domingo, 1 de febrero de 2026

Avutardas e Cigarróns: indagacións etimolóxicas nos nomes das máscaras do Antroido

Avutardas e Botargas

Nunha conferencia que impartiron Mónica Vázquez e Antonio Sousa sobre o Entroido de Sande (Sociedade Antropolóxica Galega - 2024) coméntase que o nome dunha das máscaras deste Antroido ourensán, a Avutarda, podería ter algunha relación co da ave chamada avetarda, "porque ese paxaro é de Castela, e é un paxaro que se queda mirando fixamente, e as Avutardas [máscaras] cando saían de noite, ademais de zouparlle á xente, tamén se quedaban a mirar fixamente... O nome algunha relación tiña que ter coa xente que ía á sega a Castela". O conferenciante indica, pois, que o nome da ave foi traído dende Castela polos segadores galegos, que o aplicaron á máscara por ter un comportamento semellante ó da avetarda.

Nada máis lonxe da realidade, pois na máscara non hai vextixio algún de que teña sido un ave. No nome de Avutarda da máscara do Antroido de Sande intégrase o artigo feminino "a" nunha deturpación do termo carnavalesco botarga = *a botarga > abotarga > abutarda / avutarda.

Dona Coresma, por Pieter Bruegel, vai nun carriño levando como arma ofensiva unha pa de forno cunhas sardiñas e un cubo de mexillóns como munición. Sobre ela, un posto de venda de salmóns.

Botarga fora o nome dunha delicia gastronómica a base de ovas secas de muxe, que se comía sobre todo na Coresma cun chorriño de aceite e limón. Como pasou o seu nome a designar unha máscara do Antroido? Nós apostamos pola seguinte posibilidade: no tradicional combate entre don Carnal e dona Coresma que se representaba nos carnavais, as máscaras, segundo o bando ó que pertencesen, levaban colgando do seu vestido e do corpo "diferentes animales de carne para comer, representando el tiempo del Carnal, como fueron muchos conexos, perdisses y gallinas y otras aves colgadas por el cuello y cintura de su cuerpo" e a outra máscara "llevava colgados de su vestido muchas especies de pescados, como aquel que representaba la Cuaresma que entraba al otro día de Carnestoliendas siguiente, iendo cargado de abadechos, merlussas y concrios secos y otros remoxados [...] langostas, lissas y llobarros y sardinetas de Calpe y en la cabessa traía esta máscara Cuaresma a modo de turbante, con unos círculos de madera delgada, y por ellos colgando muchas anguilas frescas y sardinas saladas y de otros pescados comunes" (Teresa Ferrer Valls: Nobleza y espectáculo teatral (1535-1622), 1993). Supomos, pois, que as botargas (ovas de muxe), que eran prato exquisito especial da Coresma, pasaron a designar primeiramente ás máscaras que levaban colgados os alimentos propios destas datas (entreles as ovas secas de muxe), e con posterioridade xeneralizouse o nome para calquera máscara do Antroido. Mais aínda existe unha outra posibilidade ben coñecida, que o alcume do comediógrafo italiano Stephanello Bottarga, tamén tirado do nome da preparación culinaria das ovas de muxe, fose a orixe do nome das máscaras chamadas Botargas por imitar estas o deseño do calzón creado polo dramaturgo Bottarga para algunha das personaxes da súa Comedia dell'arte. En calquera caso, o nome da máscara da Avutarda de Sande non ten nada que ver con ave algunha.

Cigarróns e Zamarróns

Respecto do nome da máscara dos Cigarróns do Antroido de Verín (Ourense) tense vencellado a súa orixe ó etnónimo prerromano dos Gigurros. Xa que o Padre Sarmiento relacionaba cos Gigurros o nome da Ponte da Cigarrosa, Risco tamén expresou unha opinión idéntica para o nome da máscara dos Cigarróns: "Guirrios e Cigarrós semellan derivación dobre de Gigurros ou Guigurros" ("Archivo Filolóxico e Etnográfico de Galicia", Nós, nº 35, 1926). Ó pai do galeguismo non se lle escapou a relación entre os termos Cigarróns e Zamarrones, mais varrendo sempre para casa: "o nome de zamarrones [en Lena] pódelles vir da vestimenta de pel ou felpudos, ou pode ser o mesmo de cigarrós alterado por contaminación fonética e infruencia semántica da verba zamarra".

Non obstante, a prensenza masiva e máis antiga* de formas con a, como çagarrones, çaharrones, zagarrón, zamarrón, zangarrón, etc. no norte e oeste da Península Ibérica impiden tomar partido pola proposta de Risco de derivar todas elas do etnónimo prerromano dos Gigurros. O máis probable é que Cigarróns sexa unha variante máis, influenciada polo aumentativo de cigarro,-a (insecto), dun orixinal con a máis unha aspirada H/G çaharrones / çagarrones, de etimoloxía moi incerta (cfr. Coromines sub zaharrón): tense pensado no étimo euskera zahar, "vello" (Pidal) ou no árabe súȟra, "figura ridícula" (Dozy).

_____________________________________________________________

* Do ano 1446 é a primeira ocorrencia que atopamos: "conviene que nos esforcemos a provar que non tema la muerte como aquéllos que temen las carátulas de los çaharrones o buharrachos".