sábado, 17 de julio de 2021

A danza da Vella que creou o mundo

Os deuses masculinos que crearon o mundo, como poden ser o hindú Shiva, ou o noso, o deus das chamadas relixións do Libro, ou teñen moitos brazos para facer todas as tarefas que precisa a creación, ou ben teñen que facelas en varias etapas para logo descansar, esgotados. Son incapaces de facelas ó tempo, nun intre. Pola contra, a antiga divindade feminina que creou o mundo moito antes de que eles se apropiasen da fama, fai todas elas xuntas nun estoupido. Como é posible?

A moura construtora de megálitos. (C) Fernando Alonso Romero.

Dende que Fernando Alonso Romero nola presentara no seu traballo "Las mouras constructoras de megalitos" (Anuario Brigantino, 1998), poñendo de relevo a súa relación con outras figuras mitolóxicas europeas, como pode ser a Cailleach irlandesa, sabemos que a nosa Vella foi a deusa que creou o mundo, a natureza. Polo folklore conservado no país tambén coñecemos as súas facetas de fiandeira (como as Parcas ou Moiras tecen o destino humán), construtora das primeiras obras arquitectónicas conservadas na historia da humanidade (os megálitos galaico-portugueses) e nai nutricia. Segundo os testemuños recollidos polo profesor, este ente nos seus avatares de Vella, Moura ou Virxe, leva as pedras cobertoiras dos dólmenes na cabeza ó tempo que fía na roca e da o peito a un meniño. Dun xeito semellante, a Vella irlandesa tambén transporta pedras para construir os cairns, aínda que o fai no mandil ("Tailtiu, la constructora de megalitos", Arqueotoponimia, 2018). Estas vellas tiñan que ter unha forza tremenda!

Podería parecer que o retrato desta deusa nai esgotouse aquí. Pouco máis sabiamos dela, senón pequenos trazos que incidían no devandito: por exemplo que tambén é a dona do tempo ("Partir a Velha", Arqueotoponimia, 2021) e os fenómenos atmosféricos (Cristobo de Milio Carrín: La creación del mundo y otros mitos asturianos, 2008), de aí o nome tradicional de "arco da Vella" que recibe o arcoiris. Aínda que tiñamos moita información, sempre incidía nos mesmos aspectos.

Máis nun manuscrito da BNE (Voces gallegas, de Usoz y Río, Mss/7208) atopamos unha cobriña sobre ela que a singulariza como deidad danzante, como a Kali hindú (Kali, "a oscura" = Cailleach). Observamos que ten que ser ela, pois a máis de ser moi vella, continúa facendo varias tarefas a un tempo, dúas xa ben coñecidas: preparación da materia que vai ser tecida (fiar - ensarillar - nobelar), amamantar ó meniño:

"Unha vella vella bailaba,

ensarillaba e vendía viño,

e có pé pechaba a porta,

e daba a teta ó pequerrechiño"

Das novas tarefas, é a da danza (cun pé levantado, movemento que agora se reinterpreta como impulso para pechar unha porta) a que reviste unha relevancia extraordinaria para comprender quen foi a Vella. 

Vásista, un dos sabios máis importantes do mundo védico, na súa obra Yogavásista describe a Kali como unha divindade celeste que mentras baila crea o mundo, que vai emerxendo do seu corpo coa danza. Aínda na narración de Vásista a deusa Kali non ten as connotacións negativas que lle imporá o cambio de paradigma por outro no que o seu paredros masculino (Shiva) acapara a función creadora. É ela, segundo Vásista, o inmenso corpo do cosmos; coa súa enorme forza sostén a Terra cos seus océanos, illas, bosques, desertos e montañas. Ela crea e mantén o mundo có seu baile (Living landscapes, de C. Key Chapple, px. 58-60).

Unha vez que Shiva desbancou á Vella, o estudo do mitema da danza cósmica creadora e mantedora do mundo acadou o seu máximo esplendor ó vencellala Carl Sagan coa teoría do Big Bang: a danza de Shiva reproduce o ciclo de creación, evolución e destrucción do universo, "gústame imaxinar que estas imaxes profundas e esclarecedoras son unha anticipación das teorías astronómicas modernas" (Cosmos).

Evidentemente o da nosa Vella (Kali, Cailleach) é un mito moi elaborado sobre a creación do mundo, do universo, do cosmos, e da súa posta en funcionamento polo movemento. O movento ou danza cósmica terá un ritmo musical, un latexo que escoitar coa tecnoloxía moderna, aínda que non o percibamos totalmente. 

Tamén o cosmos (o fillo da Vella) terá unha estrutura, cecais aproximada á que tece a súa vella nai cos fíos que vai preparando.

Cando o cosmos pare de moverse quedará inerte, morto: "é moi probable que o universo se estea expandendo dende o Big Bang, máis non está totalmente claro se continuará facéndoo para sempre" (Carl Sagan, op. cit.). Non é de extrañar, polo tanto, que un mito sobre a creación do universo anticipe modernas teorías astronómicas, que ó final non son tan modernas como parecen.

Pola nosa parte, desexamos que a Vella siga a bailar por sempre, tecendo, destecendo e voltando a tecer novos mundos, como as nosas aboas, que nos facían un xersei distinto con lá doutro vello. A materia non se crea nin se destrúe, só se transforma.

Falta da habelencia de Fernando Alonso Romero, tedes que conformarvos con este debuxo da Vella bailando, ensarillando, pechando a porta co pé e dando de mamar ó meniño. Faltábame un brazo máis para que vendese o viño, e por iso tivo que quedar simbólicamente reflictido nun tonel. Alonso Romero deixaba tan tranquilo ó recén nacido agarrado el mesmo ó colo, e así quedaba a moura cunha man libre para soster a pedra, máis iso é inverosímil, non pode ser! Tampouco podemos dotala de máis brazos, como ás divindades hindús.

Cronoloxía

Fernando Alonso Romero establece unha cronoloxía aproximada para o ente mitolóxico da Vella ó facela descender das deusas nai neolíticas do Mediterráneo. A Vella, para o autor, é precéltica e cecais preindoeuropea. Nós, pola contra, ó amosar que a Vella e Kali son a mesma divindade, sostemos que ámbalas dúas proveñen dunha divindade feminina anterior (a Deusa Nai paleolítica) que evoluíu en zonas tan afastadas adquirindo progresivamente distintos atributos propios do xénero feminino ó longo das épocas. Kali non ten fuso nin roca o que implica que a Deusa Nai da que parten ámbalas dúas tampouco os tiña, logo semella que estamos ante unha divindade preneolítica que descoñece o fiado e os tecidos.

A cronoloxía do Rigveda, que reflicte crenzas transmitidas oralmente moi anteriores ó momento en que se puxo por escrito (sendo Vásista un dos seus autores), fíxase en torno ó 5.000 a.C. (segundo Harmatta, apud S.S. Misra en "The Indo-Aryan Controversy: Evidence and Inference in Indian History", ed. Bryan e Patton, 2005).

Movémonos, pois, nun momento (en torno a fai uns 7.000 anos) post quem produciuse un cambio de paradigma, có neolítico, cecais debido a acumulación de produtos e á necesidade de control dos excedentes e a poboación, mediante o cal a divindade feminina preagraria dotouse das connotacións negativas que se engaden ós símbolos arcaicos que xa non se consideran útiles. Xurde, pois, o patriarcado (Shiva asumirá os roles de Kali). Máis no testemuño de Vásista perduraba aínda a importancia das deusas nai antes de se producir o cambio paradigmático; nel cómprobamos que efectivamente non só existiron as tan discutidas deusas nai prehistóricas, senón que tambén foron desbancadas polos seus paredros masculinos.

O viño

Aínda que non sabemos que significa o motivo do viño (simbólicamente, o sangue dun sacrificio ou bebida ritual para achegarse a un estado de conciencia alterada?), é importante suliñar que non é unha casualidade atopalo nas dúas. Tanto a nosa Vella como Kali manipulan dalgunha forma a bebida alcohólica; Kali a sostén nunha das súas mans e a Vella a expende.


viernes, 16 de julio de 2021

Pedras con lenda / Xabier Moure, Pilar Carpente e Xosé Ángel Fernández Revaldería

Vimos de ler o novo libro do colectivo Patrimonio dos Ancares, editado pola Deputación de Lugo e os tres concellos dos Ancares lucenses, Cervantes, Becerreá e Navia de Suarna. Nel recóllese abundante material sobre:

  • O folklore e tradicións vencelladas ás pedras da comarca, que moi ben poderían ser vestixio de vellos cultos litolátricos, mitos, indicadores de antigos fitos da paisaxe, etc., ou meramente reinterpretacións populares dos nomes das pedras, o que orixina á súa vez lendas secundarias. Na nosa opinión, o caso do nome da Pena Partida de Castelo (Cervantes) pertencería a este último grupo: o litotopónimo semella aludir a unha fenda no penedo, máis hai quen di que "no lugar, os monxes do mosteiro de Penamaior partían as colleitas dos veciños"; a habelencia de construir mitos e tradicións segue aínda moi viva nos Ancares.
  • As etimoloxías dos litotopónimos, que sempre achegan interesantes datos históricos e etnográficos que os autores desenvolven con destreza.

Ó longo da obra, estruturada alfabéticamente, preséntase un inventario moi completo das covas, castros, castelos, marcos, medorras, penedos, pontes, etc. da contorna, para a continuación fornecer con brevidade a súa etimoloxía e logo espallarse no folklore, lendas e tradicións vencelladas ós lugares.

O estudo é produto dunha labor de prospección nos fondos cartográficos, bibliográficos e documentais (p. ex. Catastro de Ensenada) seguida dunha fase de identificación sobre o terreo, no que cobran relevancia especial os datos e testemuños fornecidos polos veciños dos Ancares. É da salientar que no apartado bibliográfico, polo que respecta á toponimia, vese que os autores procuraron as mellores fontes que autorizan as etimoloxías que manexan, moi asisadas (p. ex. Feijoo Ares, "Las motivaciones de los nombres de las piedras en Galicia. Cultos, ritos y leyendas", 2014).

Trátase, en definitiva, dun estudo que, pola súa forma, lémbranos moito ó estilo dos dindsenchas irlandeses, un xénero esquecido, case que poético, no que se fornecen as tradicións e lendas dos lugares a partires do seu nome; unha achega moi orixinal ó patrimonio inmaterial ligado ás pedras monumentais dos Ancares lucenses.

jueves, 8 de julio de 2021

Modelo de ocupación territorial de Galicia dende a Prehistoria


 Divisoria de augas (Camiño Real) das bacías dos ríos Mero e Tambre no entorno de Cabrui (Mesía).

Os cordais que constitúen as divisorias de augas forman ó mesmo tempo as únicas vías de comunicación natural, que permiten o desprazamento seguro sen atravesar os ríos. Neste caso, baixan por cada vertente os tributarios do Mero (ó norte da liña laranxa) e do Tambre (ó sur da liña); no mapa temos sinalado o Samo (tributario do Tambre pola dereita).

Entre cada dous regos que baixan da divisoria adoita situarse un asentamiento complexo pazo - castro, de orixe gandeiro neolítico ou epipaleolítico. Como se ve, o complexo é sempre dependente da traza do camiño natural ou Camiño Real (paso dos grandes herbívoros). De feito, o patrón de distribución é tan recurrente que permite a identificación continuada de novos asentamentos prehistóricos, como o que atopamos e sinalamos no mapa baixo Vilardevesa. Aínda que hoxe é un castro moi esvaído, a microtoponimia e o mapa do Vóo Americán de 1956-57 garanten a súa inclusión no conxunto dos castros de Galicia.

Podemos aventurar, entón, que o modelo de asentamento poboacional de Galicia, o modelo tradicional, afunde as súas raíces no sistema das bacías hidrográficas do país, constituíndo un tipo de asentamento que se vertebra ó longo dos camiños naturais das divisorias de augas; como hoxe se vertebran tantos pobos ó longo das novas vías de comunicación. Porén, parece recomendable preservar esta importantísima testemuña do noso pasado máis remoto, os alicerces dun modelo de asentamento ancestral que flúe có territorio, que se modela sobre el respetuosamente. Cecais único.

martes, 6 de julio de 2021

O Tamborel


 Medorra duns 25 metros de diámetro no Coto do Tamborel (Bascoi - Mesía). (C) Imaxe capturada có Google Earth.

Sitúase preto das medorras da Revolta de Bandeira, que tamén están nunha leira chamada Tamborel. Respecto á etimoloxía do microtopónimo, ten que ser o diminutivo da forma Támaro / Támbaro, provinte do latín tumulum, da que xa tratamos na entrada Támaro - Sutámbaro.

A medorra está na liña de demarcación de concellos (Cesuras - Mesía), formada pola divisoria de augas das bacías hidrográficas do Tambre e o Mero. O camiño fronte á medorra ven do cercano castro de Borrifáns. Coordenadas: 563830.15 4775344.91.

domingo, 4 de julio de 2021

Camiños da Misa

 

Camiño da Misa nos montes de Marraxón preto das mámoas do Coto do Rei.

Os Camiños da Misa son unha descoñecida clase de vellos camiños locais, equiparable ós Mass Paths irlandeses, descritos no repertorio de folklore e tradicións do Dúchas.ie coas mesmas características dos camiños de divisoria de augas dos Camiños Reais: "About half of this path extends along the top of a very large fence and on either side, there are growing holly and hawthorn bushes. There is also a stream of water flowing along each side of the fence through which the mass path runs" (Edmund Murphy, Tipperary).

No repositorio indicado recóllese abundante folkore vencellado ós Mass Paths, vías de comunicación segredas só coñecidas polos curas e fegreses que ían a misa cando esta estaba proibida nos tempos das Penal Laws. Segundo este folklore, as misas celebrábanse ó ar libre, baixo árbores, xunto a algún penedo (Mass Rock), en covas onde tamén se gardaban os obxectos da liturxia... Cecais as lendas sexan indicios do vencello destes camiños con lugares onde se tiñan celebrado rituais precristiáns, o estaren percorridos por túmulos funerarios do Neolítico. Có paso do tempo, a persecución que o cristianismo levou a cabo contra os cultos pagáns, cristalizou nestas lendas nas que os perseguidores pasaron a ser os protestantes ingleses que ían contra os cristiáns irlandeses.

Os Mass Path estaban protexidos contra a usurpación, pola tradición e o dereito consuetudinario. Na Dúchas.ie temos moita información sobre diversos intentos de apropiación: "It is also said that some people tried to close up the Mass-Path but they would not be allowed. They were told they would never have an hours luck if they closed it" (Brendan Flynn); "It is said that if you plough this path you would fall dead in the field" (James Newport, Wexford). Neste senso, destacamos o traballo do concello de Cuntis ó recuperar, finalmente e cumprendo coa súa obriga, para o dominio público o Camiño da Misa de Louriña, que fora okupado por un particular.

Sobre a orixe dos Mass Path temos a testemuña de Patsy O'Sullivan, de Cork: "Some years ago there was a law-suit about right-of-way on this path. The judge asked how long the Path was in use. An old woman Margaret Kelleher of Quinch, Banteer (since dead) who was giving evidence replied - "From the beginning of the world your honour". Dende o principio dos tempos!

Derrynafinchin Mass Rock = altar (dolmen) de Derrynafinchin. (C) Hilary J. Bishop, "Classifications of Sacred Space: A New Understanding of Mass Rock Sites in Ireland", International Journal of Historical Archaelogoy, 2016. A autora explica que a elección dos sitios dos penedos das misas foi modelada polo simbolismo do territorio, e revela que o cristianismo irlandés estivo imbuído polas tradicións precristiás.

Mass Rock en Ballynacragga, Newmarket on Fergus - Clare.
(C) Pádraig Mac Cormaic, 1938 - Dúchas.ie.

sábado, 3 de julio de 2021

Unha anomalía costeira nas divisorias de augas en relación coas mámoas e os Camiños Reais

 


Liña laranxa: tentativa de delimitación da divisoria de augas da posible cunca mesta do Forcadas, o río de Porto do Cabo e o Condomiñas. Fonte: elaboración propia a partires do mapa hidrográfico da Xunta de Galicia (Visor PBA).

As estreliñas verdes sinalan as concentracións de túmulos ou necrópolis megalíticas da posible bacía hidrográfica mesta. Comezando polo sector da esquerda na beiramar: mámoas do Coto da Fraga, mámoa de Loira, mámoas de Pena Moura - Portonovo - Monte de Nenos, mámoas de Moimentos, mámoa de Bardaos, madoña de Labacengos - mámoa dos Caneiros, mámoas do Coto Fincova, mámoa do Cal de Liñares, mámoas de Cova Oscura, mámoas de Pedra Chantada, mámoas das Lamas, e mámoas do Coteliño e dolmen de Pena da Aguia (xa baixando cara Cedeira).

Fotografías: ortostatos reutilizados do dolmen de Pena da Aguia e mámoa de Pedra Chantada.

Como hipótese de traballo imos comprobar se efectivamente os ríos de As Forcadas, o de Porto do Cabo e o pequeno Condomiñas formaron unha única cunca que verquía na actual ría de Cedeira antes de esta terse formado durante o periodo xeolóxico denominado Holoceno, fai uns 10.000 anos.
  1. Arrodeamos a divisoria de augas da suposta bacía mesta e superpoñémoslle as necreópoles que acompañan a todo Camiño Real.
  2. Comprobamos que a posible divisoria de augas e os túmulos (tambén a toponimia) van parellos salvo no sector do Condomiñas, onde as mámoas non abranguen o río; pola contra, métense cara Cedeira por Pedra Chantada e Pena da Aguia, delimitando a vertente norte da cunca do río Porto do Cabo.

Conclusións: o río das Forcadas e o do Porto do Cabo formaron unha soa bacía hidrográfica, sendo un deles, polo tanto, tributario do outro, por iso non hai mámoas entre eles (básicamente, ó longo da liña que delimita o concello de Cerdido polo sur), aínda que si atopamos o odónimo Camiño Grande ou Camiño Real. A persistencia no tempo do uso da divisoria de augas desta bacía mesta como Camiño Real prolongouse ata o Neolítico (5.000 BP), momento no que se marcaron os antigos Camiños Reais das divisorias coas mámoas, aínda que neste caso moi probablemente ámbolos dous ríos xa estaban separados na desembocadura.

O feito de non ter divisoria de augas entre eles marcada con mámoas como corresponde a un Camiño Real é unha aparente anomalía (non a teñen porque foron un único río, a teñen polo exterior do conxunto) útil para avaliar os cambios que durante o Holoceno sufriron os sistemas fluviais costeiros de Galicia, pois dela derívase a existencia de cuncas mestas que hoxe non o son.