miércoles, 24 de septiembre de 2025

Memoria: a primeira palabra da literatura occidental

Moito se ten esbardallado sobre a primeira palabra da literatura occidental, a μῆνιν (mēnin) coa que comeza a Iliada homérica. Non hai consenso absoluto sobre o significado exacto de mēnin, pero este sempre se considerou por parte da crítica (filólogos e historiadores), xa dende a antigüidade*, un estado de ánimo que caracterizaba ó protagonista, Aquiles, e que oscilaba entre a cólera ou ira, a manía como estado mental merecedor dun estudo psiquiátrico, ou a depresión / melancolía. 

Un exemplo de reflexión trillada e conclusión dramática sobre a cólera (de Aquiles) como primeira palabra que inaugura a literatura en Occidente pode ser a que nos deixa Irene Vallejo, que sen dúbida repite outras previas de cariz semellante: "la primera palabra de la literatura occidental es "cólera" (en griego, ménin). Así empieza el hexámetro inicial de la Ilíada, sumergiéndonos de golpe, sin contemplaciones, en el ruido y la furia" (El infinito en un junco, 2019). Polo que parece, a literatura occidental iniciouse poñendo de relevo o furor do guerreiro cun termo agresivo e cargado de testosterona, dada a relevancia da primeira palabra dos cantos épicos, que viñan tendo a función que cumpren os títulos nos libros actuais. Esa carraxe, esa rabia, estaría presente en todo o poema, que ía estruturado, pois, en torno ó furor de Aquiles que xa se anunciara dende o seu comezo.

E, se ben o poema da Iliada na súa totalidade céntrase na narración da guerra de Troia, describindo varios episodios bélicos protagonizados polos heroes testosterónicos e schwarzeneggerianos da antiga civilización patriarcal grega, cun Aquiles ben recabreado por mor de que Agamenón lle quitara á esclava Briseida, a súa primeira palabra μῆνιν (mēnin) podería non ter nada que ver con esta temática da furia do guerreiro. É o que imos tratar a continuación.

A MEMORIA NA LITERATURA ORAL

Non esquezamos que a Iliada e a Odisea non son propiamente literatura para quen se ateña á definición academicista, pois son composicións pertencentes ó xénero da epopeia, que xurdiron na oralidade antes da invención da escritura. Como é ben sabido, Homero non sabía ler nin escribir, e hoxe sería considerado un analfabeto. Neste mundo preliterario a transmisión xeracional ininterrumpida das historias, lendas e feitos do pasado baseábase exclusivamente na memoria, na capacidade de retención do que se escoitaba, utilizando técnicas de memorización e recuperación dos datos memorizados baseadas no ritmo imprimido ós sons, nas xesticulacións que acompañaban o recitado e no transo ou concentración, semellante ó transo dos xamáns. Segundo Marcel Detienne, os aedos eran omniscientes ó acceder ó Alén e entrar en contacto cos acontecementos que evocaban; eran videntes (Los maestros de la verdad en la Grecia arcaica, 1967).

No mundo grego existían auténticos especialistas, os aedos, que se exercitaban dende pequenos na memorización de longuísimas composicións, dun xeito moi semellante ó que sucede aínda hoxe na transmisión oral do ciclo épico do Manas do Kirguistán. O famoso manaschi ou aedo Sayakbay Karalaev foi capaz de reter ata 600.000 versos do Manas. Na opinión do especialista Robin Lane Fox, o recitado da Iliada ou da Odisea tería sido moi semellante ó do Manas (entrevista a Robin Lane Fox: Homero no sabía leer ni escribir - La March, 2025).

Sayakbay Karalaev no filme Manaschi, 1965 - Kyrguizfilm.

Polo tanto, como comezo do canto I da Iliada resulta máis axeitado, de acordo coa práctica indoeuropea do recitado épico, un chamamento á deusa (Mnemósine) que gobernaba o almacenamento e recuperación dos datos, como se fose unha CPU, para que cantase ou fixese presente (ἄειδε) o pasado, é dicir, recuperase a memoria (μῆνιν) maldita (οὐλομένην) da historia de Aquiles, fillo de Peleo: μῆνιν ἄειδε θεὰ Πηληϊάδεω Ἀχιλῆος, οὐλομένην.

A base indoeuropea *men- / * mon- "pensar, lembrar", orixe de *mónti- / mnti- "visión extática, trance", atópase na tradición xermánica do Vǫluspá cando a sibila lembra as historias antigas comezando coa frase "ec man" = eu lembro. Os dous corvos auxilares de Odín, deus da poesía, a posesión, trance e loucura, teñen os nomes de Huginn (Pensamento) e Muninn (Memoria). Na tradición védica do Rigveda a propia creación ou composición dun himno expresábase cunha palabra provinte desta base indoeuropea *men- / * mon- "pensar, lembrar". E no grego  μένος (ménos) e no indo-iranio mánas, teñen o  significado de "forza mental" (v. Nagy, Greek Mithology and Poetics, 2018 e José Virgilio García Trabazo, "Sobre el chamanismo indoeuropeo", 2018, mn. 11:47-15:50).

Aínda que a base indoeuropea é ben complexa, non sae do ámbito da forza mental, que xa suxire unha especie de trance ou profunda concentración, e alude á capacidade humana de memorizar, lembrar e recrear feitos do pasado presentándoos no recitado épico ante unha colectividade. É moi posible, polo tanto, que o μῆνιν (mēnin) co que comeza a Iliada, e ata o nome do ciclo épico kirguís, Manas, se refiran á historia lembrada (a memoria - dos heroes do pasado) pola forza mental do aedo / manaschi, poseído como un xamán pola deusa que goberna os recordos.

Segundo Stocking (Homer's Iliad and the Problem of Force, 2023), o menos tería un significado de "forza vital", xurdido etimolóxicamente da raíz que denotaba a memoria, *men-, e estaría asociado á forza dos ancestros. Os exemplos que proporciona son cando a deusa Atenea introduce en Diomedes o menos do seu pai mentras combate (Iliada 5.125), e tamén en Telémaco, para que poida lembrar a Ulises (Odisea 1.88-90). Mais vese perfectamente que nestes contextos, seguindo coa nosa interpretación do termo, os heroes lembran grazas á deusa, recorren á memoria dos seus ancestros para se dotar de carraxe, do mesmo xeito que os aedos esixen á Musa que lembre a memoria (o pasado): "invocada polo poeta ó comezo dun canto, a Musa debe dar a coñecer os acontecementos do pasado" (Marcel Detienne).

Comezo da Iliada no manuscrito 44 da Biblioteca de Xénova (s. XIII), con glosas e versión interlinear.

Deste xeito, a primeira palabra da literatura occidental gardaría o segredo da súa orixe preliteraria, ó se referir á memoria dos feitos pasados, resultado da capacidade humana de memorizar e lembrar os recordos gardados, imprescindible para a transmisión da tradición literaria oral. A oración na que se integra a primeira palabra pertence, polo tanto, ó tipo de fórmulas iniciais nas que se invoca á Musa para que a través do poeta (que exerce como medium) cante a memoria dos acontecementos protagonizados polos heroes da antigüidade, neste caso, a historia funesta de Aquiles.

_________________________________________________

* A Iliada é varios séculos anterior á época clásica, e podería conter termos con acepcións antigas indoeuropeas non comprendidas totalmente polos gregos clásicos.

domingo, 21 de septiembre de 2025

Nacementos míticos polo costado

O deus da tormenta do panteón anatolio Tarhunna ou Tarhunta (hittita) formouse no ventre do seu pai Kumarbi, e saiu del "polo mellor lugar", que non podía ser nin pola cabeza, nin pola boca, etc.; saiu por un lugar que no texto non queda claro cal foi, pero a vía supuxo que o corpo de Kumarbi rebentase, e logo tivese que ser suturado nunha especie de cesárea. E no Rigveda o deus Indra, que levaba máis de mil meses no ventre da súa nai, foi conminado a saír. El negouse a facelo da forma natural, pola vaxina, pois era unha forma ruín e impura; sairía polo costado, polo bo lugar. E así o fixo. (M.L. West, Indo European Poetry and Myth, 2008).

Buda saíndo do costado da súa nai, a raíña Maia. Maia represéntase suxeitándose a unha árbore (sala) que tiña reclinado unha póla para axudala no labor do parto.

Siddharta Gautama (Buda) tamén veu ó mundo a través do costado dereito da súa nai, a raíña Maia Devi.

No nacemento de Eva representado no recinto parroquial de Guimiliau (Bretaña) vese como a muller sae xa formada dun costado de Adán, non dunha costela; se fose deste derradeiro xeito non existen paralelismos míticos. Está sostida por Deus, que tira dela para sacala do Adán durmido. A palabra hebrea tsela ten os dous significados de "costela" e "costado". Dada a gran cantidade de divindades, heroes e persoeiros (Lao Tsze, Krishna, Xesús, César) que se presentan ante nós caracterizados por ter nacido de forma extraordinaria, como é o xeito de nacer polo costado, o máis probable é que o relato do nacemento de Eva contido no libro bíblico da Xénese sexa un máis deles, influído por antigos mitos asiáticos.

A nai da humanidade das relixións do Libro non podía nacer da forma normal, neste caso entre outros motivos, polo impedimento físico de ser Adán un varón. Foi nacer do costado do seu marido, que ó mesmo tempo era, entón, o seu pai. De feito Adán recoñecera o estreito grao de parentesco, incestuoso por necesidades do guión, ó exclamar "esta si é carne da miña carne e óso dos meus ósos!".
  
A creación de Eva nun  dos relevos do recinto parroquial de Guimiliau.

lunes, 15 de septiembre de 2025

Glosas con algunhas etimoloxías nos tombos da Catedral de Lugo

África: "Odoarius Lucensis episcopus venit ex Africa, id est, ab Hispanice partibus quae in ditione Maurorum erant" = Odoario, bispo lucense, veu de África, é dicir, daquelas partes de Hispania que estaban baixo o dominio dos mouros (TV. fol. 28r).


Auctario: "est loco nemoroso. Montes arboribus consiti. Autta gotice. Unde Autario uel auctario. Vid. Glossarium Legionense. v. Auta" (TN fol. 52r).

Canónica: "id est domus in qua morabantur canonici" (TV fol. 11r).


Caracteres: "señales o escudos esculpidos en testimonio del patronato y propiedad" (TN fol. 96r).

Clamores: "son los derechos de llamar, citar, o convocar al trabajo del campo, senara o fazendera" (TN fol. 292r).


Cortina: "aún hoy en el Reino de León llaman Cortina a una heredad cercada, próxima a la casa, que muchos llaman Errañal, en que siembran cebada, para darla en verde a los bueyes, que llaman Erraña" (TN fol. 122v).


Cortinas: "vox Gallecia alias Curtinae in vetustis scripturis dicuntur, Curctinae deberent dici a curcto, quia sunt praedia curcta, id est, brevioribus terminis inclusa" (TV fol. 4r).


Mamola: "id est, terminus" (TV fol. 28v).


domingo, 14 de septiembre de 2025

Dúas representacións de armas na documentación medieval galega

 A espada do magister militum Pedro Fernández de Castro, primeiro mestre da Orde de Santiago


A espada do mestre Pedro Fernández nun documento do tombo de Sobrado (ano 1173). (C) Portal de Arquivos - PARES.

O signo co que Pedro Fernández confirma o documento de 1173 (tombo de Sobrado) é unha espada que leva baixo a empuñadura, como cuncha protectora da man, unha peza metálica traballada en forma de cuncha de vieira. A firma indica "Petrus Fernandi magister iacobitanorum militum" = Pedro Fernández, mestre da Orde Militar de Santiago. Polo seu nome e o título de magister militum, que ostentaba dende o ano 1171 ("Petrus Fernandi magister militum S. Jacobi" - CODOLGA), sabemos que se trataba do fundador da Orde de Santiago, Pedro Fernández de Castro "Potestade", nado en Benavente e de liñaxe controvertida; hai quen sostén que o seu pai era fillo natural do rei García de Galicia.

Neste caso parécenos moi relevante a temperá utilización do símbolo da vieira, vencellada ó Apóstolo Santiago, como primeira seña de identidade da Orde Militar de Santiago, antes que a cruz de Santiago.

O puñal de antenas atrofiadas do cartulario de Xubia


Nun documento do século XI do cartulario de Xubia (Portal de Arquivos - PARES) a letra I que abre un párrafo debúxase en forma de coitelo (segundo Santiago Montero, en "La colección diplomática de San Martín de Jubia", Boletín de la Universidad de Santiago de Compostela, nº 25, 1935). Na nosa opinión o suposto coitelo sería máis ben un puñal ou espada curta de antenas atrofiadas, ó rematar a empuñadura nesas boliñas, botóns ou espirais compactas, que serían as antenas atrofiadas. A decoración en franxas da empuñadura podería estar a representar o mesmo tipo de decoración nielada, alternando en franxas, que leva a espada de antenas atrofiadas do Raso de Candeleda (Ávila). A folla do debuxo de Xubia ten un ar afalcatado e semella que tería unha nervadura central en resalte, pintada con esa cor máis clara, broncínea.

Espada de antenas atrofiadas do Raso de Candeleda (Ávila). (C) Museo de Ávila.

Neste caso resulta máis difícil xustificar a elección do modelo de arma para facer o debuxo do I inicial dun documento do século XI, pois non responde a ningunha arma da época; os puñais e espadas de antenas levaban un milenio sen se utilizar, sendo propios da Idade do Ferro. A hipótese máis verosímil  é que cecais os frades de Xubia fixéranse cun, que algún dos seus colonos puido ter atopado nun dos castros da zona de Narón, e gardaríano como obxecto de grande antigüidade.

Respecto do uso simbólico das armas do pasado, non fai moito presentárase a investigación de Key, Clark, DeSilva e Kangas identificando un bifaz no díptico de Melun, de Jean Fouquet ("Acheulean handaxes in medieval France", Cambridge Archaeological Journal, 2023). Os autores concluían que os machados prehistóricos puideron ter na Francia do século XV un rol simbólico (relixioso, cultural) por se considerar obxectos especiais, cecais de carácter sobrenatural, pedras do raio (ceraunias).

Unha parte do díptico de Melun, de Jean Fouquet, con Santo Estevo sostendo a pedra coa que fora lapidado, que ven de se identificar como un bifaz achelense.

sábado, 13 de septiembre de 2025

Bello Piñeiro e a orixe do deseño de Sargadelos Toxo Cor

 

Xogo de café de Sargadelos coa decoración "Toxo Cor".

O deseño da decoración de Sargadelos coñecida como "Toxo Cor" fora creado por Xosé Vizoso (1950-2025) para o equipo artístico de Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo. A abstracción xeométrica da flor do toxo obsérvase perfectamente na cafeteira deste xogo de café. O deseño existe tamén monocromático, só na característica cor azul cobalto da casa Sargadelos.

A orixe deste motivo decorativo pertencente á liña xeométrica, definitoria da etapa clásica do novo Sargadelos (non da etapa antiga do Marqués), que é tamén seña da nosa identidade, é ben interesante. Lemos nun traballo de E. Volkova (1) que Díaz Pardo lle prestara a Xosé Vizoso un libro sobre a decoración mural que o pintor mugardés Felipe Bello Piñeiro (1886-1952) fixera no Casino de Ferrol, e que de aí xurdiu a idea do deseño "Toxo Cor". Non nos cabe dúbida de que ese libro prestado fora o estudo do ferrolán Leyra Domínguez: La decoración mural de Bello Piñeiro en el Casino ferrolano (1963).

Dos sistemas compositivos dos murais que Bello Piñeiro fixera para a sala da "Peceira" do casino de Ferrol entre 1926 e 1936 cecais o máis relevante sexa o que imos chamar das abstraccións florais calidoscópicas. A partires do especime máis característico da flora autóctona galega, o toxo, o pintor ensaia diversas abstraccións e xeometrías para as cenefas que sitúa enmarcando os paneis centrais do teito, nos que pinta o estoupido xeométrico da abstracción calidoscópica da chorima do toxo. Designámola como calidoscópica pois a simetría acadada é a mesma que se observa ó situar elementos minúsculos, como poden ser, neste caso, pétalos, espiñas e follas dunha planta, no interior dun calidoscopio, que ó se reflectir simétrica e xeometricamente nos espellos, xeran este tipo de imaxes.

Un dos paneis do teito da "Peceira" do Casino de Ferrol coa abstracción xeométrica calidoscópica da flor do toxo, pintada por Felipe Bello Piñeiro.

Polo tanto, semella que Bello Piñeiro chegou a empregar a ferramenta do calidoscopio como fonte de inspiración e xeración de imaxes para chegar a esta abstracción da chorima, e que o resultado, unha proxección compartida calidoscópica adicada ó seu amor secreto (2), non sería produto de que o pintor se baseara exclusivamente, como se ten dito, nos motivos e estilo das miniaturas orientais, das que tiña varias láminas na súa casa (Leyra Domínguez, Bello Piñeiro y su tiempo, 1969; J.J. Burgoa, "The modernista paintings of Ferrol Casino", Coup de Fouet, 2006).

A ferramenta fora utilizada amplamente polos artistas. Brewster na súa obra A treatise on the kaleidoscope (1819) tiña un capítulo adicado á aplicación do calidoscopio nas belas artes, nas artes decorativas e na artesanía, destacando a súa utilidade para crear patróns de decoracións ornamentais nos halls dos edificios públicos, como ven sendo o caso do Casino de Ferrol: "It will create, in a single hour, what a thousand artists could not invent in the course of a year; and while it works with such unexampled rapidity, it works also with a corresponding beauty and precision".

_________________________________________________

(2) A obra leva unha dedicatoria na moldura dun destes paneis de toxos: "a un nombre de mujer que no diré nunca y por el cual toda Galicia está representada aquí". Ese nome secreto fora o de Elvira Ibáñez Gómez, descendente do Marqués de Sargadelos (outra vez Sargadelos vencellado ó pintor), segundo descubriu a investigadora Dolores Fraga Sampedro: Una pasión imposible. Cartas de amor de Felipe Bello Piñeiro (2004). Bello Piñeiro coñeceuna en Cervo, cando ó redor de 1925 investigaba a cerámica e a orixe da fábrica de Sargadelos.