lunes, 9 de octubre de 2023

Orixe da decoración de ondas propia do megalitismo

 

Selección de lenzos cos ortostatos de Gavrinis creados por Christina Ondrus con grafito e acrílico Flashe. Of Shadows and Symbols: Gavrinis, 2016.

Ter en conta que os megálitos tamén estiveron feitos con estruturas de madeira, soas ou en combinación con pedra, como os long barrows británicos, pode aclarar a orixe da característica decoración dos ortostatos das cámaras de pedra, consistente en gravados e pinturas de líneas sinuosas que percorren os paneis, ás veces formando círculos concéntricos ou cúmulos sinuosos de ondas.

Di Timothy Darvill que as pedras elixidas para as construcións megalíticas tiñan particularidades naturais que se incorporaban á decoración das cámaras dos long barrows e das tumbas de corredor, e que no caso de usarse a madeira, se esperaría tamén que as súas características naturais se integrarían nos deseños decorativos das cámaras ("Megaliths, Monuments and Materiality", European Megalithic Studies Group, 2010, px. 10). O autor non avanza máis neste punto do aspecto natural da madeira.

O mesmo investigador suliña que o long barrow de Haddenham tiña unha cámara rectangular construída en madeira procedente de grandes carballos que daquela terían entre 300 e 400 anos de antigüidade e uns 1,5 metros de diámetro. A madeira empregada estaba orientada coa médula cara o interior da cámara (Darvill, 2010, px. 11), polo que o seu aspecto, segundo comprobamos na figura 1 podería ser moi semellante á decoración de ondas propia do megalitismo.

Figura 1. Ensamblaxe de dúas táboas cos radios medulares dun carballo á vista, cortadas segundo o método do corte en cuartos (quarter sawing) que permite amosar os mesmos como decoración natural.

Porén, é moi probable que a decoración de ondas propia do megalitismo sexa unha reprodución da decoración natural (radios medulares, aneis de crecemento e nós) da madeira de carballo coa que se formarían as primeiras cámaras do megalitismo. A madeira de carballo é coñecida pola súa resistencia e con moita frecuencia proporciona vistosos conxuntos decorativos naturais formados polos radios medulares e os aneis de crecemento que quedan á vista ó cortala co método en cuartos. A pervivencia de dita decoración implicaría a importancia, non só práctica, senón tamén simbólica, da madeira de carballo, da árbore, na arquitectura das primeiras cámaras megalíticas.

Como soporte da nosa proposta é de excepcional importancia o poste de carballo atopado no 2012 nunha turbeira en Maerdy (Gales), decorado coa mesma tipoloxía de grafismos propios do megalitismo (son comparados na literatura cos de Gavrinis*), e cunhas dimensións de 1,70*0,26*0,24 (v. ficha do achádego: Richard Scott Jones, A 6000 Years Old Decoratively Carved Timber from Maerdy, Rhondda, Glamorgan. Archaelogy in Wales, vol. 49, px. 79-82). Fora datado por C14 no ano 6270 BP, é dicir, no Mesolítico Final. A decoración en madeira precede, así, varios séculos á coñecida decoración en pedra das tumbas de corredor británicas (K. Ray e J. Thomas: Neolithic Britain: The Transformation of Social Worlds, 2018, px. 53).

Poste de Maerdy (Gales): madeira de carballo decorada con grafismos propios do megalitismo. Figura tomada do libro citado de Ray e Thomas (fotografía por cortesía de Richard Scott Jones).

Andrew Meirion Jones e Marta Díaz-Guardamino (Making a Mark: Image and Process in Neolithic Britain and Ireland, 2019) avanzan dous interesantes aspectos do poste de Maerdy, cuxo estudo definitivo aínda non foi completado. 

A primeira vista semella que hai un ollo ou nó na madeira, co seu característico resalte central arrodeado de óvalos concéntricos, mais unha minuciosa análise RTI (Reflectance Transformation Imaging) revelou que non é natural, senón un motivo executado deliberadamente.

Motivo co nó no poste de Maerdy, Jones e Díaz-Guardamino, px. 85.

O poste foi analizado por especialistas en arqueobotánica (paleoxilología) e entomólogos para descartar que os restantes trazos en forma de ondas sinuosas paralelas fosen produto do traballo de insectos excavando galerías, o que efectivamente foi descartado: son decoracións incisas antrópicas.

A semellanza entre a decoración mesolítica do poste de Maerdy e a dos ortostatos de Gavrinis comentada na bibliografía citada, e varios séculos posterior, indica que os grafismos propios do megalitismo en pedra (ondas sinuosas paralelas e óvalos ou círculos concéntricos) reproducen deseños previos en madeira. Polo feito de terse gravado un característico nó da madeira no poste de Maerdy, que xa era de madeira, vese que a intención do ebanista fora amplificar e reactivar estéticamente os detalles, elementos e formas naturais da madeira, como poden ser os nós das arbres, os aneis de crecemento e os radios medulares, cos que gardan moita semellanza as liñas onduladas do poste galés.

Así pois, os grafismos propios do megalitismo (ondulacións paralelas, óvalos concéntricos) terían a súa orixe nunha decoración extremadamente naturalista, baseada nas características intrínsecas do soporte xílico (arbre, madeira) que reproduce e no que se produce, e con posterioridade continuarían labrándose por tradición nos soportes pétreos que se implementaron para construír cámaras máis resistentes, nos que se conservaron ata a actualidade.

Non somos os primeiros en notar a semellanza, pois Magdalena Midgley notara que as cámaras en pedra dos megálitos do norte de Europa reproducían exactamente a forma das de madeira, e o que é máis importante, a forma da madeira: "The close morphological relationship between timber- and stone-built chambers is very clearly expressed in the westerly grave in the southern barrow at Barkaer, which seems to be a stone replica of the neighbouring timber chamber. Liversage has clearly stated that 'it would be hard to find stones that more faithfully reproduced the shape of large crudely split planks' " (The Megaliths of Northern Europe, 2008).

__________________________________

* Entre outros, a profesora Primitiva Bueno Ramírez establece a comparación entre o poste de Maerdy e a decoración de Gavrinis e Portela do Pau no seu artigo "Natural e artificial colours: The megalithic monuments of Brittany", Antiquity, 2015, no que destaca que é imposible analizar os motivos posglaciais sen ter en conta o posible vencello coa arte das sociedades de cazadores-recolectores mesolíticos; unha mostra da súa capacidade simbólica serían os menhires de madeira (postes, tótems). Mesmamente o nome pau que reciben moitos menhires de Galicia e Portugal semella estar motivado pola madeira do soporte orixinal.

Comparativa de Bueno entre as decoracións do poste de Maerdy e as dos ortostatos de Gavrinis e Portela do Pau.

2 comentarios:

JMBello dijo...

Dolores, sinto, pero o que escribiches é unha burrada de solemnidade. Que lle imos facer: penso que con este tipo de "iconografías de sonsonete" degradas as túas entradas serias, que as tés. Pero isto...

Andregoto Galíndez dijo...

Tendo en conta que a entrada foi moi mellorada coa información do poste de Maerdy e todo o que vai a continuación, cecais o comentarío de JM Bello xa non adecuado.