lunes, 18 de octubre de 2021

Parada: ocupación temporal dos castros nas malladas

Nun recuncho ou cul de sac do río Fragoso, no concello de Lobeira (Ourense), sitúase o pobo de Parada do Monte, afastado de camiños ou itinerarios principais tanto antigos como modernos. Deste topónimo que pertence ó tipo dos transparentes (os máis perigosos, pois moitas veces a transparencia é enganosa) case non se ten dito nada relevante. Pénsase o evidente, que indicaría o lugar onde se facía unha parada no camiño, onde se detían a descansar os viaxeiros, dotado do aloxamento e / ou servizos adecuados á época, o que agora sería un área de servizo. Neste sentido Cabeza Quiles afirma que os atopou sempre ó final dunha encosta ou en medio dela, nun descanso orográfico do terreo, e que ven sendo un orotopónimo equivalente a Pousada. Remite a etimoloxía do nome ó latín parare, "preparar, parar, deter" (v. Toponimia da Estrada, col. Terra Nomeada, 2018, px. 111). É seguro que esta interpretación será correcta sempre que o contexto do topónimo sexa claramente viario, mais non parece o caso de Parada do Monte.

Notamos xa no étimo de partida (lat. parare), que nin Cabeza Quiles nin ningún outro investigador recollen a vella acepción de parare como metare (Du Cange), isto é, "aposentar", xeralmente en referencia a campamentos provisionais ou estacionais, como poderían ser os dos soldados románs no seu avance polo territorio. De aquí ven o termo castrametatio, en referencia ás técnicas moi regulares de dispoñer os campamentos ou castra, entre as que podemos citar os diferentes tipos de centuriacións. 

Se partimos da acepción de parare como metare isto é, "dispor ou levantar unha base de operacións estacional, un campamento", pode comprenderse moito mellor que o termo parada apareza nos textos galegos máis antigos como sinónimo de alvariza, pois podería verse dita construción como un pequeno campamento estacional para as colmeas: "qui sunt prope Nostra Parada ubi colminas habemus" (ano 772 - Lugo: CODOLGA). Feito que lle chama a atención a Cabeza Quiles, máis non é quen de explicalo na liña do orotopónimo.

Xosé Lluís García Arias para Asturias indica que as Paradas poderían "tratarse de auténticas majadas pues con este sentido aparece la palabra en las Actas de la Junta del Principado" (Toponimia Asturiana, sub Caballeros). Así pois, outro asentamento ou aloxamento estacional para gando e poboación.

Posible castro nas parcelas de A Pereira (Parada do Monte - Lobeira). (C) Visor PBA da Xunta de Galicia, Capa do Voo Americán de 1956-57.

No caso de Parada do Monte, semella que o pobo desenvolveuse a partires dun castro cuxas ruinas localizamos na Pereira < petrariam, "moreas de pedras". O castro, na nosa opinión, tería o carácter de asentamento estacional, como a mallada brañega que acabou formándose ó seu carón (a Parada). Ó norte, a uns 2,5 km, aínda se ven grandes currais para gando que na ficha catastral se nomean có microtopónimo Cortellos.

Gran curral dos Cortellos (228m*204m) sinalados os bordes cuns piquiños laranxas (Monte de Farlanza - Lobeira). (C) Visor PBA da Xunta de Galicia, Capa do Voo Americán de 1956-57.

No hay comentarios: