sábado, 2 de octubre de 2021

Altiboia / Altiboa

Atopamos este topónimo galego coas dúas formas, Altiboia / Altiboa (Ordes, Tordoia e Carballo). Parécenos un composto bitemático das palabras anta, "marco, dolmen, túmulo" e bóveda, "recinto pecuario para o gando bovino / pastos / chozo do pastor", o cal na súa evolución, con perda da semiconsoante wau e da consoante sonora intervogálica bo(w)e(d)a, resulta nunha forma *boea > boia / boa, xa que a iode pode entenderse como epentética e non etimolóxica (v. por exemplo a alternacia de formas como cea e ceia).

Temos rexistrado noutro caso a confluencia do termo anta coa forma provinte do latín altam, "elevada": así o topónimo extremeño Altagiturma, que explicamos como Antas y Turmas, nunha zona de gran concentración de megálitos.

En canto ó segundo compoñente, Xosé Lluis García Arias remíteo á liña románica, facéndoo provir directamente do latín bovem, "boi", e non do céltico ou do indoeuropeo *gwou, "vaca", como pensamos: "en relación con BO(V)EM tenemos, asimismo, la serie de topónimos del tipo bovia originados, probablemente, en *BOVIAM ‘lugar apropiado para los bóvidos’. La traducción está perfectamente bien efectuada como manifiesta un documento medieval que al referirse a Cueiru, brañas o pastos altos en Teberga, habla [...] de “illam bouia de Quero” (Toponimia Asturiana).

Na documentación peninsular a testemuña máis antiga é do ano 572 na Gallaecia: "et inde per cacumina montium usque ad Bovia que dicitur de Vaccas" (Liber Fidei de Braga). Nun contexto que é ben esclarecedor das funcións pecuarias destas bovias > -boias / -boas.

Altiboia ou Altiboa sería entón un topónimo de orixe prerromana que indicaría a existencia dunha mámoa ou túmulo nuns pastos adicados ás vacas, ou cecáis do conxunto que podería ter aparecido xa no neolítico e que estaría formado por as antas e os chozos dos pastores. Se queremos expresalo en latín: Antae et Bovedae (nom. pl.). Menos probable semella interpretar Altiboia / Altaboa como pastos (bovia) situados no alto, xa que a elevación sobre o chan dos lugares denominados así non é sempre característica dos mesmos.

Castro de Altiboia en A Pedreira (Santa María de Leira - Ordes).


No hay comentarios: