Explica Fernando Cabeza Quiles que un enigmático hidrónimo de Carballo, A Vella Morta, ten que aludir dalgunha forma á antiga divindade prehistórica que sobreviviu no noso folklore, e que era dona das forzas da natureza e o clima. Segundo el, polo tanto, o latín vetula tería evoluído a vella como anciá, e gañado unha acepción de Vella como deusa nai, divindade ancestral.
O mesmo autor, a propósito doutra Vella Morta en Rececinde (Coristanco), en falando das características deste lugar especialmente enchoupado, refire que unha informante díxolle que fai anos desaparecera alí unha vaca, engulida polo tremedal.
A partires destes dous casos nos que o topónimo Vella Morta dá nome a un curso fluvial e a un terreo anegado, pasa a xustificalo como hidrónimo mediante unha posible conexión con antigas divindades (Vellas) acuáticas pagás (v. Toponimia de Galicia, 2008, px. 631-632).
O certo é que no relato fornecido por Carmen Pardiño Rial, a informante de Cabeza Quiles, ven a chave, en forma de dindsenchas, da etimoloxía do topónimo, que na nosa opinión remite seguramente ó latín vitula, "tenreira, vaca xove, xovenca, cuxa", e non a vetula, "muller anciá". Nesta liña evolutiva temos documentación medieval que garante a proposta: "vaca vitulata" (ano 953 - Celanova) é orixe da forma, hoxe en desuso, vaca vellada = "que ten un tenreiro".
Entón, que capacidade teñen as vacas de motivar nomes de lugar, amáis da esperable microtoponimia de gandeiría? Lembremos que na Irlanda a vaca ten no folklore conservado pola tradición oral unha función de demiurgo que crea e ordena o mundo, como se recolle por exemplo no conto de Mary Fitzgerald de Bantry ("A Mermaid", Base de datos Nacional do Folklore de Irlanda, duchas.ie, School Collection, 1930): "hai moitos lugares da Irlanda que levan nomes motivados polas vacas, e a seguinte historia explica por que". Despois deste intrigante comezo a señora Fitzgerald relata como unha mermaid ou sereíña xurdiu do mar na costa oeste, coa promesa de traer tres vacas, o que se cumpriu ó ano seguinte. Foi entón cando chegaron do mar unha vaca branca, outra moura e outra rubia, que colleron tres camiños diferentes: a moura foi para ó sur do país, a rubia ó norte e a branca ó centro. A informante finaliza así o seu relato: "neste distrito hai un lago chamado Lough Bó Finne [Lago da Vaca Branca], o que proba que a vaca branca pasou por aquí".
A motivación onomástica ven sendo, polo tanto, a mesma nos dous países. Temos nambos o recurso ó mito fundacional da vaca como demiurgo, que crea e ordea un territorio ó que, ó mesmo tempo, dá nome. É moi probable porén que outros topónimos deste tipo se refiran á esta vaca mítica ou vella (vitula), e non á Vella como anciá divindade pagá (vetula).
Así por exemplo, atopamos no límite entre a parroquia de Celas (Culleredo) e Meirama (Cerceda) na demarcación fornecida polo Catastro de Ensenada relativa á parroquia de Celas, o fito chamado Cagalleira da Vella, nome que non semella oportuno vencellar á divindade pagá ancestral (antiga deusa nai), e si á vella < vitula, a vaca que dá forma ó territorio e faino habitable, porque seguramente o penedo semellaría unha bosta xigantesca.
Outra Vella Morta atópase ó pé da pedrafita de Sobrepiñeiro (Tabeaio - Carral), un marco importantísimo que sinala un trifinium parroquial e que está chantado nunha divisoria de augas secundaria (camiño real ou francés) que tamén é lindeiro territorial. Aquí, o topónimo Vella Morta amósase gardando estreita relación có camiño / divisoria de augas / límite que configura a paisaxe.
No hay comentarios:
Publicar un comentario