miércoles, 28 de diciembre de 2022

Veliña

Lombo do Veliña (O Xistral). (C) Dolores González de la Peña, 2022.

O pico Veliña asoma a súa lomba arredondada tralo corte da turbeira de cobertor, feito para a instalación dun eólico. Aínda que a manipulación e extracción de turba estea prohibida, por mor do seu papel como reservorio de carbono, sendo "o territorio estudiado [O Xistral] uno de los mayores reservorios de carbono del SO de Europa" (1), aquí a lei non está feita para aplicar ás grandes industrias das renovables; que paradóxicamente se presentan como moi ecolóxicas mentras contaminan liberando carbono ó destruír para sempre as turbeiras nas que se instalan.

O nome do pico provén do latín vigiliam, "acción de vixiar ou observar; lugar dende o que se vixía - observatorio". Neste sentido, no Dictionnarie Étimologique des Noms de Rivières et de Montagnes en France, de Dauzat e Deslandes, o monte Le Veyou é remitido ó provenzal velha, veille = observatoire. Na nosa documentación medieval aparece unha "Penam Vigiliam" (ano 1198 - Ourense), do que se derivaría, en xeral, Vixía, mais se temos en conta a posible caída do -g- intervocálico, da forma resultante *Vilía saería Veliña. Non obstante, o Diccionario etimolóxico de toponimia asturiana de Julio Concepción recolle Velía remitíndoo a Bela, do que dice que é unha "voz, sin duda, discutible y rara como nombre de montaña", e remata vencellando o topónimo ó celta bela, "álamo".

Nós discrepamos desta última etimoloxía ó divisarse dende o Veliña unha grande extensión do concello limítrofe de Muras, e ó ser habitual orónimo na Romania. O pico foi, pois, sen moita dúbida unha atalaia de observación do territorio.

En Galicia a deturpación e reetimoloxización destes topónimos polo termo "valiña", derivado do latín vallem, "val", é moi corrente:


O topónimo Veliña das Minutas Cartográficas do IGN, preto de Bestemuz (Muras), coñécese agora como A Valiña.


Preto da aldea de Brandián, a capeliña de San Miguel da Veliña, mailo lugar das Penas da Veliña (O Freixo - As Pontes de García Rodríguez), que segundo Ana Durán Penabad teñen de sempre ese nome que lle ensinou o seu avó, presentan a mesma deturpación por influencia do derivado do latín vallem, aparecendo Baliña e Abaliña, fronte a "La Veliña", nas Minutas Cartográficas do IGN. 

(1) Luis Gómez-Orellana, Boris Hinojo Sánchez, Marco Rubinos Román, Pablo Ramil-Rego, Javier Ferreiro da Costa e Carmen Cillero Castro: "El sistema de turberas de la sierra de O Xistral como reservorio de carbono, valoración, estado de conservación y amenazas", Bol. R. Soc. Esp. Hist. Nat. Sec. Geol., 108, 2014. 

martes, 27 de diciembre de 2022

O Cadramón

 

O Cadramón. (C) M. Camba Gayoso, 2022.

O Cadramón é un orónimo híbrido celtolatino. Semella un aumentativo en -ón, mais é un superlativo céltico en -amo, declinado en caso acusativo (*Cádramo - *Cadramónem) o que promove o desprazamento acentual, como no caso de Segísamo (nominativo) - Segisamónem (acusativo) que vimos de ver na entrada Sésamo e Sesmonde

A base é o latín quadrum, estudado por Hubschmid ("Problèmes d'etymologie et de sémantique comparée. Roum. codru, alban. kodër et quelques représentants du lat. quadrum, quadra dans les langues romanes de l'Occident" (Nouvelle revue d'onomastique, 1985, nº 5-6, pgs. 120-141). No seu traballo expón as evolucións fonéticas dos derivados de quadrum na Romania, con diversas solucións do vocalismo wa e do grupo consonántico dr. Os significados que comprende o étimo quadrum van dende o codru rumano na súa acepción de "pedazo ou corteza de pan, corrosco" (v. latín quadra panis), ó que nós engadíramos as correspondencias galegas cadrozo, carozo e carolo, ata a acepción oronímica relativa ás elevacións do terreo, rumano codru, "outeiro", que debe porse en relación co noso orónimo "Monte Quadro" (orónimo histórico gallego - ano 1197, Toxosoutos: CODOLGA), ou Pedra do Cadro (orónimo de Muros), e cuxa existencia equilibra a tese de Hubschmid nos extremos da Romania.

O topónimo O Cadramón, segundo a nosa proposta, que ven sendo a de Hubschmid, sería "a montañísima", a "montaña descomunal". É por isto que aínda o sustantivo "cadramón" figura nos dicionarios como xenérico que designa un "animal ou persoa grande e deforme", contrafeita polo seu tamaño descomunal semellante ó dunha montaña.

Salientamos que o feito de se engadir un sufixo celta a unha base latina (*Quadramone) é un fenómeno característico das linguas pidgin ou crioulas, formadas en contextos coloniais pola combinación de dúas linguas sen que ningunha delas prevaleza, o que nos proporciona indicios do que puido ser a lingua galega na súa orixe.

domingo, 25 de diciembre de 2022

San Breixo

O topónimo céltico Berísamo, documentado na epigrafía da Gallaecia, é un superlativo formado coa base preposicional UPER, "sobre, enriba", mailo sufixo de superlativo celta -ísamo. Significaba "o que está máis enriba, o superior". Na Idade Media foi latinizado como Veríssimus, o que lle proporcionou de paso unha falsa etimoloxía ou vencello co latín verus, -a, -um, "verdadeiro, veraz; - o máis sincero". Logo de latinizarse, completou a súa transformación coa conseguinte cristianización como Sanctus Veríssimus > Sambreixo (Láncara) ou San Breixo (varios lugares e advocacións inspiradas polo topónimo: na Fonsagrada, Monterroso, etc.), desprovistos en xeral do marcador de grao superlativo. Aínda que se conservan algúns casos nos que o seu carácter de falso haxiotopónimo resulta máis evidente, como no Beresmo de Avión, e os Bréixome de Rairiz da Veiga e Cuntis - Pontevedra, ó ir sen o adxectivo San.

Normalmente atoparémolo asociado ós recintos fortificados en altura da Idade do Ferro; estruturas habitacionais características dos celtas galaicos. A súa grande dispersión por toda Galicia dá conta do carácter céltico da antiga toponimia do país, e porén da lingua nativa, o que é aínda discutido a pesares das evidencias lingüísticas. Neste sentido, resulta moi relevante o feito de explicarse a evolución do *UPER- cara *VER- pola perda do p característica das linguas célticas: segundo Curchin está moi ben "documentada la perdida de la oclusiva labial indoeuropea /p/ en las lenguas célticas. En el caso del celtibérico se citan generalmente, como muestras de este fenómeno, *pari > are-, *uper- > uer-" (Curchin: "P indoeuropeo en celtibérico: nuevos ejemplos", Habis, 2002).

 Castro de Sambreixo en Láncara.

En xeral pode descartarse que estes topónimos Breixo sexan fitotopónimos, pois de aludir ó arbusto chamado breixo, "uz", terían forma abundancial, tipo Breixoeira ou Breixal, como Uceira e Uzal.

viernes, 23 de diciembre de 2022

O baile do Sol - cursus Solis

 

Nos tratados de astronomía medievais representábanse os tres soles con estes semircírculos de cores, o Sol de inverno ou hiemalis, cun corto percorrido ou cursus, o Sol equinoccial, cun percorrido maior, e o Sol de verán ou aestiuus, o que percorría a maior distanza.

Coas estreliñas estamos a marcar os ortos e ocasos do Sol na súa respectiva época do ano. Coa liña grosa de lápiz que une os tres semicírculos tomámonos a licencia de trazar a viaxe completa do Sol, que xa adopta a forma gráfica dun labirinto, motivo amplamente representado nos nosos petróglifos da Idade do Bronce, e que, seguramente, estea a plasmar o movemento do Sol tal e como se concebía na antigüidade. Este movemento ou danza solar circular que dá volta sobre se mesma para logo cambiar a dirección de xiro pervive no mito do baile do Sol do noso folklore da mañá de San Xoan - solsticio de verán, outra data importante do curso do astro.

Segundo os agrimensores romanos, existían pedras de límite que seguían o curso do Sol "qui Solis cursum sequuntur"; con elo poderían referirse á orientación solar dalgunhas pedras de término, ou cecais a debuxos grabados nelas, que ben poderían ser os grabados de labirintos.

Felices festas solsticiais!

jueves, 22 de diciembre de 2022

Avium inspex = augur

 


Localizamos nun glosario de St. Gallen (Glossaria diversa, Cod. Sang. 292, p. 171) o significado exacto do termo latino augur, que se glosa como "inspector avium garrularum", é dicir, o que examina o canto das aves. Resulta relevante, non para precisar a ben coñecida actividade dos augures, senón para asegurar o valor da expresión "inspector avium" como sinónima de augur.

A expresión aparece nunha inscrición romana de Astorga adicada a Lucio Valerio, "avium inspex". Dita profesión que desempeñaría o Lucio Valerio viña identificándose, pacíficamente e sen discrepancias, coa de augur, ata que fai uns anos Santiago Montero propuxera que o "avium inspex" sería, mellor, un tipo de adiviño de menor rango que o de augur que se limitaría a examinar as entrañas das aves.

Desenvolto en torno a esta idea do menor rango do "avium inspex", ven logo o curioso artigo de Ioan Piso, que chega a dicir que se Asturica Augusta tivese sido un municipio, o liberto Lucio Valerio tería exercido como augur, grao funcionarial de alto rango, mais ó aparecer como simple "avium inspex" denota que Asturica Augusta non era municipio! O que? Como non ía ser municipio a capital dun conventus? (v. "L'avium inspex et le statut d' Asturica Augusta", Anuari de Filologia. Antiqva et Mediaevalia, 2018).

miércoles, 21 de diciembre de 2022

Chandrexa: igrexas, griegas e brigas

Ó me xurdir nunha búsqueda na base de datos do CODOLGA o topónimo Penna Egregia, cun claro valor oronímico (latín egregius, -a, -um = noble, principal, insigne, elevado) nun contexto que descarta calquera relación co latín ecclesia, "igrexa", xunto coa ocurrencia Chian d' Egregia, que é o Chandrexa actual de Parada de Sil ("Johannes Petri de Sequer de Boys, Adam de Chian d’Egregia", ano 1249: CODOLGA), lévame a reconsiderar a etimoloxía tradicional deste último, a que, como é ben coñecido, se fai derivar do latín ecclesia, como o nome de Chandrexa de Queixa. Máis que nada, porque en Chandrexa hai unha igrexa, si, pero tamén un outeiriño cun castro, O Castelo.


Entón temos que recuperar o excelente traballo "Griegos y griegas en la toponimia peninsular", de José Manuel González, xa do ano 1960, que amosaba como nos numerosos casos de topónimos peninsulares tipo Griego / Griega existe un castro ou poboado fortificado prerromano no lugar, o que lle levara a propor que estas formas Griego / Griega eran deturparcións do céltico BRIG-, "briga, castro, oppidum".

Posto que a pronuncia clásica de egregio / egregia era con g (egreguia) antes de pasar a x (egrexa) vese fácilmente o nexo coa toponimia Griego / Griega de González. Nós inclinámonos a pensar que Egregia, "a elevada, a insigne", foi o étimo orixinal, sinónimo en todos os seus valores semánticos do céltico briga. A anteposición da preposición de fixo que perdera, por un proceso chamado de fonética sintáctica, o e- inicial (*de Gregia) o que motivou fora de Galicia a súa conversión, por etimoloxía popular, na forma Griega. En Galicia, pola contra, non se produxo este paso pola repugnacia natural dos falantes ó diptongo ie: o Egregia seguiu o seu curso evolutivo pasando a Egrexa, Grexa ou Erexa.

Egregia  briga > Griega - na zona estudada por González.
Egregia   briga > Egrexa / Grexa / Erexa - en Galicia.

Cumpre, pois, ter moito coidado coa toponimia do tipo Igrexa, Grixalba, Chanderexa, Irixoa, etc. xa que non sempre remite a templos (ecclesia), senón a recintos fortificados en altura (egregia  briga). A sistemática cristianización dos nosos recintos castreños aproveitouse, sen dúbida, desta paronimia.

O Sagrado de Sacardebois: santuarios naturais da paisaxe histórica

O Padre Sarmiento (1) foi o que por primeira vez viu a relación etimolóxica entre o topónimo Sacardebois e a súa versión medieval latinizada Rouoyra Sacrata: "Rouoyra Sacrata, qui est in Monte de Ramo" (ano 1124). No Catastro de Ensenada (s. XVIII) a parroquia de Sacardebois aínda figuraba adscrita a Montederramo (Ourense), aínda que hoxe pertenza a Parada de Sil.

O monxe bieito partía da idea de que a forma Riboira Sacrata (dita lectura non é correcta, senón Rouoyra) que atopara na obra de Yepes era a forma orixinaria, na que logo se alteraría a posición do adxectivo, Sacrata Riboira > Sacra Riboira, de onde xurdiría o Sacardebois posterior. A proposta etimolóxica do Padre Sarmiento levaba, porén, a idea dunha ribeira dun río sagrado, o Sil.

O que resulta claro é que nas antigas terras de Montederramo, segundo veñen no Catastro de Ensenada, o único nome de lugar compatible coa latinización Rouoyra Sacrata é o da parroquia de Sacardebois. E non é doado, dende logo, darse de conta de que existe unha relación entre ambas formas; mais o Padre Sarmiento fiaba moito do latín e daquela non se coñecía aínda o que eran as falsas latinizacións da toponimia tan habituais nos textos monacais da Idade Media. É dicir, Sacardebois podería estar máis preto do étimo orixinal, e Sacra Rouoyra ou Rouoyra Sacrata podería ser unha pseudolatinización total ou parcial do orixinal.

Outras formas medievais que atopamos no CODOLGA, coas que aparece escrito o topónimo son:

  • Sicario de Bobus (ano 1204).
  • Seker de Bobus (ano 1238).
  • Sequer de Bois (varias mencións dende o ano 1240 ó 1258, na documentación do mosteiro de Montederramo).

Vemos nelas que os bois estaban moi presentes, e que cecais podería tratarse dun sequeiro, "lugar onde se poñen a secar froitos ou pezas de cerámica, leña...; terreo non regado". Descartámolo inmediatamente pois no entorno de San Martiño de Sacardebois (O Val) atopamos o microtopónimo O Sagrado, que explica o "Sequer" medieval como provinte do nominativo latino sacer, "sagrado".

O Sagrado xunto do Camiño Real ó seu paso por O Val (San Martiño de Sacardebois).

Preto de San Martiño de Sacardebois atopábase o mosteiro románico de San Adrián de Sacardebois (reconstruído no ano 925 segundo inscripción hoxe desaparecida descrita por Ferro Couselo), e o eremitorio-necrópole altomedieval de San Vítor (San Lourenzo de Barxacova). Temos, pois, un lucus, ou un nemeton, un bosque sagrado evidenciado pola advocación a San Lourenzo (2), a microtoponimia O Sagrado e a propia etimoloxía de Sacardebois, que vimos de presentar coa colaboración do Padre Sarmiento: *Sacer de Bobes = O Sagrado dos Bois.

Como é que un lucus é un espazo sagrado dos bois? Lembremos como se configuraban na antigüidade romana estes santuarios naturais: Dumézil tiña descrito o lucus de Hera Lacinia (Crotona - Italia) como un groso bosque de piñeiros que arrodeaba un espazo central adicado a pastos, no que pacía gando de todas as especies sen necesidade de vixiancia, protexido milagrosamente dos ataques dos animais salvaxes (3). O espazo consagrado á divindade era un espazo natural intacto coa súa flora e fauna, o que hoxe chamariamos reserva da biosfera, ou parque natural, cunha sensibilidade semellante á dos nosos antepasados.

(1) "Etymología de el nombre de lugar de San Martín de Sacar de Bois".

(2) V. "Un lucus en San Lourenzo de Niveiro".

(2) Archaic Roman Religion, I, 1996, px. 465.

domingo, 18 de diciembre de 2022

Ourego

Entre as parroquias carballesas de Artes, Rus e Ardaña sitúase o Castro da Forca ou de Antelo (por existir nel un marco de límite parroquial). Agora vimos de atopar no Catastro de Ensenada (de meados do século XVIII) un outro nome do mesmo recinto: Castro de Ourego (v. delimitación da parroquia de Ardaña). Ten un considerable valo dobre que o circunvala, que ó noso xuicio é o que orixina o topónimo Ourego; nome que en principio non tería que ver coa pranta comestible chamada ourego, que adoita botárselle ó tomate da pizza.


Trataríase dun derivado do latín auris, que o glosario de Du Cange define como ansa, "asa", e esta, á súa vez, como circulus, "aro". Semella máis apropiado considerar o topónimo Ourego, xunto con Ourela, derivados de auris, non de ora, "borde, límite", pois este novo étimo xustifica o diptongo ou, procedente do grupo latino au.

A cabana do náufrago, de Francesco Benozzo

 I

Non lembro máis que vagas cousas invisibles
para min sempre as máis prezadas e familiares.
A luz cincenta dun mar sen barcos
se levara os últimos escollos
e o pouco de min que quedaba.
Vagas cousas invisibles e lonxanas
aquelas máis tristes e belas, cousas de sempre
que xamais pensara nas poder perder.
Mais os dados foran botados, as contas pechas
e tódolos soños, podres como cortizas,
aboiaban nas crebas ó longo do naufraxio.
Case nada para soster entre as mans,
nengún timón ou remo, nengunha xerra
nengún coitelo para cortar as redes.
Case nada máis, só frondes e sombras
só frondes tralo mar e o meu folgo,
tralo meu folgo e o sol do noroeste
e algún ferragacho do mundo que se foi.



lunes, 12 de diciembre de 2022

Soandres e Bendrade: a propósito de -n'r- > -ndr-

Nun artigo de Kenneth J. Wireback o investigador preguntábase por que os sons epentéticos b e d que xurden trala caída dunha vogal átona entre nasal m / n e vibrante, por exemplo no paso do latín memorare > *mem'rar > lembrar, non teñen un comportamento regular. O galego semella que evita a epéntese destes sons, mentras que o castelán e outras linguas románicas optan por ela: latín seminare > sembrar (castelán) / senrar e senra* (galego); veneris dies > vendredi (francés) / venres (galego), etc. ("On grammaticalization and the development of Latin /nVr/ in Spanish, Portuguese and other varieties of Western Romance", en Lusophone, Galician, and Hispanic Linguistics: Bridging Frames and Traditions, eds. Rei-Doval e Tejedo-Herrero, 2019).

A epéntese do b é regular cando o son nasal é un m (Tám(a)ra > Tambre), mentres que a do d é case inexistente ou imperceptible cando o son nasal é n (gen(e)rum > xenro, non *xendro).

Mais case inexistente non significa que non se practicase nos inicios da lingua. Temos exemplos, aínda que limitados ós escasos étimos que comportan unha cadea fónica formada pola nasal n + unha vogal átona perdida + o son vibrante simple r. E aquí imos ver dous casos tomados da toponimia, eido dos fósiles lingüísticos e dos eslabóns perdidos.

Soandres (A Laracha) é un topónimo composto pola preposición so, "xunto de" (1), máis o tema hidronímico paleoeuropeo Ánaris (mesma base hidronímica que o Anas de Guadiana). Este Ánaris é o hidrónimo que o xeógrafo hispanorromano Pomponio Mela (século I) mencionara entre o pobo prerromano dos ártabros ou arrotrebas. Ós ártabros, segundo o papiro de Artemidoro (século I a.C.), hai que resitualos no seo formado pola desembocadura do Anllóns, entre Laxe e Corme. Como é sabido, o Anllóns nace preto das Brañas da Estaca, en Soandres (A Laracha). Tendo en conta a reubicación do porto dos ártabros á que obriga o papiro de Artemidoro, non queda outra que reducir o río Ánaris ó Anllóns, que desemboca nel. É, porén, moi probable que o nome prerromano do río se conserve na súa cabeceira baixo a forma Andres, provinte de Án(a)ris > *Ánres > Andres, coa epéntese do d entre n'r da que estamos a falar. O nome do río logo sería sustituído polo latín *Angulones > Anllóns, motivado polos meandros do curso fluvial, mais o antigo hidrónimo se tería mantido dende a Idade Antiga ata a actualidade nomeando ó territorio que ocupa a súa cabeceira: Soandres = Xunto do Andres ou Ánaris.

Promontorio Ártabro segundo os datos do papiro de Artemidoro. (C) Albaladejo Vivero: "Acerca del contorno costero de la Iberia de Artemidoro", en La letra y la carta. Descripción verbal y representación gráfica en los diseños terrestres grecolatinos. Estudios en honor de Pietro Janni, eds. González Ponce, Gómez Espelosín e Chávez Reino, 2016.

Bendrade (Cuiña - Oza dos Ríos) é un topónimo escuro (2) se non se ten en conta na súa análise este fenómeno de epéntese; se se ten en conta, resulta doado averiguar a súa etimoloxía romana. Como nome propio, Veneratus, en caso xenitivo de posesión Ven(e)rati > Bendrade.


* A etimoloxía de senrar e senra a partires do latín seminare, é mea e de Harri Meier, e confronta a hipótese da orixe celta da palabra. V. Senra.

(1) Jairo Javier García Sánchez, "El elemento prefijal sub (> so) en toponimia. Reconsideración de su valor", Archivum, 2002.

(2) Dun hipotético antropónimo xermano *Brandatus, ou dun prerromano Bend- máis ráth, "defensa de terra" (Carlos Búa: "Thesaurus Palaeocallaecus", en Onomástica Galega, ed. Dieter Kremer, 2007).

jueves, 8 de diciembre de 2022

Sésamo e Sesmonde

 

Catastro de Ensenada, parroquia de San Martín de Sésamo: o nome de Sésamo (primeira pregunta).

O nome de Sésamo, din os que respostan as preguntas do Catastro de Ensenada, de meados do século XVIII, "deriva de hallarse en su término una montaña en cuya cima se haya la iglesia parroquial". Non sospeitabamos que se atoparía na memoria popular do século XVIII a lembranza etimolóxica deste topónimo céltico que ten estudado Cabeza Quiles na súa obra A toponimia celta de Galicia (2014). Aínda que a lembranza é escura, non deixa de facer referencia á montaña onde se ubica o recinto fortificado da Idade do Ferro de Sésamo, maila capela de San Cosme, antiga parroquial.

Relevo das defensas do castro de Sésamo (Segisamo) no outeiro do monte do mesmo nome (Culleredo).

Resumimos polo capítulo que Cabeza Quiles adica ó topónimo: do celta Segisamo derivan Sésamo (Culleredo) e Sísamo (Carballo), mentres que da variante casual (pola declinación do nome) Segisamone provirían Sasamón (Burgos) e Sisamón (Zaragoza). Todos eles formados pola base celta SEG-, "vitoria, forza, poder" mailo sufixo de superlativo, tamén céltico, -ISAMO.

Á vista do significado como orónimo conservado aínda na memoria popular dos habitantes de Sésamo (Culleredo) no século XVIII, podemos reconstruír un valor semántico do topónimo ligado ás elevacións orográficas onde se emprazaban preferentemente moitos dos asentamentos fortificados da primeira Idade do Ferro: "a fortaleza, o lugar máis forte e inexpugnable".

As fontes clásicas e epigráficas mencionan para o actual Sasamón de Burgos indistintamente as formas Segísamo (caso nominativo) ou Segisamóne (caso acusativo) - uso o til para indicar o desprazamento acentual que conleva o aumento silábico; dito acento consérvase fixo e inmutable nos resultados evolutivos modernos.

Dado que Sésamo e Sísamo proveñen do nominativo Se(g)ísamo, semella que en Galicia non quedarían formas provintes do acusativo Se(g)isamóne > Sasamón (Burgos) / Sisamón (Zaragoza), o que resulta bastante extraño, pois tanto o nominativo como o acusativo son os casos típicos que orixinan a toponimia (son case inexistentes topónimos provintes doutros casos).

Castro de Sesmonde (Armental - Vilasantar).

Da forma Se(g)isamóne esperariamos un resultado como *Sesmón, que non se atopa no noso corpus de topónimos, mais hai que ter en conta o condicionamento que a antroponimia de orixe xermano exerceu sobre a nosa toponimia. Nalgún caso temos detectado enmascaramentos de nomes de lugar prerromanos que chegan a adoptar aspecto de nome de posuidor de orixe xermano (Osorici - O Xurés); deste xeito un topónimo prerromano como Se(g)isamone podería agocharse baixo os nomes de lugar Sesmonde / Sismundi, pola presión que a antroponimia xermana, amplamente difundida na onomástica medieval, exerceu sobre os falantes da lingua, que chegan a deturpala pola súa influencia. Neste caso terían sido os antropónimos xermanos en caso xenitivo Sisemundi ou Sesmundi os responsables da transformación de Se(g)isamone > *Sesmón en Sesmonde / Sismundi.

Vías naturais como factor determinante dos asentamentos da Idade do Ferro

 

  • Estreliña vermella: As Travesas (Carral).
  • Aspa verde: Cruce de Sesmonde (Curtis).
  • Círculos marróns: castros. De esquerda a dereita (en letra verde os inmediatos á calzada): Castro de Virís (Queixas - Cerceda); Castro de Morgade (Ardemil - Ordes), e baixo el o Castro de Leira (Ordes) e o da Torre de Moscoso (Ardemil - Ordes); preto da estreliña vermella o Castro das Travesas (Beira - Carral), o Castro da Alcaiana (Vizoño - Abegondo) e o Castro de Castromaior (Vizoño - Abegondo); Castro de Vizoño (Abegondo); Castro dos Ricos preto de A Calzada (Visantoña - Mesía); Castro da Braña (Visantoña - Mesía); Castro de Castiñeiras (Mesía); recinto-torre de Churruchao (A Pobra Mesía) e Castros de Tamarín e de Monteiro (Bascoi - Mesía), doutro lado do río Samo; Castro de Borrifáns (Oza-Cesuras); no Cruce de Sesmonde, Castros de Ril e Parrando e baixo eles, Castro Mouro ou de Viladarcas e Castro de Estremil (Barbeito - Vilasantar); voltando á divisoria de augas e preto de Porto Carros, Castro de Fisteus e A Roda de Godulfes (Curtis); Castros de Vilarullo e Frádegas (Curtis); Castro de Santaia (Curtis); Castro de Foxado (Curtis); Castro de Sante (Grixalba - Sobrado), preto de Casa Camiño; Castro de Cumbraos (Sobrado); Castro da Lagoa (Codesoso - Sobrado); Castro dos Cotos (Roade - Sobrado).
  • Liña laranxa: divisoria de augas do Tambre (ó sur) e os ríos Mero, Mendo e Mandeo (ó norte).
  • Liñas azuis: divisorias de augas das cuncas fluviais dos ríos Mero, Mendo e Mandeo.
  • Distanza de Brea ó mosteiro de Sobrado: 50 kms.
As liñas de cumios das divisorias de augas son camiños naturais de circunvalación das bacías hidrográficas, conformados pola topografía fluvial do territorio e utilizados polas mandas dos grandes herbívoros e o ser humano dende a prehistoria nos seus desprazamentos. Cando aínda non existía a tecnoloxía que nos permitía facer pontes ou barcas, non quedaba máis remedio que arrodear a cunca do río nas longas viaxes, para así evitar atravesalo co risco de afogamento que conlevaría.

Na divisoria entre o Tambre e os ríos Mero, Mendo e Mandeo percíbese a súa función viaria na odonimia que recollemos ó longo dela: Brea, Calzada, Francés, Porto Carros, Arrieiros e Casa Camiño. Destaca o microtopónimo Os Franceses, que dá conta do encontro de dous camiños naturais nese punto preto do Cruce de Sesmonde: o da divisoria entre o Tambre e os ríos Mero e Mendo (liña laranxa) e o da divisoria entre o río Mero e O Mandeo (liña azul). Pola nosa parte remitimos a etimoloxía de Francés (Camiño Francés) ó étimo franchus, "liber, immunis ab oneribus et præstationibus servilibus" (Glosario de Du Cange), é dicir, que se usufructúa libremente sen necesidade de pagar cargas impositivas. Mais hai quen sostén que foi a sona do Camiño Francés a Santiago de Compostela dende Francia, a que xeralizou o uso do termo Francés como sinónimo equivalente de "camiño".

O feito de que moitos asentamentos da Idade do Ferro se sitúen xunto ó camiño natural da divisoria de augas, á súa beira ou con acceso inmediato á vía de comunicación, é ben chamativo e debe poñerse en relación co tipo de poboamento galego espallado ó longo das modernas vías de comunicación do que teñen tratado varios investigadores. Dentre eles seleccionamos un texto de Sánchez Pardo:

"Podemos hablar de las vías de comunicación y su lógica e importante relación con la estructura del poblamiento. Aunque inicialmente las vías de comunicación se establecerían para unir dos o más puntos de hábitat, una vez consolidadas pueden constituir un importante polo de atracción y articulación de nuevas entidades de poblamiento. Basta con observar la gran importancia que han adquirido en Galicia en los últimos 50 años las carreteras en la formación o alteración de núcleos de hábitat o, más antiguamente, la creación de pueblos, por ejemplo, a lo largo de rutas comerciales o religiosas como el Camino de Santiago. En todos estos casos el hábitat adopta una estructura lineal y alargada siguiendo el curso de la vía" (Territorio y poblamiento en Galicia entre la antigüedad y la plena Edad Media, tese de doutoramento, Universidad de Santiago de Compostela, 2008).

A diferenza do que sostemos aquí, vese que o investigador está a argumentar sobre vías de comunicación artificiais, relativamente recentes, e construídas polo ser humano para comunicar dous puntos (1). Nós partimos, para o caso que estamos a analizar, de vías de comunicación preestablecidas naturalmente pola topografía do territorio, que é a que conforma as bacías hidrográficas e as liñas das nascentes das augas. As vías de comunicación natural son, pois, previas ós asentamentos, e determinan a ubicación dos mesmos xunto delas.

Cremos, entón, que a situación destes castros na liña da divisoria de augas entre o Tambre e os ríos Mero, Mendo e Mandeo responde ás mesmas vantaxes estratéxicas económicas que hoxe proporciona a ubicación inmediata xunto dunha estrada pola que transitan persoas e mercadorías. Vantaxes que atinxen, por exemplo, ó acceso directo ós bens que se moven  por ela, á facilitación de achegarse a centros administrativos e de intercambio comercial sitos nalgún punto da mesma, como poden ser ferias de gando e mercados, ou a necesidade de prestar servizos ós viaxeiros (servizos de hostelería e hospedaxe).

Os castros seleccionados amosan, porén, os inicios na Idade do Ferro (non a partires da romanización) do hábitat lineal espallado ó longo dunha vía de comunicación, tan característico da Galicia actual; coa particularidade de que esa vía de comunicación é natural, non antrópica. As necesidades de intercambio, comercio, comunicación e relación a media distancia da sociedade galaica da Idade do Ferro, son as que promoveron a ubicación de lugares de habitación ó longo das vías de comunicación naturais. 


(1) V. a conferencia de Fermín Pérez Losada, "A interpretación da rede viaria romana da Gallaecia a partir dos núcleos agrupados (enclaves urbanos e aglomeracións secundarias)", Consello da Cultura Galega, 2017: https://youtu.be/M0mNpT9M5WA