Distribución dos topónimos tipo Suevos e variantes en Galicia. (C) Dolores González de la Peña, composición personal segundo os datos da web Toponimia de Galicia.
O topónimo Suevos aparece unha vez nomeando núcleos de pobación en cada un dos catro concellos coruñeses de Arteixo, Ames, A Baña e Mazaricos, as variantes con -g- como Suegos (O Vicedo - Lugo) e Vilaxuega (Meaño - Pontevedra) tamén designan núcleos de poboación, mentras que A Suega (Bande - Ourense) é o nome dunhas terras.
Os dous novos casos que vimos de engadir, Vilaxuega* e A Suega, ós xa coñecidos Suevos e Suegos, garanten que a solución do wau intervocálico en -g- non foi un fenónemo illado reducido ó concello do Vicedo. Doutra banda, a dispersión que amosamos do etnotopónimo, que afectaría tamén ás provincias de Pontevedra e Ourense, ó non se limitar xa case que exclusivamente á provincia da Coruña, implica a necesidade de ser cautos á hora de presentar hipóteses baseadas na existencia dun reducto coruñés para estes pobos xermánicos, ben prantexando un establecemento orixinario de colonias no norte de Galicia, ben supoñendo que a provincia da Coruña, no "limes" do Ulla, tería sido refuxio de xentes suevas procedentes da Gallaecia Bracarense como consecuencia da conquista visigoda do reino suevo (ano 585). Así por exemplo: "en ella [provincia da Coruña] encontramos los únicos lugares en territorio gallego con el nombre Suevos, que indicarían la implantación de gentes de esa etnia en un ámbito ajeno" (Suárez Otero, "Santiago, entre Suevos y Visigodos. Territorio, conflicto y poder en los orígenes del enigma jacobeo", 2020).
____________________________
* Agradezo a Gustavo Arce o dato da existencia do topónimo Vilaxuega, que ata o de agora nos pasara desapercibido.
2 comentarios:
Ese artigo do enigma xacobeo é moi interesante. O castelo/fortificación que están excavando en Iria terá algunha relación co suposto limes entre visigodos e suevos en 585-630? Un saúdo
Ola Daniel, é un artigo moi bo, aínda que non fala dun limes fortificado eu creo que si houbo fortificacións, cando menos Castro Valente, Castro Lupario e o castelo do Pico Sacro... Estou a ver se desenvolvo o asunto :)
Publicar un comentario