sábado, 20 de febrero de 2021

Etimoloxía de druida e dervixe

O problema etimolóxico da palabra druida (védico druvid) xurde cando só se ten en conta que daruderw significaba únicamente "roble, madeira", pois nas linguas indoeuropeas o radical tivo sempre dúas acepcións: "madeira, árbore" e "porta, pasaxe".

Dvāra en sánscrito é "porta, pasaxe, termo que dende os máis antigos tempos tivo un alto contido simbólico na literatura védica" (Margaret Stutley, 2019).

Veda, segundo o dicionario de sánscrito significa "coñecemento, coñecemento dun rito" e pertence á raíz vid-, emparellada có latín videre, "percibir, comprender", ou có alemán wizzanwissen (coñecemento); o que nos leva ó inglés wise, "sabio".

Xa que os druidas son oficiantes que coñecen os rituais de pasaxe do mundo real ó mundo dos espíritus, coñecen o que hai alén da porta e conéctannos có outro lado, ó meu xuízo é moito máis verosímil que a súa etimoloxía estea vencellada a daru / derw como "porta, pasaxe", e non no senso da árbore denominada carballo, da que collían o visgo. Así mesmo, hai unha etimoloxía popular para dervixe non aceptada totalmente, cecáis porque non se vexa a súa pertinencia ó non percatarse do simbolismo da porta: "popular etymology expresses this well, by linking the first syllable of the word darwīsh to dar (the door)" (Alexander Papas, 2019).

Ó fío desta proposta etimolóxica que matiza a etimoloxía anterior, cobran especial relevancia as máscaras xiróvagas do antroido de Manzaneda (Ourense) que estudou Rafael Quintía na súa conexión coas danzas dos dervixes ("As mázcaras xiróvagas das Terras de Manzaneda. Unha danza para mover o mundo", Caderno de Campo, nº 11, 2019). A nosa consideración de que nas mascaradas de inverno ofician personaxes que representan os vellos chamáns e feiticeiros, bruxos e druidas de tempos pasados, vaise reforzando có estudo de Quintía onde se analiza o rito de paso do folión ó visitar o territorio alleo coa petición de entrada (o que supón o trapasar o limes ou fronteira da porta simbólica da que estamos a falar), ponse de relevo a semellanza ou identidade entre a danza de Manzaneda e a dos dervixes xiradores de Turquía, así como se chama a atención sobre o gorriño picudo de mago Merlín que levan moitos danzantes.

Folión de Buxán (O Bolo). (C) Dolores González de la Peña, 2020.

Ós magos e ó druida Merlín, por certo, volvémolos atopar nas moxigangas, que trasladan o entroido ó seu escenario por antonomasia, o teatro, como na moxiganga de Merlín y los animales, de Juan Francisco de Texera (s. XVII). Nelas son os oficiantes que permiten a apertura da porta mística pola que xurden os seres do Alén.

De novo a nosa proposta etimolóxica druida = "o que coñece o camiño de tránsito, a porta", conecta perfectamente có antroido ou entroido, antruejo, etc. termos que proveñen do latín INTROITUS, "paso, entrada".

Bibliografía complementaria:

Los bigotes del peliqueiro (Arqueotoponimia, 2007).

viernes, 12 de febrero de 2021

Anse-aux-Meadows (Terranova): pequena historia dunha fraude histórica

Poboado supostamente vikingo de Anse-aux-Meadows (Terranova).
(C) Imaxe capturada da visita virtual dispoñible en Google Street View.

O explorador francés Joliet, a finais do século XVII, tras tomar as coordenadas có astrolabio dende o seu navío en Belle Islle (un tanto raras para as nosas referencias actuais: 52º 9' latitude norte e 330º 30' de lonxitude con respeto a Québec, que está a 314º de lonxitude e 46º de latitude) desembarca nunha pequena enseada entre tres montañas e atopa unha vivenda de esquimais. A enseada está fronte a Anse-aux-Meadows, na costa leste de Labrador.

A vivenda esquimal segundo a descrición de Joliet

"Nós atopámola como os indios nos dixeran. Ten unha cámara e unha antecámara. [A estrutura do teito] está formada por varias pezas de madeira redondas de 8 a 12 pés de longo, apoiadas sobre unha viga suxeita por postes. Estes madeiros están xuntos uns contra outros e por debaixo teñen a turba, e un pé de terra por cobertura. Unha porta na antecámara, ó medio, e dúas grandes fiestras mirando ó ceo, que lles sirven de cheminea no bo tempo, e aparentemente de porta, ademáis da pequena porta de tres pés de alto por onde se entra dende a antecámara. Segundo parece, unha familia de máis de vinte persoas e moitos cans terían pasado aquí moitos invernos: anacos de graxa de lobos mariños [...], ósos e cabezas de raposos, lebres, martas, osos, caribús, gaivotas e corvos por todas partes do aloxamento, e na enseada, grandes e pequenos escoplos de carpinteiro. Restos das bordas das embarcacións bizcaínas [...], vimos preto da casa varios anacos de madeira, tellas e carbóns de forxa, con catro ou cinco toneis onde había aceite para queimar. Tamén atopamos un anaco de tecido cosido con agulla [...]. Todas estas cousas fan crer que eles teñen comerciado con algúns europeos" ("Lettre de Joliet sur les Esquimaux", BNF, manuscrito coa signatura NAF 9284, follas 135r-136r).

Como se ve no detalle de Joliet, o que describe como vivenda esquimal semi-subterránea, formada sobre un plinto de bloques de turba e con cuberta de madeira e capa de terra sobreposta, claraboias, etc. cadra totalmente có tipo das vivendas da Anse-aux-Meadows que se veñen considerando vikingas, así como coas vivendas islandesas da mesma tipoloxía. Polo que acabo de atopar e traducir para vós, non serían vivendas vikingas, senón esquimais.

Diante, vivenda esquimal de turba con claraboias na misión de Hebron en Labrador, 1901.

Nas narracións de Joliet repítese a mesma información: ó saír de Mecatina os indios dinlle "que varios esquimais invernaran naquel lugar e fixeran tres casas de madeira cubertas de terra, unha das cales estaba aínda enteira. Eles non fan lume no interior; teñen un lugar a propósito para isto fóra. Eles fan provisións no outono, de lobo mariño e caza para o inverno [...]. Os nosos indios de Mingan atoparan catro casas a primaveira pasada e desfixéronas" (folla 131v-131r). 

Tanto nos datos que lle aportan os indios, ós cales diferencia moi ben dos esquimais, como nos seus encontros cos esquimais, volve unha e outra vez sobre estas vivendas de inverno: "os seus leitos están elevados un pé sobre o chan de terra, garnecidos con peles de caribú, lobo mariño, oso e outras, para se cubrir á noite; as súas cabanas [...] están feitas en redondo, no verán, e cubertas de lobo mariño [...]; máis no inverno eles fan casas como as que xa teño descrito antes. O embarcadoiro non é menos agradable: teñen tres embarcacións bizcaíñas e unha [...]; as catro ben aparelladas con mastil, velas [...] e un cofre sobre unha [...] que ten escrito en grandes caracteres IHS.Maria.Joseph [= Xesús, María e Xosé]" ("Carte du Canada en sept feuilles par Joliet (1693)", BNF, manuscrito coa signatura NAF 9275, folla 195v).

Poboado esquimal ("Esquimaux") na costa leste de Labrador, fronte a Belle Isle, segundo un dos mapas de Joliet (1693); coa mesma tipoloxía de vivendas que o suposto poboado vikingo de Anse-aux-Meadows.

As descricións de Joliet das vivendas esquimais de turba que atopa polo estreito de Belle Isle, así como a distribución funcional dos asentamentos (vivenda, asteleiros, forxa, depósitos de aceite para queimar), coincide totalmente coas características do poboado de Anse-aux-Meadows, que segundo o estudo de Birgitta Wallace ("The Norse in Newfoundland: L'Anse aux Meadows and Vinland") non presenta ningunha das características funcionais propias dos asentamentos dos Norse en Groenlandia, como poden ser evidencias da práctica agrícola e gandeira (cercados para gando, campos de cultivo), pois é que os esquimais non eran nin son gandeiros ou agricultores senón cazadores-recolectores: "Specific archaeological testing showed no sign of enclosures or shelters for livestock of any kind, or of disturbances in the flora caused by grazing and cultivation. Nor were remains of domestic animals found". Pola contra, Anse-aux-Meadows presenta novidades importantes que non se coñecían nos poboados dos Norse, como a situación inmediata á costa e a instalación do asteleiro para reparación de embarcacións, necesarias para a caza das baleas que practicaban os pobos árticos de América.

O poboado de Anse-aux-Meadows en Terranova, porén, é un poboado de inverno esquimal do século XI, que evidencia, pola presenza de determinados obxectos (v. B. Wallace) e a práctica metalúrxica, contactos con europeos nórdicos ou irlandeses establecidos en Groenlandia e Islandia. Non se trata polo tanto do primeiro asentamento europeo en América. 

Medusas e pistolas vs. bacallaos e pilotos


Carta de Pellegrin amosando o estreito de Belle-Isle. (C) BNF.

Xa que andamos por Terranova non imos deixar de lado a cuestión toponímica. Afírmase que o nome de lugar de Anse-aux-Meadows podería ser deturpación inglesa do francés méduses. Nada máis lonxe da realidade que amosa a carta de Pellegrin, onde vemos que o nome ven como B. des Maures, o cal supoñemos que xa é unha deturpación de Morues (Bacallaos), motivada pola transmisión manuscrita da toponimia das cartas, ás veces ilexible. Á bahía veciña, hoxe denominada Baie des Pistolets, sucedeulle o mesmo: foi antigamente a Baie des Pilotes. Confórmase entón a toponimia da costa norte de Terranova ós nomes das pesquerías e secadoiros que xurden dos peixes capturados e ós nomes que nos transmiten a historia das antigas exploracións náuticas coas referencias da costa que orientaban ós mariños.

martes, 9 de febrero de 2021

Eskimo-basque, unha lingua creoula desaparecida, e as baleas boreais extinctas en Terranova

Segundo a memoria redactada por Monsieur de Planthion no ano 1700, seguindo os datos aportados polos seus informantes (os comerciantes de Saint Jean de Luz e Ciboure), os mariñeiros vasco-franceses de Saint Jean de Luz chegaron a Terranova antes que ninguén o fixera, na procura das baleas que xa ían sendo escasas nas costas do Golfo de Vizcaia. A narración é interesantísima, e foi editada aquí e acolá, deixando sen revelar algúns datos importantes que rescatamos do manuscrito conservado na BNF (Collection Margry, vol. adicado ós Voyages de découvertes).

En Terranova os vascos fixeron amizade cunha nación "appelée squimaux, qui a toujours eté, et qui est encore, intrátable pour toutes les autres nations; et comme leurs langages étaient absolument différents, ils formérent une espêce de langue franque composée de la Basque et des autres différentes langues des ces sauvages, par le moyen de la quelle ils s'entendaient fort bien tous".

Tamén atoparon, ademáis do tipo de balea que predominaba na costa oriental de Terranova, e denominaban sardaco baleac (pola súa tendenza a formar grupos, como as sardiñas), outra especie de cetáceo na bahía de San Lourenzo, que nomearon granbayaco baleac, posto que o nome que lle daban á bahía era Gran Baya. No Mar Glacial volven atopar esta segunda especie, que ven caracterizada na memoria por ser o dobre de grande que a sardaco baleac, con barbas longas proporcionadas ó seu tamaño. A graxa desta gran balea é líquida e crara, mentres que a graxa da balea sardiña é turbia. Dedúcese da descrición que era unha balea boreal, cuxo hábitat ía entón dende o golfo de San Lourenzo ata Groenlandia. Neste sentido caben destacar os traballos de William W. Fitzhugh no campamento baleeiro de Petit Mécatina onde só se atoparon restos da balea de Groenlandia.

domingo, 7 de febrero de 2021

O caso do furto duns pelexos de viño en Rao (Navia de Suarna) polos de Candín (Valle de Ancares)

Os de Candín (Valle de Ancares) están a acusarnos de apropiación indebida do topónimo Ancares. E antes de contar a edificante historia que da título á entrada, vexamos un resumo da argumentación da acusación.

Segundo eles, Ancares non foi un topónimo galego ata fai ben pouco, cando llo roubamos co gaio de facer un couto de caza nos anos 60 do pasado século na zona denominada hoxe Os Ancares (Lugo). Ata entón, Ancares era descoñecido en Galicia. E dinno a pesares de o Porto de Ancares aparecer como límite das divisións territoriais de Galicia (condados) en documentos medievais xa desde o século VI: "inde ad aperturas proveheitur ad montes de Ibias, venitur vertens se ad Portum de Ancares, veniens ad Petram Caballar: finiturque in Paturnello" (ano 572).

A pesares de aparecer en vellos mapas o Porto de Ancares como límite entre Galicia, Asturias e León.

Porto de Ancares, Porto de Leitariegos, Porto de Somiedo e Porto de Ventana debuxados en 1767 por Antonio Sanjurjo Montenegro: Diccionario xeográfico de Tomás López. León, px. 819 do visor.
(C) BNE.

A pesares de aparecer os Picos de Ancares denomeando os montes preto de Cervantes ata en tarxetas postais escritas por turistas de principios do século XX.


"La pastorcita de Lama de Rei, Cervantes: para llegar a los Picos de Ancares se pasa por las orillas del río Cancelada. Hay allí hermosos sotos de robles y castaños y lugares de gran belleza, como este de Lama de Rei, donde posó para La Voz la joven pastora" (1936). (C) Biblioteca Galiciana.

Pois ben, a historia dos pelexos de viño que roubaron ou "interviron" os de Candín en Rao é como segue: "causa formada contra Domingo Fernández, alcalde de Candín, provincia de León, y otros, por haber invadido la venta del sur del Puerto de Ancares, correspondiente a la parroquia de Santa María de Rao, distrito municipal de Navia, provincia de Lugo, contra la voluntad del morador de la venta, llevándose varios pellejos de vino". No auto ponse de manifesto que o alcalde de Candín non tiña autoridade para intervir fóra do seu distrito, e que o dono do mesón tiña licencia concedida por parte do alcalde de Navia. Asimesmo, os límites dos concellos estaban ben claros dende 1833. E sen embargo, o gobernador de León fíxolle unha falcatruada ó xuiz de Fonsagrada para que se inhibise, dicíndolle que antes de xuzgar o alcalde de Candín había que revisar os límites outra vez... Finalmente, mediante sentenza do Consello de Estado declárase a nulidade desta competencia (Sentencias del Consejo de Estado, 1863).

Vemos nun documento legal de 1863 que o Porto de Ancares efectivamente existía onde sempre estivo. Nel había unha venta de viño, en Rao, que lles producía gran inquedanza os de Candín, como logo o couto de caza, e agora o nome de Ancares. Entón roubábanos o viño, e hoxe pretenden ser eles os únicos que teñen dereito sobre o topónimo Ancares, pois o expediente de cambio de nome do concello que se está a tramitar insírese nunha campaña difamatoria que ven de lonxe e  argumenta o que vimos de expor, que Ancares non é topónimo galego, ou que os galegos lles roubamos o topónimo recentemente por razóns turísticas.

Logo, outra parte do seu razonamento é que Candín sempre se chamou Ancares, máis isto non ten apoio na documentación outorgada polos propios veciños nas enquisas do Catastro de Ensenada. O que se chamaba Ancares, en León, ademáis da serra compartida con Galicia, era o valle de Ancares por onde discurre o río Ancares.

"Este pueblo se llama el lugar de Candín por cuyo título y nombre es conocido en este valle [Valle de Ancares] y provincia" (Catastro de Ensenada).

Ferrol en Terranova

 

Mapa de Terranova de Pierre Detcheverry, 1689 (BNF).
Arriba e sinalado cunha frecha amarela, Ferrol.

Aínda que non se trata dun novo achádego, pois xa era coñecido que o topónimo Ferrol aparecía en Terranova desde o estudo de Egaña Goya de 1993, nós discrepamos da explicación da autora sobre a súa presenza nos caladeiros de Newfoundland: "Ferrol, aunque no se trate de una denominación vasca, parece ser que era de uso exlusivo de los vascos, pues aparece en la costa NW de Terranova, con la aclaración por parte de Detcheverry de que también le llamaban Etchaire Portu" (Egaña Egoya, "Los puertos vascos del Golfo de Bizkaia. Reutilización de sus nombres en las pesquerías del Atlántico Norte. S. XVI y XVII", 2007).

Parécenos excesivo pretender que toda a antiga toponimia de Terranova fose levada e implantada polos vascos, incluso a que non era vasca, como Ferrol ou C. de Raz (no estremo sur), sendo os galegos e bretóns tamén baleeiros.

Noutra fonte que temos atopado pola nosa conta, a memoria manuscrita de Planthion (1710) sobre a cuestión da pesca de balea e bacallao en Terranova e o descubrimento desta illa e Canadá por parte dos mariñeiros vascos de Saint Jean de Luz, non atopamos entre os topónimos de Terranova ós que o autor atribúe orixe vasco nin rastro do nome Ferrol: Ophor Portu, Portu Choa, Amuyts, Biarrits, Cap de Grat, Cap de Ray, Cap Breton, Gran Baya... Pensamos que non chega a atribuír orixe vasco ó topónimo Ferrol porque non pode, e así di que os vascos deron "des noms en leur langue à la plus part des ports de ce golfe [San Lourenzo]" (Planthion, na Collection Margry da BNF, vol. adicado ós Voyages de découvertes).

Na toponimia de Terranova aínda se conserva o nome de Ferrol nos lugares de Old Ferolle Island, Old Ferolle Harbour e New Ferolle no estreito de Belle Isle que da paso ó Golfo de San Lourenzo. Pode observarse que a topografía do estreito lembra a característica entrada da Ría de Ferrol; por iso probablemente os mariños galegos que chegaron a Terranova déronlle o nome de Ferrol.

"Le détroit de Belle-Isle et partie des cotes de l'Isle de Terre Neuve" por Jacques-Nicolas Bellin, 1753.
(C) BNF.

sábado, 6 de febrero de 2021

Videmus nunc per speculum

Os antigos procuraban resolver o enigma (chamábanlle "Deus"), e para elo examinaban o cosmos; o macrocosmos, xa que do micro aínda non sospeitaban da súa existencia, senón terían buscado a Deus nos átomos ou que sei eu, nos quarks, ou no bosón de Higgs có acelerador de partículas do CERN. Logo dicían cousiñas ben esperanzadoras, como: "videmus nunc per speculum in aenigmate: tunc autem facie ad faciem" (Corintios, XIII), que non se sabe traducir moi ben xa que non se ten en conta que speculum é unha lente dun telescopio, feita de metal puído. Entón a reflexión, verquida á nosa lingua quedaría así: "agora examinamos o enigma cunha lente, máis cando chegue o momento, enfrontarémolo cara a cara". Máis esto sucederá se Deus quere.

Abaixo, un astrónomo medieval cun telescopio rastrexa o cosmos na procura dunha explicación, revelación ou cousa semellante que lle leve a comprender ó seu deus cósmico e a súa orixe. Ilustración cun troquelado que simula un campo de traballo aberto a outra dimensión, inaccesible por estar situada fóra do pergamiño. Pertence a un códice de San Gallen https://www.e-codices.unifr.ch/en/list/one/csg/0018


martes, 2 de febrero de 2021

Unha cantiga de amigo nunha moxiganga do século XVII

A moxiganga titúlase Mojiganga del Folión, e foi escrita polo portugués Matos Fragoso. Nela Graciosa sufre da folía dos ciumes, está tola de amor por ter sido remprazada por outra: "¿Dónde me llevas tirano deseo?".

Neste vello contexto romántico e paixoal, a canción que pecha a peza teatral, a cuxo son danzan os personaxes formando unha cobra (o que podería ser formalmente relevante), podemos entendela como unha cantiga de amigo con aire de jarcha mozárabe. Aínda que certamente deturpada, todavía poden notarse a voz feminina doente de amor, as clásicas rimas en -igo (que viñan esixidas polo amado = amigo), a nai interlocutora, a natureza como marco das paixóns, as preguntas reiteradas polo amado, a amiga que escoita e responde, e unha sorte de leixaprén. Transcribimos a cantiga do manuscrito autógrafo que se conserva na BNE.

Gracioso: Con el uno y otro son / a uso de Portugal / el baile puede acabar.

Graciosa: Portugal, va un folión: / toma tú aquestas sonajas / yo estotras tomarme quiero / toca el tambor, yo el pandero / y hagámonos todos rajas.

[Cantando]

Graciosa: Si vos miña mai / pelejais conmigo / y queréis botarme fora / que donde irai / miniña a tal hora / sin tener ningún abrigo?

1ª: Que yo la hay / ollar qui vus digo / miño ben donde estarai?

Graciosa: Que yera de noite / chove, face escuiro ay! / miniña donde irai?

1ª: Que ye te levai por lo Doro arriba / ye te levai

Todos: ay! / Jesús cuando volverai?

Graciosa: Que ye te le e

Todos: A miña alma y a mio bee

Graciosa: Que finca embora

Todos: Que me chama miña señora

[Aquí empieza la culebra]

Si vos miña nai / pelejais conmigo...