos.

O noso soporte argumental atopámolo no feito de que o sustantivo ráth tambén ten o mesmo significado que sráth (< latín stratumlayer = depósito de terra, estrato). Acepción que, segundo o noso parecer, só pode explicarse partindo do préstamo latino stratum, o que tería experimentado aspiración do s- inicial trala caída do -t-, en contextos nos que a fonética sintáctica favoreceu o rotacismo: stratum > sráth > (h)ráth.

A mesma evolución tiveron os resultados sràid (street) / rathad (path, road), que a partires do latín strata no sentido viario, deron formas con e sen s- inicial (Gaelic - English Dictionary, Colin B.D. Mark).

Todo elo supón un importante punto de partida para defender a identidade entre os recintos habitacionais do Ferro galaicos (castros de terraplén) e os seus herdeiros, os ráthanna gaélicos, aínda que estes últimos foran lugar de asentamento ata ben entrada a Idade Moderna. Se ráth implica unha técnica construtiva por acumulación de terra en bancais, dende logo que se comprende a tese de Fitzpatrick, que sostén que a utilización do nome xenérico ring forts para todos os recintos habitacionais da Irlanda medieval implica unha única categorización indiscriminada para recintos de tipoloxía ben distinta ("Native Enclosed Settlement and the Problem of the Irish Ring-Fort", Medieval Archaelogy, 2009).

Respecto á cita de Moryson no artigo de Fitzpatrick, relativa ó antigo costume irlandés de ter os parlamentos no ar libre nos outeiros, "plottes laid at priuate parlyes and at publique meetinges vppon hills (called Rathes)", nós entendemos que non é só que os outeiros se chamaran Rathes, senón os parlamentos, por estar situados nun estrado oronímico, o que de novo ven a soportar a evolución stratum > sráth > ráth. A relación estrado - parlamento ven sendo xeral no noso ámbito cultural.

Ráth de dous valos no Burren, preto de Fanore Beach e na zona límite na que a capa de terra e vexetación estase a perder pola progresiva burrenización da paisaxe.