Imos extrapolar as características do bocage camerunés de Bamileke (África) á nosa paisaxe cultural de bocage, estudada polo xeógrafo francés Abel Bouhier, o cal consideraba que podería ser a paisaxe antropizada máis antiga do noso país, probablemente de orixe prehistórica. Farémolo a partires da caracterización que Denis Gautier, Dirk Verboven e David Andrew Wardell realizaron no artigo The origins of the Bamiléké hedgescape “bocage”. Development from 1900 to 1960 (European Journal of Geography, 2017), traducindo aqueles parráfos que consideramos relevantes.
O obxectivo é observar a idoneidade deste modelo de terraformación para sociedades gandeiras de xefatura, con altísima dispersión poboacional e que ocupan territorios de clima semellante (atlántico - húmido e temperado), aínda que estean separadas cronolóxicamente por milenios. Do que se desprende a perfección e o grande valor ecolóxico do modelo de ocupación e asentamento.
- A paisaxe do bocage de Camerún está modelada por sebes vexetais que se espallan nunha pauta entrecruzada, dende o fondo dos vales polas abas dos outeiros. As divisións de sebes, valos vexetais vivos ou árbores teñen varias funcións, como controlar o movemento do gando, demarcar as propiedades, fornecer produtos (madeira, forraxe ou froita), preservar a biodiversidade nun medio antropizado, ou como abrigo dos ventos.
- As primeiras descripcións desta paisaxe por parte dos europeos datan de principios do século XX aínda que amosan que o bocage é previo, non xurde a partires da colonización do país levada a cabo por Alemania e Francia: "Unha densa rede de sebes rodean os asentamentos pertencentes a un distrito (chiefdom = dominio dun xefe tribal). As vivendas, salpicadas entre a vexetación, localízanse no fondo dos vales, preto dos ríos. As casas xunto coas leiras están arrodeadas por divisións vexetais de setos vivos". O botánico Ledermann notou no 1908 sebes de determinadas especies nativas (Dracaena arborea), de fortes raíces, conformando os peches dos cultivos: téñense como indicadores das propiedades, que evitaban as disputas polas lindes pola dificultade que entrañaba quitalas do chan.
- Pola investigación etnográfica levada a cabo por Den Ouden sábese que antes da chegada dos europeos o espazo adicado ó asentamento e ós cultivos estaba no fondo dos vales, era un poboamento invisible dende as estradas que percorrían as crestas das elevacións. As terras de cultivo estaban valadas [con sebes vexetais], aínda que non había un sistema para separar os pastos dos campos de cultivo, pois o gando compartíaas estacionalmente ou en rotación, durante a seca. Trátase do mesmo sistema que existe na Galicia de bocage, na que, doutra banda, os castros tenden a ocupar o val e os camiños prehistóricos (divisorias de augas ou camiños naturais) van polo cumio das serras.
- Os elementos vexetais vivos que forman os peches dos bamileke foron coidadosamente seleccionados para a obtención de produtos forestais (ej. froita, madeira para combustible ou construción). En Galicia sucede o mesmo: as especies vexetais que forman as sebes tiveron ou teñen aínda moitas utilidades. Nas zonas onde se plantan viñas as sebes adoitan ser de vimbio (pola súa utilidade no atado tradicional das viñas). Úsanse tamén outras especies que fornecen froitos, como o castiñeiro, as silveiras (moras), ou arbustos aromáticos como o loureiro (v. Paisaxe Galega: Guía de caracterización e integración paisaxística de valados, Xunta de Galicia, 2017).
- A hipótese principal que se baralla para o aspecto do bocage camerunés antes da chegada dos europeos é que o territorio estaba estruturado en grupos dispersos de vivendas que gravitaban ó redor dos centros políticos (os chiefdoms). Un labirinto de sebes arrodeaba a residencia principal do xefe. Os espazos baleiros entre os chiefdoms eran zonas polas que loitaban os reinos rivais. A descrición semella idéntica á paisaxe de bocage en torno ós castros galegos, que aínda pervive na súa forma agrarizada, e, nalgunhas ocasións, no rexistro arqueolóxico baixo a forma primitiva da que deriva, a revolta (v. As revoltas dos castros: o caso das Quenllas do Forno). Tamén a alta densidade e grande dispersión polo territorio dos nosos poboados do Ferro pode equipararse ó factor densidade / dispersión do poboamento bamileke.
- Para os investigadores, os clústers illados dos asentamentos bamileke, invisibles no fondo dos vales, xustifican a facilidade coa que os colonos xermanos penetraron no territorio a pesares de estar densamente poboado, xa que eles movíanse polos camiños das crestas, vías naturais de tránsito. Cecais este punto poida poñerse en relación coa colonización romana de Galicia.
- A pacificación dos diferentes reinos á chegada dos colonos franceses acelerou o crecemento da poboación. A presión demográfica favoreceu o desprazamento da mesma cara ás abas dos montes manténdose o sistema de apropiación e delimitación das terras mediante sebes: o bocage xeneralízase.
- Un punto moi interesante é o das consecuencias da colonización, que leva a un aumento da presión poboacional sobre o territorio, ó meu modo de ver debido á súper explotación do mesmo por parte dos colonos (plantacións de café, reforestacións con eucalipto - o "white man tree"), o que conduce á emigración. Sen dúbida o caso pode equipararse ó ocurrido en Galicia en dúas ocasións (romanización e explotación territorial moderna e contemporánea), aínda que pola miña parte non teño coñecementos suficientes no ámbito da xeografía de poboacións para analizar o desencadenante último, se é que o equilibrio poboacional se mantiña na era precolonial bamileke grazas as loitas tribais, que deixaron de producirse coa pacificación colonial (como afirman os autores), ou é que os procesos coloniais, invasivos, levan o xermolo da destrución.
- O papel da Igrexa na reagrupación territorial foi determinante. Na súa tarefa evanxelizadora atoparon o mesmo problema que en Galicia: as vivendas estaban tan diseminadas que era imposible instalar tantas capelas e promoveron ante as autoridades unha nova forma de división territorial (cfr. o proceso de formación da división parroquial propia de Galicia).
- O entramado de sebes que conforma a paisaxe de bocage é moito máis denso nos poboados (centros políticos e relixiosos), e vai perdendo forza a medida que se alonxa deles cara á periferia. Os xefes ordenaban ós granxeiros a construción da rede labiríntica de valos vexetais e sebes có obxecto de conducir ó gando ós pastos comunais dos montes, dende os poboados sitos na parte baixa dos vales.
- A colonización tivo como efecto un incremento da poboación, coas consecuencias seguintes: reducción dos pastos, ocupación das terras baleiras entre os chiefdoms, fragmentación da propiedade (minifundio), agotamento do sistema tradicional que combinaba agricultura e gandeiría. Segundo os autores, facíase necesario promover o éxodo do rural e novos sistemas de produción "máis avanzados" [sic].
- Aínda que dun modo difuso, os autores semellan atribuír un novo incremento da conflictividade social a algún factor alleo ó proceso colonial: tras a II Guerra Mundial a conflictividade aumenta, o cultivo a gran escala do café e as súas compañeiras (as árbores de sombra) nesta zona de Camerún, ocupando preto do 50% das terras, acaba có sistema económico tradicional. Procúranse beneficios económicos inmediatos (cash) coas plantacións de café: a cabana gandeira diminúe e aparecen enfermidades epizoóticas, diminúen as terras adicadas ás colleitas e ós pastos. Desaparece a paisaxe de bocage tradicional que delimitaba cultivos e pastos. O mecanismo é o seguinte: nas terras dispoñibles para os cultivos priorízase ó café e redúcense os terreos adicados ós cultivos alimentarios, os cales entran en produción intensiva mediante rotacións nas poucas terras adicadas a eles, có que o gando queda excluído do ciclo de aproveitamento da terra.