miércoles, 30 de agosto de 2023

A iconografía do Beato de Liébana na configuración do Septemsiderus do Códice de Roda

Agradezo a María Alonso Echanove e a José María Bello Diéguez a axuda prestada
no que atinxe á bibliografía, localización de exemplares dos beatos, correcións e suxerencias de todo tipo, a Luís Torres Gómez as recomendacións bibliográficas sobre vexiloloxía, e a Cándido Rico a localización da imaxe do Beato do Burgo de Osma.

*    *    *    *    *    *    *

Os distintos beatos miniados conservados na península, vintaseis segundo información na web da Biblioteca Nacional, que copian os Comentarios á Apocalipse do Beato de Liébana (século VIII), teñen todos un ciclo fixo de ilustracións. Nas miniaturas relativas ó personaxe sen nome da visión de Patmos, definido como "semellante ó fillo do home" (Apocalipse 1, 12-16) séguese, pois, un mesmo deseño.

O personaxe "semellante ó fillo do home" no Beato de San Millán, códice miniado da Real Academia da Historia, cos Comentarios á Apocalipse do Beato de Liébana. O miniado do códice dátase a finais do século X ou a principios do XI (1).
(C) RAH, MS/33.

  • O personaxe ten á súa destra sete estrelas, ou sostenas na destra (no caso do beato de Lorvão).
  • Da súa boca sae unha espada de dous fíos.
  • Hai sete candelabros sobre o personaxe ou xunto del, aínda que na Apocalipse dise que o personaxe está entre os candelabros.
  • Na franxa inferior debúxanse as sete igrexas do primitivo cristianismo indicando os seus nomes: Éfeso, Esmirna, Pérgamo, Tiatira, Sardis, Filadelfia e Laodicea.
Para entender esta composición é necesario ter en conta que o texto xoánico (Apocalipse 1,20) explica que as sete estrelas son os sete anxos das sete igrexas, e que os sete candelabros son as sete igrexas. Teremos moi en conta tamén que o termo ἀγγελος en grego significa "emisario ou mensaxeiro". Sobre este punto da Apocalipse, na Vulgata acéptase que os obispos son os anxos das igrexas.

Miniatura co personaxe "semellante ó fillo do home" no Beato de Liébana, códice de Fernando I e dona Sancha (ano 1046).
(C) BNE, VITR/14/2.

Miniatura co personaxe "semellante ó fillo do home" no Beato de Lorvão (ano 1189).
(C) Arquivo Nacional da Torre do Tombo, PT/TT/MSML/B/44.

Na nosa opinión existe concordancia entre a escena figurada nestas miniaturas dos beatos, na que se representa ó personaxe "semellante ó fillo do home" vencellado a un cúmulo de sete estrelas e a unha espada, xunto coa división territorial eclesiástica do primitivo cristianismo en sete igrexas, e algúns elementos da breve lenda de Septemsiderus do Códice de Roda (s. X) que editara Gil ("Textos olvidados del Códice de Roda", Habis, 1971). E aquí consideramos convinte advertir de que non nos referimos a que a lenda de Septemsiderus concorde co desenvolvemento do texto apocalíptico polo miúdo tal e como foi formulado por San Xoán, senón sobre todo cos mencionados elementos desta serie iconográfica, plasmada dun mesmo xeito nos beatos peninsulares.

O Beato de Saint Sever (ano 1072) é o único beato conservado feito ó norte dos Pirineos. A espada non aparece na composición, a personaxe vai no centro dos candelabros e as estrelas non están dispostas totalmente á súa destra. (C) BNF, latin 8878.

Dita concordancia, ou inspiración do autor do Septemsiderus do Códice de Roda nas miniaturas dos beatos relativas á serie do personaxe "semellante ó fillo do home" ven avalada tamén polas consideracións que Helena de Carlos Villamarín expón acerca do propio Códice de Roda, ó que considera unha compilación de textos coherente, non mera xustaposición, na que se atopan moitos paralelismos iconográficos (2) e estruturais cos beatos ("El Códice de Roda (Madrid, BRAH 78) como compilación de voluntad historiográfica", Edad Media: revista de historia, 2011).

A continuación fornecemos unha tradución da lenda de Septemsiderus, a partir da edición latina de Gil.

*    *    *    *    *    *    *

Tradución da lenda de Septemsiderus do Códice de Roda

A cidade de Toledo foi a primeira que se fundou en Hispania, e tódalas cidades hispanas estaban suxeitas a ela.

Houbo un rei en Toledo cuxo nome era Octaviano; daquela as cidades de Lugo, Astorga, León, Zamora, Braga, Chaves, Porto e Tui aínda non existían.

E Octaviano mandou chamar a Septemsídero, marido de Iheria, e pai de Brácaro, e de Flavio, e de Teuderico, e de Galaa e de Xémulo, e de Sequario, e de Cesario, o que fixera Cesárea e Faro. Mais Septemsídero non quixo ir xunto de Octaviano.

Entón Octaviano construíu un grande foxo de asedio e achegouse onde Septemsídero, pousando o seu exército no lugar que chaman Sumio. Septemsídero achegouse, pousou as súas hostes e pregoulle a Deus, e os exércitos de Octaviano sumíronse. Por iso ese lugar é chamado Sumio.

Logo veu Septemsídero coa muller e mailos fillos á cidade de Lugo, e entregou ós seus fillos cadansúa cidade. A Brácaro, Braga; a Flavio, Chaves; a Teuderico, Tui que está xunto ó mar; a Galaa, Porto. Sequario morrera no Tambre, no lugar que chaman Porto Sigüeiro. Xémulo era fortísimo, en cadansúa man levaba dúas columnas; el construíra a bóveda de Sancti Petri, e Celbas xunto ás Aquas Caldas, e unha ponte no Miño. De Cesáreo xa falamos arriba. E poderiamos falar moito doutras cidades.

*    *    *    *    *    *    *

CORRESPONDENCIAS ESTRUTURAIS


No que atinxe ás correspondencias estruturais, no estudo citado de Helena de Carlos explícase que o deseño da cidade de Babilonia do Códice de Roda é semellante ó que aparece nos beatos, e engade que precisamente a ilustración de Babilonia adoita funcionar estruturalmente nestes como imaxe que pecha un ciclo e anuncia o arranque doutro novo ciclo.

Nós, consultando o Códice de Roda na web da BRAH, comprobamos que o texto relativo a Septemsiderus comeza na liña final do folio que contén as ilustracións das cidades de Babilonia (en grande, f. 197r) e Nínive e Toledo (en pequeno, f. 197v). Porén ditas ilustracións terían, ó noso xuízo, a función de anunciar o peche dun ciclo e o inicio doutro, como indicara de Carlos.

Folio 197v do Códice de Roda coas ilustracións das cidades de Nínive e Toledo que preceden o inicio da lenda de Septemsiderus, que dá comezo na última liña desta cara. (C) BRAH.

O primeiro que se narra ó inicio do novo ciclo marcado pola ilustración de Babilonia (máis Nínive e Toledo), non son as loas a Hispania que indica Helena de Carlos, senón a historia de Septemsiderus, que é unha lenda fundacional e de inauguración. Septemsídero négase á suxeción ó xugo do toledano Octaviano, derrótao mediante a intercesión divina e establécese en Lugo, dende onde encomenda ós seus fillos a fundación de sete cidades, todas no antigo territorio da Gallaecia. Que o motivo central da lenda é a fundación de Gallaecia ven determinado pola explicación de que naquel tempo aínda non existían Lugo, Astorga, León, Zamora, Braga, Chaves, Porto e Tui (todas cidades da antiga Gallaecia), e remarcado pola misión encomendada e o rol de fundadores epónimos dos fillos de Septemsídero.

Helena de Carlos sáltase a lenda de Septemsiderus limitándose a mencionala como "un curioso texto sobre Toledo y la fundación de nuevas ciudades", polo que non pode continuar a secuencia da translatio imperii que se deduce desta sección do Códice de Roda.

Para nos facer unha idea sucinta do que era o concepto da translatio imperii engadimos a explicación da tese de doutoramento de Lucía Gómez Fariña: "en el occidente de la antigüedad tardía y ya a comienzos de la Edad Media tuvo cierta repercusión una teoría acerca de la sucesión de cuatro imperios universales que, en un traslado geográfico de Oriente a Occidente, se van transmitiendo el poder hasta la llegada de un quinto y último imperio. De la mano de los autores cristianos esta teoría alcanzará una nueva dimensión, puesto que ese imperio definitivo se pone en relación con la llegada del Juicio Final" (El concepto de translatio imperii en la literatura medieval, Santiago de Compostela, 2015).

A secuencia das ilustracións das cidades de Babilonia - Nínive - Toledo seguida inmediatamente do Septemsiderus, coa lenda fundacional de Gallaecia, na que se contén a derrota de Toledo, anuncia a translatio imperii cara á Gallaecia. Gallaecia postulábase, tanto no relato de Septemsiderus, como na súa inserción tralos tres imperios precedentes simbolizados polas tres cidades, como cuarto imperio universal. A finalidade política do texto resulta evidente. Ó xuízo de Isidoro Millán podería tratarse dunha contraversión do conflito armado entre o visigodo Leovixildo e o usurpador suevo Andeca (s. VI), que rematou co sometemento do reino suevo de Gallaecia ("Nota adicional al trabajo del Prof. Juan Gil", Habis, 1971).

*    *    *    *    *    *    *

CORRESPONDENCIAS ICONOGRÁFICAS


AS SETE ESTRELAS - SETESTRELO


Como enunciara Gil, o nome de Septemsídero podería "encubrir alguna denominación popular". Nós así o vimos fai oito anos ("Hijos de las estrellas", Arqueotoponimia, 2016), asociándoo ó termo galego-portugués Setestrelo (tamén Sete-Estrelo, Setestrello, Sete-Estrello e Sette-Estrello), que designa popularmente a constelación das Pléiades formada por sete estrelas.

Existen tamén, e non queremos deixar de mencionalo, acepcións menos extendidas no noso ámbito en referencia á constelación da Ursa Minor, por estar formada tamén por sete estrelas.

O uso máis antigo da forma patrimonial que temos localizado ven na edición de Manoel Correa de 1613 de Os Lusiadas (1572). O editor utilizou en dúas ocasións o termo "Sette-Estrello", que non foi empregado por Camões, e nunha das súas notas indicaba que designaba á constelación de Bootes (o Boieiro), e noutra precisaba que a constelación de "as sette flammas" mencionada por Camões era o "Sette-Estrello" (cecais a Ursa Minor).

Francisco Manuel de Mello utiliza o termo Setestrello nun poema de 1665: "Quem diz sete a o Setestrello / jurarei que conta errado; / pois sô estas cinco Estrellas / faz o Setestrello humano". O artificio poético consistía en comparar as estrelas do Setestrelo con cinco mulleres (María de Alencastre e outras catro).

Independentemente de que non estea claro que constelación se denominaba así no pasado galaico-portugués, si está claro que o nome vai ligado a un asterismo composto por sete estrelas.

Detalle do personaxe da visión de Patmos no Beato de Lorvão.

Profundizando na orixe culta da lenda e o seu vencello cos beatos, ó noso parecer o creador da lenda de Septemsiderus contida no Códice de Roda viu nun beato indeterminado, que lle serviu de inspiración para a composición do seu texto, as sete estrelas á destra do personaxe "semellante ó fillo do home", o que inmediatamente asociou ó nome dunha constelación ben coñecida para el, composta por sete estrelas, o Setestrelo. Logo procedeu a bautizar ó seu personaxe con ese mesmo nome latinizándoo, Septemsiderus, por ser o portador das sete estrelas.

Como dixera Gil e se manifesta na xeografía da lenda, circunscrita toponímicamente ó territorio da antiga Gallaecia, o creador de Septemsiderus era moi probablemente galego (precisamos: un galego da antiga Gallaecia). A orixe galega do autor refórzase con esta evidencia lingüística, pois só un galego podería identificar a miniatura das sete estrelas co termo galaico-portugués Setestrelo, para tirar del logo a súa correspondente latinización Septemsiderus.

Ó galeguismo do deducido *Setestrelo ou *Setestrello a partir da latinización Septemsiderus, hai que engadir a importantísima nota de Isidoro Millán sobre a explicación da orixe do topónimo Sumio a partir do latín sumire, "sumirse", pois é un termo que se conserva no galego co mesmo significado específico que tiña en latín. 

Neste punto obsérvase a influencia da iconografía dos beatos no deseño e desenvolvemento da lenda de Septemsiderus no que atinxe a

  • o nome do protagonista
  • a súa marcada relixiosidade
  • o número dos seus fillos (identificados por esta coincidencia numérica coas estrelas)
  • o rol de emisarios dos fillos, idéntico ó dos anxos (emisarios, en grego) representados como estrelas na visión de Patmos.

A ESPADA - O GUERREIRO


Na historia do códice de Roda o noso Septemsídero combate e derrota ás hostes do seu enimigo Octaviano. Na concepción do personaxe de Septemsídero como guerreiro influíu segundo pensamos, o feito de presentar as miniaturas do personaxe "semellante ó fillo do home" unha espada saíndo da súa boca, coa empuñadura en distintas posicións, o que nalgún caso pode dar a impresión de que non sae da boca do home, senón que está diante del como corresponde a un guerreiro.

Orientación da espada no Beato de Osma (ano 1086) - Catedral do Burgo de Osma.

O personaxe apocalíptico "semellante ó fillo do home" figurado por Odilon Redon (1899) cun ar de guerreiro.

AS SETE IGREXAS - AS SETE FUNDACIÓNS EPÓNIMAS


A división territorial eclesiástica do primitivo cristianismo en sete igrexas, plasmada nesta serie iconográfica dos beatos na franxa inferior das miniaturas, tería influído na decisión do autor da lenda de Septemsiderus de facer dos sete fillos do protagonista fundadores epónimos de sete cidades da antiga Gallaecia, algunhas das cales foran sedes episcopais antiquísimas (cfr. Parrochiale Suevum do s. VI): Bracarus - Braga, Flavius - Chaves, Teudericus - Tui, Galaa - Porto, Sequarius - Sigüeiro, Gemulus - Celbas [sen identificar] xunto a Aquas Caldas [Caldas de Reis], Cesarius - Cesárea [Cesar] e Faro [A Coruña].

Seguimos a proposta de identificación de Gil das cidades, desbotando na enumeración das mesmas as construcións arquitectónicas, e en particular a "Bobata Sancti Petri" que fixo Xémulo (considerámolo trasunto de Hércules, ó levar na lenda dúas columnas nas mans) por referirse, ó noso xuício, ó templo de Hércules de Sancti Petri, o que sería lembranza dunha empresa arquitectónica previa que non tería que ver coa Gallaecia.

A ligazón entre Cesárea e Faro na lenda lévanos a propor se o autor non estaría a asociar as Illas Sisargas e o Territorio de Faro (A Coruña) pola súa proximidade, xa que con frecuencia a documentación e ata as etimoloxías eruditas fornecidas para as Sisargas vencéllanas á forma "Zesarea" que aparece no códice de Roda (cfr. "Illas Sisargas", Arqueotoponimia, 2012).

Notamos tamén que a morte do fillo Sequario xunto ó Tambre non o invalida para a súa consideración como fundador epónimo, ó ser precisamente a morte dun heroe mítico nun punto determinado a que forma con moita frecuencia as lendas etiolóxicas toponímicas. Fora precisamente a morte de Sequario o que nos levara en 2016 a conectar ós sete fillos coas Pléiades, pola frecuencia coa que a invisibilidade para o ollo humán dunha delas é reflictida no foklore europeo vencellado a este asterismo, xustificándoa de diversas formas (Electra, unha das Pléiades, apenas ten brillo porque tapou os ollos para non ver a ruina de Troia - Ovidio: Fastos).

*    *    *    *    *    *    *

CONCLUSIÓNS


O texto da lenda de Septemsiderus, o máis antigo relato fundacional da Gallaecia, procede sen moita dúbida da tradición dos beatos peninsulares, concretamente da serie de miniaturas que ilustran a visión de Patmos na que figura o personaxe "semellante ó fillo do home". O seu encaixe no Códice de Roda inmediatamente tralas ilustracións da translatio imperii de Babilonia a Nínive y a Toledo, así como o desenvolvemento do relato, que xira ó redor da insubmisión do protagonista, a derrota do reino de Toledo, e a dispersión polo territorio da Gallaecia dos seus fillos, cun obxectivo fundacional, suxiren unha intencionalidade política na súa redacción, que podería ser promocionar ou xustificar a primacía da Gallaecia sueva fronte ó reino visigodo de Toledo, como indicara Isidoro Millán. Nel subxace seguramente unha base histórica real.

A personaxe de Septemsídero emula evidentemente, tanto na súa caracterización como nas súas accións ou encomendas ós fillos (anxos-estrela), ó personaxe da Apocalipse "semellante ó fillo do home". E é precisamente esa libertade naif que se toma o autor de utilizar fóra do canon unha figura sagrada para o cristianismo, aínda que a empregue dentro do mesmo marco relixioso (lembramos a piadosa pregaria de Septemsídero no momento previo ó combate contra Octaviano), a que máis nos chama a atención. Pensamos polo tanto que no momento da redación do texto a tradición dos beatos aínda tería que estar iniciándose e dende logo non estaría plenamente consolidada, o que permitiría esta libertade interpretativa case herética baixo a que podería latexar algunha influencia priscilianista propia da Gallaecia do momento.

Ó núcleo da lenda, de orixe culto, procedente dos scriptoria medievais, foron engadidos elementos lendarios de orixe popular (3). A conexión cos contos marabillosos populares das probas matrimoniais ós pretendentes, que viramos cando estableceramos a conexión entre o nome da muller de Septemsídero, Iheria, e o da princesa Liberia ("Fontes arcaicas da lenda de Setestrelo", Arqueotoponimia, 2023). Alusións ás fazañas de Hércules (Gemulus) na formación do Estreito, pola mención as columnas. E un resto moi evidente que é o recurso ós fundadores epónimos que constitúe un xénero en si mesmo da literatura oral, no cal se encadra tamén a lenda etiolóxica toponímica sobre Sumio (ó vencellalo ó significado do latín e galego sumire), claro expoñente do folklore (cfr. "DINDSHENCHAS. Lendas etiolóxicas toponímicas ou A1617 (“Origin of Place Name”): Da etimoloxía toponímica á mitoloxía da paisaxe", SAGA. Revista dixital de investigación, 2022).

*    *    *    *    *    *    *

O SETESTRELO NO ESCUDO DE GALICIA


En que momento comezou a aplicarse o termo setestrelo para designar o conxunto das sete cruces do escudo de Galicia, e ata o mesmo escudo, non o podemos precisar. Sabemos que Otero Pedrayo no ano 1926 impartira unha conferencia sobre o tema, titulada precisamente "O setestrelo d'o escudo de Galicia", da que non se conservaría o texto. O poeta portugués Joaquim de Araújo ten un poema de 1898, adicado ó centenario do nacemento do filósofo francés Jules Michelet, no que menciona unha deusa que porta un escudo cun setestrelo: "E eis-lhe nas maos a lança do Resgate, / e un setestrello a scintillar no escudo".

Tamén sabemos que foi a mediados do século XVI cando no fondo do noso escudo comezan a aparecer as características cruces, en principio sembradas en número indeterminado cunha intención estética, co obxecto de encher o baleiro que deixaba a situación da custodia ou cáliz no medio do campo. A orixe deste sementado de cruces meramente estético, segundo Pardo de Guevara ("O escudo de Galicia. Orixe, significacións e evolución", en Os símbolos de Galicia, 2007), podería terse orixinado en Inglaterra: "todo parece indicar que a adición das cruces se inspirou en modelos de uso frecuente nas armarías inglesas, exactamente igual que o propio escudo parlante orixinal".

Seguindo os datos aportados por este investigador, a representación máis temperá das cruces no escudo galego data de 1548 e nela xa se observan seis cruces; o heraldista francés Hierosme de Bara comentaba en 1581 que algúns, en vez de sementar as cruces por todo o fondo do escudo puñan só seis, tres a cada lado; a pauta das seis cruces consolídase a partir da publicación en 1603 do mapa coa Descrición do Reino de Galicia de Hernando de Ojea, o que acaba orixinando, segundo Pardo de Guevara, relecturas ou interpretacións simbólicas das cruces.

O setestrelo no mapa de Ojea (1603). A sétima cruz aínda forma parte da custodia.

A suposta interpretación ou relectura do sacerdote Baltasar Porreño (Nobiliario apologético, 1572) resulta moi interesante. Para empezar non as consideraba cruces, senón estrelas, e indicaba que representaban á Igrexa de Lugo e as súas cinco sufragáneas, a saber: "Orense, Astorga, Yria Flavia, Tuy" e "Britónica", "que otros dicen ser Mondoñedo".

Ó noso xuício a exposición de Porreño concorda co texto da Apocalipse (1,20) no que se informa da identidade entre as estrelas e os anxos (emisarios), e de que estos están ligados territorialmente a cadansúa igrexa (territorio). O vínculo é clarísimo, polo que ou ben Porreño chegou pola súa conta a esta conclusión a partir dos seus coñecementos bíblicos, ou ben a Igrexa sempre tivo presente este simbolismo.

Inclinámonos pola segunda posibilidade, a de que a Igrexa e os centros de produción de cultura ligados a ela sempre coñeceron o simbolismo territorial da estrela, como é lóxico (pois se explica nun dos seus textos canónicos). Amáis, isto xustificaría o curioso dato que aporta Pardo de Guevara sobre o sementado de cruces, que era practicado nas representancións dos nosos escudos que se facían fóra (nalgún caso o fondo do escudo levaba ata vinte e unha cruces), pero non nos que se facían aquí, onde se preferiría o número de seis por ser significativo territorialmente para a Igrexa, non un simple adorno.

Seguindo de novo a Pardo de Guevara, a cruz que remataba a custodia adquiriu co tempo unha dimensión meirande equiparándose ás restantes, o que permitía levar a alusión relativa as seis igrexas ás "siete provincias que incluye el reino de Galicia", cun cambio no carácter xurídico do territorio (da división territorial eclesiástica á civil e laica). Esta nova interpretación fora apuntada por Pallares (Argos Divina, 1700). Nacía así, na nosa opinión, a posibilidade de lle chamar setestrelo ó conxunto de cruces do noso escudo.
 

*    *    *    *    *    *    *

(1) Soledad Silva Verástegui: "Los beatos en La Rioja", Revista Príncipe de Viana, 202, 1994.
(2) Como xa viran Pidal e Díaz y Díaz (v. Helena de Carlos Villamarín, op. cit.).
(3) Cristina González estudara a imbricación dalgúns dos temas folklóricos dos contos populares nas crónicas medievais, sendo a principal materia prima coa que se construirían estas ("Salvajismo y barbarie en la Estoria de España", NRFH, 1992).

miércoles, 23 de agosto de 2023

Segureiras: os castros como recintos inexpugnables

 

Castro de Oleiros, Toques. Microtoponimia Segureiras e Turruxeira.

Nesta análise amosamos dous nomes patrimoniais de orixe céltico relativos a elementos estructurais dos recintos fortificados da Idade do Ferro, a croa (Segureira) e o parapeito (Turruxeira).

Nomeando a croa do recinto fortificado do castro de Oleiros en Toques aparece o microtopónimo Segureiras, que procede da base céltica *SEGH-, "forte", que orixinou numerosa toponimia vencellada ás fortificacións da Idade do Ferro (Segobriga > Segovia, Segorbe; Segontia > Sigüenza; Segisamo > Sísamo, Sasamón; etc.).

Na nosa proposta interpretativa pensamos nunha equivalencia entre esta base celta e o latín securus, "certo, firme, inmune, salvo", pola relación entre o sema principal relativo á fortaleza, apropiado para un recinto fortificado, e as connotacións de seguridade e protección que se derivan desta característica construtiva.

Aproveitamos para expor que non concordamos coa redución da raíz indoeuropea *SEGH- ó concepto de "victoria" que se fornece no IEW, deducido do senso do alemán sieg, "victoria". O alemán sieg provén do latín obsidio (cfr. francés assiéger, castelán asediar, galego-portugés asexar). Neste último punto coincidimos coa etimoloxía que Roque Barcia propuxera para o castelán asediar (Diccionario etimológico general de la lengua española, 1887). Así pois, o -g do alemán seig non remite a ningún -g indoeuropeo, senón a un grupo d+iode latino. Amais, o significado da base *SEGH- do IEW (base nº 1657) non é correcto: pensamos que se deducíu erroneamente polo peso que o filoxermanismo tivo na reconstrución da lingua común indoeuropea.

En parecidos termos exprésase Xaverio Ballester: "está el problema de la más extendida y pancéltica documentación de la acepción de 'vigor' que la más dudosa, desde luego de 'victoria' para dicha raíz, así en antiguo irlandés seg 'fuerza, vigor', galés hy 'audaz, osado' (Delamarre, 2003: 269). La presencia del segmento en numerosos antropónimos gálicos [...] no garantiza totalmente que en el céltico histórico la raíz poseyera ese valor, probablemente nuevo, de 'victoria' " ("De Segia a Ejea", 2021).

Así pois, parécenos ter resolto o problema combinando os coñecementos da lingüística indoeuropea e da románica, e establecendo dúas raíces:
  1. O indoeuropeo *SEGH-, 'forza, forte', é responsable da toponimia do tipo Segisamo ( > Sísamo) e da antroponimia gala e xermana que contén este segmento.
  2. Do latín obsidio, "asedio, asediar", ou do celta assedi-ago (v. nota **) sairían termos como o alemán seig, o galego-portugués asexo, ou o francés assiége.

A toponimia provinte de *SEGH- alude porén a asentamentos fortificados, seguros e inexpugnables polas súas defensas. Neste caso do castro de Oleiros a existencia das mesmas, ben visibles aínda, ven refrendada polo microtopónimo Turruxeiras: base prerromana *TUR-, "elevación, montículo, túmulo de terra", que ten orixinado topónimos como Turreiro / Torreiro / Churruchao (v. Currachao / Churruchao. A Pobra, Bascoi - Mesía), os que convén diferenciar polas súas características referenciais doutros Turreiro / Torreiro / Tarroeiro (derivados de terra). Dita base *TUR- é responsable da formación de léxico vivo como turrueiro, "cembo, terramonteiro, noiro" (Dicionario de dicionarios).

__________

** Cecais o aseddi-ago da ara votiva de Mieres (Nimmedo Aseddiago) sexa cognado céltico do latín obsidio, e podería traducirse como "[adicada] ó santuario da victoria ou do asedio", sendo porén un depósito votivo nun lugar consagrado a unha victoria bélica.

lunes, 21 de agosto de 2023

Abrigo neolítico dos Pallotes (Rodís) - Cerceda

 

Abrigo dos Pallotes, en Rodís (Cerceda).
(C) Anxo Martínez de Alegría, 2023.

Teito afumado do abrigo con evidencias de terse usado como fogar.
(C) Dolores González de la Peña, 2023.

Recentemente o amigo Manuel Ruibal, o noso infatigable explorador e custodio do patrimonio cultural de Cerceda, atopou un interesante abrigo de pastores no lugar dos Pallotes (Rodís). Pensamos que podería datarse no Neolítico, anticipándonos ás posibles datacións por C14 que se poidan realizar a partires das mostras do teito, porque a etimoloxía do nome do lugar, Os Pallotes, semella corresponderse ás bases indoeuropeas *PEL- ou *PEL-S-, "pedra, rocha; peche, defensa". O profesor Juan José Moralejo (1) chega incluso a supor que ambas bases serían en realidade unha soa, pois os peches ou defensas se facían de pedra.

Neste sentido o profesor citaba como nomes provintes desta base os actuais pala e paleira, "refuxios de pastores en cavidades ou paredes rochosas"; termos aínda vivos en Galicia e Portugal dos que resultaron os topónimos Pala do Oso, Palas de Rei, Palela, A Paleira, etc. Evidentemente para explicar o son [ʎ] teriamos que contar cun alargamento en iode da base, do contrario a xeminada -ll- teríase simplificado, como en Pala ou Paleira.

A nosa proposta etimolóxica ven refrendada pola existencia deste abrigo e o topónimo redundante Casas Vellas inmediato á zona dos Pallotes. A marca de plural nas formas indica sen dúbida que este non foi o único abrigo do lugar, no que existen máis afloramentos rochosos.

(1) "Arco(s), busto(s), pazo(s). ¿Toponimia de ganadería?", en As tebras alumeadas. Estudos filolóxicos ofrecidos en homenaxe a Ramón Lorenzo, ed. Ana Isabel Boullón Agrelo, 2005.

martes, 15 de agosto de 2023

O topónimo Bernadal

 


Bernadal, Friol.

Ó ser un topónimo único presenta algunha dificultade para ligalo á etimoloxía que propón José Agra ("Acerca del infrecuente origen del apellido Bernadal", Estudios Mindonienses, 2022), na que o considera un fitotopónimo procedente do celta *VERN-, "amieiro", moi frecuente na toponimia francesa pero inexistente na nosa.

A única posibilidade etimolóxica que lle vemos é relacionalo coa familia da toponimia relativa ós pastos e refuxios de inverno para o gando: Invernadeiro, Invernal, Invernegas, Invernego, Invernés, Embernallas, Embernallúas. Na Idade Media rexístrase o topónimo de Navia como "hiuernalias": "offero ad hunc locum Sanctum omnem meam rem et mea hereditate prenominata, id est: in Nauia hiuernalias media" (ano 1091). E o de Ribeira de Piquín como "Iuernego" (ano 1087). Son derivados do latín hibernum, "inverno", como el topónimo occitano Uvernet (v. "Le four", no blog Vous voyez le topo - 7/2/2021).

Para o caso de Bernadal supomos a perda (aférese) da primeira sílaba átona, a partir da forma derivada invernada, recollida por Eladio Rodríguez como referida á "estación de inverno". De invernada, segundo a nosa opinión, se tería formado *(In)vernadal > Bernadal, para indicar o lugar onde se establecería o asentamento estacional para pasar a tempada máis fría. No léxico do Brasil aínda se conserva o sentido de invernadainvernagem como "ato de invernar; recolher o gado a uma invernada", quedando claro que houbo terras chamadas invernadas destinadas, pola súa especial cualidade temperada e dotacións, a acoller o gando nas épocas máis frías do ano (Enciclopedia agrícola brasileira, 1995).

O mantemento durante un milenio das Embernallas de Navia e o Invernego de Ribeira de Piquín indica que seguramente no noso territorio estes lugares foron reductos que as grandes mandas de hervíboros xa virían usando dende a prehistoria, seguindo o seu instinto: "Onde a vaca branca vaia face-la súa enfoscada, eilí iremos nós a face-la nosa mallada" (Aquilino Poncelas Abella: "Os Contos populares do Bierzo", 1993).

sábado, 12 de agosto de 2023

Arxeriz (O Saviñao) e outra toponimia en -eriz

 

O castro de Arxeriz. (C) Ecomuseo do Saviñao.

Se retomamos aquela pregunta que fixera Nicandro Ares sobre a cantidade de toponimia aparentemente de orixe xermana que aparece xunto dos castros, imos ver que a resposta vai ser que a súa orixe non é sempre, precisamente, o corpus dos nomes de posesores xermanos.

Podería ser o caso do castro de Arxeriz, no Saviñao, que cadra cun nome composto híbrido, formado pola base latina arx, "fortificación en altura" máis o nome de orixe celta Eriti ou Erite, coñecido pola forma sufixada ERITAECO da inscrición funeraria de Astorga, a cal sitúa nun castelo dos Lemavos chamado Eriti / Erite a origo da defunta Fabia, filla de Eburo.

Segundo Blanca Prósper o nome Erit-aeco pode ser equivalente do irlandés iriud, "fronteira, límite", ou pode estar relacionado co sánscrito parita, "amurallado, rodeado", xa que o celta logo perde o p- inicial (Lusitanian, a Non-Celtic Indo-European Language of Western Hispania, 2014). Nesta segunda posibilidade o topónimo Eriti / Erite podería aludir á cerca ou muralla do castro, defensa que adoita xerar, pola súa monumentalidade, toponimia como A Cerca, A Roda, etc (v. A Cerca ou Muro de Búbal en Oímbra). Así, Prósper indica  a caída do p- inicial que tería o étimo indoeuropeo, mantida no Old Indic parita, fronte ó hispano-céltico Eriti ou Erite. Dita caída do p- inicial é exclusiva das linguas célticas.

A nosa toponimia en -eriz provinte de Eriti / Erite ( ≃ Old Indic parita, "amurallado, arrodeado") sería, porén, moi antiga. A monumentalidade das cercas das fortificacións sería suficiente, na nosa opinión, para xustificar a motivación destes topónimos, mais tamén pódese ter en conta que a antigüidade do nome de lugar podería remontarse á primeira Idade do Ferro na que se produce a construción dos primeiros recintos fortificados arrodeados de muros perimetrais, feito que determinaría o nome relativo ó parapeito que pechaba o asentamento, nun momento no que a maioría deles eran aínda construcións en aberto, sen peches perimetrais.

As defensas do novo castriño que atopamos sobre Ariz (Láncara) puideron orixinar o topónimo: *(p)arita > *arite > Ariz.


Descartamos, porén, a etimoloxía de Arxeriz a partires do nome propio de orixe xermana Argericus. E suxerimos a conveniencia de analizar en termos semellantes outros topónimos con dita terminación, susceptibles de ser remitidos a bases célticas: Xeriz < sego, "victoria" + erit(i), "fortificación amurallada".

Agradezo a Xabier Moure a oportunidade de reflexionar sobre o antigo topónimo ERITAECO da estela de Astorga, a Rosa Brañas a orientación bibliográfica e a José María Bello a súa atenta lectura do párrafo de Blanca Prósper, quen está a falar neste punto do topónimo ERITAECO da lingua hispano-céltica, non do lusitano, lingua esta última que, segundo os coñecementos actuais, non perde o p-inicial indoeuropeo, o que impide a súa calificación como lingua celta.

martes, 8 de agosto de 2023

Fontes arcaicas da lenda de Setestrelo

Procederes improcedentes

Fai oito anos publicara neste blog unha interesante novidade sobre o mito fundacional máis antigo da Gallaecia (v. Hijos de las estrellas) conservado nun folio do chamado Códice de Roda do século X. Ata entón (2016), ninguén reparara en quen era realmente o protagonista masculino da Lenda de Septemsiderus.

  • Para o seu primeiro editor, Juan Gil (1971), o texto non era máis que unha composición enigmática e disparatada, e a única aclaración que facía sobre o nome do protagonista era que tiña "resabios astrológicos evidentes". Traducíao como "Siete planetas", ligando o númeral 7 ás sete cabezas de Xerión. Engadía que o nome podería "encubrir alguna denominación popular". E así é, como se verá.
  • Por su parte, Díaz y Díaz (Visiones del Más Allá en Galicia durante la Alta Edad Media, 1984) tras explicar o nome de Septemsiderus cecais en relación co de Septa (Ceuta) nos seus primeiros traballos, voltara neste a fornecer unha nova tradución, "siete estrellas", cuxo número aludiría ós fillos do personaxe; sen máis consecuencias.
  • Patrik Lesbre ("Mythes d'origine préhispanique et historiographie médievale - Mexique central, XVIe siècle", en Les Généalogies imaginaires, ed. P. Ragon, 2007) repite as observacións de Gil no que atinxe á tradución ("7 planètes"), ás connotacións astrolóxicas, e ás sete cabezas da hidra morta por Hércules.

Como se ve, había unha completa desorientación e atasco epistemolóxico que non pasaba de ver no nome, como moito, resabios astrolóxicos (planetas e estrelas). Ningún investigador foi quen de averigüar, ata que publiquei eu no meu blog a entrada "Hijos de las estrellas" no 2016, que a tradución directa ó galego do nome Septemsiderus era Setestrelo. Unha vez dito semella doado e ata evidente, si, pero hai que velo primeiro.

Dita tradución latín-galego, da miña autoría, abriu un novo horizonte na eséxese do texto, no que atinxe as seguintes liñas de investigación que esbocei entón:

1. A relación do nome coa constelación das Pléiades, chamadas Setestrelo en galego-portugués. E tanxencialmente a relación coa lenda da Pita cos pitiños de ouro.

2. A relación deste mito fundacional de Gallaecia co nome que lle damos ó escudo de Galicia (Setestrelo), por levar tamén as sete cruces (estrelas) que representan as sete antigas provincias.

3. A posible orixe priscialianista (gnóstica, neoplatónica) da Lenda de Septemsiderus, que me levara a establecer a nosa orixe mítica, como pobo, nas estrelas; o que se anuncia xa dende o título do meu traballo ("Hijos de las estrellas").

4. A valoración positiva do noso primeiro mito fundacional, que deixou de ser un "disparate" típico dos cronicóns para se converter nun mito astral ou cosmogónico.

Anos despois publiquei un resumo do achádego no artigo "Dindshenchas, lendas etiolóxicas toponímicas ou A1617 (“Origin of Place Name”). Da etimoloxía toponímica á mitoloxía da paisaxe" (SAGA. Revista Dixital de Investigación, 2022, px. 32-41).

Na Internet non hai, a data de hoxe, ningún outro traballo que amose que a tradución de Septemsiderus é Setestrelo. Se un procura estes dous termos non atopará máis que a entrada do meu blog.

Pois ben, con motivo do pasado día do patrón Santiago Apóstolo, publicouse un avance dixital, e de distribución limitada, dunha edición crítica da Lenda de Septemsiderus, verquida ó galego e ilustrada: Setestrelo. Fundador das primeiras cidades galegas. Pode verse aquí https://t.co/fjptDjCs5f 

Tanto nos contidos que acompañan á tradución, como no desenvolvemento do aparato crítico (observacións e notas), os dous autores manifestan que a tradución de Septemsiderus como Setestrelo é descubrimento seu, amáis desenvolven pola súa conta as catro liñas de investigación (v. puntos 1 a 4) que esbozara eu no 2016, parafraseando ou glosando os meus contidos sen citarme.

Neste seu avance dixital referéncianse investigadores que teñen un peso específico nos estudos da lenda, como Juan Gil ou Díaz y Díaz, e investigadores que veñen un pouco a rechear a lonxitude do texto, como podería ser Lesbre. Isto é, cítase ata ó que asou a manteiga menos a min, a investigadora que deu co quid da "composición enigmática", grazas á cal foi posible comprender o alcance da lenda de Septemsiderus, xa bautizado dende aquela e para sempre como Setestrelo.

Exeria a estreleira. Fontes arcaicas da lenda


Mais o verdadeiro protagonista da Lenda de Septemsiderus (Setestrelo) non é el, como podería parecer, senón a súa muller Iheria (Exeria). Chamamos a atención sobre o feito de que o heroe fundador sexa mencionado como "maritus Iherie": el en relación a ela, a importante (non ela en relación a el, como ven sendo corrente agora). Quen foi esta Iheria? Ímolo ver.

O Códice de Roda (século X) foi sen dúbida, segundo averiguamos agora, unha das fontes de onde bebeu o rei Afonxo X para a súa Primeira Crónica Xeral (século XIII). Sabémolo porque na Primeira Crónixa Xeral cóntase a fundación de Caliz (Cádiz) na Historia da princesa Liberia, que ven sendo, segundo pensamos, a Iheria da Lenda de Septemsiderus.

No Códice de Roda vese que a lectura do nome non é doada, e o pau do h puido interpretarse como un l facilitando lecturas erróneas como Iliberia ou Liberia.

Fragmento do Códice de Roda: "Septem Siderus maritus de Iherie". (C) RAH.

Fragmento da Primeira Crónica Xeral: "nombre Liberia" (líña 4); "estrellero" usado como ástronomo (última liña).
(C) BNE MSS/12837.

A Historia da princesa Liberia da Primeira Crónica Xeral é segundo Delpech ("Mujeres, canales y acueductos: contribución para una mitología hidráulica", 1995) unha extraña historia da que mesmo Menéndez Pidal ignoraba as fontes.

Seguindo a Delpeche, articúlase como un conto tradicional (seguramente o sexa), pertencente ó ciclo folklórico das probas matrimoniais ós pretendentes, ligado ó tema indoeuropeo do swayanvara. Liberia (en realidade Iheria, segundo pensamos) é unha muller que se caracteriza como "estrellera" expertísima, é dicir, astrónoma, que convoca ós seus pretendentes para unha proba matrimonial de carácter fundacional, na que terán que construír unha cidade e as súas murallas, unha ponte que sexa tamén acueducto, e calzadas.

Delpech analiza a difusión do tema das probas construtivas como probas nupciais, que chega ata á América colonial española, e destaca que nestes relatos o home ten só un papel operativo, de executor das ordes da muller, a que detenta o mando do proxecto civilizador e fundacional. O investigador atopa esta tendencia xinecocrática nos modelos míticos indoiranios, e nota que, pola contra, nas nosas crónicas medievais os homes adoitan ter o papel protagonista como heroes civilizadores. Tamén observa que nestas tradicións das probas ós pretendentes, ás veces asoma o vello concepto de divindade ou entidade feminina cosmogónica, presente por exemplo no folklore céltico.

Non é necesario aportar máis evidencias de que a astrónoma Iheria / Liberia, cuxo marido é Setestrelo (un asterismo ou constelación), forman a parella perfecta nun mito fundacional astral que presenta características moi arcaicas, e que entronca co foklore atlántico relativo á vella divindade creadora do mundo e civilizadora.

A Moura construtora cósmica.
(C) Dolores González de la Peña, 2023, para o musical inédito, "Rosiña", de Manuel Ruibal.

Observamos que a Lenda de Setestrelo (s. X) e a Historia da princesa Liberia (s. XIII) compleméntanse, aportando a última a información que lle falta á máis antiga, na que o papel protagonista da muller como divindade civilizadora - astrónoma (dona do cosmos) esfúmase e transfírese ó home.

Vladimir Propp (Las raíces históricas del cuento, 1974) tratara das empresas de fundación impostas como probas matrimonias (na epígrafe "El palacio, el jardín, el puente"). Nelas, segundo o autor, perfílase o home como heroe civilizador, ordenador do mundo, da organización social e das costumes dos seres humáns. Mais o que revelan as dúas lendas hispánicas que estamos a comentar, e Delpeche intúe, é que as peticións / encargo das tarefas proveñen dunha entidade feminina cósmica, que resulta ser a verdadeira creadora nunha concepción do mundo matriarcal (prehistórica).

A conexión que establecemos entre as lendas de Septemsiderus e a princesa Liberia permite entroncar, porén, co tema céltico da hierogamia sagrada, no que o matrimonio coa deusa da soberanía, trala superación das probas fundacionais, otorga a lexitimidade sobre o territorio. Tema ben coñecido e amplamente tratado na bibliografía (concretamente para o noso territorio, v. Rosa Brañas Abad, Deuses, heroes e lugares sagrados na cultura castrexa, 2000).

O conto folklórico como base das crónicas medievais


Cristina González estudara a imbricación dalgúns dos temas folklóricos dos contos populares nas crónicas medievais, sendo a principal materia prima coa que se construirían estas ("Salvajismo y barbarie en la Estoria de España", NRFH, 1992). Entreles, a loita co dragón; pero non tratara das probas matrimoniais, que na nosa opinión son o tema que permite clasificar a historia da princesa Liberia como lenda fundacional de carácter astral, e ó tempo, categorizar os contos populares que tratan deste motivo tamén como lendas cosmogónicas fundacionais (mitos).



No cadro anterior podemos ver como o tipo de conto marabilloso das probas ós pretendentes reflicte un mito fundacional de tipo astral (ás veces a protagonista se amosa como filla do sol ou ligada ós astros ou ó ceo), datable na prehistoria. Dito argumento tería pervivido ata integrarse nas crónicas medievais; a partir da última podemos comprender mellor a lenda de Setestrelo e Iheria, e ver como desaparece o protagonismo da muller fundadora en prol do seu marido, que ata herda a cualidade cósmica da dona (estreleira) no seu nome.

domingo, 6 de agosto de 2023

Normalización e restauración da microtoponimia do Xálima

 

Toponimia de Villamiel (Vilamel) na minuta cartográfica do IGN: Garduviño e Las Lameras. Semella factible explicalos polo galego-portugés: Las Lameras como un *Lameiras castelanizado, derivado de lama, "lodo, barro", e Garduviño como forma con aférese de *Lagar do viño / vinho. Os microtopónimos inducen a levar a fronteira da fala no pasado ata o pobo de Villamiel, que hoxe queda fora do núcleo falante dos Tres Lugaris (Valverdi du Fresnu, Sa Martín de Trevellu e As Ellas).


Tamén no termo municipal de Villamiel deuse a conservación das africadas postalveolares sonoras como sibilantes sonoras pronunciadas case como [d]. Proba delo é o microtopónimo Dambrana, que hoxe na folla do MTN Actual foi restituído como Zambrana, coa conseguinte perda de información, relevante para o estudo da dispersión de dito fenómeno fonético, que chegaba polo leste ata os municipios de Casas de Millán e Serraílla ([adéiti] = aceite, e [kadál] = cazar, escoitados por min fai corenta anos). O étimo do topónimo Dambrana é unha *[Vila] Zamorana, que indicaría a procedencia dos seus poboadores.

Abaixo á esquerda, Dambrana grafado como Zambrana na folla MTN Actual.


Xa localizáramos dous topónimos de orixe mozárabe no 2018 na zona do castelo en ruinas de Salvaleón, termo de Valverdi du Fresnu no seu límite con Cilleros (Cileirus). Un nomea ó Arroyo de Fumadel, tributario do sistema Porqueros - Basádiga / Bazágueda, e outro unha paraxe contigua chamada Juanel. Ámbolos dous cadran con diminutivos mozárabes que poderían indicar a existencia dunha terceira fronteira lingüística. É relevante neste mapa das minutas cartográficas do IGN a liña do vello camiño que ía dende Penamacor a Valverdi du Fresnu, que amosaría que a comunicación con Portugal era un feito que impide supor que os Tres Lugaris fose un territorio illado (Sanches Maragoto: "As falas das Elhas, Valverde e S. Martinho (Cáceres): origem galega ou portuguesa? (eII). Apontamentos críticos à tese histórica da repovoaçom galega", Murguía, 2012).


Os microtopónimos Arroyo de la Riberiña y La Mariñeira, nas minutas do IGN, obrigan a extender no pasado a zona da fala ou da súa influencia ata Cilleros (Cileirus).

Teso Galego (microtopónimo no núcleo de Sa Martín de Trevellu que nomea unha especie de castro fronte á ermida da Cru Bendita) e Valgallego (Cilleros / Cileirus) anuncian pola súa parte ben repoboacións medievais con galegos, ben restos de asentamentos pertencentes ó antigo reino suevo de Gallaecia, que chegaba ata Idanha e Coria no século VI. A posibilidade de explicarse as falas como variantes dialectais da lingua galega antiga do reino alto-medieval de Gallaecia, nunha época na que as linguas romances comenzaban a se formar, tamén é unha posibilidade a ter en conta, aínda que o profesor Xosé Henrique Costas González  a negue nunha nota do seu estudo: "os especialistas explican estes etnotopónimos Galegos na Galicia actual como referencia a "galegos bracaranses" (os "galegos" por antonomasia) emigrados para o norte despois da inestabilidade social padecida na súa terra bracaranse. Non sabemos se no centro e sur de Portugal o etnotopónimo galego é máis atribuíble á presenza deste "galegos bracaranses" ou á de repoboadores do norte do Miño, galegos "lucenses". Mais o caso deses "galego/s" nas terras de repoboación da Estremadura galega é diferente do caso portugués porque nestas terras só houbo repoboación con galegos da Galicia do norte e do leste" (O Valego, Xerais, 2013, px. 99, n. 108).

Unha recollida completa da microtoponimia do parcelario seguramente axudará a comprobar a antiga extensión das falas na zona e completar a historia deste enclave lingüístico excepcional por conservarse nel unha lingua na que confluíron na súa formación múltiples factores políticos fronteirizos ó longo de 1.500 anos, tanto do reino altomedieval de Gallaecia (suevos), dos reinos medievais de Galicia e León / Portugal, do musulmán (neste sentido apunta a devandita microtoponimia mozárabe e a etimoloxía que propuñamos para Salvaleón < do árabe Yabal al-Uyun = Monte das Fontes), así como repoboacións modernas con galegos e leoneses, e contactos comerciais con Portugal.

jueves, 3 de agosto de 2023

As Camoiras (Friol)

Abaixo á esquerda na folla castastral, Castronela das Camoiras (Friol).

Ó nacer o Rego do Porto do Río na aldea das Camoiras (Friol) consideramos que a etimoloxía do topónimo podería ser o latín "(ill)a Aqua Maura" (río escuro) ou "(ill)a Aqua Moria" (río salgado), sendo aquí aqua empregado no senso de "río".

O a- inicial de aqua teríase separado nunha fase moi temperá por confundirse co -a final do artigo que lle precede, o que deixa ó grupo kw+vogal en posición inicial, posición na que se perde o apéndice labial, como en quantum > canto, quomodo > como, etc. Do contrario, o resultado tería sido a evolución normal de aqua > auga: *Auga Moura / *Auga Moira.

As Camoiras será, entón, unha formación plural dende un singular xa consolidado A Camoira. Observamos o topónimo en singular na microtoponimia da folla catastral no composto Portacamoira (Porto A Camoira < Aqua Maura / Moira), que é equivalente na designación dos referentes "porto" e "río" ó devandito Porto do Río; ámbolos dous conforman un caso de toponimia tautolóxica latino-romance.

A secuencia aqua + nome do río pode estar na base de topónimos como Caminha (Portugal), de *aqua Minea.

A proposta de Nicandro Ares ("Toponimia do concello de Palas de Rei", Lvcensia, 2003) de considerar a testemuña medieval "Camauria" (ano 971 - Sobrado) como un bitemático *cama - aurea non se sostén nos principios semánticos xerais da formación dos compostos toponímicos.

martes, 1 de agosto de 2023

As Júnias

Trilho de pastoreio de Pitões das Júnias. (C) Dolores González de la Peña, 2023.

As terras do Barroso son terras gandeiras, porén non extraña que na aldea de Pitões teñan deseñado un trilho que percorre a antiga paisaxe gandeira pasando polas choupanas de Rebolo da Porca e Vergaças, pequenos chozos ou cabanas para albergar os pastores.

No contexto gandeiro das terras altas era común o paso estacional do gando para os pastos de verán. A toponimia do outro lado da fronteira así o indica, cos nomes Torno e Torneiros (Lobios). E xa tocando a raia portuguesa e moi preto do pobo de Pitões, o nome Curral das Bestas resulta indicativo da existencia dun curro gandeiro no lugar.

Curral das Bestas, preto de Pitões das Júnias.

Así pois, o topónimo Júnias podería ser un derivado adxectival formado dende o nome latino do mes iunius > xuño, mesmo caso de adxectivación que os que abundan referentes ó calendario, como "kalendas junias" (calendas xuñas).

Nun texto de Celanova do ano 1109 ubícase Torno (Lobios) en relación ó monte das Júnias, parte da serra do Xurés / Gerês: "hereditatem nostram quam nuncupant Perdigarios, littore rivulo Salar [Salas], fundata vocabulo ecclesie sancti Salvatoris de Torno subtus monte Iunias" (CODOLGA). Partimos polo tanto da base dunhas *(Terras) Iunias, onde pacería o gando estacionalmente nos meses de verán. A forma substantivizada do adxectivo, As Júnias ou Júnias, é a que tería nomeado ó monte e á aldea de Pitões, por enclavarse nelas.

O topónimo sería sinónimo do máis común Brañas, se é que deriva de veranus, "verán", como se ten dito. E da familia doutros que se teñen formado a partires dos nomes dos meses do calendario, como As Xaneiras (terras de Bastavales - Brión, A Coruña) ou As Marzoas (terras de Vigo - Cambre, A Coruña).

Agradezo a Fernando Cabeza Quiles o seu visto e prace sobre esta proposta etimolóxica.