Oitocentos e un marcos, exactamente, son os que sinalan a fronteira entre España e Portugal segundo a "Acta general de demarcación de la frontera entre los dos países", dada en Lisboa no ano 1906. Na demarción utilízanse fitos naturais ou artificiais (feitos polo home nas máis variadas épocas), dende antigas mámoas a mollóns novos, como o marco número 23 que coroa o túmulo megalítico da Mota Grande.
Toponimia prerromana, hidronimia paleoeuropea, etnografía, megalitismo e arte rupestre. Se chegaches aquí por Google e non te levou á entrada que procurabas, volta a repetir a búsqueda dende Bing! ou usa o buscador interno do blog. Grazas!
domingo, 26 de septiembre de 2021
Un causewayed enclosure na Mota Grande (Verea - Castro Laboreiro)
domingo, 19 de septiembre de 2021
O motivo do outro como espello na literatura galega e nas estelas do suroeste
lunes, 13 de septiembre de 2021
Caladiño: o recinto-torre de Caladunum en Muro de Búbal
A construcción prehistórica denominada hoxe A Cerca ou Muro de Búbal (Oímbra - Ourense) pertence a unha tipoloxía que non é nada común en Galicia, mais si no Alentejo e na Extremadura española: é a dos recintos-torre de muros ciclópeos, que teñen estudado por exemplo Rui Mataloto ("Fortíns e recintos-torre do Alto Alentejo: antecâmara da "romanizaçao" dos campos", Revista Portuguesa de Arqueologia, 2002) ou Ernesto Salas Tovar ("El elemento indígena en los recintos-torre de la comarca de La Serena (Badajoz). Una revisión historiográfica", Espacio, Tiempo y Forma, 2011).
Temos que suliñar que na literatura científica promove moita polémica coñecer a cronoloxía, a funcionalidade (soporte da progresiva romanización do territorio?) e saber en definitiva quen construíu esta tipoloxía de recintos fortificados.
Seguindo a definición dos autores citados, estamos ante unha construcción do tipo recinto-torre. As dúas torres defensivas dan acceso ó recinto polo oeste. O peche atópase illado por un muro ciclópeo e os desniveis naturais que descenden ata os ríos Búbal e Azoreira. Na contorna chama a atención o microtopónimo Caladiño, que volta aparecer no caso doutro recinto-torre, o de Caladinho no concello de Redondo (Alandroal - Portugal).
Para nós o feito non pode ser unha mera coincidencia, xa que na toponimia histórica temos conservado o nome dun terceiro recinto fortificado, o de Caladunum, que viría caer aproximadamente na zona do Outeiro de Búbal, preto de Portugal. Suxerimos porén que o nome céltico de Caladunum, grazas á alternancia que se pode deducir de formas como Londoño / Londinium, evoluíu cara a Caladiño, forzado cecáis pola etimoloxía popular que suxería unha interpretación dun *Caladinium como diminutivo.
Respecto á etimoloxía do topónimo histórico Caladunum, vense considerando un composto có céltico -dunum, "recinto fortificado", termo que se adscribe a unha camada céltica posterior á que creou a toponimia en -briga (v. De Bernardo Stempel: "Centro y áreas laterales: la formación del celtibérico sobre el fondo del celta peninsular hispano, Paleohispánica, 2002).
O vencello dos célticos da Beturia cos galegos xa fora enunciado por Estrabón, e Olivares Pedreño propón que a emigración prodúxose no contexto das guerras lusitanas contra Roma xa que "el Noroeste era el único lugar seguro de la Península Ibérica al que habrían podido desplazarse grupos de población que se hubieran opuesto militarmente a los romanos" ("La migración de los célticos y túrdulos de la Beturia hacia el Noroeste de Hispania", Cuadernos de Estudios Gallegos, 2013). Cecais por isto atopamos o recinto de Caladiño no Outeiro de Búbal, cunha tipoloxía construtiva propia dos célticos da Beturia.
viernes, 10 de septiembre de 2021
Nemetobriga - Castrisanto
O nemeton en céltico era un santuario natural, sendo o bosque intacto o lugar sacro por excelencia: las sacris sylvarum quae nimidas uocant.
O termo deixou abundante toponimia histórica na Europa céltica, como Drunemeton (Galatia) e Nemetobriga (Gallaecia - Conventus Asturicensis). A romá Vía Nova, de Bracara a Asturica, tras pasar a Ponte Navea chegaba a Nemetobriga, segundo o Itinerario de Antonino, que se ven situando no entorno de Trives ou de Pobra de Trives (Ourense). Mais onde exactamente? Houbo quen a levou a Mendoia, seguindo unha evolución fonética imposible (José de Viu e Moralejo Laso); nós pensamos que o topónimo non chegou ó noso tempo mantendo a súa base fonética evoluída, senón que o seu referente (o santuario natural) foi renomeado ata en catro ocasións empregando as sucesivas linguas que se superpuxeron á lingua prerromá. O resultado foi un conxunto de topónimos redundantes, xa que, logo, todos aluden ó mesmo referente do nemeton, ó santuario natural ou recinto sacro conformado polo bosque.
domingo, 5 de septiembre de 2021
Anjanas / Anxanas < Ancianas. Outra etimoloxía
Segundo Aurelio de Llano Roza de Ampudia (seguindo a Menéndez Pidal) o sustantivo asturián xana viría do nome latino da deusa romá da natureza Diana. O grupo inicial d+yod de Diana tería palatalizado nun resultado fricativo (Xiana > Jana / Jiana); mais de aquí difícilmente pódese tirar unha explicación das formas emparentadas anxana e anjana. Esta etimoloxía foi criticada por Álvarez Peña, que engade que non se atopa nenghún rastro da divindade cazadora nas xanas (v. un resumo do estado da cuestión no estudo de Bartolomé Pérez: "El mitu de las xanas en Llión", Faceira, 2009).
Nós pensamos, pola contra, que xana é forma abreviada de anxana / anjana, procedente do latín ancianam, "vella, avoa", empregado como título de respeto. Nunha das lendas populares recollidas por Jesús Callejo Cobo, "Las anjanas de Treceño" (Hadas: Guía de los seres mágicos de España, 1995), os seus informantes, Blanca e o seu avó Fernandón, describían os peitos das anxanas como moi longos, tanto, que daban de mamar ós críos pola espalda (botábannos por riba da espalda para non arrastralos); os maridos das xanas non estaban nunca presentes porque eran cazadores (prehistóricos, por suposto: a cova das Inxanas está pegada á do Buxu, célebre por ter arte prehistórico).
Os peitos longos e caídos son atributo das mulleres de avanzada idade, e voltan aparecer na descrición dunha vella (anciana) galega no manuscrito Voces gallegas, de Usoz y Río (BNE):
Unha vella moito vella
máis vella que un San Antón,
botaba a teta ó lombo
e arrastráballe o pezón.
Temos, pois, que considerar á Anxana como variante da figura da Vella mitolóxica; espíritu ancestral creador do mundo, matre, e que ven sendo a deusa Kali da cosmovisión hindú: A danza da vella que creou o mundo, Arqueotoponimia, 2021.
Gundisal e outros topónimos en gund / gond
Vimos sostendo que a toponimia clasificada indiscriminadamente como de orixe xermá, supostamente a partires exclusivamente dos nomes propios dos colonizadores, non ten sempre (ou máis ben, case nunca) esta orixe.
Pertence segundo pensamos a unha camada moi anterior, indoeuropea. Sería o caso deste Gundisal, que nomea o acceso ós curros pecuarios de Herves e Beira, o que podería explicarse como un bitemático a partires do indoeuropeo gund, "peche, recinto" (sánscrito gund = arrodear, encerrar, protexer) e o ben coñecido sala, "vivenda principal dun asentamento gandeiro" (cfr. De sáas y chalets, Arqueotoponimia, 2019). Gundisal podería interpretarse entón como "recinto da sala (sáa, sa, sal / sel)", en alusión á vivenda neolítica. Cecais o étimo sexa tamén a orixe das linaxes Gonçalez, "os que residían na *Gund-sal(a)".
Pode porse en relación có sistema de propiedade chamado "gunth land" na India, que consiste na asignación de terras a un templo para o seu mantemento. En calquera caso, sostemos que esta toponimia ten que considerarse como formada por sustantivos significantes, tal vez de orixe xermá (1), e non como nomes propios xermáns desprovistos de significado máis aló do meramente identificativo dun individuo.
Na lingua estonia (da familia fino-úgrica, non indoeuropea) son bastante correntes os topónimos en -kond, que definen parroquias ou comarcas (var. -gunde). Farkas considera por exemplo que o finés valtakunta, "estado", é de orixe fino-úgrica, non un préstamo das linguas xermánicas (2). Neste senso podemos engadir os topónimos Contrebia e o seu equivalente o galés Cantref como proba dunha orixe cando menos indoeuropea, e non exclusivamente xermánica.
No caso do Gundián de Moeche localizamos xunto a el unha ampla Campeira dos Bois, o que semella concordar có destino gandeiro destes recintos pechados (gund).
(1) Para Moralejo Laso sen dúbida é un topónimo prerromán o Trigundo / Trigondo / Atricondo do Itinerario de Antonino, ó que vencella Abegondo, Bergondo, Cullergondo e Mabegondo (Toponimia gallega y leonesa, 1977).
(2) Urmas Sutrop: "Taara-pita" - the great god of the Oesellians", Folklore 26.
sábado, 4 de septiembre de 2021
Castro de Morouzóns - Atán (Mazaricos)
O castro identifícase pola súa ubicación, topografía e polo microtopónimo Morouzóns (ficha catastral), un aumentativo plural do termo de orixe prerromá morouzo / merouzo / morouço / moroiço, "montículo de pedras", que aludiría ás ruinas do poboado do Ferro. Semella que o desmonte do castro prodúxose primeiro polo uso intensivo agrícola do seu sistema de aterrazamentos, o que propiciou o paulatino achanamento do perfil ata se converter nunha agra.