Gregory Forth estudou ós Ebu Gogo (avós ou vellos tragóns), uns seres mitolóxicos da illa de Flores - Indonesia, en Images of the Wildman in Southeast Asia: An Anthropological Perspective (2008), no que sintetiza a información fornecida polos nativos durante as súas viaxes entre 1984 e 2005, é dicir, antes da descoberta na illa da nova especie fósil Homo Floresiensis, coa cal se ten vencellado o mito como lembranza dela.
O vello Julius, un nativo que foi o mellor informante de Forth, describía ós Ebu Gogo como humáns primitivos, e engadía que as femias tiñan peitos longos, tan longos que os botaban pola espalda e amamantaban ós bebés dende atrás. Habitaban na cova de Lia Ula. Non se vestían, non se lavaban e cheiraban moi mal. Descoñecían as ferramentas, as armas e o lume. Danzaban en círculo. Tiñan linguaxe, mais diferente, primaria e difícil de entender.
Eran humáns extremadamente feos, facialmente semellantes ós monos (nariz chata e ancha) e de corpo peludo. A súa dieta era vexetariá (recolección de vexetais e froitos a miúdo roubándollos dos campos dos nativos de Flores), aínda que se reportan algúns poucos casos de antropofaxia, isto é, de ter roubado nenos para comelos. Un feito que se repite con moita frecuencia é o roubo dos nenos dos nativos, ás veces coa intención de adquirir deles a tecnoloxía do uso do lume, ou para que lles expliquen como cociñar; neste caso o neno roubado quenta unhas pedras e cando o Ebu Gogo as traga pensado que é a comida, morre.
Foron exterminados: queimados ou afogados polo fume producido cando os nativos lle prenderon lume á cova de Ila Ula, cansos dos roubos de comida.
Forth pregúntase que clase de seres son, se puramente mitolóxicos ou, se acaso, lembranza dunha antiga humanidade pre-sapiens (nas tradicións non coñecen o lume nin ferramentas líticas). Descártase totalmente no seu estudo que non sexan humáns, posto que os nativos de Flores non os consideraban animais ó ter linguaxe e un aspecto e comportamento humán.
O que nos parece, despois deste breve resumen, é que os Ebu Gogo presentan unha semellanza total coas Anjanas cántabras ou as Xanes asturianas. Refire Sordo Sotres (Toponimia de Asturias, Cantabria y León, 2005 - sub Xanes) que na Cueva les Xanes de Sorribes (Piloña) vivían unhas mulleres moi raras, feas e diferentes das outras; preto doutra cova en El Regueru unha xana cambiou o seu neno polo fillo dunha das mulleres que estaban a lavar, mais pronto devolveuno xa que o fillo da xana quedara asombrado de ver tantos cacharriños de auga fervendo ó redor do lume (nunca vira cociñar*). Jesús Callejo (Hadas: guía de los seres mágicos de España, 1994) fala das anjanas de Treceño, que daban de mamar ós seus fillos pola espalda, xa que tiñan uns peitos longuísimos que botaban para atrás, sempre estaban soas porque os anjanos eran cazadores (o conto segundo Callejo tiña máis de 150 anos). Chamamos a atención sobre a consideración que fai este autor acerca das anxelicais anjanas de Manuel Llano (1931), cuxos relatos raiarían na "noñería", é dicir, que estarían edulcorados.
Ojáncana na senda mitolóxica "Las criaturas del Monte Hozarco" - Liébana, cos seus longos peitos caendo pola espalda. (C) infoliebana.es
O feito chave de seren raras, feas e diferentes ás mulleres humás é a primeira vez que o atopo nesta lenda recollida por Sordo Sotres. As restantes características
- habitan en covas
- rouban nenos
- asombro ante os cacharriños quentándose o lume (non saben cociñar - descoñecen o control do lume)
- peitos enormemente longos que lles permiten que os seus fillos mamen dende a espalda
repítense no folkore das anjanas / xanes e son sobradamente coñecidas. Todas elas coinciden coas descripcións dos Ebu Gogo da illa de Flores, e algunhas máis que non especifiquei (longas melenas, linguaxe inexistente ou primaria...) por non extender un paralelismo que semella máis que suficiente para plantexar así un mito común de orixe prehistórica e de base real, o da convivencia cunha outra humanidade culturalmente menos evoluída. Semella que este mito é antiquísimo, xa que nas dúas ramas, a peninsular e a indonesia estoutra humanidade non coñece aínda a tecnoloxía do lume, xeralizada en Europa fai 450.000 años.
Precisamos ademáis un novo tipo na clasificación ATU para dar conta deste mito expandido por Eurasia e que parte de feitos reais que confirma a paleoantropoloxía, a convivencia ó longo da prehistoria de especies diferentes de homínidos.
* A tradición tal e como a recolle Sordo Sotres é atípica, e por elo amosa ser a orixinal: o xanín ve cociñar e non sabe o que é, queda pampo! Como a existencia de humáns que non cociñan os alimentos resulta incríble ou incomprensible para nós, a maior parte das lendas engaden aquí que o que ve o xanín é poñer auga a quentar en recipientes que son cascas de ovo, para así xustificar mellor a sorpresa do neno. As cascas de ovo tamén poderían explicarse como a forma na que o neno percibe os cacharriños de cerámica de paredes finas que conteñen a auga.
No hay comentarios:
Publicar un comentario