Nos textos medievais galegos temos o primeiro caso documentado do uso do termo Antroido ou Entroido para aludir ó fasto do calendario previo á Coresma, ó que hoxe chaman nalgúns lugares cosmopolitas Carnaval. Non é, porén, o documento do ano 1229 de Liébana (León) a más antiga testemuña do uso do sustantivo na Península, como se ten dito: "sea la primera [vez que se menciona] "Entroydo", que aparece ya en un documento leonés del año 1229" (Caro Baroja, El Carnaval).
É máis, na documentación galega temos a secuencia do proceso de transformación da frase completa que denominaba a data, "introito Quadragesimae", na súa versión curta, "introito", de onde saen as formas coas que aínda coñecemos hoxe ó Antroido ou Entroido. A transformación explícase por sinécdoque, isto é, tomar a parte polo todo. Velaí os documentos:
- "die introidum" (ano 1220, Oseira); a ocurrencia máis antiga conservada do termo
- "intruitum Quadragesimae" (ano 1228, Melón); a frase completa da que xurde o nome
- "festo de entroidu" (ano 1251, Ramirás); na nosa opinión a intención do escribán fora consideralo fasto do calendario (confusión corrente nos textos antigos, a de festo por fasto)
Respecto ó termo leonés antruejo, compartimos a opinión de Fritz Krüger: a variante antrudio, con metátese ou cambio de posición da iode orixinal, promove a palatalización do grupo d+y nun son fricativo palatal que acaba evoluíndo ó son fricativo velar xordo (V. "En torno a dos palabras salmantinas: bica, antruejo", Nueva Revista de Filología Hispánica, 1953). Non ten ningunha ciencia.
A palabra, formada a partires do latín, é de orixe galaico nun sentido amplo, como era de esperar ó conservarse na zona onde tamén perviven as primitivas mascaradas invernais que se executan nestas datas, e que por elo reciben o mesmo nome.