sábado, 21 de agosto de 2021

Pedra Curva e A Pelrada: os cromlechs de Rodís

 Pedra Curva de San Martiño de Rodís (Cerceda). (C) Andregoto Galíndez, 2016.


Pedra Curva de San Martiño de Rodís.
(C) Anxo Martínez-de Alegría, 2016.

Fai uns anos, procurando atopar o gran dolmen (túmulo, mámoa ou medorra) que existía en Cerceda segundo a Geografía General del Reino de Galicia de Carreras y Candi, dimos cunha construcción en pedra seca, de forma circular e, ó que parece, cun elemento monolítico pertencente a estrutura deitado no chan, que podería ter formado parte do teito ou ser unha das ucheiras / ortostatos do van de acceso. O nome do lugar é Pedra Curva, e sen dúbida facía alusión a esta construcción circular que podemos vencellar có topónimo bretón crom-lech, que non significa outra cousa que "pierre courbe", ou ben có nome do principal ídolo da Irlanda, o Crom Cruach, arrodeado de pedras.

Estado actual da Pedra Curva. (C) Manuel Ruibal, agosto de 2021.

A Pelrada / Perlada

Na fructífera visita a Rodís da pasada fin de semana tiven a oportunidade de ver outra destas extraordinarias construccións no lugar da Pelrada grazas ó seu descubridor, Manuel Ruibal, veciño da parroquia e activo investigador do seu valioso e esquecido patrimonio. Neste caso o habitáculo consérvase aínda íntegro, coa cuberta monolítica e as ucheiras no van de acceso. A fábrica amosa un perfecto encaixe da pedra. A estrutura é lixeiramente absidada (curva) ó fondo, onde atopamos na traseira un afloramento pétreo ben pegadiño á construcción que lle fai de contraforte na súa parte máis inestable e feble. Este soporte de rocha natural na traseira tambén estaba presente na construcción xemelga da Pedra Curva (hoxe derruída polo descoñecemento do seu valor cultural e patrimonial).

Construcción de pedra en seco de A Pelrada (Rodís - Cerceda). (C) Andregoto Galíndez, 2021.

Dende 2016 a técnica de construcción coa pedra en seco está incluída no Censo do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia como manifestación do patrimonio cultural inmaterial (xa que é unha técnica). Porén, as súas manifestacións, as obras que empregan a técnica en seco, estarán protexidas, sobre todo se, como neste caso, son únicas e excepcionais. Que finalidade tiña a construcción desta estrutura? Chozo, ouriceira, chiviteiro? Eu dende logo nunca vin nada semellante e non sabería pronunciarme, aínda que polo nome da finca (A Pelrada / Perlada < Petra Lata = pedra levada ou trasladada) teño a intuición de que podería tratarse dun megálito atípico ou evoluído, como no caso do destruído na Pedra Curva. Do que se desprende unha posible función funeraria que poderiamos tentar demostrar có recurso ó folklore.

Ós especialistas ós que ten recurrido Ruibal atopan un paralelismo claro coas chamadas casoupas das Estacas (Fornelos de Montes); un conxunto dunhas trinta construccións moi semellantes á de Rodís.

Chozo na Cidade das Costas do Alén. (C) Faro de Vigo.

O antropólogo Rafael Quintía ten un interesantísimo estudo sobre os chozos de Fornelos de Montes, "Levar os vellos ao monte: el senicidio en la mitología gallega" (Liburna, 2020) onde amosa o vencello destes lugares chamados A Eira dos Vellos ou Coto da Eira dos Vellos (segundo recolleu a filóloga Dolores Ferro Diz) coas lendas do tipo ATU 890 ("O fillo desagradecido") nas que o pai é levado polo fillo ás casopupas do monte para deixalo morrer. Para o autor estas lendas espalladas polo amplo territorio de Eurasia poderían ter unha orixe paleolítica. O propio Quintía recolleu unha delas proporcionada pola veciña de Ventín, Elisabet Lage Muíños:

"Miña nai decíame que nas Costas do Alén que había unhas casoupiñas pequenas. Seghún ela, que antes, moito na antigüedade, a xente cando os vellos morrían que os levaban a morrer alí. Cando xa estaban nas últimas de todo, que vían que realmente estaban… pois levaban os vellos e deixábanos morrer alí. E que era unha tradición, e que facían iso. Entonces un levou a un pai e, claro, díxolle que había varias casas, e que o pai dixo:

―Déixame quedar aquí, neste sitio.

―Pero, por que queres este sitio?

Porque aquí deixei eu ao meu pai.

―Entón, queres dicir que o meu fillo vaime deixar aquí a min?

―É a nosa tradición da vida. Vaiche deixar aquí, claro.

―Ah, pois iso vaise acabar contigho e conmigho. Vas aghora mismo conmigho pa casa".

Os megálitos da bacía secundaria

da parroquia de San Martiño de Rodís


O límite da parroquia de San Martiño de Rodís, segundo o Catastro de Ensenada, pasaba pola "Fuente das Meigas, de esta va a una medorra que se halla en el sitio del monte da Perlada, que es al sur". Imos ver entón como o linde percorre o pequeno cordal secundario que separa dous tributarios do Paradela - Lengüelle (afluente do Tambre), o cal, pola súa lonxitude, tamén se marcou con mámoas, como adoita suceder nas divisorias de augas principais.



A liña laranxa sinala a divisoria principal das bacías hidrográficas do Tambre e o Anllóns. O Camiño Real vai marcado coas estreliñas verdes que indican a situación das necrópoles: a da mámoa do Camiño da Misa, as da Lagoa e A Seixoeira, e a de Vilamarta, xa preto de Gosende. Este topónimo, do que xa temos tratado no blog, fornece unha etimoloxía que vencella a orixe das vías de tránsito con sendas naturais utilizadas polos grandes herbívoros da prehistoria.

A liña marela marca a pequena divisoria entre os dous tributarios do Paradela, afluente do Lengüelle. Toda ela vai percorrida por mámoas: mámoa da Avieira, mámoas da Chousa Vella (preto do chozo da Pelrada), de Altamira e da Lagoa. Sempre segundo o inventario do Visor PBA da Xunta de Galicia.

As estreliñas vermellas sinalan dous importantes castros da parroquia, o da Fraguella e o do Adro.

Nas fotografías: as minas castrexas das Furnas de Mixón, o castro da Fraguella e o interior do chozo da Pelrada.

Como se ve, o feito de situarse o chozo da Pelrada / Perlada na liña de megálitos que separa a parroquia de San Martiño de Rodís (Cerceda) do termo municipal do concello de Tordoia, podería ser un outro argumento a favor de considerar a construcción un tipo de megálito evoluído, se temos en conta a etimoloxía de Perlada (sempre é un arqueotopónimo referente ós megálitos) e as lendas recollidas por Rafael Quintía sobre á finalidade funeraria das casoupas das Costas do Alén (As Estacas, Fornelos de Montes), que responden a unha mesma tipoloxía que a atopada por Manuel Ruibal. Xustamente, segundo me indica Ruibal, no lugar da Tablilla en 2003 excavouse unha medorra na que se "hallaron dos hachas y un dolmen, que sorprendió a los investigadores por sus pequeñas dimensiones" (La Voz de Galicia, 7 de outubro de 2003).

En calquera caso, sexa ou non un megálito, temos que felicitarnos polo achádego e valoración desta testemuña excepcional tan ben preservada dunha técnica construtiva ancestral; agora, grazas á teimosía de Manuel Ruibal e ó tramite que coa intermediación do grande Xabier Moure se efectuará ante Patrimonio da Xunta, terá a merecida consideración e protección no censo do noso patrimonio.

Un terceiro chozo na Fonte Pedra

(Pazos - San Martiño de Rodís)


Chozo da Fonte Pedra coa entrada construída orientada á saída do sol no equinoccio de outono.
Fotografado o 13 de outubro de 2021 ás 11 da mañá (9 horas solares).
(C) Dolores González de la Peña.

Continúan a aparecer máis chozos megalíticos na parroquia de San Martiño de Rodís grazas ó traballo de recuperación do patrimonio cultural e monumental que están a desenvolver os seus veciños. Neste último (tamén unha construción absidada mixta de pedra seca e ortostatos), puidemos comprobar casualmente na nosa recente visita deste outubro que a orientación do acceso á cámara é a mesma que a dos megálitos: cara o punto do horizonte no que xurde o sol no equinoccio de outono. Esta orientación solar adoita interpretarse simbólicamente, vencellada á función funeraria dos dólmenes. Segundo Manuel Ruibal, o primeiro chozo atopado na Pelrada tamén ten a mesma orientación solar equinoccial.

A conservación da vella microtoponimia

"Unha das razóns polas que os nomes do parcelario se conservaron é o feito de que eran coñecidos só por un pequeno número de xente que pertencía a unha comunidade pechada. A segunda razón da súa preservación é o mantemento da estrutura do parcelario e da propiedade á que fan referencia os nomes. Ambos feitos causarán a desaparición dos nomes nun futuro próximo. Agora vivimos nun periodo transicional no que, dunha parte, os patróns espaciais do territorio e a súa estrutura aínda se manteñen, mentres que, doutra banda, o estilo de vida da xente está cambiando, ou xa cambiou - incluso ó da xente que é propietaria ou mantedora destes espazos. Na maioría dos casos os nomes do parcelario preserváronse como medio de comunicación dos que traballaban nas terras agrícolas. Hoxe estas interaccións son cada vez menos habituais porque cada vez menos xente traballa nas granxas tradicionais; do que se desprende que vai diminuíndo a necesidade de comunicarse mediante os antigos nomes das leiras. Este proceso verase incrementado pola práctica da agricultura intensiva e o abandono dos cultivos nos terreos marxinais, que son menos rendibles para a produción agrícola. A estrutura parcelaria, un anacronismo do pasado ou do modo tradicional de practicar a agricultura, cambiará para adaptarse ás necesidades da agricultura moderna. Introduciráse unha nova xeometría espacial, adecuada ás necesidades das novas tecnoloxías aplicadas ós cultivos, e que non será necesariamente consistente coa actual organización do parcelario e os seus nomes. Estes procesos son, a pesares da súa consideración negativa, unha resposta ás tendencias contemporáneas e algo habitual no desenvolvemento da paisaxe. A principal razón para evaluar negativamente as paisaxes contemporáneas é a súa monotonía, ausencia de diversidade, atractivo visual, harmonía e identidade. A pesares das reservas feitas, unhas das posibles formas de valorar as paisaxes culturais tradicionais é preservar tambén os nomes do parcelario; máis os nomes só poderán preservarse coa condición de que a integridade espacial se manteña".

(Nadia Penko Seidl: "Significance of toponyms, with emphasis on field names, for studying cultural landscape", Acta geographica Slovenica, 48-1, 2008, 33-56).


Agras baixo o Castro de Ventosa en Santa Comba, que por tradición oral continúan a chamarse do mesmo xeito que se chamaban na antigüidade, a pesares de que agora non hai nestes lugares nin castros (Tras os Castros), nin cómaros (Combro), nin ruínas (Pereiras < petrarias).


Agra baixo o lugar de Almozara (Santa Comba), con parcelas denominadas Castro e Esqueiro, a pesares de ter mudado a forma do parcelario e non existir xa nengún castro nin aterrazamentos (esqueiros).


Castro completamente agrarizado xunto a San Cosme de Antes (Mazaricos), recoñecible pola topominima que se mantivo ata os nosos días: As Pedriñas, que da nome á croa, e Cancelas so Castro.

A autora do texto citado, arquitecta da paisaxe, pretende regular de novo as principais leis que rixen a toponimia, como son o seu carácter permanente e case que inmutable a través do tempo e a súa capacidade de expandirse para denominar ós espazos contiguos ó sector orixinal que levaba o nome. Có abandono do rural moitos nomes deixarán de usarse, outros novos xurdirán recollendo os vellos (*Ocalital das Cancelas so Castro), outros abranguerán un territorio maior... máis certamente a condición de conservar por lei só aqueles que nomeen o vello parcelario semella unha boutade que non ten corroboración sobre o terreo e supón unha perda irreparable da historia da formación da nosa paisaxe cultural.


viernes, 20 de agosto de 2021

Sobreira: un falso fitotopónimo

 

Sobreira (Zas - Santa María de Gándara).

No medio dunha paisaxe agraria sinalada por toponimia redundante (Agra de Arriba, Agra de Abaixo), aparece nunha pequena elevación do terreo o lugar de Sobreira, que non pode ser un auténtico fitotopónimo, senón un composto da frase preposicional latina super agram, con evolución normal ó galego: sobre eira > Sobreira, que quedou fosilizado como nome de lugar propiciando a confusión có termo homónimo referido á árbore. A estrutura latina do étimo (non romance: Sobre da Eira), vencellado semánticamente á existencia de agras de cultivo, sitúa a agrarización masiva da paisaxe galega durante a romanización. A primeira documentación escrita "ad fogium de sobreira uentosa" (ano 1106 - Tui. Fonte: CODOLGA) amosa o topónimo xa formado como na actualidade, aínda que polo contexto podemos supor que designa un lugar situado no alto, super agram.

Castro de Gabenlle no lugar da Portela (Torás - Laracha).

En torno ó Castro de Gabenlle vemos variacións da frase latina sub illam agramSobaleira (1), que logo formará un plural gramaticalmente románico (Sobaleiras) para concordar có conxunto de terras denominadas así pola súa situación embaixo das agras, así como a forma Sueira < sub agram -- Sueiras. A morfoloxía latina da frase sub illam agram non deixa lugar a dúbida algunha sobre a existencia de agras na paisaxe que motivou o nome durante a romanización inicial.

(1) Rivas Quintas interpreta Sobaleira como provinte do latín sub (embaixo) + illa larea (Toponimia de Marín, 1982, px. 284).

domingo, 15 de agosto de 2021

Mineiría galaico-romá nas Furnas de Mixón: a escombreira de Bercho da Ariceira

Relevo das Furnas de Mixón (Cerceda), coa microtoponimia relativa ó campo semántico da mineiría: o propio topónimo As Furnas, Furadelo e Bercho da Ariceira. (C) Visor PBA da Xunta de Galicia, capa catastral.

Bocamina dunha das furnas de Mixón. (C) Andregoto Galíndez, 2021.

Onte achegueime a Cerceda para visitar o esquecido patrimonio cultural do concello acompañada por Manuel Ruibal e Antón, veciños da parroquia de Rodís e infatigables investigadores do seu patrimonio cultural e inmaterial. A estrutura do antigo complexo mineiro das Furnas de Mixón é aínda moi perceptible: consta de seis bocaminas moi xuntas ás que se accede por estreitos corredores en pendente, que excavan o monte para penetrar nas entrañas da terra. Na fotografía vese o pasillo que leva á bocamina cuxo acceso está menos tupido; fentos dunha variedade endémica propia dunha paisaxe de laurisilva lémbrannos tempos remotísimos dunha cronoloxía infinda.

Como me sinalou Ruibal, a toponimia é indicadora da existencia desta paisaxe cultural mineira: non só, evidentemente, o nome de Furnas, tambén o inmediato topónimo Furadelo está relacionado coa actividade mineira. Pola miña parte, rastrexando a capa catastral da zona atopei o interesante microtopónimo Bercho da Ariceira asociado á parceliña 1123. Bercho pertence á mesma familia que o topónimo prerromán Bergido > Bierzo, que nomea a famosa paisaxe mineira de León. Ambos remiten á raíz indoeuropea *bhreg-, "quebrar, romper", que neste caso pode aludir a unha brecha ou fenda, ou a unha acumulación de rochas fracturadas (Roberts, A Comprehensive Etymological Dictionary of the Spanish Language, 2014, px. 263) como resultado da acumulación de escombro mineiro. Ariceira é unha variante de ouriceira, lugar onde hai ou se gardan os ourizos. As variantes ariceira / ouriceira inmediatamente lévanos a pensar que o microtopónimo está motivado, mellor que polos ourizos das castañas, pola existencia de ouro < latín aurum. Bercho da Ariceira será, entón, unha escombreira da mina de ouro das Furnas, cuxa explotación polo método da ruina montium podería datar da época galaico-romá, ó estaren vencellada ós asentamentos castrexos inmediatos, tal e como suxire Manuel Ruibal.

miércoles, 11 de agosto de 2021

Cruceiro e castros en Obra do Pano (Sada - Bergondo)

 

Microtoponimia dos castros de Samoedo e Lubre. (C) Visor PBA da Xunta de Galicia - Capa do Vóo Americán 1956-57.

Entre os castros de Samoedo ó norte (en Osedo - Sada) e o de Lubre ó sur (Bergondo), vindo dende Oleiros cara Sada pola vella estrada AC182, atopamos o cruceiro de Obra do Pano nun cruce de camiños no que se corta o pequeno camiño de divisoria de augas có camiño que comunicaba ámbolos dous castros. O cruceiro, aínda que reconstruído por mor de varios accidentes de tráfico, semella pertencer ó tipo cruz outa de Castelao, ou cando menos, ós que o mestre chamaba lechs cristianizados (As Cruces de Pedra na Galiza, 1950). Os braciños deste lar vial de encrucillada están orientados na dirección do camiño principal. Podería tratarse dunha indicación viaria secundaria, diferente das empregadas nas grandes divisorias de augas percorridas por necrópoles megalíticas.

Cruz do Pión ou de Obra do Pano. (C) Andregoto Galíndez, 2021.

Examinando o Catastro de Ensenada no deslinde da parroquia de Lubre, debaixo do castro de Samoedo figura o Casal do Bando preto da Cruz e Marco de Mión (do Pincón, noutra mención), que ha ser seguramente este cruceiro. A toponimia da parroquia semella non estar ben recollida polo escribán, que comete algún erro máis. Nós deducimos da fonética Mión / Pincón, que o nome do cruceiro, ó estar nun Camiño Real, será mellor Cruz do Pión (camiño peonil).

En canto ó nome de Casal do Bando, probablemente sexa o lugar que hoxe se chama Obra do Pano < pando, orónimo que alude a unha elevación do terreo, e que está situado á beira do Castro do Ferreiro ou dos Fornos, tambén coñecido como Castro de Lubre. O Pando > Pano, polo tanto, ten como referente ó terraplén de contención dun castro adicado á produción metalúrxica.

No que respecta ó Castro de Samoedo, ó norte, nótase na fotografía aérea do Vóo Americán de 1956-57 a súa completa transformación nunha agra. O interesante microtopónimo Vilalonga que se conserva na aba dos antigos aterrazamentos indica que no momento no que o castro comezou a traballarse como terra de cultivo aínda estaba moi presente na memoria colectiva dos veciños a súa función de vila, poboado ou asentamento. Este feito aporta indirectamente unha data moi antiga para o xurdimento do sistema das agras en Galicia: inmediatamente despois do abandono dos castros como lugar de habitación (a partires do século V).

jueves, 5 de agosto de 2021

Rodeiro: o camiño e a roda

O sustantivo sánscrito rátha, "carro", ten unha variante nominal rathá, "a rodas", e máis un outro derivado rathya, "camiño carreteiro; carreira", o que non deixa lugar a dúbidas da relación semántica que se estableceu moi pronto nalgunhas linguas indoeuropeas entre o vehículo, o mecanismo que fai que circule, e a vía pola que viaxa. Estes termos están vencellados etimolóxicamente ó antigo persa rada, "carro", ó latín rota, "roda", ó irlandés antigo roth, "roda", e o antigo alto alemán rad, "roda", e proverían do proto-indoeuropeo *ret(h)-, "correr" (Pokorny). Semella, según se ten dito, que o inglés road, "estrada", non tería que ver con este conxunto de termos (eu dubídoo), e tampouco evidentemente o nome inglés da roda, wheel.

Existen interesantes traballos como o do profesor Alinei sobre a historia da roda dende un punto de vista filolóxico, con sorprendentes conclusións: The Celtic origin of Lat. rota and its implications for the prehistory of Europe. Nós imos sinalar unha idea semellante á de Alinei, máis prescindindo do carro, e facendo fincapé en que o feito de conservarse nunha lingua as dúas acepcións de roda e camiño para o mesmo termo ou derivados del, podería ser determinante para establecer a orixe da roda en Europa. 

En galego sucede que rodeira ou rodeiro designan tanto a pegada das rodas do carro, como o camiño ou carril / carreira por onde circulan os carros: rodeira / rodeiro = "camino carretero" (Constantino García, Glosario de Voces Galegas de Hoxe, 1985). No novo libro do colectivo Patrimonio dos Ancares menciónase unha Rodeira dos Galegos que ía dende Veiga de Valcarce ata Noceda (Pedras con Lenda, 2021, px. 83), que ten que ser a que ven sinalada no mapa do Itinerario do Distrito Militar de Galicia de 1884 como simple camiño de ferradura.

Así pois, Rodeiro é un odónimo. Porén suxerimos que a parroquia de Rodeiro (Oza-Cesures) leva este nome por estar atravesada polo Camiño Real sinalado por mámoas, rodeira natural que percorre a divisoria de augas da bacía do Mendo. Nel atopánse varios topónimos máis que confirman a natureza persistente do camiño ó longo do tempo: Camiño de Rodeiro, Revolta de Rodeiro, Calzadas, As Travesas, A Pasaxe.

lunes, 2 de agosto de 2021

Divisoria hidrográfica da bacía do Limia

 


Deixamos a zona da Coruña para pasar a examinar as terras de Ourense, a petición, e por comprobar se a partires deste sector, onde na bacía galega dos tributarios do Doiro (Támega, Tuela) sitúa Bouhier unha paisaxe agraria distinta da do resto de Galicia que denomina open fields do extremo sur-leste, a demarcación dos Camiños Reais das divisorias hidrográficas mediante mámoas segue a ser funcional e ten a mesma pauta.

Nacemento do Limia

Parécenos intuír que o vello nacemento do Limia, ou polo menos, o que na antigüidade se podería ter considerado a súa cabeceira, era o Larouco, de onde parten uns regos que forman o sistema da Rousía - Faramontaos. Trátase non só dunha intuición motivada polo desexo, senón tambén fundada no carácter sacro que tivo no pasado esta montaña ("Larouco Deo Maxumo", ara achada en Vilar de Perdizes - Portugal), na cualidade de hidrónimo do nome Larouco (v. o noso artigo "Raíz hidronímica *NAR-", Celtiberia.net, 2007, coa que pode estar vencellado o hidrónimo Larouco pola alternancia de n- / l- iniciais, como en Neixa / Leixa), e baseada tambén na forma esvaída da bacía do Limia no seu sector norte (depresión orixinada no Terciario, logo colmatada ó longo do Cuaternario e da que agora só queda a desecada lagoa Antela).

Descrición da divisoria ata o límite có concello de Rairiz

Entre os concellos de Lobeira ó sur, e o de Verea ó norte, a divisoria de augas entre o Limia e o sistema Miño-Sil ven marcada por unha enorme concentración tumular que sinalamos coas estreliñas de cor verde. Comezando pola fronteira con Portugal: necrópoles de A Mota Grande, motas de Monte Salgueiro e Aceviñeiros - Foxo (onde nace a Corga Grande, que acabará formando o río Deva, afluente do Miño). Baixo elas, en liña dupla, as mámoas do Coto das Balsas e de Outeiro das Mos, e as da Grama do Corno Dourado e Serra das Motas, que arrodean a cabeceira do río do Foxo dos Cochos sen formar parte da divisoria. Esta segue polas motas de Fonte do Bido e As Catro Cruces ata chegar ás mámoas de Outeiro de Augas e ás do Coto da Atalaia - As Cinco Fontes. Os topónimos que suliño en negriña reflicten a cualidade de divisoria de augas do cordal onde nacen os aqüíferos. Polo que atinxe á situación dos asentamentos habitacionais e gandeiros, cumpre as mesmas pautas: así por exemplo, atopamos nun cóbado do río do Foxo dos Cochos o topónimo Bestrubedo, que sinala a existencia dun antigo recinto pecuario < bustum veterum.

Detalle da divisoria de augas entre Verea e Lobeira, o concello de Verea métese na zona da bacía limiá, mentres que o de Lobeira apenas chega a tocar a nacente da Corga Grande (bacía miñá).

A partires de As Cinco Fontes, a divisoria baixa ata as mámoas do Monte de Calvos no Alto do Vieiro, onde a toponimia volta a informar do feito de correr pola corda da divisoria o Camiño Real (vieiro < latín viam, "camiño"). Continúa a divisoria de augas, marcada pola aglomeración de mámoas do Coto da Fonte Santa, Penamá, Penedo Grande e As Motas, no límite entre Rairiz e Verea. Aquí pérdese o xeito de demarcación sistemática da divisoria mediante mámoas.

A divisoria ata o límite có concello de Allariz e logo cara Baños de Molgas

Amosando evidencias toponímicas como O Foxo e Armada, a divisoria corre sen demarcar ata o límite dos concellos de A Bola, A Merca e Allariz, onde aparecen de novo as mámoas da necrópole dos Chaos. Neste punto, a divisoria da cabeceira do Limia pola dereita volta a marcarse con mámoas. Aínda que algunhas non estean inventariadas, a toponimia indícanos a súa existencia: topónimo A Mota, mámoa de Agrela, topónimo A Mouteira, mámoas dos Casares e A Lomba, topónimo A Medorra, mámoas de Lameiras Longas, dos Chaos e da Chaira.

Anomalía na divisoria do Limia - Doiro

Topamos cunha relevante ausencia de marcación mediante mámoas na divisoria entre Limia e Doiro; ata chegar case á fronteira con Portugal só atopamos as mámoas de Igrexiña dos Mouros entre Cualedro, Xinzo e Baltar, e a da Lama, na Xironda.