martes, 20 de febrero de 2024

Os Castros de Lobengos - San Martiño de Condes (Friol)

Límites comúns das parroquias de San Martiño de Condes, Guimarei e Guldriz (ó leste) deliñados en amarelo. Na zona de abaixo, onde están as mámoas inventariadas de Monte das Lamas e xusto na liña amarela, ubícase o posible "campamento romano de Pardellas". (C) PNOA 2020.


Na liña iniciada na entrada anterior Arcillá e Campo da Matanza, continuamos a explorar arqueotoponímicamente outro dos novos campamentos romanos descobertos polo colectivo Roman Army na provincia de Lugo ("Entre valados e piñeirais. Achegas arqueolóxicas ao coñecemento da presenza militar romana na Galicia nororiental", Boletín do Museo do Castro de Viladonga, 2024), o que na súa publicación denominan "campamento de Pardellas", e sitúan na parroquia de Guillarei [erro por Guimarei].

Como se pode ver na folla catastral, o nome deste sector é Lobengos, non Pardellas; convén ter moi presente o nome correcto, porque é o que se emprega cando se fala del no Catastro de Ensenada.

O posible campamento pertence, para ser máis precisos, ás parroquias de San Martiño de Condes e á de Guimarei. No extremo noroeste da fotografía aérea do PNOA 2020 vese a croela do Castro de Lobengos, xa inventariado e a unha distancia duns 800 metros do campamento, comunicado con este por un camiño que percorre a dorsal. 

No Catastro de Ensenada (parroquia de Guldriz) hay indicios de que efectivamente existía relación entre estes dous recintos (o Castro de Lobengos e o "campamento romano") pois ámbolos dous se denominaban Os Castros de Lobengos e tiñan un acceso común. La demarcación de Guldriz comezaba "en el Foxo do Cabrito [foxo de lobo, con cabrito como reclamo], siguiendo a la Fuente dos Moimentos, a Penalba, al Pico de Pías y a la Pena do Caldeiro, dando vuelta al marco de Silva Redonda, y a la Pena do Pan, y de allí a la Pena da Perdiz, y a la Fuente dos Pitos, al marco de Mámoas, dando vuelta al marco de Leiras y a los pasos dos torrentes y de allí a la boca dos Castros de Levengos [Lobengos], sigue al marco de Gándara Tesa, y de allí al marco do Canedo, da vuelta al seixo do Campelo, al Pico de Fontes, a la Pena da Formiga hasta llegar a la primera demarcación".


Polo tanto, o antigo topónimo Os Castros de Lobengos, documentado a mediados do século XVIII, podería terse aplicado ós dous recintos fortificados da lomba, ós que se accedía dende Guldriz por unha pasaxe común (A Boca dos Castros). Ignoramos se os dous recintos de Lobengos pertencían á mesma época (Idade do Ferro), e un era como un recinto dependente do principal (por exemplo de uso gandeiro), ou se, pola contra, se ubicou un campamento romano na veciñanza, cuxos restos foron, co tempo, identificados como vestixios doutro castro. Mesmo ignoramos se a expresión tan inusual de A Boca dos Castros alude incluso ó novo "campamento romano", en cuxo caso podería ser unha especie de baluarte defensivo no sector sur da entrada á lomba que ocupaban as fortificacións de Lobengos.

Malia o dito e a existencia destes dous recintos, convén ter moi en conta que o topónimo Os Castros de Lobengos podería referirse ó único recinto da Idade do Ferro inventariado. Como me indica amablemente o arqueólogo José María Bello en comunicación persoal "abondan exemplos dese topónimo "Os Castros" en plural aplicado a un só xacemento. A bote pronto, temos un "Castro de Os Castros", así chamado na literatura académica, na Coruña (no Castrillón), en Ribadeo (na praia de tal nome), en Toiriz, en Taramundi, en Cangas (praia), en Mandiá, en Cerdido, e en Melide".

O topónimo Pardellas, co que os investigadores do colectivo Roman Army nomearon o novo "campamento romano", tivemos que descartalo pese ó interese que tería para o eido arqueotoponímico poder constatar o seu emprego na denominación dun peche desta tipoloxía (latín parietem, "parede, muro"). Por tres motivos: na folla catastral tódalas parcelas da lomba reciben o nome de Lobengos dende a zona do Monte das Lamas ata o Castro de Lobengos; nos mapas máis antigos só figuran estes dous topónimos, polo que pensamos que o *Pardellas que se ve neste punto noutros mapas é un residuo do indicativo catastral de ser o Monte das Lamas máis Lobengos un "Monte vecinal en mancomún da comunidade de montes de Casas do Monte, Macedo e Pardellas"; e finalmente, nas delimitacións do Catastro de Ensenada das parroquias de Guimarei, Guldriz e San Martiño de Condes pásase varias veces polo "campamento romano", que está no medio das parroquias, e non se menciona o topónimo Pardellas.

Minutas Cartograficas do IGN.

lunes, 19 de febrero de 2024

Larín - O Castreliño

 

Larín (Láncara), co microtopónimo O Castreliño nomeando unha parcela limitada por unha grande trincheira que podería ser o foso defensivo do antigo recinto da Idade do Ferro.

Abaixo á esquerda, segundo me indica amablemente o arqueólogo Eloi Saavedra, a posible croa do Castreliño na fotografía aérea do Voo Americano de 1956-57.


O topónimo Larín de Láncara e mesmo o Larín de Arteixo, que atopamos documentado como "Elarim" no ano 969 ("Sanctum Stefanum de Elarim") proveñen do nome propio Elarinus en caso xenitivo de posesión (Elarini), o que indicaría a pertenza das vilas a un propietario deste nome.

Do mesmo xeito, existen mencións ó Larín de Láncara como "territorio Sarrie subtus muro de Mahamuth, propre villa regis que vocitant Elarin" (Samos, ano 962), ou "per terminum de Sarria et inde per termino de Elarin et per termino de sancto Vincentio de Lancara" (Samos, ano 1059).

Elarinus segundo Ana Isabel Boullón é un derivado do nome propio latino Hilarius / Elarius, de orixe grega, vencellado á alegría e á risa. Convén distinguilo polo momento do nome persoal Lalinus, probable orixe do topónimo Lalín de Pontevedra.

O Seminario de Onomástica no seu vídeo sobre o nome de lugar pontevedrés de Lalín (Gonzalo Navaza) indica que o Larín de Arteixo se documenta como Lalín nos textos medievais, polo que viría de Lalinus, do mesmo xeito, afirma o investigador, que o Larín de Láncara. Mais dita consideración non está a ter en conta que as ocorrencias máis antigas destes dous topónimos Larín amosan a forma "Elarini", de Elarius.

domingo, 18 de febrero de 2024

Arcillá e Campo da Matanza

Sobor da recente presentación dos novos campamentos romanos descobertos polo colectivo Roman Army na provincia de Lugo ("Entre valados e piñeirais. Achegas arqueolóxicas ao coñecemento da presenza militar romana na Galicia nororiental", Boletín do Museo do Castro de Viladonga, 2024) chamamos a atención sobre a metodoloxía empregada, baseada exclusivamente na análise de imaxes do terreo ("diversas técnicas de detección remota" como "conxuntos de datos xeoespaciais en Sistemas de Información Xeográfica": imaxes aéreas e de satélite, e xeración de modelos dixitais a partir dos datos LiDAR).

Estamos en condicións de afirmar que toda a información obtida deste xeito debe contrastarse sempre, cando menos, coa que se obtén da análise da toponimia da contorna e da consulta da documentación antiga dispoñible. Como exemplo do que poden aportar á investigación os devanditos factores imos centrarnos no caso do posible campamento romano que o colectivo localizou na Costa (Arcillá - Cospeito). Segundo os autores, o recinto identificado é, case con completa seguridade, un campamento romano ("fiabilidade alta" segundo a escala que empregan). Mais entre seguridade absoluta e "fiabilidade alta" hai unha diferenza que pode despexarse coa metodoloxía multidisciplinar que convén utilizar sempre.

Unha consulta sobre a folla catastral na contorna oeste do campamento da Costa - Coto de Montoucido (Arcillá) revela o microtopónimo Porto Romao no vao do Támoga, un claro indicador da filiación da vía de comunicación que daba servizo ó asentamento romano, que quedou fosilizado na toponimia.

Outra consulta a unha fonte documental primaria, como pode ser o Catastro de Ensenada, amosa a existencia do que se vían / interpretaban como Castelos, na zona do Coto de Montoucido, entre a necrópole tumular: "de hallí sigue al [marco] da Modorra Grande, de allí a la Modorra de Mama, Castelos, de allí al Carvalliño, de allí al río Támoga, y por el agua avajo hasta el sitio de Bico Aguillón" (CE - Parroquia de Arcillá, século XVIII).


Temos, polo tanto, máis base para afirmar que o de Arcillá é un asentamento romano (campamento, segundo o colectivo) non estacional, pois desenvolveu na súa contorna unha vía de comunicación estable, no vao do Támoga, así como un topónimo, Castelos, que indica tamén a existencia dun recinto fortificado murado (doble muro, cecais) máis que provisional.

Pola súa parte, o topónimo Arcillá (documentado como "Arciliana" no 1038 - CODOLGA) neste contexto colonial romano, podería provir do latín arx, arcis, "fortaleza, cidadela", en referencia ó campamento, ou ben do latín arca, que en latín tardío tería designado un recinto delimitado, pechado por unha empalizada. Arca tamén aparece vencellado ás terras coloniais centuriadas ou ben ó ager arcifinius, unha remodelación do parcelario de orixe romana.

Respecto do ager arcifinius son moi interesantes as consideracións que resume Castillo Pascual, pois o termo tivo importantes connotacións militares: algúns autores consideran que o ager arcifinius "es un territorio situado fuera de los muros, limitando con los pueblos vecinos y sirviendo de baluarte defensivo contra éstos en caso de una eventual invasión; [otros] a relacionarlo con arx, baluarte guerrero en la frontera; o a definirlo como la frontera de un territorio". Estas precisións terminolóxicas encaixarían coa estratexia militar de penetración y control dos territorios fronteirizos que se lles presupón ás instalacións do exército romano ("Ager arcifinius: significado etimológico y naturaleza real", Gerión, 1993).

Noutro dos casos dos posibles campamentos romanos que presenta o colectivo Roman Army, no Campo da Matanza (O Cávado - Baleira), limitámonos a sinalar que a lenda que indican, "relatos sobre unha antiga batalla neste campo, que se sitúa durante o reinado de Alfonso II", ven motivada seguramente por unha reinterpretación popular do topónimo, que non ten que ver con matanza algunha, senón cun derivado en -ANTIA do sustantivo prerromano MATA, "monte baixo", tal e como amosa a existencia de uceiras no lugar, sendo porén un fitotopónimo.

domingo, 11 de febrero de 2024

A Condesa, A Contensa e A Contenda

En Galicia existen varios topónimos A Condesa ou As Condesas, e moitos menos A Contensa ou As Contensas (4 microtopónimos). Pola semellanza fónica entrámbolos dous pensamos que os primeiros non sempre aludirán a unha antiga propietaria nomeada metonímicamente polo seu título (latín comitissa).

Seguramente algún deles será dos que aparecían documentados na Idade Media coa forma contensa, que é un participio do verbo latino contendo, "litigar, contender":

  • agro de Contensa (ano 906 - Diplomática Astur)
  • pomare qui est sub illa fonte de Contensa (ano 996 - Celanova)

Noutras linguas románicas o sustantivo ten significados semellantes:

Contesa (catalán): contenda, baralla, disputa.

Contesa (italiano): confronto.

Ó tempo, detéctase por toda Galicia un uso estable deste termo na documentación xurídica medieval, no senso orixinal vencellado a litixios ou pleitos polas lindes territoriais, pola propiedade dunha herdade, ou cecais polas quendas de uso das agras para pastos ou das augas das regas ou mananciais:

  • si aliquid homo ipsas quintas in contensa miseret (ano 956 - Lalín)
  • miserunt ipsas villas in contensa (ano 1042 - Celanova)
  • ipsas hereditates in contensa miserit (1056 - Samos)

Na toponimia, o paso puntual das formas Contensa a Condesa, cun grupo ns que en principio se mantén na evolución do latín ó galego e cun son t que pola súa posición non muta a d, teríase producido por confusión (etimoloxía popular): unha vez olvidado o significado deste tecnicismo xurídico, reinterpretaríase o nome de lugar como Condesa polo parecido fónico entrámbolos dous, ó ser "condesa" un sustantivo de uso xeralizado.

O topónimo Condesa polo tanto aludirá ás veces a litixios pasados motivados polos lindes, propiedade das terras ou o uso alterno das mesmas para aproveitamentos gandeiros. Os topónimos Contensa e ás veces Condesa (transformado por etimoloxía popular) son equivalentes do sustantivo e topónimo español Contienda / portugués Contenda, provinte do mesmo étimo latino.

No caso da pedanía de Olivença chamada San Benito de la Contienda / São Bento da Contenda, e doutros Contenda / Contienda fronteirizos como A Contenda de Moura (Portugal), a devandita contenda alude non a batallas entre os dous reinos, senón a conflictos polo uso dos pastos: "el término contienda / contenda adquirió en ese territorio [val do Guadiana] un sentido derivado del tradicional, ya que se utilizó en época medieval para designar a las zonas de pastizal, monte o eriales disputadas; para solucionar esos pleitos se acordó configurar espacios de aprovechamiento ganadero mancomunados, sin frontera, abiertos a los rebaños portugueses y castellanos en igualdad de condiciones" (José Luis Martín Martín, "Problemas de límites en las diócesis vecinas de Castilla y Portugal en la Edad Media", 2005).

 Defesa da Contenda de Moura (1893). (C) Biblioteca Virtual de Defensa.

miércoles, 7 de febrero de 2024

El Pajarico de Villarino Tras la Sierra (Zamora), o rei Charlo de Lourenzá e a caza do wren: restos dun rito de investidura real

No territorio da antiga Gallaecia, en Villarino Tras la Sierra (Zamora, na fronteira con Portugal), consérvase nas tradicionais mascaradas da invernía, que se celebran o día de Santo Estevo (26 de decembro), o desfile de "El Pajarico", que pode verse na grabación de Videocoria Mascaradas de Invierno en Zamora y Tras-os-Montes, mn. 15 (2020).

Segundo indican no documental: "el Pajarico era el mozo más joven [...], lleva colgados de una estaca uno o dos pajaricos recién cazados junto con un chorizo, en recuerdo de los que recibía como regalo, va acompañado por el mayordomo saliente que porta la vara de San Esteban y por el mayordomo entrante, que recoge limosnas para el santo; [...] se explica por la tradición de pasar factura a los vecinos por parte de los mozos, por librarles de la plaga de pájaros que les comían las cosechas".

Dous pajaricos xunto co chourizo chantados na forca de pau que levaba o mozo máis xoven.
(C) Videocoria.

Evidentemente o desfile do Pajarico é a mesma cerimonia que a que se celebraba en Vilanova de Lourenzá o día de Aninovo aló polo ano 1527, coñecida como "A caza do rei Charlo":

"Que todos los vecinos de este concejo en el día de Año Nuevo están obligados a ir a buscar el pájaro que en este país llaman rey Charlo a la pumarega de la fuente, y allí lo ponen en un palo grueso, y traen preso desde allí todos juntos hasta el Palacio y sala vella del señor abad, y se lo entregan con toda reverencia, quien lo recibe, y después les manda dar y repartir un pan de trigo y una vez vino entre cada cuatro, y dos veces vino a los que lo quisieren. Después van a la casa del Concejo y nombran quatro sugetos para alcaldes hordinarios y el abad escoge dos para dicho oficio, quienes hacen juramento en su mano de exercerlo fielmente... Quando no podían hallar el pájaro Rey para traerlo al abad el día de Año Nuevo, venían todos juntos a pedirle por merced, les diere término para buscarlo, y en caso que no lo trajeren estaban obligados a dar seiscientos marav. al monasterio y traer las luctuosas de aquel año" (ed. de María Xosé Rodríguez Galdo, apud Pensado Tomé).

O costume mantívose polo menos ata mediados do século XVIII*, pois segundo vimos de atopar agora, mencionábase aínda no Catastro de Ensenada, xa sen alusións á caza do paxaro e á eleción dos alcaldes: "Quien [o Mosteiro de Vilanova] por razón de vasallaxe percibe de los vecinos de esta Villa del Estado General, en el primer día del mes de enero de cada año, un Paxaro Rei, el que ha de presentar el Alcalde ordinario de dicho Estado General, y no lo haciendo, diez y ocho reales de vellón por razón de multa en que dicho monasterio les tiene declarados por incursos".



O paxaro chamado Rei Charlo ou Paxaro Rei era cazado aproximadamente nas mesmas datas que o Pajarico (Aninovo / Santo Estevo - 26 de decembro), portado nun pau, e presentado nunha cerimonia de elección dos alcaldes, que no caso da cerimonia do Pajarico delátase na presenza dos mordomos entrantes e saíntes que o acompañan.

Dende moi pronto por parte dos investigadores a caza do Rei Charlo de Lourenzá púxose en relación coa cacería do wren irlandesa (wren = carrizo, galego / reyezuelo, castelán) e tradicións semellantes que se desenvolvían na Europa atlántica.

No estudo de José Luis Pensado ("O Rei Charlo de Vilanova de Lourenzá", Grial, 1981) xa se cita a Frazer, no que respecta á cacería do carrizo na illa de Man, e o costume na Provenza de cazar un carrizo (petousso) por Nadal e presentalo ó abade; o xoven que o capturaba era nomeado durante un ano abade da xuventude. Para Pensado, "a caza do Rei Charlo encerra un antiquísimo rito aproveitado como obriga foral". Aínda así, o investigador semella inclinarse por considerar a cerimonia galega do Rei Charlo como de orixe foránea, ben por ter sido poboada a rexión de Mondoñedo por emigrantes bretóns, ben por estar a orde bieita de Lourenzá moi ligada ás ordes francesas cluniacenses ou cistercienses (e por estar o convento de Lourenzá no Camiño Francés de Santiago).

Mais a orixe foránea (bretona ou francesa) da tradición do Rei Charlo de Lourenzá, idea que seguen os investigadores que posteriormente se ocuparon do tema, queda descartada automáticamente se temos en conta a tradición do Pajarico de Villarino Tras la Sierra, lugar que non foi poboado por bretóns nin está á beira do Camiño Francés.

Fernando Alonso Romero en "La cacería del reyezuelo: análisis de una cacería ancestral en los países célticos" (Anuario Brigantino, 2001) fornece coma sempre unha enorme cantidade de información na súa comparativa. Destacamos polo seu interese, ó concordar co que sucede na mascarada de Villarino Tras la Sierra, o feito de que na Irlanda os rapaces que cazaban ó wren no día de Santo Estevo ían disfrazados con corozas "varios chicos iban con caretas y cubrían el resto de sus cuerpos con gorros y capas de paja" e acompañaba o cortexo dos wren boys un hobby-horse, é dicir, un Caballico, como en Villarino Tras la Sierra. A máscara de coroza (capa, carapucha e polainas de palla) segue a usarse nas mascaradas zamoranas da invernía dos pobos veciños, tal e como se pode ver no documental de Videocoria.

Coroza e máscara do Tafarrón de Pozuelo de Tábara, que tamén sae por Santo Estevo.
(C) Videocoria.


O Caballico de Villarino Tras la Sierra. (C) Videocoria.

Alonso Romero, doutra banda, sinala a posibilidade de que a cacería do paxariño (carrizo / wren / reyezuelo) garde "relación con el sacrificio del rey o jefe de una comunidad, con cuya muerte se auguraba la renovación de la vida" e tamén que "Miranda Green [...] creía que la tradición irlandesa de matar un reyezuelo simbolizaba la muerte del año viejo en invierno y el renacimiento de una nueva primavera". O investigador tamén acepta como moi posible a opinión de Pensado de ser o rito da caza do Rei Charlo de Lourenzá unha costume foránea, de orixe bretona.

Pola súa parte, Marco Virgilio Quintela ten desenvolvido unha comparativa destes rituais da caza do paxariño, espallados pola Europa atlántica, no marco dun estudo centrado nas investiduras reais: "El reyezuelo, el cuervo y el dios céltico Lug: aspectos del dosier ibérico", 2002. Nun dos casos que estuda, o do "roi de Brest", indica que a caza do carrizo (Bérichot ou Roy Brethaud) que tiña lugar o primeiro domingo de decembro en Brest (Bretaña francesa) estaba vencellada a un rito de investidura real, logo transformado nunha toma de posesión dos alcades, segundo Tanguy. Igualmente, en Carcasona, na mesma data, o primeiro mozo que capturaba o carrizo proclamábase rei. Resúltannos interesantes, por se fosen de aplicación ó caso zamorano, as consideracións que expón sobre o deus Lug (celta lugos = corvo) e os corvos, aves oraculares vencelladas á divindade celta, pois é que unha das aves que van na forca de pau do Pajarico de Villarino de Tras la Sierra é... un corvo!

Roberto Tola Tola en "Las obisparras en Aliste (Zamora): la celebración del Pajarico de Villarino Tras la Sierra en una descripción del siglo XVI", Revista de Folklore (2015) amosa por primeira vez un interesantísimo documento que alude seguramente a unha celebración do Pajarico na primeira metade do século XVI. O investigador vencella estes datos á Matanza do Porco-Bispo de Mogadouro (Portugal), rito semellante ós descritos, no que o paxariño é un paporroibo. Ó facer un repaso dos casos espallados pola Europa atlántica, o investigador reafírmase na "idea de que dicho sustrato tenga como denominador común un influjo de origen celta".

Os catro estudos brevemente reseñados serven para amosar que o rito da caza do wren, do Rei Charlo de Lourenzá, do Roy Brethaud, do Petousso, do Pajarico... era común na Europa atlántica (céltica) e que posiblemente estivese vencellado a un ritual de investidura real, logo transformado nun ritual de elección dos alcaldes.

E se consideramos, como Dani García de la Cuesta ("Sobre'l reitán, la zarrica, les fiestes de San Esteban, los Mummers y el Rey Páxaru" (2022) ), que as máscaras de paxaro deben estudarse xunto coas que se vencellan directamente á caza dun paxariño, o que segundo a nosa opinión constitúe unha incorporación perfectamente posible do paxariño á propia máscara, elidíndose ás veces o motivo da caza ó terse perdido, o espectro de casos aumenta considerablemente ata chegar por exemplo ós Charrelos** da Veiga (Ourense) ou ós Galos da Mezquita (Ourense), que serían variantes do Rei Charlo ou do King of the Wren


Galos de A Mezquita. (C) Andregoto Galíndez, 2020.

Finalmente chegaríase entón a encadrar ó Pajarico e ó Rei Charlo nas festas do Rei Paxaro, nas que o tema da caza do paxariño desaparece e só permanece o motivo da elección dun rei temporal, e que adoitan explicarse no marco carobarojiano das festas de inversión da orde (Saturnales romanas, Rei da Faba, Obispillos, Alcaldes de Inocentes, Reis de Porqueros...). "Parece evidente que todas estas fiestas tienen un común denominador, que es el de elegir autoridades lúdicas, autoridades para diversiones y juegos", di o mestre, que nos sentencia á morte intelectual ós que pensamos doutro xeito: "Pobres, muy pobres de contenido, son tanto la teoría de las "supervivencias" como la del "cambio de significación", frente a la realidad y frente al ritmo mismo del juego, que se repite año tras año, periodo tras período, siglo tras siglo, con sus inversiones, sus reglas, sus limitaciones" (El Carnaval).

Moi ben, pero que facemos cando temos casos (Lourenzá, Brest) que indican que ese cargos, eses reis ou alcaldes eran elixidos de verdade, non como autoridades temporais dun xogo? O mestre non se pronuncia. Entón, non serán máis ben ó revés, as festas do Rei Paxaro un resto lúdico dun antigo rito de investidura conservado nas tradicións de Lourenzá e de Brest?
 

CONCLUSIÓNS


Ó atoparse o mesmo rito, a caza do Pajarico, inserido pervivindo aínda no territorio da antiga Gallaecia Bracarense nunha mascarada de invernía zamorana, podemos tirar as seguintes conclusións derivadas dos elementos xa comentados:

1. A orixe da caza do Rei Charlo de Lourenzá, como a do Pajarico, non é foránea (bretona ou francesa) pois, como xa vimos, Villarino Tras la Sierra non foi territorio ó que chegasen os bretóns no século V, e queda fóra do Camiño Francés a Santiago. Ten que ser un rito indíxena.
2. A tradición do Pajarico segue o mesmo guión vencellado á investidura real ou dos alcaldes que as coñecidas ata o de agora, polo que a hipótese de que todas elas sexan cerimonias de investidura reafírmase.
3. A presenza do hoby horse (o Caballico) acompañando ó Pajarico mailo uso de corozas nas máscaras dos pobos veciños o mesmo día de Santo Estevo, coinciden completamente co rito da caza do wren en Irlanda. Estes rituais da caza do paxariño considéranse como de orixe céltico por parte dos autores citados (Alonso Romero, Quintela e Tola Tola) e do soporte bibliográfico que empregan.
4. O que nos resulta máis interesante é que cremos ter identificado claramente un antigo ritual camuflado nunha mascarada da invernía, sobrevivindo aparentemente como simple divertimento. O que abre a posibilidade de continuar a indagar nos rituais agochados nas mascaradas de inverno (e na súa pola desgallada, o Antroido), pois é que agora se revelan como unha fonte segura para coñecer o pasado.

* Segundo me informa amablemente Xabier Moure, unha veciña da Couboeira (Mondoñedo) contoulle fai bastantes anos que a súa avoa lle tiña falado do tributo dun paxaro rei que lle tiñan que entregar tódolos anos ó abade.

**Charrelos, o nome da máscara da Veiga, que seguramente provén do nome da perdiz (charrela), semella ter a mesma orixe que o nome do Rei Charlo.