jueves, 25 de julio de 2024

Suddene: Galicia e o Rei Horn

O romance cabaleiresco francés de Ponthus, fillo do rei de Galicia, e da bela Sidonia (s. XV) está baseado na historia do King Horn, concretamente no romance anglo-normando de Horn et Rimel (s. XIII). Imos comparar os principais corónimos que se mencionan nestas dúas fontes, que dan conta das relacións que, tamén na ficción, mantiveran entre si os tres reinos atlánticos de Galicia, Bretaña e Irlanda.

Le Royaume de Gallice, na primeira páxina do libro de Ponthus.

Galicia é denominada Reino de Galicia no libro de Ponthus. Ó ser atacada A Coruña (Couloigne) polos mouros (sarracenos), Ponthus, fillo do rei, parte cara Bretaña, onde coñece á Sidonia, filla do rei, e logo trasládase exiliado a Inglaterra e Irlanda por un tempo, antes de voltar á súa patria cunha armada bretoa para derrotar os mouros e restaurar o reino.

La Petite Bretaigne no libro de Ponthus.

No King Horn os corónimos son distintos, aínda que necesariamente teñen que nomear os tres reinos devanditos. Horn, orixinario de Suddene, ante a chegada dos mouros e a morte do seu pai o rei, embárcase cara Westernesse e logo pasa exiliado a Westir antes de voltar a Suddene, onde aniquila os mouros e restablece a cristiandade, "erixindo capelas e igrexas, ordeando que soen as campás e se canten misas".

Ilustración de Arthur Rackham do Hind Horn, balada popular anglo-escocesa baseada na lenda do King Horn. A princesa recoñece a Horn vestido de pordioseiro polo anel que este deposita na copa de viño.

Os investigadores do ámbito anglosaxón tentaron reducir os mouros ós vikingos, e Suddene a varios lugares do Reino Unido ou norte de Europa: a illa de Man, Sussex, Cornwall, South Devon, Roxburgh, o país de Suddene que aparece no Beowulf (R. Herzman, Graham Drake e Eve Salisbury), Dorsetshire (H.L.W. Ward), Surrey e Sussex (F. Michel) ou Escocia (Oliver). Westernesse foi ubicada en Cornwall (Ward), en Devonshire (McKight), na península de Wirral (W. H. Schofield) ou en Escocia (Oliver). E Westir na Irlanda. Mais a evidencia do libro de Ponthus, que fala claramente de Galicia, e mailo feito real da invasión musulmana da Península Ibérica, chegando a devastar parte da Gallaecia, non deixa lugar a dúbidas de que o corónimo Suddene do que partiu Horn / Ponthus designaba o Reino de Galicia, e de que Horn / Ponthus era un rei galego, ficticio, mais baseado en feitos reais.

Diane Speed no seu estudo "The Saracens of King Horn" (Speculum, 1990) indicara que as mencións ós sarracenos non eran alusións ós vikingos ou daneses, como se viña pensando inexplicablemente nos estudos adicados a esta cuestión no mundo anglosaxón, senón unha referencia real ós árabes, xa que a Península Ibérica foi parte do Islam dende o ano 711, e o califato musulmán de Córdoba gobernou na maior parte dela entre os anos 929 e 1031. Segundo Speed, un dos motivos centrais do King Horn, a loita contra os mouros, estaría tomado da épica das chansons de geste como La Chanson de Roland (s. XI), nas que se narraban os enfrentamentos dos reinos cristiáns do oeste de Europa contra os musulmáns.

A etimoloxía de Suddene derivámola, porén, ben do Old English suth ("as terras do sur"), ben do fráncico ou francés souldan ("as terras do sultán"), e sería un exónimo literario aplicado ó reino cristiano de Galicia na Idade Media anglo-normanda.

martes, 23 de julio de 2024

Vío e o amilladoiro da Furoca (Pastoriza)

 

Agras de Mesoiro e do Cabaleiro - Vío, mailo amilladoiro da Furoca ou de Vío, nun plano da Real Chancillería de Valladolid (ano 1767).

Detalle do amilladoiro no mapa da Real Chancillería de Valladolid (ano 1767).

O amilladoiro de Pastoriza, de Vío ou da Furoca, coñecido por todos estes nomes, fora descrito por don Luís Monteagudo como un amilladoiro de peregrinación, como os de San Andrés de Teixido. Cremos máis ben que tería sido primeiramente un mollón ou enorme cairn de termo, á vista do plano que presentamos, e de que é descrito no Catastro de Ensenada (século XVIII) como límite entre Pastoriza e San Vicenzo de Elviña: "que la divide de la de San Vicente de Elviña, desde allí al Amilladoiro, desde dicho sitio a la piedra de la Xerpe do Cal das Ameixeiras" (nótese tamén a existencia dunha pedra cunha serpe posiblemente gravada nela na zona do Cal de Ameixeiras).

Na descrición de Monteagudo indícase que o amilladoiro tiña 20 metros de diámetro e 8 metros de altura, e que nel depositaban cadansúa pedra os peregrinos que ían cara ó santuario de Pastoriza dende As Mariñas e Culleredo (La religiosidad callaica, Anuario Brigantino, 1996).

Os lugares de Vío e Mesoiro coas súas agras na vista do Voo Americano de 1956-57, mailo amilladoiro da Furoca ou de Vío. Nas agras hoxe instalouse o polígono industrial de POCOMACO, afogando o lugar de Vío, e o amilladoiro está prácticamente destruído por unha canteira.

Existen dúas posibles etimoloxías para o topónimo Vío, ben do latín vicus, "pequeno lugar habitado", ben do latín viam, "camiño". No primeiro caso debemos supoñer que o resultado habitual, Vigo, sufriu perda do -g- intervocálico, e para a segunda posibilidade pensamos nun masculino analóxico formado dende o feminino vía, que xa aparecía en latín no composto bivium (v. Xosé Lluis García Arias: Toponimia Asturiana, El Víu). Das dúas, a máis consistente coa paisaxe antiga é a de que sexa un topónimo viario, motivado pola situación do lugar á beira do camiño que seguía polo Cal das Ameixeiras, topónimo tamén de tipo viario no seu primeiro elemento (cal < latín callis, -is, "sendeiro").

miércoles, 17 de julio de 2024

Os petróglifos de Freás da Canda (Piñor - O Carballiño)

 

Recorte da liña de demarcación cos oito penedos gravados con petróglifos no plano de deslinde entre Freás da Canda e Guimarás (Piñor - O Carballiño) e o mosteiro de Oseira (Cea), do ano 1735. O mapa está accesible no seguinte enlace "Mapa de los términos de Freanes y Guimarás Orense". (C) Arquivo da Real Chancillería de Valladolid.



Vimos de atopar un precioso plano cunha liña de demarcación de oito penedos grabados con petróglifos dos tipos soliformes, espirais, coviñas, ferraduras, cruces e letras de límite, que cremos que podería ser a máis antiga representación dos petróglifos galegos, ó datar de 1735. O detalle dos debuxos é asombroso polo que imos velos de máis preto (pinchade sobre as imaxes para ampliar).

Marco de Paradelas, con soliformes, cruz, ferradura e círculo, e máis, o marco de Encima do Val do Amorto, con espirais.

Marcos de Val do Amorto, A Porteliña - Camba e Pena do Raposo, con espirais e coviñas.

Marcos de Pena Vixigueira 1, Pena Vixigueira 2 e Pena Parda, con cruces e letras de demarcación O (Oseira) e P (Piñor).

Mentras o equipo de exploración sobre o terreo, coordinado polo historiador Xabier Moure, tenta localizalos, nós nunha primeira aproximación, e grazas á información patrimonial recollida no Visor PBA, no que se ubica un petróglifo no Outeiro do Antonio (entre Freás da Canda e A Folgosa), encontramos a zona chamada Pedra Vixigueira no plano de 1735, actualmente Vexigueira (parcela 135 da folla catastral baixo Outeiro do Antonio).


A liña de demarcación dos oitos penedos corría, pois, de norte a sur, e o mapa de 1735 habería que xiralo 90 graos á dereita para velo co norte arriba. Chámanos moito a atención que na mesma liña aparezan penedos con soliformes, espirais, espirais e coviñas, como nunha gradación astronómica. Cecais podería ser un indicio, como se ten dito, do seu significado astral, e que servesen como delimitacións territoriais tomadas respecto de referencias celestes. A liña de penedos con gravados de orixe prehistórica suxire unha función de delimitación territorial mantida durante milenios.

O pintor do debuxo, Joseph Cardelle Montero, desempeñaba un oficio específico destinado a levantar os planos dos deslindes para os escribáns das Reais Audiencias en procesos de litixios por límites territoriais, como se desprende do texto que acompaña ó documento, e como indican Romaní e Bermejo Barrera no seu estudo sobre a funcionalidade dos petróglifos de podomorfos: é o caso dos chamados "ojos" ou "paños de pintura" (planos pintados) feitos polos pintores da Chancillería de Granada, que acompañan sempre os textos dos deslindes e representan fielmente os termos, límites e mollóns. En Galicia, segundo estes investigadores, non había constancia de ningún caso semellante ("La cojuración y el posible uso de signos podomorfos en la Galicia medieval y moderna", Madrider Mitteilungen, 2014).

lunes, 15 de julio de 2024

Mámoa de Pedro Muíño (As Cabazas - Vimianzo)


Á dereita dunha pista que sae das Cabazas (Baíñas - Vimianzo) atópase a mámoa inventariada no Visor PBA como Mámoa de *Pedra Muíño (arrodeada na imaxe cun círculo laranxa), pero un pouquiño máis adiante, na mesma pista e á esquerda, encontramos a verdadeira mámoa, chamada realmente de Pedro Muíño (arrodeámola cun circuliño azul na imaxe). Ese é o seu verdadeiro nome, pois é que se está usando toponímicamente Pedro como forma masculina de Pedra < latín petram, "pedra", non como nome propio de home, tal e como sinalamos nalgunha ocasión (p. ex. para o topónimo Pedro Monteiro que pode aludir a unha mámoa no monte, ou a unha pedra cabaleira). Tódalas parcelas deste lugar chámanse con nomes alusivos á nova medoña (Chan da Medoña e Medoña de Atrás). As súas dimensións, tomadas coa regra do Visor PBA son de aproximadamente 30 metros de diámetro.

A zona é rica en megálitos, dacabalo entre a Arca da Piosa e os túmulos arrasados polo encoro da Fervensa, mais aínda visibles os seus restos se baixa o nivel do encoro.

Restos dun anel lítico con cámara central (platfom cairn) na ourela oeste do encoro da Fervensa.
(C) Dolores González de la Peña, 2017.

No plano que contén o acotamento de San Antolín de Baíñas (arquivo da Real Chancillería de Valladolid, ano 1796) vese que a nova mámoa de Pedro Muíño servía de límite entre Baíñas (Vimianzo) e Muíño (Zas), de aí o seu nome. O máis interesante é a súa descrición, porque, ben debido ó tamaño, ben por descoñecemento do que era unha mámoa, é descrita por unha das partes como unha canteira: "mámoa de Pedro Muíño, que es un sitio alto con piedras naturales en cuya cumbre se reconoce haberse abierto unha cantera". Mentras que a outra parte interesada no deslinde descríbea máis polo miúdo e indica: "mámoa de Pedro Moíño, que es un alto de tierra en la lomba del monte da Pioza, con dos piedras puestas a mano en un hoyo que forma en el medio, y sin cruz [de demarcación] alguna; [situada] a la vista de los lugares de Novelle, Cabazas y otros".

Fai dous séculos aínda se conservaban dous ortostatos da cámara, agora dubidámolo, porque todo o montículo é un eucaliptal.

sábado, 13 de julio de 2024

In arca marmorica? O corónimo Armórica na lenda do sepulcro de Santiago

Xa Isidoro Millán González-Pardo vira unha posible falsa segmentación do texto no que se indicaba o lugar de sepultura do apóstolo Santiago ("Autenticación arqueológico-epigráfica de la tradición apostólica jacobea", en El Camino de Santiago, camino de Europa, conferencias no Escorial, 1991). Resulta evidente que nos códices a lectura dun suposto texto cursivo orixinal "in arcamarmorica" ou ben "in arcemarmorica" (tamén coa variante "in arcamarmarica" / "in arcemarmarica") é susceptible de ser separado polos sucesivos copistas do manuscrito de dúas formas:

  1. in arcam Armórica / in arcem Armórica
  2. in arca<m> marmórica / in arce<m> marmórica

A proposta de Millán González-Pardo é algo máis complexa do que reflictimos, pois supón tamén unha confusión na lectura doutras grafías, o que conduciría a que o lugar do sepulcro do apóstolo fose un castro ou recinto fortificado (arcem) da Amaía (ammaeicam). Cremos que é moi ad hoc e con demasiadas modificacións do material textual para considerala correcta.

Recorte do artigo citado coa explicación de Isidoro Millán.

Ata o de agora, ademáis da proposta de Isidoro Millán, que é a única que separa o -M- ligándoo á palabra anterior, só se formularon hipóteses sobre o segundo termo lido como MARMÁRICA / MARMÓRICA, ben no sentido de consideralo topónimo (Marmárica, parte da costa norte de África) ou calificativo, "de mármore", o que aludiría, segundo os defensores desta posibilidade, ó sepulcro do apóstolo feito de mármore ou á súa colocación baixo arcos de mármore.

A existencia de formas antigas nalgúns dos manuscritos coa escrita continua, como "achamarmarica" (Bern Bürgerbibliothek 224 f. 159), e coa separación "achaia armorica" (Torino Biblioteca Reale Varia 141), serve de apoio á nosa lectura do texto, no que vemos unha referencia ó corónimo Armórica, deturpada polos sucesivos escribas que non estaban familiarizados co nome de orixe celta (are + mori = ante o mar; a costa) que recibía o tractus armoricanus, que ó final do imperio romano de occidente abranguía tamén a costa da Gallaecia (dende a saída dos bretóns do emperador galaico Magno Máximo dende Britannia cara o continente). De feito, un comentarista dun destes textos ve que a forma Armarica cecais estea por Armórica (Aremórica), indicando un lugar xunto ó mar (Adam Miodonski, "De ortu et obitum patruum. Ex codice veronensi", 1893).

Outro corpo santo que chegara flotando sobre as augas en barca de pedra (no seu propio sepulcro) fora o do Conde Santo de Vilanova de Lourenzá. (C) Dolores González de la Peña.

A condución do corpo do Apóstolo por mar en barca de pedra ten visos de pertencer, pola característica embarcación pétrea que transporta un corpo santo, ás lendas célticas bretoas, que nos terían chegado transmitidas polas migracións destes pobos a partires do momento en que o continxente dos bretóns do emperador Magno Máximo estableceu a Sé Britoniense e fundou o Mosteiro de Máximo, na costa norte da Gallaecia.

A lectura que ofrecemos do texto xacobeo "in arcam armorica" / "in arcem armorica", xunto coa efectiva chegada do corpo do apóstolo a Galicia, refrenda o feito de que o antigo nome de Armórica foi un exónimo utilizado exclusivamente polos bretóns insulares e os da Bretaña francesa para referirse en xeral ó territorio que ocuparon os seus colonos, que se espallaron polas costas meridionais do Mar Céltico, e en particular, á costa galega, onde fundaron a súa primeira sé histórica coñecida no mosteiro de Máximo ó final do imperio romano de occidente (cfr. ArqueotoponimiaBretones en Galicia, 2008, e Un galego na corte do rei Artur: o emperador Magno Máximo, 2024).

Casas do Foro de Jubia en Ferrol

Unha lista completa das vivendas de Ferrol que a finais do século XVIII aínda estaban suxeitas a pagar rendas ó Mosteiro de Xuvia, por ser da súa propiedade ou estar construídas nos seus terreos, atópase no libro de Arriendos, foros y títulos de hacienda y propiedades do mosteiro, libro 3159 (PARES - Archivo Histórico Nacional). Neste documento danse indicacións de que as devanditas vivendas tiñan que ter no lintel da porta gravadas as letras FDJ (Foro de Jubia) ou ben unha pedra coas letras introducida nalgún lugar da fachada, porque a xentiña adoitaba borralas ou quitalas.

Lintel coas letras FDJ na porta de acceso á cafetería Skada-Moncloa da Rúa Magdalena.

Aínda queda algún lintel coas letras gravadas: un no mesón O Galo (Rúa María 104), outro na cafetería Skada-Moncloa (Rúa Magdalena 64-66), etc. O conxunto de casas que tiñan que ter a pedra, segundo o libro de arriendos ascendía a un total de 390, localizadas nas seguintes rúas e barrios (indícase entre parénteses a cantidade de casas pertencentes ó Foro de Jubia de cada rúa): rúa do Castro en Ferrol Vello (1), rúa San Francisco (24), rúa Magdalena (39), rúa Real (40), rúa Dolores (49), rúa María (24), rúa do Sol (40), rúa do Carmen (1), rúa San Isidro (9), rúa Castañar (43), Canido (40), rúa San Máximo (1), rúa San Xosé (2), rúa Arce (3), Fonte de Insua (2), Esteiro (40), rúa Soto (2), rúa San Amaro (7), rúa San Nicolás (2), rúa San Sebastián (9), rúa San Pedro (5), rúa San Fernando (4).

 

lunes, 8 de julio de 2024

A contrarrevolución irmandiña de Brión (Ferrol) - 1486

Todo estaba dito sobre os Irmandiños, un todo cheo de lugares comúns, como  que a revolta do campesiñado foi unha forma de deixar atrás o antigo réxime feudal medieval, como que o novo Estado moderno cos contratos de foro sobre as propiedades era máis xusto, ou que os Irmandiños non ían contra a Igrexa. Nun traballo de Barros Guimeráns podemos ler un resumo do balance final da Revolución Irmandiña: "todos los grupos, estamentos y clases sociales que se comprometieron, más o menos activamente, con la revolución irmandiña ganaron con la ruptura histórica que ella provocó, al pasar de la Galicia de las fortalezas, de la nobleza devastadora y de la renta puramente feudal a la Galicia de los pazos, de la hidalguía intermediaria y de los contratos de foro –no cuestionados por la práctica irmandiña–. Entre los que más ganaron, en condiciones de vida, trabajo y futuro, está el campesinado que consolidó su pequeña propiedad in secula seculorum".

Pois non te é tan así a historia, pero xa se sabe quen a escribe e quen redacta as súas conclusións. No ano 1486, teóricamente xa rematada a revolución e finiquitada a existencia da Irmandade e os seus alcaldes, nun mundo feliz e xusto gobernado polos Reis Católicos... topamos coa "querella criminal que o abade de Xubia, Antón López, formulou contra Fernán Mouro e os veciños da Graña de Brión, pois sendo vasalos do mosteiro, rebeláronse contra el, aconsellados de Fernán de Andrade, que lle permitiu [a Fernán Mouro] defendelos con armas, e, no momento no que un monxe compañeiro do Prior foi recoller as rendas, maltratáronlle e déronlle unha lanzada; e aínda por enriba, cando o Prior foi para alá facer averiguacións do feito, formáronse en batalla contra el e outros vasalos que levaba consigo, e a un Alcalde da Irmandade". Máis polo miudo o detalle da querella atoparase no libro 43 do Mosteiro de San Martiño de Xubia, ó que non temos acceso, só ó resumo.

Vese perfectamente que en 1486, tras deixar atrás o antigo réxime, o campesiñado segue a ser vasalo, xa non dos señores feudais, pero si da Igrexa, nunha situación na que as rendas dos foros eran seguramente abusivas. Vese tamén quen son os verdadeiros revolucionarios, os veciños de Brión, encabezados por Fernán Mouro e aconsellados e autorizados por Fernán de Andrade (a Casa de Andrade?). Os Alcaldes da Irmandade, os Irmandiños irredentos, que sempre se nos presentaron como revolucionarios, quedan reflictidos como unha especie de sicarios da Igrexa. Este era o novo réxime liberador? A quen lle deron gato por lebre? Ós de Brión non.

Libro de títulos y rentas pertenecientes al Monasterio de Jubia (Archivo Histórico Nacional), fol. 92v.

jueves, 4 de julio de 2024

Orixe bretoa dos topónimos O Beque (Galicia) e Becque (Normandía)

 

Soldadiños de chumbo movéndose torpemente na paisaxe de bocage normanda durante a Batalla entre as Sebes (II Guerra Mundial). (C) Xogos de Warlord Games.

O xeógrafo francés Abel Bouhier (teño que repetilo outra vez) estivo preto de 17 anos estudando a paisaxe agraria de Galicia para preparar a súa tese de doutoramento (La Galice: Essai géographique d'analyse d'interpretation d'un vieux complexe agraire, 1979). Foi o primeiro investigador en notar que a paisaxe da zona das montañas setentrionais era semellante á paisaxe de bocage armoricana (Bretaña francesa e Normandía) e chegou a prantexar a posibilidade dunha orixe bretoa da nosa: posto que os colonos bretóns chegaron á Armórica galega establecendo en torno ó século V (nós probáramos que fora no IV) a Sede Britonorum, e dita forma de parcelación / ocupación agrogandeira foi coñecida entre eles "sería entón lícito pensar que os bretóns, que traían a fórmula agraria do cerrado, a tiveran difundido no norte de Galicia" (Galicia. Ensaio e interpretación dun vello complexo agrario, trad. Benxamín Casal, 2001, px. 1.229).

Cremos ter atopado no topónimo O Beque, propio da zona de Trasancos (Ferrol, Narón, Valdoviño, San Saturniño, Neda e Fene), Ortegal e Eume unha proba irrefutable de que o bocage ou parcelario de tipo cuadrilongo, pechado frecuentemente con sebes a modo de arte topiaria, é de orixe bretoa.

No estudo de Irene García Losquiño sobre o topónimo O Beque / O Beco, "The North Germanic place-name element bec in England, Normandy and Galicia" (Namn och bygd, 2018), a investigadora plantexara que o elemento bec aparecía na toponimia de Galicia, Normandía e Inglaterra porque era remisible a una migración / colonización ou a contactos continuados cos vikingos, que aportarían o substantivo provinte do Old Norse bekkr, que significa "small stream; rivulet".

O principal problema que lle vemos á súa proposta é que en Galicia Beque non é un hidrónimo, senón que habitualmente o seu referente é un tipo especial de terreo adicado a cultivos ou plantacións. Mais Losquiño xustifica esta obxección do seguinte modo: os nomes de lugar co elemento bec eran primeiramente hidrónimos, e despois o nome transferiuse e pasou a designar os campos adxacentes ós cursos de auga, para, finalmente, reutilizarse por analogía (sen consciencia xa do seu significado - o que chama "proceso de replicación"); isto explicaría a presencia masiva do topónimo Beque na área de Trasancos, Eume e Ortegal.

Outra obxección non menor á súa correctísima investigación, cun amplo traballo de campo e ben documentada, é que non ten en conta, nin sequera para descartala, a posibilidade de que o topónimo se deba ós migrantes bretóns que se instalaron no noso territorio na zona mencionada da costa norte das provincias da Coruña e Lugo dende finais do século IV, dotados dunha sé episcopal propia da que temos documentación histórica durante catro séculos. Esta será a hipótese que imos probar, que nos levará a rexeitar a etimoloxía do topónimo normando Becque e do galego Beque dende o Old Norse bekkr, "small stream".


Distribución do topónimo Beque / Beco en Galicia, que amosa unha altísima concentración na zona de Trasancos, Eume e Ortegal. (C) I. García Losquiño segundo información da base de datos xeoposicionada Toponimia de Galicia.

No Libro de arriendos de Trasancos (século XVIII) das propiedades pertencentes ó mosteiro de San Martiño de Xuvia e San Vicente de Regoela utilízase varias veces beque para designar un tipo especial de terreo labradío. Non son moitos os datos que se poden sacar en claro, pero si é moi notable o uso do termo beque, fai dous séculos, como substantivo ou nome común. Despréndese da casuística que os falantes que informaban ó notario sabían exactamente o que era un beque, polo que non é posible soster que na zona de Trasancos houbo un "proceso de replicación" de beque como topónimo (supostamente xa valeiro de significado), tal e como alega Losquiño.

A paisaxe que se describe neste documento, pola mención ós peches vexetais, é principalmente unha paisaxe de bocage, como xa informamos na entrada anterior do blog ("A paisaxe de bocage de Trasancos no Visor de Valados de Galicia", Arqueotoponimia, 2024), e pois, forma parte da zona das montañas septentrionais que Bouhier calificara como área de bocage.

Tipos de organización agraria de Galicia. (C) Abel Bouhier, en Guía de caracterización e integración paisaxística de valados, Xunta de Galicia, 2017.

Xa que logo, semella un bo punto de partida considerar que o beque é unha forma peculiar de terrádego de uso agrario propio do sistema de bocage. Segundo o documento que manexamos, a finais do século XVIII nos beques de Trasancos cultivábase ou plantábase case de todo, principalmente salgueiros: "en el enunciado Beque, sauces para leña que en el cortan anualmente", "beque de salgueiros", "otro beque de nabos y alcacén"; "beque labradío de sembradura todo el de un ferrado de pan labradío". A expresión máis frecuente é simplemente "beque" ou ben "beque labradío", sen que poida atribuírselle carácter xeral a isto, xa que tamén había "beques montesíos". Nalgún caso atopamos o nacedoiro dunha fonte nun beque, pero ven sendo excepcional, polo que non valida a tese de Losquiño: "beque de salgueiros en que nace la fuente do Vizoso".

Un dato moi importante é que na descrición dos beques non se di nunca que están "circundados", como si se indica continuamente doutras pezas de terra, explícitamente "circundadas" por sebes, muros ou valados. Isto é ben importante para determinar, por exclusión, que eles mesmos eran o circundado de pezas maiores, unha especie de ringleira en forma de cómaro, valado ou trincheira máis ou menos ancha que pechaba as propiedades.

Nuns textos que consideramos bastante aclaratorios indícase que os beques constituían as cabeceiras de pezas de terra, é dicir que eles formaban o circundado: "una pieza de heredad labradía de cinco ferrados de sembradura, incluso el beque de salgueiros de su cabecera"; outra peza de terra "testa al norte en hacienda de Juan de Villar del mismo lugar da Pena y más adelante en Veque de Salgueiros en que nace la fuente que llaman do Vizoso, hasta llegar al Beque y salgueiros del Monasterio".



O beque circundaba, pois, unha peza de terra nalgún dos seus bordes, e a súa forma era a dunha ringleira, como noiro ou cómaro máis ou menos ancho no que se podían plantar ou cultivar determinadas especies vexetais como aproveitamento (usura), conformando unha característica paisaxe de bocage.

Posible beque formado por un cómaro e sebe de salgueiros en San Saturniño.
(C) Dolores González de la Peña.

En galego beque rexístrase únicamente no dicionario de Carré Alvarellos coa acepción de "callejuela sin salida", o que coincide co significado principal do galés gwig / gwic, "street" (A Dictionary of the Welsh Language), que tamén ten outros dous significados máis ou menos relacionados, "aldea" e "bosque". O termo galés provén do latín vicus, "barrio". Vese que na devandita lingua houbo unha estreita relación ou identidade entre a rúa e a aldea que se forma en ringleira nos bordes da vía de comunicación, pero o mesmo sucede en galego coa verba rueiro, "aldea", derivado de rúa, "calexa", e mesmo no inglés row, "ringleira" e "vivendas adosadas". Supomos pois que o sema principal que orixina tódolos significados do galés gwig / gwic é "rúa, cale, ringleira", do que xurden as outras dúas acepcións, aldea (agrupación de vivendas seguindo unha rúa) e bosque (vexetación arbórea seguindo un ordeamento en ringleira, ou seguindo a trincheira ou cale dun río). 

Neste sentido convén repasar as acepcións de becque na Francia e na Normandía, que non se recollen no traballo de García Losquiño. A acepción de trincheira domina nestas linguas, sendo semellante á do galés gwig / gwic, "street":
  • Becque: "a ditch or trench made upon the high way, also as beche (Norm.) = "cuneta xunto dun camiño real, como beche en normando" - Dicionario de Randle Cotgrave.
  • Becque: "Fossé établi le long des terres cultivées pour favoriser l'écoulement de l'eau" = trincheira formada ó longo das terras de cultivo para escorrentar a auga - Dicionario de Hécart.
  • Bec, becques: "la crête d'un fossé" = terraplén dunha trincheira - Dicionario da Academia Francesa.

Conclusións


O latín vicus, "barrio", tería chegado a Britannia coa romanización, onde se especializaría para designar realidades da paisaxe articuladas en torno a un eixe lineal que se concretaba en referentes moi semellantes: estrada / rúa / cale / ringleira. A saída dos colonos britanos cara as Armóricas, francesa e galega, a partir do ano 383, ordenada polo emperador Magno Máximo, levou consigo o préstamo lingüístico gwig / gwic e as formas da paisaxe de bocage atlántica. Na Normandía o termo becque evoluíu semánticamente dende a idea de cale ou ringleira á de "trincheira nos campos de cultivo para recollida das augas", de onde sae, por equivalencia, a acepción que recolle Losquiño de "rivulet". En Galicia, e a falta de máis documentación que permita definir mellor a realidade agraria denominada beque, semella que o termo quedou vencellado estreitamente á toponimia da paisaxe de bocage ó denominar preferentemente as ringleiras de vexetación arbórea (salgueiros), que a modo de pequenos bosquiños, servían para circundar as propiedades dos mosteiros. Doutra banda, a acepción de "callejuela" recollida por Carré Alvarellos, indica que aquí se conservou tamén outra das acepcións galesas do termo gwig / gwic, "rúa".

Ringleira de beques en San Xurxo da Mariña, onde a base de datos Toponimia de Galicia recolle o microtopónimo Os Beques. Seguen a liña do camiño que parte da Vila da Eirexa cara ó norte. (C) Voo Americano de 1956-57.

lunes, 1 de julio de 2024

A paisaxe de bocage de Trasancos no Visor de Valados de Galicia (Xunta de Galicia)

A paisaxe de bocage (denominación francesa tomada do estudo que o xeógrafo francés Abel Bouhier fixera da vella paisaxe agraria galega, aínda non superado por ningún investigador) é característica exclusiva do extremo noroeste de Galicia. As leiras, parcelas ou propiedades agrícolas, de forma cuadrangular, adoitan pecharse con sebes vexetais constituíndo unha paisaxe efímera e cambiante.

No Libro de arrendos que o mosteiro de Xuvia tiña en Trasancos (século XVIII) os colonos ás veces mencionan o feito de estar as propiedades "circundadas" con sebes vexetais; a sebe mixta que máis se menciona é a composta de salgueiros, ameneiros e loureiros, ou ben de salgueiros, ameneiros e silveiras (zarzas): "circundada sobre si con laureles, salgueiros y porción de ameneiros". Noutras descricións menciónanse peches diferentes, como muros de pizarra, ou un silveiral dunha banda máis un cómaro alto doutra. O peche vexetal sinxelo máis frecuente é o formado polas silveiras, que adoitan usarse no exterior da finca, máis tamén como división interna da mesma se é que está parcelada.

Chama porén moito a atención que o Visor de Valados da Xunta de Galicia non recolla na nosa zona nada máis que seis mostras da paisaxe de peches vexetais chamada de bocage, e que adique case o resto do corpus a peches inespecíficos formados con táboas e aramio. Destas seis mostras, dúas delas foron tomadas das imaxes aéreas do PNOA, e o que xa dá unha idea do poco esforzo adicado a esta tipoloxía paisaxística tan relevante é que nelas non se visualiza a característica parcelación cuadrangular do bocage. Nas restantes, están completamente ausentes exemplos de peches vexetais tradicionais formados polas especies arbóreas que vimos de indicar (salgueiros, ameneiros e loureiros) e toda explicación redúcese ó descritor "sebe de vexetación espontánea", identificándose só nun caso, como de casualidade, que se trata dunha silveira.

Nunha das mostras tomadas da fotografía aérea do PNOA vese un parcelario cuxa forma atípica en ángulo está determinada pola vía do tren e a carreteira.


"Bancal vexetado con vexetación [sic] espontánea".

"Sebe de vexetación espontánea (silveira)".

Será que xa non hai peches vexetais arbóreos na paisaxe de bocage de Trasancos? Habelos hainos, iso significa que non se molestaron moito en atopalos, ou en saber o que tiñan que buscar, que case é peor. Na fotografía de abaixo, cómaro e peche de salgueiros no concello veciño de San Sadurniño. O salgueiro tiña a utilidade engadida de que se podía usar como leña, e así se indica nun dos documentos do Libro de arriendos de Xuvia: "en el enunciado Beque, sauces para leña que en el cortan anualmente".

(C) Dolores González de la Peña.