A Cidade Vella da Coruña garda vestixios dunha antiga
xudería polo menos no nome dunha das súas rúas, é a Rúa da Sinagoga. A Pardo Bazán tíña situado o templo no número catro da rúa, onde ela mesma viu a cisterna de
auga traballada na rocha viva que aínda se conservaba daquela (BRAH, 1888).
Amais do
microtopónimo, hai documentación abonda para non dubidar da presenza dos xudeus
establecidos na Cidade, como o que fala dun tal “don David de Donas, judío de A Coruña” (año 1415). No Libro Real de Leigos da Cidade da Coruña (s. XVIII) aparece Xacobe de Olmos, cun nome xudeu e un apelido propio dun converso (px. 205 do visor).
As tres laudas
sepulcrais hebreas datadas na Idade Media que apareceron na zona da Palloza, e
que se conservan no Museo Arqueolóxico Nacional, tamén evidencian o
establecemento dunha importante comunidade xudea na Cidade.
Unha lenda recollida por Antonio Aradilla Agudo fornece un
estreito vínculo entre a sinagoga e a bela igrexa románica de Santa María do
Campo extramuros da mesma Cidade Vella: da cisterna da sinagoga partía un longo
túnel polo que os xudeus chegaban ata a igrexa de Santa María para roubar as
hostias consagradas e empregalas nos seus feitizos. Podería ser unha explicación popular da
escena representada no tímpano que adorna a portada norte da Colexiata, e que
se cadra tenta figurar o martirio de Santa Catalina, ou quen sabe se a
intención non foi escenificar o roubo das sagradas formas, isas rodas riscadas
cunha cruz, polo xudeu que asoma por un oco no teito e tenta acadar unha delas
cunha especie de pau.
1 comentario:
Coma proba maior da presenza xudaica na Coruña temos a hoxe coñecida coma Biblia Kennicott, feita na Coruña no século XV por estudiosos, calígrafos e ilustradores xudeus que a viñeran á nosa cidade para facela.
Publicar un comentario