Toponimia prerromana, hidronimia paleoeuropea, etnografía, megalitismo e arte rupestre. Se chegaches aquí por Google e non te levou á entrada que procurabas, volta a repetir a búsqueda dende Bing! ou usa o buscador interno do blog. Grazas!
domingo, 23 de marzo de 2025
Antroidar, antroyar, antroxar: o combate de don Carnal e dona Coresma e o Ludus Troiae na orixe do Carnaval
miércoles, 19 de marzo de 2025
Antruare e redantruare: a danza dos Salios e o Ludus Troiae
viernes, 7 de marzo de 2025
Os petróglifos podomorfos como marcas da propiedade territorial
"Omnis locus, quem calcaverit pes vester, vester erit" (Deuteronomio 11)
A planta de çapato de Beiro (Carballeda de Avia - Ourense)
O percorrido iniciouse saíndo dentre os dous castros que había entre Beiro e Berán (hoxe só hai un castro inventariado no Visor PBA) cara ó oeste, ata As Cortes, pasando por varios penedos sinalados con cruces de termo; máis adiante menciónanse tamén penedos onde hai gravadas sinais de ferradura, descritas nalgún caso como se delas saísen sulcos semellantes a "actiones de estribos" (acción dun estribo = fita de coiro que une o estribo á montura). No punto denominado Porto dos Asnos, que non logramos identificar, describen dúas sinais nunha pena, unha "a modo de herradura o estribo, con sus cintas a modo de actiones" e outra "a modo de planta de çapato, y esta peña está debajo de la levada que sale de los Campos do Coto hacia el lugar de Beiro" (fol. 359 v.). A visita levou dous días, supoño que pola avanzada idade dalgúns testigos, que tiñan máis de oitenta anos, e ó día seguinte partiron da fonte de Noveledo ou Novelendo, que localizamos ó sur do castro do Coto da Cidá (no límite coa parroquia de Abelenda). Por non prolongar máis o meu resumo, foron pasando por distintos marcos, penas e penedos con varias sinais (a modo de armas, con pías e cruces) ata dar de novo nos dous castros entre Beiro e Berán onde comenzara o acto xurídico de demarcación.
Como vemos, a hipótese da "cojuración" sobre un penedo gravado cun petróglifo podomorfo non se sostén, xa que logo os testigos que participan na delimitación xuran antes de comezala, si, mais xuran sobre unha cruz, como manda a tradición ("en forma" e "como se requiere", di o meiriño), ademais de que o penedo co gravado da planta do zapato ou petróglifo podomorfo non se atopa no punto no que inician o percorrido, tal e como supuñan Bermejo e Romaní, senón na mitade do camiño máis ou menos.
Corpus medieval galego
- Samos (1082): "[...] Garsia Eriz cum multis sapientibus et precesserunt ad illum episcopum et ad Eita Gosendiz et posuerunt pedes ad illam arcam super Montan, et inde ad illam arcam super Zaon que dicitur samanega [...]".
- Coímbra (1087): "[...] cum Pelagio Cartimiriz qui erat judex Colimbrie et cum aliis testibus idoneis ut coram eis poneret domnus Ramirus pedes per illas divisiones et monstraret que petebat et juraret cum IIII.or habitatoribus Vaccaricie [...]".
- Melón (1097): "[...] Sando Cidiz, Teofreo, Osevo Petriz et poserunt suos pedes per terminum de ipsa cumbrada de Vessada, et vay ad illo carbalio et vai ad illa mammona [...]".
- Ribas de Sil (1172): "[...] vocavit sapientes adque idoneos viros et hostendit illi hereditatem. et posuerunt illos homines sapientes pedes suos per terminos sicut sciebant et sicut audierant ab antiquis, huiusmodi. quomodo incipit per cauctum de Ualle Marcellu [...]".
Comparativa con outros antigos rituais de apropiación do territorio pola circumambulación
jueves, 6 de marzo de 2025
Castra (do latín claustra) e o círculo lítico de Castrotión - A Estrada
No último e interesantísimo artigo que ven de publicar no seu blog O Noso Patrimonio o historiador Xabier Moure resúmenos o estado da cuestión sobre o círculo lítico de Castrotión (A Estrada - Pontevedra): Castrotión: un castro, unha capela e un círculo?
O círculo lítico xa fora descrito por Fermín Bouza-Brey en 1944 ("Castros de la comarca de la Estrada", Cuadernos de Estudios Galegos), que sinalaba que o nome de lugar de Castrotión fora convertido por algún oficinista desaprensivo en Castración, baseándose nunha etimoloxía popular. Segundo o investigador, o círculo estaba construído na parte superior do castro, que visitara en 1936, cando puido observar "grandes piedras hincadas hondamente formando un círculo de unos ocho metros de diámetro, en cuyo centro se yerguen los restos de una capilla [...] nuestro informante, un vecino del mismo lugar apellidado Vilela [...] añadió que en el medio de la capilla en ruinas, una piedra bastante enterrada era la tumba de un personaje, a la vista de todo lo cual nos ha parecido un caso semejante al de la capilla asturiana de Santa Cruz, de la que puede ser otro paralelo el arca de piedra del castro de Castrovite, que va descrito [arriba]".
Máis aló da importancia que teñen as dúas posibles sepulturas antigas (arcas ou dólmenes) nos castros de Castrotión e Castrovite, ámbalas dúas baixo capelas construídas nos cumios, chámanos a atención a reiterada variante do topónimo Castrotión, que aparece como Castración (Bouza-Brey, 1944), Castación (nun artigo dun tal A. V. Calveiro, Eco de Galicia - 1935, recollido por Moure) e, sobre todo, a forma antiga documentada por Cabeza Quiles: Castatyón (1587 - Arquivo da Catedral de Santiago), alternando coas formas Castro Tión (1571) e Castrotión (1587) - cfr. Toponimia da Estrada, 2018.
É pola reiteración da variante Castración / Castación, que presentamos unha etimoloxía alternativa á proposta de Cabeza Quiles, que deriva Castrotión de castro máis un antropónimo, como cecais Ittilo, Tedione ou Tilonius.
Nós partimos do termo castra, que provén do latín claustra, "claustro, peche, conxunto de claustros ou peches dun mosteiro, gran claustro", ben documentado no galego medieval ademais baixo as formas caustra, cabstra, crasta, crastra, clastra, clasta, crausta, claustra (Ramón Lorenzo, La traducción gallega de la Crónica General y de la Crónica de Castilla, vol. II, 1977). No asturiano ata existen formas con epéntese de vogal de apoio entre o grupo kl, como calostra e calostro (v. García Arias, Toponimia asturiana).
No repertorio de exemplos extraídos da documentación por Lorenzo vese que xeralmente o termo castra aplícase ó claustro ou claustros dun mosteiro, máis tamén parece que podía referirse a un outro tipo de peche que lembraría ós que forman os claustros, algo semellante a un cromlech ("aqui preto esta ũa crastra em ũa montanha pequena"), ou semellante ó recinto que arrodea o adro dunha capela ("na claustra da capela").
A nosa proposta vai, pois, neste sentido. Aínda que aparentemente o topónimo Castrotión faga referencia ó castro existente no lugar, as formas Castración / Castación poderían indicar que en última instancia o nome do lugar foi un derivado de claustra - *claustratione > Castración / Castación, sendo porén a partícula -tión / -ción, un morfema derivativo, non un antropónimo que integra un nome composto. Entón o topónimo viría motivado pola existencia no cumio do castro dunha "castración" (de claustra), é dicir, dun círculo lítico, claustro, patio ou adro dun recinto sacro, cecais ben antigo, se temos en conta os datos que aportara Bouza-Brey respecto da posible existencia dunha sepultura megalítica no seu centro.
Como topónimo, Castra rexístrase no buscador Toponimia de Galicia, nalgún caso en conexión cun castro (asentamento fortificado) como o de Proente (A Merca - Ourense), feito que non descarta que Castra, amais dun derivado do latín claustra, "peche ou recinto", sexa un feminino analóxico do substantivo castro, creado para se referir ás terras adxacentes a un castro.